Saltar ao contido

Yosyf Slipyi

Este é un artigo bo da Galipedia
Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Modelo:BiografíaYosyf Slipyi

Editar o valor en Wikidata
Biografía
Nacemento17 de febreiro de 1892 Editar o valor en Wikidata
Zazdrist, Ucraína Editar o valor en Wikidata
Morte7 de setembro de 1984 Editar o valor en Wikidata (92 anos)
Roma, Italia Editar o valor en Wikidata
Lugar de sepulturaCatedral de San Xurxo 49°50′19″N 24°00′46″L / 49.83864, 24.01278 Editar o valor en Wikidata
Cardeal
22 de febreiro de 1965 –
Arcebispo católico
1 de novembro de 1944 –
← Andrei SheptytskyiMyroslav Ivan Liubachivskyi →
Arcebispo titular
25 de novembro de 1939 –
Editar o valor en Wikidata
Datos persoais
RelixiónIgrexa católica Editar o valor en Wikidata
EducaciónPontificia Universidade Gregoriana
Universidade de Innsbruck
Universidade de Lviv
Pontificio Instituto Oriental
Collegium Canisianum Editar o valor en Wikidata
Actividade
Ocupaciónbispo católico (1939–), sacerdote católico (1917–), diácono (1917–) Editar o valor en Wikidata
ConsagraciónAndrei Sheptytskyi Editar o valor en Wikidata
Enaltecemento

Editar o valor en Wikidata

Descrito pola fonteObálky knih,
Polish Biographical Dictionary (en) Traducir Editar o valor en Wikidata
Find a Grave: 28335712 Editar o valor en Wikidata

Yosyf Slipyi[1] (en ucraíno: Йосиф Сліпий), de nome secular Yosyf Kobernytskyi-Dychkovskyi (en ucraíno: Йосиф Коберницький-Дичковський), nado en Zazdrist (Galicia [Imperio Austrohúngaro]) o 17 de febreiro de 1892 e finado en Roma o 7 de setembro de 1984, foi un bispo católico ucraíno, arcebispo maior de Lviv e cardeal da Igrexa católica. Preso do réxime soviético dende 1945, foi finalmente liberado en 1963, grazas ás presións do Vaticano e dos Estados Unidos para participar no Concilio Vaticano II.

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Primeiros anos e presbiterado

[editar | editar a fonte]

Naceu nunha familia acomodada e profundamente cristiá o 17 de febreiro de 1892 en Zazdrist,[2][3] Galicia (hoxe rexión de Ternopil, Ucraína), entón parte da chamada Cisleitania do Imperio Austrohúngaro. Estudou inicialmente en Ternopil, e en 1911 entrou no seminario greco-católico de Lviv, pasando posteriormente ao Collegium Canisianum de Innsbruck (Austria), onde se doutorou en 1916 cunha tese co título "Die Auffassung des ewigen Lebens nach dem heiligen Evangelisten Johannes" (O concepto da vida eterna en san Xoán Evanxelista).[4]

Estudantes e profesores da Academia Teolóxica de Lviv en 1939. Slipyi é o 6º dende a dereita, na primeira fila.

O 30 de setembro de 1917 foi ordenado sacerdote[3] en Lviv polo metropolita Andrei Sheptytskyi, e volveu a Innsbruck, onde publicou en 1920 o seu ensaio "Die Trinitätslehre des byzantinischen Patriarchen Photios" (A doutrina sobre a Santa Trindade do patriarca bizantino Focio).[4][5] Posteriormente, o metropolita enviouno a Roma, entre 1920 e 1922, para estudar no Pontificio Instituto Oriental e na Pontificia Universidade Gregoriana.[6]

Á súa volta a Lviv, entón parte da Segunda República de Polonia, foi profesor no seminario, e fundou a revista trimestral "Богословія" (Teoloxía). Pasou a ser o reitor do seminario en 1926, e en 1929 reitor da Academia Teolóxica de Lviv fundada polo metropolita.[7]Baixo a súa dirección, a Academia medrou en alumnos e influencia no ámbito teolóxico.

Episcopado

[editar | editar a fonte]

En setembro de 1939 comezou a segunda guerra mundial, e soviéticos e nazis repartíronse os territorios da República de Polonia, quedando os territorios da Ucraína Occidental incorporados a RSS de Ucraína.

O 22 de decembro de 1939,[3][8] coa beizón do papa Pío XII, Slipyi foi consagrado arcebispo de Lviv con dereito de sucesión polo metropolita Andrei Sheptytskyi,[9] afectado de parálise logo dos anos en prisión baixo o réxime tsarista. A consagración foi realizada en segredo, por mor da presenza soviética e da situación política.[10][11]

Ao mesmo tempo, facendo uso dos poderes que lle dera Pío X, o metropolita estabeleceu os exarcados apostólicos de Rusia, Belarús, a grande Ucraína, e Volinia, Polesia e Podlasia; para tentar manter a unidade dos grecocatólicos da Unión Soviética con Roma ante a inminente persecución; e Yosyf Slipyi foi nomeado exarca da grande Ucraína.[12][13] Os días 18 e 19 de decembro de 1940 celebrouse un sínodo cos novos exarcas en Lviv, e o 22 de novembro de 1941 Pío XII ratificou a nova organización da Igrexa católica bizantina e a ampliación da súa xurisdición a toda a URSS.[14]

Cando en 1941 os alemáns tomaron Ucraína mantiveron unha política de relativa tolerancia relixiosa, e cando os soviéticos tomaron novamente o territorio acusaron aos seus opositores de ter colaborado cos nazis. No eido relixioso, sufriron represión os católicos, tanto latinos como bizantinos, e os ortodoxos ucraínos que se negaban a aceptar a autoridade do patriarca de Moscova.

O 1 de novembro de 1944 finou o metropolita, e Slipyi converteuse no líder relixioso da Igrexa católica bizantina ucraína.[3]

Metropolita de Lviv

[editar | editar a fonte]

Detención e gulag

[editar | editar a fonte]

Logo da conquista de Lviv polo exército soviético, Slipyi laiábase nunha carta ao clero da cidade, con data do 23 de novembro de 1944, da vitoria do comunismo en Ucraína. Co propósito de incorporar forzosamente aos grecocatólicos á Igrexa ortodoxa rusa, convocouse un Sínodo en Lviv, e os bispos e relixiosos que non aceptaron as súas conclusións e mantiveron a unión con Roma foron detidos e deportados.

Slipyi, con 53 anos, foi detido xunto con outros bispos o 11 de abril de 1945 pola NKVD e condenado a oito anos de traballos forzados, baixo a acusación de ter colaborado co réxime nazi durante a ocupación alemá, algo que el negou.[15] Este foi o primeiro paso no aniquilamento previsto da Igrexa greco-católica ucraína por parte das autoridades soviéticas.[16][17][18] Sábese que estivo en 1946 en Mariinsk, en 1947 no gulag de Kirov e noutros en Siberia, no círculo polar ártico.

Dende o gulag seguiu a exercer de metropolita, nomeando bispos e administradores novos cando sabía das mortes e detencións dos xerarcas grecocatólicos.[19] En 1953 foi sentenciado a unha segunda condena en Siberia, por tempo indefinido. Foi dende Maklakovo que escribiu as cartas pastorais do Nadal de 1954 e da Coresma de 1955, polas que foi condenado por terceira vez; a condena foi agravada por unha carta de 1957 do papa Pío XII, que foi interceptada pola KGB, na que o pontífice felicitábao polo aniversario da súa ordenación sacerdotal.

Logo dun ano de interrogatorios en Kíiv, en setembro de 1958 estaba no gulag de Novosibirsk, e a comezos de 1959 na Siberia central. A finais de 1960 foi trasladado a Kíiv, para tentar que se manifestara en contra do novo papa Xoán XXIII. As autoridades ofrecéronlle ser nomeado patriarca de Moscova se crebaba a unión con Roma, rexeitando a Unión de Brest, mais Slipyi non aceptou. En lugar diso, redactou dúas cartas ás autoridades soviéticas protestando polo trato aos grecocatólicos, afirmando a súa unión coa Santa Sé, e rexeitando a Igrexa ortodoxa.

En 1961, no gulag de Mordovia, contraeu unha infección pulmonar, mais librou da morte grazas a penicilina que conseguiu o sacerdote lituano Alfonsas Svarinskas, tamén prisioneiro.[20][21] Até o ano 1963 seguiu en Mordovia. Unha das consecuencias dos continuos cambios de prisión, que tiñan como obxectivo crebar a vontade e seguridade das vítimas e evitar a unión dos prisioneiros, foi que Slipyi as aproveitou para visitar e confortar aos fieis católicos dispersos polo territorio soviético e a escribir e difundir cartas pastorais.

Liberación e exilio

[editar | editar a fonte]

Logo de intensas xestións da Santa Sé durante varios anos, Kennedy e Khrushchev chegaron a un acordo para liberar a Slipyi e expulsalo da URSS.[22] O 26 de xaneiro de 1963 o Soviet Supremo emitiu a orde de liberación, mais antes de ser liberado consagrou como bispo a Vasyl Velychkovskyi o 4 de febreiro, nomeándoo locum tenens da sé de Lviv.[23] O 9 de febreiro chegou a Roma, e foi recibido ao día seguinte por Xoán XXIII; cando viu ao papa botouse ao chan e bicoulle os pés e sinal de fidelidade.[24]

Pasou o ano atendendo aos fieis grecocatólicos de Roma, e participou no Concilio Vaticano Segundo. Comezou entón unha frenética actividade pastoral: visitou o Canisianum de Innsbruck, participou en 1964 no Congreso Eucarístico de Bombai, e antes de finalizar o ano, Slipyi fundou en Roma a Universidade Católica Ucraína, coa intención de trasladar a súa sede a Ucraína cando fora posible.

Arcebispo maior de Lviv e actividade no exilio

[editar | editar a fonte]
Relieve co escudo heráldico de Yosyf Slipyi.

En 1964 fundou en Albano un mosteiro de monxes estuditas.[25] O 23 de decembro do mesmo ano, Paulo VI elevou ao metropolita ao rango de arcebispo maior de Lviv,[26] practicamente equivalente ao de patriarca.

Paulo VI creouno cardeal o 22 de febreiro de 1965, aínda que asúmese que Slipyi fora un dos cardeais in pectore creados por Xoán XXIII en 1960.[27]

En 1968 efectuou as súas primeiras visitas pastorais ás comunidades grecocatólicas ucraínas fóra de Europa. Visitou as comunidades no Canadá e nos Estados Unidos, e pasou tamén por Colombia, Venezuela, o Perú, o Brasil e a Arxentina, para viaxar finalmente a Australia e Nova Zelandia. Ao ano seguinte visitou Alemaña, e en 1970 España, Francia e Austria.

O 2 de abril de 1977 Slipyi ordenou tres bispos no mosteiro estudita de Castel Gandolfo: Liubomyr Huzar, Ivan Khoma e Stepan Chmil.[28][29][30] A consagración foi realizada en segredo por mor das sospeitas de Slipyi de que a Santa Sé estaba a evitar calquera enfrontamento coas autoridades soviéticas, e Slipyi decidiu asegurar o futuro da Igrexa ucraína coa consagración de tres bispos.[29]

Dende o seu exilio denunciou repetidamente a falta de liberdade relixiosa no seu país, especialmente no Concilio e nos Sínodos posteriores. Ante o papa, no Tribunal Sakharov e no congreso de Axuda á Igrexa Necesitada, enumerou os nomes dos fieis católicos presos. En 1980 convocou en Roma o Sínodo de Bispos ucraínos, co fin de darlle unha forma canónica estable á Igrexa católica ucraína.

Yosyf Slipyi finou o 7 de setembro de 1984, na sede da Universidade Católica Ucraína na que residía. Xoán Paulo II acudiu á sede da universidade a pregar e renderlle homenaxe.

Premios, distincións e homenaxes

[editar | editar a fonte]
"Yosyf Slipyi. Patriarkh Kardynal. 1892 - 1984" (Yosyf Slipyi. Patriarca Cardeal. 1892 - 1984). Selo ucraíno de 1993.

En 1968, con ocasión da súa visita pastoral ao Canadá e aos Estados Unidos, foi nomeado doutor honoris causa pola Universidade San Paulo de Ottawa,[31] pola Universidade Loyola de Chicago[32][33][34] e pola Universidade Católica de América.[34] Foi tamén distinguido como doutor honoris causa pola Universidade Libre Ucraína, con sede en Múnic.[35]

Hai estatuas del en Zazdrist (1992) e en Ternopil (2004). En 2005 inaugurouse unha placa na súa memoria en Khárkiv.

  • Die Auffassung des ewigen Lebens nach dem heiligen Evangelisten Johannes [O concepto de vida eterna en San Xoán Evanxelista]. 1916. 
  • Die Trinitätslehre des byzantinischen Patriarchen Photios [A doutrina sobre a Santa Trindade do Patriarca bizantino Focio]. 1920. 
  • Св. Тома з Аквіну і схоластика [S. Tomé de Aquino e a escolástica]. Lviv. 1925. 
  • De principio spirationis in SS. Trinitate: historica-dogmatica inquisitio [O principio inspirador da Santísima Trindade: investigación histórico-dogmática]. Sumptibus "Theologicae Societatis". 1926. 
  • Греко-Католицька Богословська Академія і її статути [A Academia Teolóxica Greco-Católica e os seus estatutos]. Lviv. 1930. 
  • Віра і наука [A fe e a ciencia]. Lviv. 1935. 
  • Подорож до Англії [Viaxe a Inglaterra]. 1936. 
  • Загальна наука про св. Тайни [Estudo xeral do Santo Misterio]. Yorkton. 1953. 
  • Тайни хрещення і миропомазання [Os sacramentos do Bautismo e Confirmación]. 1955. 
  1. Tamén referenciado como Josyf Slipyj, Josip Slipyj, Jossyf Slipyj.
  2. Choma 2001, p. 19.
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 Annuario pontificio. Tipografia Poliglotta Vaticana. 1954. p. 270. 
  4. 4,0 4,1 Deutsch-Ukrainische Gesellschaft (1967). "Ukraine in Vergangenheit und Gegenwart" (38-44). Múnic: Verlag Ukraine: 64. OCLC 5124107. 
  5. Mykhaleyko, Andriy (2009). "Per aspera ad astra": der Einheitsgedanke im theologischen und pastoralen Werk von Josyf Slipyj (1892-1984), eine historische Untersuchung. Würzburg: Augustinus bei Echter. p. 136. ISBN 9783429041786. 
  6. Choma 2001, p. 28.
  7. Choma 2001, p. 29.
  8. Segundo o calendario xuliano.
  9. Choma 2001, p. 148.
  10. Lencyk, Wasyl (1993). Encyclopedia of Ukraine 4. University of Toronto Press. p. 750. ISBN 9780802030092. 
  11. Lencyk, Wasyl. "Slipy, Yosyf (versión web)". In October 1939, after the outbreak of the Second World War and the Soviet occupation of Western Ukraine, Sheptytsky nominated Slipy as his coadjutor. The nomination was ratified by Pope Pius XII in November 1939, and in December Slipy was secretly consecrated and given the title Archbishop of Serrei 
  12. Choma 2001, p. 33.
  13. Zugger, Christopher Lawrence (2001). The Forgotten: Catholics of the Soviet Empire from Lenin Through Stalin (en inglés). Syracuse University Press. p. 296. ISBN 9780815606796. 
  14. Bociurkiw, Bohdan R. (1996). The Ukrainian Greek Catholic Church and the Soviet State (1939-1950). CIUS Press. p. 47. 
  15. Pelikan 1990, pp. 153-155.
  16. Bociurkiw 1996, p. 229.
  17. Pelikan 1990, p. 162.
  18. Religious Information Service of Ukraine (ed.). "Patriarch Josyf Slipiy". Arquivado dende o orixinal o 20 de abril de 2005. Consultado o 05 de febreiro de 2014.  Arquivado 20 de abril de 2005 na Biblioteca do Congreso dos Estados Unidos
  19. Choma 2001, p. 62.
  20. Choma 2001, p. 80.
  21. O'Grady, Desmond (1995). Gracewing Publishing, ed. The Turned Card: Christianity Before and After the Wall. p. 132. ISBN 9780852443033. 
  22. Ulysses Floridi, Alexis (1986). Moscow and the Vatican (en inglés). Ardis. p. 29. ISBN 9780882336473. 
  23. Mahieu, Stephanie; Naumescu, Vlad, eds. (2008). Churches In-between: Greek Catholic Churches in Postsocialist Europe. LIT Verlag Münster. p. 126. ISBN 9783825899103. 
  24. Zizola, Giancarlo (1988). Giovanni XXIII: la fede e la politica. Laterza. p. 196. ISBN 9788842032892. 
  25. Choma 2001, p. 117.
  26. Choma 2001, p. 111.
  27. Choma 2001, p. 92.
  28. "UGCC marks 55th anniversary of priestly ordination of Archbishop emeritus Lubomy Husar". 1 de abril de 2013. 
  29. 29,0 29,1 Leído por Sviatoslav Shevchuk no funeral de Liubomyr Huzar, preparado por Borys Gudziak. "Patriarch Lubomyr Husar – a true moral authority". Information Resource of Ukrainian Greek Catholic Church (news.ugcc.ua) (en inglés). 6 de xuño de 2017. Arquivado dende o orixinal o 29 de novembro de 2020. Consultado o 6/11/2018.  Arquivado 29 de novembro de 2020 en Wayback Machine.
  30. Adinolfi, Mario (2005). Il conclave: storia, regole e protagonisti dell'elezione più misteriosa del mondo (en italiano). HALLEY Editrice. pp. 163–164. ISBN 9788875890711. 
  31. "Preview of events". The Ukrainian Weekly (Ukrainian National Association, Inc) LXVI (15). 12 de abril de 1998. 
  32. "Archbishop in Exile Plans Visit to City". Chicago Tribune. 22 de xullo de 1968. p. 46. Consultado o 27 de outubro de 2014. Joseph Cardinal Slipyj [...] will visit Chicago [...] and receive an honorary doctorate degree from Loyola university. 
  33. Kuropas, Myron B. (2006). Ukrainians of Chicagoland. Arcadia Publishing. p. 78. ISBN 9780738540993. 
  34. 34,0 34,1 Britannica Book of the Year. Encyclopaedia Britannica. 1985. p. 145. 
  35. Карпенко, Віталій (1998). Українські студії під небом Баварії. Мюнхенські враження. Вечірній Київ. p. 18. ISBN 9789667139407. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Choma, Ivan (2001). Josyf Slipyj (en italiano). La Casa di Matriona. ISBN 9788887240245. 
  • Pelikan, Jaroslav (1990). Confessor Between East and West (en inglés). W.B. Eerdmans Publishing. ISBN 9780802836724. 
  • Loidl, Franz (1987). Josyf Kardinal Slipyj und seine ukrainische Kirche (en alemán). Wiener Katholische Akademie. 
  • Oleskiw, Stephen (1984). His Beatitude, Josyf Cardinal Slipyj, Confessor of the Faith, Patriarch of the Ukrainian Catholic Church, 17.2.1892 - 7.9.1984. Ukrainian Central Information Service. ISBN 9780902322240. 
  • Сліпий, Йосиф (2014). Йосиф Сліпий Спомини. Видавництво УКУ. ISBN 9789662778298. 
  • Schelkens, Karim (2011). "Vatican Diplomacy after the Cuban Missile Crisis: New Light on the Release of Josyf Slipyj". The Catholic Historical Review 97 (4 (outubro de 2011)). ISSN 0008-8080. 

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]


Dignidades da Igrexa católica
Predecesor:
(novo cargo)
 Exarca apostólico da Gran Ucraína 
19391944
Sucesor:
(non houbo)
Predecesor:
Andrei Sheptytskyi
 Metropolita de Lviv 
19441984
Sucesor:
Myroslav Ivan Liubachivskyi
Predecesor:
(novo cargo)
 Arcebispo Maior de Lviv 
19631984
Sucesor:
Myroslav Ivan Liubachivskyi
Predecesor:
Gabriel Acacius Coussa
 Cardeal-Presbítero de Sant'Atanasio 
1965 - 1984
Sucesor:
Lucian Mureșan