Fiódor Dostoievski

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirixido desde "Fiodor Dostoievski")
Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter.
Fiódor Mikhailovich Dostoievski
Fiódor Mikhailovich Dostoievski
escritor ruso
Nacemento: 11 de novembro de 1821
Moscova, Rusia
Falecemento: 9 de febreiro de 1881
San Petersburgo, Rusia

Fiódor Mikhailovich Dostoievski (en ruso Фёдор Миха́йлович Достое́вский), nado en Moscova o 11 de novembro de 1821 e finado en San Petersburgo o 9 de febreiro de 1881, foi unha das máis importantes personalidades da literatura rusa. A súa obra tivo un efecto profundo e perdurable na literatura do século XX.

As súas novelas mostran a miúdo personaxes vivindo en condicións sociais e mentais extremas, e exploran a psicoloxía humana, analizando a un tempo a situación política, social e moral da Rusia do seu tempo. É considerado por algúns intelectuais como o precursor do existencialismo polas súas Memorias do subsolo, segundo Walter Kaufmann "a mellor abertura para o existencialismo que se escribiu nunca".

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Dostoievski naceu en Moscova nunha familia orixinaria de Bielorrusia. Foi o segundo de sete irmáns. O pai, Mikhail Andreievich, era un cirurxián militar retirado que traballaba coma doutor no Hospital Mariinski para pobres en Moscova. O hospital estaba situado nunha das areas máis pobres da cidade, na que se achaban un cemiterio para criminais, un manicomio e un orfanato. Esta paisaxe urbana marcou fondamente a Dostoievski. Malia a prohibición dos seus pais, o futuro escritor gustaba de pasar moitas horas cos pacientes do hospital, escoitando as súas historias. A nai, María Fiodorovna (de solteira Maria Nechaeva) procedía dunha familia de comerciantes.

Dostoievski comenzou a sufrir ataques epilépticos á idade de sete anos. En 1837, despois da morte da nai por tuberculose, (Dostoievski tiña 15 anos) o pai enviou a Fiódor e o seu irmán maior Mikhail (tamén futuro escritor) a San Petersburgo, como pensionistas de K. F. Komarov. O ano 1837, sería fundamental para o futuro do escritor. Foi o ano da morte de Pushkin, que era lectura desde a infancia dos dous irmáns máis vellos da familia, e o ano no que entrou na academia de enxeñaría militar.

O pai de Dostoievski morreu no ano 1837, segundo algunhas versións asasinado polos seus propios servos, que durante unha das habituais e violentas borracheiras do amo aproveitaron para afogalo. Outras versións indican que a morte foi por causas naturais, e que a historia da morte violenta foi inventada por un veciño para comprar a baixo custo as propiedades dos Dostoievski. A figura do pai dominante marcaría o traballo do escritor, servindo posiblemente de base á personaxe de Fiódor Pavlovich Karamazov, o pai dos tres principais protagonistas da novela Os irmáns Karamazov.

Dostoievski deixou a academia militar co grao de tenente e, un ano despois, en 1843, publicou unha tradución de novela de Honoré de Balzac Eugenie Grandet. En 1844 aparece a súa primeira novela Biédnie Liudi (Pobres xentes) e o escritor acada unha popularidade case inmediata. A reacción á súa segunda novela Dvoinik (O dobre), estudo psicolóxico dun burócrata, foi, porén, negativa.

Dostoevsky.jpg

O 23 de abril de 1849 foi arrestado acusado de formar parte do grupo liberal coñecido como Círculo Petrashevski. Os temores de Nicolás I de que os movementos revolucionarios europeos de 1848 se espallasen polo Imperio Ruso provocaron a represión de tódalas organizacións que mostrasen calquera tipo de oposición á monarquía. En novembro o escritor e outros membros do Círculo foron condenados a morte e, despois dun simulacro de execución, o escritor foi enviado cunha condena a traballos forzados a Omsk en Siberia.

Foi liberado da cadea despois de catro anos e destinado no sétimo batallón do rexemento siberiano no que permaneceu cinco anos servindo na fortaleza de Semipalatinsk, no actual Kazakhstan, primeiro como soldado e despois como tenente. Alí comezou un romance con María Dmitrievna, muller dun antigo funcionario caído no alcoholismo. En 1857 despois da morte do home da súa amante, Dostoievski e a viúva de 33 anos casaron. O período de reclusión e servizo militar foi un punto de inflexión na vida do escritor, que se transformou nun home profundamente relixioso, desilusionouse das ideas occidentais e virou cara o pensamento e valores rusos tradicionais. Dostoievski converteuse nun crítico feroz dos movementos socialistas e nihilistas que mesmo dedicou en parte os libros Os endiañados e os Diarios dun escritor a criticar as ideas socialistas. Máis tarde, fixo amizade co estadista conservador Konstantin Pobedonostsev.

En 1859 os Dostoievski deixan Semipalatinsk e, en 1860 o escritor e a súa muller volven a San Petersburgo. No período entre 1860 e 1866 editou, sen éxito, xunto co seu irmán as publicacións literarias Vremya (Tempo) e Epokha (Época) (esta última foi clausurada polas súas informacións sobre a Revolta polaca de 1863) e escribiu Zapiski iz mertvogo doma (Lembranzas da casa dos mortos), Unizhennye i oskorblennye (Humillados e ofendidos), Zimnie zametki o letnykh vpechatlienyx (Notas de inverno sobre impresións de verán) e Zápiski iz podpolia (Apuntamentos do subsolo).

A morte da súa muller en 1864, seguida pouco despois pola do seu irmán, tiveron un efecto devastador sobre Dostoievski. Cheo de débedas causadas polas súas empresas editoras fracasadas e a necesidade de manter ós seus propios fillos, ó fillo do primeiro matrimonio da súa muller e á muller e os fillos do irmán falecido, o escritor caeu nunha fonda depresión.

A situación económica era agravada pola ludopatía do escritor, acentuada nunha viaxe ó estranxeiro coa súa amiga Apolinaria Suslova. Unhas das súas obras máis coñecidas, Prestuplenie i nakazanie (Crime e castigo) escribiuna ó apuro para conseguir un adianto dos seus editores. Tomou como axudante para a transcrición das súas obras á estenografista de vinte anos, Anna Grigorevna Snitkina, coa que casou en 1867. Pouco despois da voda comezou a ditarlle a novela Igrok (O xogador), que se veu obrigado a escribir perante a ameaza de perde-los dereitos das súas obras por incumprimento de contrato. Coa cantidade, bastante elevada, cobrada por Crime e castigo marchou de novo, acompañado da súa axudante, ó estranxeiro para escapar dos seus acredores. O diñeiro que levaban foi axiña dilapidado nos casinos. Despois desta viaxe Anna Snitkina tomou as responsabilidades económicas do escritor e desde 1871, este abandonou o xogo.


O período que continua é considerado o máis frutífero do autor: entre 1873 a 1881 edita o Diario dun escritor, publicación mensual de relatos curtos, apuntamentos, e artigos nos que reflexiona e polemiza sobre os acontecementos da época. A revista tivo un éxito enorme. En 1875 publicase Podróstok (O adolescente), en 1876 Krotkaia (A rapaza dócil) e entre 1879 e 1880 Bratia Karamázovi (Os irmáns Karamazov).

En 1877 leu un controvertido discurso no funeral do seu amigo o poeta Nekrasov. En 1878 foi invitado polo emperador Alexandre II para ser presentado á familia imperial. En 1880, pouco antes morrer, deu un famoso discurso sobre Pushkin na inauguración dun monumento dedicado ó poeta.

Morreu dun enfisema agravado, segundo a súa filla Liubov, por unha discusión sobre propiedades coa irmá do escritor. Foi enterrado no Cemiterio do mosteiro Alexander Nevsky de San Petersburgo.

Obra[editar | editar a fonte]

Notas manuscritas do capítulo V de Os Irmáns Karamazov.

Ademais de ser un grande creador de mitos literarios, Dostoievski, mostrou tamén nas súas obras máis importantes unha grande capacidade para comprender os matices da psicoloxía humana. Creou unha obra de vitalidade e poder case hipnótico caracterizada por escenas febrilmente dramatizadas (conclaves) coas personaxes desenvolvéndose nunha atmosfera explosiva e escandalosa, ocupadas en diálogos socráticos ó estilo ruso.

A procura de Deus os problemas do Mal e o sufrimento dos inocentes están presentes nas máis das súas novelas. As personaxes divídense nunhas poucas categorías: cristiáns humildes e discretos (o príncipe Myshkin, Sonia Marmeladova, Aliosha Karamazov), nihilistas autodestrutivos (Svidrigailov, Smerdiakov, Stavrogin, home subterráneo), dexenerados cínicos (Fiódor Karamazov), e intelectuais rebeldes Raskolnikov, Ivan Karamazov). As súas personaxes son arrastradas máis polas ideas que por imperativos sociais e biolóxicos. En comparanza con Lev Tolstói, que gustaba das personaxes realistas, as de Dostoevski son máis axiña símbolos das ideas que representan, o que relacionaría a Dostoevski co simbolismo literario.

As novelas de Dostoievski desenvólvense nun espazo temporal reducido (as veces relatan sucesos ocorridos en poucos días) o que permite ó autor liberarse dunha das convencións da prosa realista: a decadencia da vida humana ó longo do tempo: as personaxes evocan sobre todo valores espirituais que son, por definición, intemporais. Outros temas obsesivos nos seus traballos son o suicidio, o orgullo ferido, a perda dos valores da familia, a rexeneración espiritual por medio do sufrimento, o rexeitamento de occidente e a afirmación dos valores tradicionais rusos e do zarismo.

Estudiosos como Bakhtin definen as súas obras como polifónicas: Dostoievski non buscaría un só punto de vista e, ademais de describir as situacións desde diferentes ángulos, creou dramas de ideas onde deixa que caracteres e situacións contrapostas se desenvolvan nun intolerable crescendo.

Influencia[editar | editar a fonte]

A influencia de Dostoievski é recoñecida por unha grande variedade de escritores. De Herman Hesse a Bob Dylan, pasando por Marcel Proust, William Faulkner, Albert Camus, Franz Kafka, Ayn Rand, Friedrich Nietzsche, Henry Miller, Yukio Mishima, Gabriel García Márquez, Jack Kerouac, e Joseph Heller, practicamente tódolos grandes escritores do século XX medraron sob a sombra do novelista ruso. Non faltan, porén, voces disidentes, entre outros Vladimir Nabokov, Henry James ou Joseph Conrad. O novelista americano Ernest Hemingway menciona tamén na súa autobiografía a influencia que lle supuxo a obra de Dostoievski. Malia morrer en 1880, considérase decote que a obra de Dostoievski tivo nos movementos filosóficos e psicolóxicos modernistas do século XX:

Nun libro de entrevistas con Arthur Power (Conversas con James Joyce), James Joyce eloxiaba a influencia de Dostoievski.

"el é o home que, máis ca ningún outro, creou a prosa moderna, e a intensificou ata ó extremo actual. Foi o seu poder explosivo o que fixo anacos a novela vitoriana, coas súas mulleriñas afectadas e os seus lugares comúns: libros sen imaxinación nin violencia".

No seu ensaio "O punto de vista ruso", Virginia Woolf afirmou:

"As novelas de Dostoievski son torbellinos ferventes, tormentas de area que xiran, trombas de auga que zoan, que ferven e que nos zugan. ... De sacado Shakespeare non hai lectura máis apaixonante."

Curiosamente, Dostoievski e o outro xigante da novela rusa do século XIX, Lev Tolstói non se coñeceron persoalmente (o único intento de entrevista entrámbolos dous fracasou por unha confusión sobre o punto de encontro), pero eloxiaron (Dostoievski considerou a novela "Anna Karenina" de Tolstói unha obra de arte perfecta), criticaron (na biografía de Henri Troyat cítase unha afirmación de Tolstói sobre "Crime e castigo"; "en lendo os primeiros capítulos, xa sabes como vai acabar todo") e influíronse mutuamente.

Obras[editar | editar a fonte]

Novelas[editar | editar a fonte]

Sinatura

Contos e relatos[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Fiódor Dostoievski