Antin Seliava

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Антін Селява
(Antin Seliava)
Anton Sialava. Антон Сялява.jpg
Metropolita da Igrexa Católica Bizantina Ucraína
Biografía
Nacementoc. 1583
Pasamento5 de outubro de 1655
Ordes
Ordenación sacerdotaloutubro de 1617
Consagración episcopalxaneiro de 1624, por Yosyf Rutskyi
Metropolita de Kiev, Galicia e toda a Rus
1641 - 1655
PredecesorRafail Korsak
SucesorHavryil Kolenda
Outros
Ficha en catholic-hierarchy.org

Antin Seliava (en ucraíno: Антін Селява; en polaco: Antoni Sielawa; en belaruso: Антоній Сялява), nado arredor de 1583 no voivodato de Połock (Gran Ducado de Lituania, hoxe Belarús) e finado o 5 de outubro de 1655, foi un eclesiástico grecocatólico ruteno, metropolita de Kiev e Galicia e toda a Rus dende 1641 até a súa morte.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Primeiros anos[editar | editar a fonte]

Antin Seliava naceu arredor do ano 1583 en Polack.[1] Ingresou en 1612 no mosteiro da Santa Trindade dos basilianos en Vilnius, facendo o novizado baixo a dirección de Xosafat Kuntsevych.[1] En 1615 foi enviado a Roma para ampliar os seus estudos no Pontificio Colexio Grego, e á súa volta a Lituania traballou na reforma levada a cabo nos mosteiros polo metropolita Rutskyi. En outubro de 1617 foi ordenado sacerdote da Orde de San Basilio Magno. Posteriormente, dende 1622, foi arquimandrita dos mosteiros de Vilnius e de Navahrudak, e participou activamente nas polémicas relacionadas coa restauración da metrópole ortodoxa en 1620.[1]

Arcebispo de Polack[editar | editar a fonte]

Logo do martirio de Kuntsevych en Witebsk o 12 de novembro de 1623, Seliava foi en 1624 elixido arcebispo de Polack,[1] e recibiu a consagración episcopal de mans do metropolita Yosyf Rutskyi o 18 de xaneiro do mesmo ano. Como arcebispo foi impulsor e puxo en marcha o proceso de canonización de Kuntsevych, quen foi finalmente beatificado en 1643.[1]

Metropolita de Kiev, Galicia e toda a Rus[editar | editar a fonte]

Nunha viaxe do metropolita Korsak a Roma, en 1639, Seliava foi nomeado na súa ausencia administrador temporal da Igrexa ucraína. O metropolita Korsak finou durante a súa estadía en Roma, e antes do seu pasamento ofreceu a Seliava ao papa Urbano VIII e ao rei Ladislau IV como posible sucesor.[1] En Roma tivo lugar un proceso apostólico de investigación sobre a persoa de Seliava, logo do cal foi nomeado en 1641 metropolita de Kiev, Galicia e toda a Rus, cargo no que permaneceu até o seu pasamento en outubro de 1655.[2] Conservou tamén o título de arcebispo de Polack, e en 1642 foi elixido tamén como superior da orde basiliana.[2]

Os primeiros anos do seu goberno da Igrexa ucraína foron pacíficos: combateu con éxito o intento do clero latino de debilitar a Igrexa bizantina, e entre 1645 e 1647 dirixiu importantes negociacións cos ortodoxos que, porén, se interromperon co pasamento de Petro Mohyla.[2] Posteriormente tivo que afrontar as consecuencias da rebelión de Bohdan Khmelnytsky en 1648: a paz chegou co tratado de Zboriv de agosto de 1649, que entre outras provisións incluíu a supresión da Igrexa greco-católica nos territorios do Hetmanato e a cesión das súas propiedades á Igrexa ortodoxa.[2] Malia as protestas de Seliava e do nuncio, o rei Xoán II Casimiro de Polonia aprobou o tratado en xaneiro de 1650.

A situación empeorou posteriormente co Tratado de Pereiaslav de 1654, que puxo ao Hetmanato en dependencia do Tsarato de Rusia, e coa entrada de tropas rusas nos territorios da Coroa. Logo de deixar o goberno da súa arquidiocese en mans de Havryil Kolenda, Seliava se trasladou a Podlaquia, residindo en diferentes mosteiros até que, perseguido e esgotado, finou aos 72 anos (en 1655) na poboación de Tykotsin.[2]

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]


Dignidades da Igrexa católica
Predecesor:
Xosafat Kuntsevych
 Arcebispo de Polack 
1624 - 1655
Sucesor:
Havryil Kolenda
Predecesor:
Rafail Korsak
 Metropolita de Kiev, Galicia e toda a Rus 
1641 - 1655
Sucesor:
Havryil Kolenda