Mikhail Lérmontov

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Mikhail Lermontov en 1837

Mikhail Iúrevich Lérmontov, Михаил Юрьевич Леормонтов, nado o 15 de outubro de 1814 e finado o 27 de xullo de 1841, foi un escritor ruso da época romántica, chamado ás veces "o poeta do Cáucaso". O poeta ruso máis importante desde a morte de Alexander Pushkin, ata a súa propia morte, catro anos despois, con só 26 anos. Ao igual ca Pushkin, Lémontov morreu nun duelo.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

A causa da morte prematura de súa mai e da carreira militar e os problemas económicos do pai, foi a avoa, que non tiña boas relacións co xenro, a que se ocupou da educación de Lérmontov. Gastou canto foi necesario para darlle a mellor educación posible, pero os seus conflitos permanentes co pai do futuro escritor contribuíron posiblemente a desenvolver o carácter agresivo e túzaro do neno. A atmosfera intelectual da época era semellante á que vivira Pushkin aínda que a influencia inglesa comezaba a desprazar á francesa, e Lord Byron era xa tan ou máis popular en Rusia cós escritores franceses.

En Moscova Lérmontov, despois de pasar polo Ximnasio, entrou na universidade en 1830, na que pasou só dous anos, véndose obrigado a pedi-la renuncia despois duns incidentes entre algúns alumnos e un profesor. Entre 1830 e 1834 foi a escola de oficiais da garda en San Petersburgo e despois foi asignado o rexemento de húsares de Tsarskoe Tseló. Dirixiu o tsar Nicolás I un poema, "Smert' poeta" (A morte do poeta), no que expresaba a súa cólera pola morte en duelo de Alexander Pushkin (1837), no que reclamaba a vinganza de Rusia sobre o asasino do poeta.

No Caucaso[editar | editar a fonte]

O tsar indignouse polo poema e Lérmontov foi enviado o Cáucaso como oficial de dragóns. Alí pasara xa unha tempada cando tiña dez anos e encontrouse a gusto de seguida. O temperamento áspero e duro dos montañeiros que tiña que combater casaba moi ben co de Lérmontov, así como a paisaxe de rochas e montañas. Lérmontov foi exiliado ó seu mundo ideal. No Cáucaso coñeceu os decembristas exiliados e a intelectuais xeorxianos rebeldes.

Duelo[editar | editar a fonte]

Lérmontov visitou San Petersburgo en 1838 e 1839, e , despois dun duelo con Ernest de Barante, fillo do embaixador francés foi novamente enviado o Cáucaso. En 1839 escribiu a novela "Geroi nashego vremeni" (Un heroe dos nosos tempos) que se di foi a causa do duelo con Nicolai Martinov en xullo de 1841 que lle custou a vida. O mesmo poeta escollera para a loita a beira dun precipicio para que o que fora ferido non tivera ocasión de salvarse

Obra[editar | editar a fonte]

Mikhail Lermontov-1.jpg

En vida Lérmontov publicou so unha pequena escolma de poemas en 1840. Tres volumes, fortemente mutilados pola censura, foron publicados en 1842 por Glazounov e a edición completa das súas obras apareceu en 1860 e 1863. A tradución ao alemán dos seus poemas por Bodenstedt (Berlín, 1842, 2 volumes), deulle unha gran sona en Europa

A súa novela "Un heroe do noso tempo" relata a traxedia da certa xuventude rusa da súa época, de ideas liberais e instruída, insatisfeita nunha sociedade inmutable e que tiña a súa vida por fútil. Esta obra creou as premisas do desenvolvemento da novela psicolóxica rusa. Os seus poemas, o inicio inspirados en Pushkin, fíxose axiña moi persoal tanto no estilo como na temática .