Batalla del Bruc

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Montañas de Montserrat desde El Bruc

A Batalla de El Bruc é o nome con que se coñecen na historiografía dous enfrontamentos entre tropas españolas e francesas que tiveran lugar en El Bruc entre o 6 e o 14 de xuño de 1808, durante a denominada polos cataláns Guerra del Francès.

Primeiro enfrontamento[editar | editar a fonte]

O 4 de xuño de 1808 unha columna francesa comandada polo xeneral Schwartz saíu de Barcelona en dirección a Lleida e Zaragoza, tendo ordes de pasar por Manresa e Igualada. A forza da columna francesa sumaba 3.800 homes. O mesmo día 4 un gran trebón sorprendeu á columna francesa que se refuxiou en Martorell. Esta situación permitiu organizar a acción de El Bruc que tería lugar o 6 de xuño de 1808.

O groso das forzas que se enfrontaron aos franceses estaban formadas por soldados do Rexemento de soldados suízos número 1 de Wimpffen, que desde 1734 estaban ao servizo da coroa española, e máis soldados desertores valóns escapados da guarnición de Barcelona. Os voluntarios e somaténs cataláns que se incorporaran á batalla eran de Manresa e do seu correxemento e máis de Igualada e das súas poboacións veciñas. En total eran uns 2.000 homes aproximadamente.

O resultado da emboscada estratéxica foi a retirada da columna francesa, que deixou 300 homes mortos e un dos seus canóns perdido ao afundirse a ponte de Abrera, cando se retiraban en dirección a Barcelona.

Segundo enfrontamento[editar | editar a fonte]

O 14 de xuño tivo lugar un segundo choque armado, moito máis importante desde a perspectiva militar. O factor sorpresa xa se perdera, e as forzas francesas dirixidas polo xeneral Chabran eran máis importantes. Os franceses chegaran a El Bruc con dúas columnas, unha que subía por Collbató e outra segunda que ía pola estrada. Os franceses, logo do enfrontamento, retrocederon de novo, logo de saquear e queimar edificios en El Bruc.

Lendas[editar | editar a fonte]

Con posterioridade e estes encontros, os feitos adquiriron caracteres de lenda. A vitoria, por exemplo en Manresa, foi atribuída aos santos padroeiros, e en Igualada ao seu Santo Cristo.

Mais a lenda máis amplamente espallada é a do tamborileiro de El Bruc, acerca dun rapaz de Santpedor, segundo algúns autores chamado Isidre Lluçà i Casanoves, nacido o 15 de marzo de 1791 e morto sobre o 7 de abril de 1809, que dirixiría a batalla con un tambor como os que se utilizaban nas confrarías. Grazas ao son do tambor, co seu eco rebotando contra as paredes da montaña de Montserrat, os franceses retiraríanse crendo que un grande exército estaba á espera para atacalos.