Escritura celtibérica

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Historia do alfabeto

Idade do Bronce Medio ss –XIX - -XV

Meroítico s. –III.
Xenealoxía completa
Un signario celtibérico oriental
Un signario celtibérico occidental

A escritura celtibérica é unha escritura paleohispánica que é a adaptación case directa da escritura ibérica nororiental ás particularidades da lingua celtibérica. Sobre a orixe das escrituras paleohispánicas non hai consenso: para algúns investigadores a súa orixe esta directa e unicamente vinculado ao alfabeto fenicio, mentres que para outros na súa creación tamén influiría o alfabeto grego.

Como o resto de escrituras paleohispánicas, esta escritura presenta signos con valor silábico, para as oclusivas, e signos con valor alfabético, para o resto de consoantes e vogais. A partir do punto de vista da clasificación dos sistemas de escritura non é nin un alfabeto nin un silabario, senón unha escritura mixta que se identifica normalmente como semisilabario. O signario básico está formado por 26 signos, en lugar dos 28 do signario ibérico nororiental orixinal, posto que se elimina unha das dúas vibrantes e unha das tres nasais: cinco vogais, 15 silábicos e 6 consonánticos (unha lateral, dúas sibilantes, unha vibrante e dúas nasais).

O signo que en ibérico se transcribe como s adóitase transcribir en celtibérico como z porque en ocasións parece representar o resultado fricativo dunha antiga oclusiva dental, mentres que o signo que se transcribe como ś en ibérico transcríbese como s en celtibérico.

O signario celtibérico ten dúas variantes diferenciadas polos valores dos signos nasais: na variante oriental a nasal eliminada é a que en ibérico se identifica con m', mentres que na variante occidental a nasal eliminada é a que en ibérico se identifica con m, circunstancia que se interpreta como proba dunha dobre orixe. Ademais, cabe destacar que algunhas das inscricións da variante occidental presentan indicios de uso do sistema dual que permite diferenciar os silabogramas oclusivos dentais e velares xordos dos sonoros cun trazo engadido: a forma simple representa a sonora e a forma complexa a xorda. Finalmente, tamén cabe sinalar que nun reducido grupo de inscricións documéntase a redundancia vocálica dos signos silábicos.

Esta escritura, ao igual que o seu modelo, escríbese de esquerda a dereita e o seu ámbito natural de uso é a val do Ebro e as cabeceiras do Texo e Douro que corresponden ao territorio dos celtiberos. As inscricións celtibéricas aparecen sobre soportes moi variados (moedas de prata e bronce, téseras de prata ou bronce, plaquetas de bronce, cerámicas de verniz negro, ánforas, fusaiolas, placas de pedra, etc.), pero non superan os dous centenares, aínda que algunha delas é excepcionalmente longa como o terceiro bronce de Botorrita (Zaragoza) con máis de tres mil signos que contén un tipo de censo de aproximadamente 250 persoas. Os contextos arqueolóxicos da maioría de inscricións son descoñecidos, circunstancia que non permite precisar excesivamente a cronoloxía real de uso deste signario, aínda que o seu uso en moedas é claro nos séculos -II e -I.

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Ferrer i Jané, Joan (2005): «Novetats sobre el sistema dual de diferenciació gràfica de les oclusives sordes i sonores», Palaeohispanica 5, pp. 957-982.
  • Hoz, Javier de (2005): «La lengua y la escritura celtibéricas», Celtiberos. Tras la estela de Numancia, pp. 417-426.
  • Jordán, Carlos (2004): Celtibérico, Zaragoza.
  • Jordán, Carlos (2005): «¿Sistema dual de escritura en celtibérico?», Palaeohispanica 5, pp. 1013-1030.
  • Rodríguez Ramos, Jesús (1997): «Sobre el origen de la escritura celtibérica», Kalathos 16, pp. 189-197.
  • Schmoll, Ulrich (1960) : «Die iberischen und keltiberischen Nasalzeichen», KZ 76, 280-295.
  • Untermann, Jürgen (1997): Monumenta Linguarum Hispanicarum. IV Die tartessischen, keltiberischen und lusitanischen Inschriften, Wiesbaden.
  • Villar, Francisco (1993): Las silbantes en celtibérico, Lengua y cultura en la Hispania prerromana, pp. 773-812.
  • Villar, Francisco (1995): Estudios de celtibérico y toponimia prerromana, Salamanca.

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]