James Joyce

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter.
James Joyce
Revolutionary Joyce.jpg
James Joyce en 1918
Datos persoais
Nacemento 2 de febreiro de 1882
Lugar Rathgar, Irlanda
Falecemento 13 de xaneiro de 1941
Lugar Zúric, Suíza
Soterrado {{{soterrado}}}
Soterrada {{{soterrada}}}
Residencia {{{residencia}}}
Nacionalidade {{{nacionalidade}}}
Cónxuxe
Fillos {{{fillos}}}
Relixión {{{relixión}}}
Actividade
Lingua {{{lingua}}}
Lingua inglés
Período {{{período}}}
Movemento {{{movemento}}}
Xéneros novela, poesía
Princ. obras {{{obras}}}
Alma mater {{{alma_mater}}}
Estudos {{{estudos}}}
Ocupación {{{ocupación}}}
Profesión {{{profesión}}}
Organización {{{organización}}}
Cargos {{{cargos}}}
James Joyce signature.svg
{{{web}}}

{{{notas}}}

James Augustine Aloysius Joyce, nado en Rathgar o 2 de febreiro de 1882 e finado en Zúric (Suíza) o 13 de xaneiro de 1941, foi un escritor irlandés, considerado un dos autores de maior relevancia do século XX. As súas obras máis coñecidas son o volume de contos Dublineses (1914) e as novelas Retrato do artista cando novo (1916), Ulises (1922) e Finnegans wake (1939).

A pesar de que Joyce viviu fóra do seu país natal a meirande parte da súa vida adulta, a súas experiencias irlandesas son esenciais na súa obra e fornécenlle toda a ambientación e moita parte da temática. O seu universo ficcional arráigase fortemente en Dublín e reflicte a súa vida familiar e sucesos, amizades e inimizades dos tempos da escola e da facultade. Desta forma, é un dos máis cosmopolitas e particularistas dos autores modernistas da lingua inglesa.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Irlanda[editar | editar a fonte]

Estatua de James Joyce preto da rúa O'Connell en Dublín.

O máis vello dos dez fillos, James Joyce naceu nunha numerosa familia católica no arrabalde de Rathgar, en Dublín. A familia do seu pai, proveniente de Cork, era de ricos comerciantes. En 1887, o pai, John Stanislaus Joyce, anteriormente secretario nunha destilaría, foi nomeado cobrador de taxas inmobiliarias pola Dublin Corporation (o Consello Municipal); a familia mudou daquela para o novo e elegante arrabalde de Bray. Ao ano seguinte, o rapaz comeza a súa educación no Clongowes Wood College, un internado no Condado de Kildare.

En 1891, Joyce escribiu o poema, Et Tu Healy, sobre a morte de Charles Stewart Parnell. Seu pai mandouno imprimir e até mandou unha copia para a biblioteca do Vaticano. En novembro do mesmo ano, o nome de John Joyce foi inscrito na Stubbs Gazette (un rexistro oficial de falencias) e afastado do traballo. En 1892, Joyce ten que saír de Clongowes, xa que seu pai non podía pagar a matrícula; en 1893, o pai foi dimitido cunha pensión. Así comezou o descenso cara a pobreza da familia, principalmente debido ao consumo de alcol por John Joyce e a súa ineptitude financeira en xeral. O pai seria o modelo para o carácter de Simon Dedalus no Retrato do artista cando novo e Ulises, así como o do tío do narrador en diversos contos de Dublineses.

Despois de Clongowes, Joyce estudou na casa e por un breve tempo na escola dos Christian Brothers, na rúa Richmond norte, antes de pasar á escola xesuíta de Dublín, o "Belvedere College", en 1893. A oferta foi feita, cando menos en parte, na esperanza de que amosase que tiña unha vocación e se xuntaría á Compañía de Xesús. Porén, Joyce rexeitou o catolicismo aos dezaseis, aínda que a filosofía de Tomé de Aquino sería unha das súas fortes influencias na vida.

Matriculouse na "University College Dublin" en 1898. Estudou linguas modernas, especificamente inglés, francés e italiano. Tamén tomou contacto cos círculos teatrais e literarios da cidade. A súa crítica do Novo Drama de Henrik Ibsen foi publicada en 1900 pola Forthnightly Review o que lle levaría a recibir unha carta de agradecemento polo propio dramaturgo noruegués. Joyce escribiu outros artigos e polo menos dúas pezas teatrais (unha delas titulada A Brilliant Career, ambas desaparecidas) durante este período. Moitas das súas amizades do University College aparecen como personaxes nos seus libros.

1902-1904: anos decisivos[editar | editar a fonte]

Joyce foi a París por primeira vez en 1902 para estudar medicina (nesa época había un efervescente movemento artístico en Montparnasse e Montmartre). En 1903 retorna a Irlanda, pois súa nai morría de cancro. Busca traballo como xornalista e profesor particular. En xaneiro do ano seguinte, escribe Un retrato do Artista, un ensaio-narrativa sobre estética, nun día, mais a obra é rexeitada pola revista libre-pensante Dana. No seu vixésimo-segundo aniversario, decide revisar a historia e transformala nunha novela que el expoñía titular Stephen Hero. No mesmo ano, publica o seu primeiro traballo na idade adulta: a sátira desaforada ao Santo Oficio, na cal proclamábase superior a moitos membros prominentes do Rexurdimento Céltico e afirma a súa herdanza lingüística inglesa.

En 1904 coñecería a Nora Barnacle, unha rapaza do Condado de Galway que traballaba como camareira e había ser a súa compañeira para toda a vida. O 19 de xuño, saíron por primeira vez, aínda que a natureza do encontro non sexa coñecida con precisión; a data é conmemorada na obra de Joyce, pois nela transcorre Ulises.

Vai vivir cun estudante de medicina, Oliver St. John Gogarty, que lle serviu de base para o personaxe de Buck Mulligan en Ulises. Despois de durmir seis noites na Torre Martello, de Gogarty, marcha dela tras unha discusión, embebédase e métese nunha pelexa da que é rescatado por Alfred Hunter, un coñecido do seu pai, un xudeu irlandés, que seria o modelo para Leopold Bloom, o heroe de Ulises.

Trieste[editar | editar a fonte]

Pouco despois foxe con Nora. Primeiro van a Pula (actualmente Croacia) e máis tarde a Trieste (Italia), daquela ambas en Austria-Hungría, para ensinar inglés na escola Berlitz. Un dos seus alumnos triestinos foi Ettore Schmitz, coñecéranse en 1907, foron amigos e críticos mutuos. Joyce pasaría a maior parte das décadas seguintes no continente. Alí nacerían os seus fillos Giorgio (1905) e Lucia (1907).

Joyce publica en 197, Chamber Music (Música de cámara), unha antoloxía de 36 poemas líricos curtos. A obra, inspirada na poesía do período isabelino, levouno á súa inclusión na Antoloxía Imagista, editada por Ezra Pound, que se amosaría como un defensor de Joyce durante máis dunha década.

Nas visitas a Dublín, abre o primeiro cinema da cidade, o Volta, en 1909, mais fracasa; despois, en 1912, desenténdese co editor sobre a súa nova obra, e publica contra el, no mesmo ano, Gar from a Burner.

A obra que Joyce quería facer saír na súa cidade natal era Dublineses, unha serie de quince contos sobre a cidade e a vida dos seus habitantes. Os contos son unha análise do estancamento e parálise da sociedade dublinesa. Incorporan epifanías, unha palabra usada particularmente por Joyce, que para el significaba unha súbita consciencia da alma en algo.

A pesar do seu interese polo teatro desde a mocidade, Joyce só publicou unha peza, Exiliados, iniciada en Trieste despois do comezo da Primeira Guerra Mundial e publicada en 1918. Un estudo da relación home-muller, a peza conecta con outra obra anterior "Os Mortos" (o último conto de Dublineses) e coa posterior Ulises.

Esta tamén foi iniciada na cidade italiana en 1914, a aínda lle levaría moitos anos para completala e publicala. Porén, comezada a guerra, a permanencia de Joyce en territorio austro-húngaro tornase imposíbel, xa que sendo cidadáns británicos, eran considerados inimigos. En 1915, Joyce e Nora múdanse á neutral Suiza; após breves estancias noutras cidades, establécense definitivamente en Zúric.

Zúric[editar | editar a fonte]

Eventos importantes da primeira estadía suíza de Joyce son a publicación de Exiliados, a continuidade da composición de Ulises, a primeira crise de iridite, que iría empeorando a súa visión ao longo dos anos seguintes, e a publicación da súa primeira novela, Retrato dun artista cando novo.

O Retrato é unha recreación completa da novela abandonado “Stephen Hero”. Autobiográfico na súa meirande parte, a novela mostra a obtención de madureza e auto-consciencia dun rapaz intelixente. O protagonista é Stephen Dedalus, a representación joyciana de si mesmo. Nesta novela, é posíbel dexergar técnicas posteriores do escritor, no uso do monólogo interior e na maior preocupación na psique en relación coa realidade externa. Alén diso, a linguaxe desenvolvese ao longo do libro, conforme o personaxe medra, madurece e tórnase capaz de narrar o seu mundo dunha maneira máis sofisticada.

París[editar | editar a fonte]

Rematada a guerra, volveu a Trieste pero atopou a cidade moi cambiada, e as súas relacións co seu irmán (que estivera preso nunha cárcere austríaca debido ás súas ideas políticas pro-italianas) eran máis tensas ca nunca. Joyce foi a París tras unha invitación de Ezra Pound, e o que ía ser unha estancia dunha semana converteuse nunha estadía na Cidade da luz onde, excepto por dúas visitas a Irlanda, permaneceu os seguintes vinte anos. Viaxou frecuentemente a Suíza polos seus problemas oculares e tamén debido ao tratamento da súa filla Lucia que sufría esquizofrenia.

Volveu a Zúric en 1939 despois da ocupación nazi de Francia. Viviu en Zúric nos dous seguintes anos. O 11 de xaneiro de 1941 foi ingresado de urxencia debido a unha úlcera duodenal, finou o 13 de xaneiro de 1941. Está soterrado no cemiterio de Fluntern. A súa dona Nora (coa que casara en Londres en 1931), sobreviviulle 10 anos e foi soterrada a seu carón.

O Ulises[editar | editar a fonte]

En 1906, namentres remataba Dublineses, Joyce considerou engadir outro conto, sobre un negociante de anuncios xudeu chamado Leopold Bloom co título de Ulises. A historia non foi escrita, mais a idea permaneceu e, en 1914, Joyce comezou a traballar nunha novela empregando tanto o título como a premisa básica, rematándoo finalmente en outubro de 1921.

Grazas a Ezra Pound, partes na novela comezaran a ser publicados na revista The Little Review en 1918. Esta revista era editada por Margaret Anderson e Jane Heap, co apoio de John Quinn, un avogado de Nova York interesado en arte e literatura experimentais contemporáneas. Lamentabelmente, houbo problemas coa censura norteamericana, e en 1920 os editores foran condenados por publicar obscenidades, o que interrompeu a publicación serial da novela. O libro estivo prohibido nos EUA até 1933.

Joyce atopou dificultades para atopar quen publicase o seu libro, mais a Shakespeare and Company, unha famosa libraría da marxe esquerda parisiense, de propiedade de Sylvia Beach, publicouno en 1922. Unha edición inglesa publicada no mesmo ano polo seu mecenas, Harriet Shaw Weaver, atopou novas dificultades coas autoridades estadounidenses, e 500 copias enviadas aos EUA foron confiscadas e posibelmente destruídas. No ano seguinte, John Rodker imprimiu unha tiraxe de máis de 500 copias, destinadas a substituír ás anteriores, pero estes libro foron queimados pola aduana inglesa en Folkstone.

Ulises e a ascensión do modernismo literario[editar | editar a fonte]

1922 foi un ano fundamental na historia do modernismo na literatura da lingua inglesa, coa publicación tanto de Ulises como do poema "The Waste Land" de T. S. Eliot. Na súa novela, Joyce emprega o fluxo de consciencia, a parodia e todo tipo de técnicas literarias para presentar aos seus personaxes. A acción do libro, que se desenvolve nun único día, 16 de xuño de 1904, sitúa os personaxes e incidentes da Odisea de Homero no Dublín moderno, e representa a Ulises, Penélope e Telémaco en Leopold Bloom, a súa esposa Molly Bloom e Stephen Dedalus, cuxos caracteres contrastan cos seus modelos, parodiándoos. O libro explora diversas areas da vida dublinesa, estendéndose sobre a súa degradación e monotonía. Aínda así, o libro tamén é un estudo detallado da cidade, e Joyce afirmaba que se Dublín fora destruída por algunha catástrofe, podería ser reconstruída pedra a pedra, usando como modelo a súa obra. Para acadar este nivel de precisión, Joyce usou unha edición de 1904 de Thom´s Directory (unha obra que listaba os propietarios e/ou posuidores de cada inmóbel residencial ou comercial da cidade). Tamén enxurraba os amigos que aínda vivían na cidade con pedidos de información e esclarecementos.

O libro consta de dezaoito capítulos, cada un cobre aproximadamente unha hora do día, comezando sobre as oito da mañá e rematando nalgún momento despois das dúas da madrugada seguinte. Cada un dos dezaoito capítulos ten o seu propio estilo literario, cada un deles tamén se refire a un episodio específico da Odisea de Homero e ten asociado unha cor, arte ou ciencia e un órgano do corpo humano. Esta combinación de escrita calidoscópica cunha estrutura extremadamente formal e esquemática é unha das maiores contribucións do libro no desenvolvemento da literatura modernista do século XX. Outras son o uso da mitoloxía clásica e o foco case obsesivo nos detalles exteriores nun libro no que a meirande parte da acción ocorre dentro das mentes dos personaxes. Aínda así, Joyce queixouse: “talvez teña supersistematizado Ulises”, e minimizado as correspondencias míticas pola eliminación dos títulos dos capítulos.

Legado[editar | editar a fonte]

A obra de Joyce foi sometida a pesquisas intensas por estudosos de todos os tipos, é un dos autores máis notábeis do século XX. Tamén foi influencia importante para autores tan diversos como Samuel Beckett, Jorge Luis Borges, Flann O´Brien, Máirtin Ócadhain, Salman Rushdie, Thomas Pynchon, William Burroughs e moitos outros.

A influencia de Joyce tamén se pode ver en campos alleos á literatura. A frase “Three Quarks for Muster Mark”, no Finnegans Wake, é a fonte para a palabra quark, na Física, que designa un dos moitos tipos de partícula elemental. O nome foi proposto polo físico Murray Gell-Mann. O filósofo francés Jacques Derrida publicou un libro sobre o uso da linguaxe en Ulises, e o filósofo americano Donald Davidson fixo o mesmo co Finnegans Wake, comparándoo con Lewis Carroll.

Celébrase anualmente a vida de Joyce no día 16 de xuño, o Bloomsday, en Dublín e nun número cada vez maior de cidades arredor do mundo. En 2004, a capital irlandesa realizou o festival Bloomsday 100, que durou cinco meses (de abril a agosto) e se propuña a achegar a cidade e a obra do seu estimado fillo. Un dos maiores eventos foi un café da mañá para milleiros de persoas en O´Connell Street, a rúa principal da cidade.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia na categoría: James Joyce

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]