Vissarion Belinski

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Vissarion Belinski

Vissarion Grigorievich Belinski (en ruso, Виссарио́н Григо́рьевич Бели́нский), nado en Sveaborg o 11 de xuño de 1811 e falecido o 7 de xuño de 1848, foi un crítico literario ruso.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Fillo dun médico militar, estudou nos institutos de Chembar e Penza. Entre 1829 e 1832 estudou na Universidade de Moscova, pero tivo que deixala por organizar un grupo de adeptos da filosofía alemá e ler en público o drama romántico Dimitri Kalinin, no que se criticaba a servidume. Con moitos problemas económicos, viviu facendo traducións do francés e colaborando nalgunhas publicacións. En 1833 entrou na tertulia filosófica e literaria que organizara o poeta Nikolai Stankevich, interesándose polos problemas literarios e afondando no coñecemento da filosofía alemá de Kant, Friedrich Schelling e Hegel. O seu primeiro artigo de crítica literaria publicouno en 1834, e de 1835 a 1836 apareceron en Teleskop outros ensaios sobre a novela rusa, Gógol ou Vladimir Benediktov.

En 1837 caeu enfermo de tuberculose, curou en Piatigorsk, onde coñeceu a Lérmontov. Dous anos despois instalouse en San Petersburgo, para dirixir Otechestvennie Zapiski (Отечественные Записки) ata 1846, a publicación converteuse no voceiro da vangarda literaria rusa, nela publicou numerosos traballos e comezou unha serie de panorámicas anuais, publicou tamén obras de Gógol. Belinski expuxo os principios e o manifesto do Naturalismo en Rusia, escola á que se uniran Gógol, Fiódor Dostoievski, Iván Goncharov, Grigorovich e outros. En 1842 apoiou a Gógol tirando do prelo a novela As almas mortas, prohibida pola censura tsarista. Escribiu estudos que comparaban autores occidentais e eslavos cos rusos,Pushkin fronte a Byron e Shakespeare; Lérmontov e Byron; Vladimir Odoievski e E. T. A. Hoffmann, etc. Tamén realizou estudos de autores occidentais por separado, como George Sand, Schiller, Goethe, Walter Scott e outros. En 1846 deixou a revista por conflitos co seu propietario. Pasou a realizar a sección de crítica literaria de Sovremennik dirixida polo poeta Nikolai Nekrasov, alí publicou as panorámicas literarias de 1846 e 1847 e numerosos artigos, notas e reseñas literarias.

En 1847 trasladouse a Berlín e Salzburgo para tratar a súa enfermidade, xa moi avanzada. Desde este último lugar escribiu a famosa Carta a Gógol en resposta ó seu cambio ideolóxico cara o tradicionalismo, acusándoo de predicador do látego e apóstolo do escurantismo. Considérase esta carta o exemplo máis brillante de crítica literaria na literatura rusa do XIX. Belinski morreu un ano máis tarde, nas véspera do seu arresto pola policía. Mesmo a mención do seu nome na prensa estivo prohibida ata 1856. As súas obras completas, en doce volumes, publicáronse entre 1859 e 1862.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]