Amiloplasto

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Amiloplastos nunha célula de pataca.
Tipos de plastos

Os amiloplastos son un tipo de plastos non pigmentados que se atopa nalgunhas células vexetais. Estes orgánulos son responsables da fabricación e almacenamento de gránulos amidón, por medio da polimerización da glicosa orixinada na fotosíntese, que chega ao orgánulo procedente dos cloroplastos das partes verdes da planta.[1] Os amiloplastos tamén hidrolizan este amidón de novo en azucre cando a planta precisa enerxía. Son moi abundantes os amiloplastos en tecidos de almacenamento como tubérculos, como é o caso da pataca, cotiledóns das sementes, endospermo de froitos, e en células dos meristemos e células da pilorriza ou caliptra da raíz asociadas co xeotropismo ou gravitropismo.

Os amiloplastos son plastos do grupo dos leucoplastos (incoloros, sen pigmentos). Os plastos son un tipo especializado de orgánulos que posúen o seu propio xenoma e pénsase que descenden de cianobacterias, que estableceron unha relación de endosimbiose cunha célula eucariota.

A síntese e almacenamento de amidón tamén ten lugar, aínda que non de forma tan masiva, nos cloroplastos, un tipo de plasto pigmentado encargado de facer a fotosíntese. Os amiloplastos e os cloroplastos están moi relacionados, xa que os plastos poden transformarse uns noutros. Un exemplo deste tipo de conversións é a dos amiloplastos do tubérculo da pataca, que se poden transformar en cloroplastos (adquiren clorofila), cando as patacas están expostas á luz. Os amiloplastos poden orixinarse tamén directamente a partir dos proplastidios por medio do depósito de amidón no seu interior, ou por rediferenciación dos cloroplastos. [2]

Os gránulos de amidón que se observan nos amiloplastos teñen forma moi variada, hainos esféricos, ovais, alongados con forma de fémur, e normalmente están formados por capas concéntricas depositadas arredor dun punto, o hilio, que puede ser céntrico (gramíneas e leguminosas) ou excéntrico (Solanum). Cando hai máis dun hilio fórmanse grans compostos (Avena, Oryza). O gran de amidón é un esferocristal que con luz polarizada mostra a figura da cruz de Malta; tínguese de azul-negro con compostos iodados.


Estatólitos: percepción da gravidade[editar | editar a fonte]

Na pilorriza ou caliptra (un tecido protector situado na punta da raíz da planta) hai un conxunto especial de células, chamadas estatocitos. Dentro de cada estatocito hai certo tipo especial de amiloplastos, que están implicados na percepcion da gravidade por parte da planta, fenómeno chamado gravitropismo. Este tipo de amiloplastos especializados, chamados estatólitos, son máis densos ca o citoplasma e poden sedimentar de acordo coa dirección da forza de gravidade. Os estatólitos están enredados nunha malla de actina e pénsase que a súa sedimentación transmite o sinal gravitrópico activando canais mecanosensitivos, que son proteínas de membrana capaces de xerar un fluxo eléctrico ou iónico. O sinal gravitrópico causa entón a redistribución das correntes de auxina (hormona vexetal) na pilorriza ou caliptra e en toda a raíz no seu conxunto. O cambio nas concentracións de auxina conduce a un crecemento diferencial dos tecidos da raíz. En consecuencia, a raíz medra torcéndose seguindo a dirección do estímulo gravitatorio (xeotropismo positivo). Tamén se atoparon na capa endodérmica do talo das inflorescencias. A redistribución de auxina causa que o gromo creza na dirección oposta do estímulo gravitatorio (xeotropismo negativo do talo).

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Wise, Robert (2007). "1". The Diversity of Plastid Form and Function. Springer. http://www.springerlink.com/index/qp032630631337u6.pdf.
  2. Anstis, P. J. P.; D. H. Northcote (1973). "Development of chloroplasts from amyloplasts in potato tuber discs". New Phytologist 72 (3): 449–463. DOI:10.1111/j.1469-8137.1973.tb04394.x.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]