Uvas e granito

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Uvas e granito (Unha viaxe por Galicia)
Título orixinalGrapes and Granite
Autor/aNina Epton
CubertaGalicia Antón Pulido
OrixeReino Unido
LinguaInglés
Xénero(s)Libro de viaxes
EditorialFlag of the United Kingdom.svg Cassell and COmpany
Galicia Ir Indo Edicións
Data de pub.Flag of the United Kingdom.svg 1956
Galicia 1993
FormatoGalicia Tapa branda con lapelas
PáxinasFlag of the United Kingdom.svg 234
Galicia 320
ISBNGalicia 9788476801505
TraduciónAntonio e Francisco Fernández del Riego

Uvas e granito (Unha viaxe por Galicia) é un libro de viaxes da escritora inglesa Nina Epton publicado en lingua inglesa por Cassell en 1956 co título orixinal de Grapes and Granite. Foi traducido ao galego por Antonio[1] e Francisco Fernández del Riego[2] e publicado pola editorial Ir Indo no ano 1993.

Relato[editar | editar a fonte]

É a crónica da viaxe que fixo a autora por Galicia no verán de 1953. A escritora vai cun magnetófono disposta a gravar música galega, así como poesía e outras expresións orais.

Chegou en barco a Vigo, nun vapor que facía a ruta desde Londres até Bos Aires. Hospédase na pensión Celta, a carón da estación de trens. Cun empresario vai até Baiona e até o castro de Santa Trega. Despois contacta con varias personalidades do galeguismo. Vai á casa de Xosé María Álvarez Blázquez en Coruxo, onde se celebra unha festa de aniversario, na que coñece a Colmeiro (que daquela vivía en París), Pura Vázquez, Celso Emilio Ferreiro ou o propio Paco Fernández del Riego, relación esta última que levou, moitos anos despois, á tradución do libro. Queda co grupo de amigos de se veren o 25 de xullo en Santiago de Compostela, e mentres tanto recoméndanlle visitar Ourense.

Vai en tren até a cidade das Burgas. Alí contacta con Xesús Ferro Couselo, quen está asistindo a un congreso de arqueoloxía. Xunto con el, Florentino López Cuevillas e Xaquín Lorenzo visita un poboado castrexo, e despois a catedral -da que dá unha detallada descrición- e o Museo Arqueolóxico Provincial, onde ve esculturas de Faílde, a quen coñece ao día seguinte. Xunto cos arqueólogos, e grazas a que Eleuterio González Salgado lles consegue un coche, vai coñecer os mosteiros de Oseira, Celanova -xunto coa capela de San Miguel e o santuario da Virxe do Cristal en Vilanova dos Infantes-, o de Santo Estevo de Ribas de Sil e o de San Pedro de Rocas.

O 23 de xullo vai en tren con Paco del Riego e Isidro Maiztegui até Santiago de Compostela, coincidindo coas festas do Apóstolo. A autora explica a lenda dos restos do Apóstolo Santiago e a creación do Camiño de Santiago, explicando que até a adopción do protestantismo e a aparición da Igrexa anglicana eran numerosos os peregrinos ingleses que viñan en barco. Desde a estación de tren van en autobús á praza de Galicia e logo van ao bar Derby. Alí reencóntrase cos grupos de Coruxo e Ourense, e coñece a Ramón Otero Pedrayo, Ramón Piñeiro, Xosé María Castroviejo, Perfecto López e Manuel María. Hospédase preto da catedral, e ao día seguinte vai ver os xigantes á praza da Quintana, e despois visita a catedral, o que lle dá pé para falar do pórtico da Gloria, da zanfona e de Faustino Santalices. Á noite entraron no pazo de Raxoi, de cara á praza do Obradoiro, para ver os fogos artificiais.

O día 25 foi á misa na catedral, mentres os galeguistas ían á misa en galego que se celebraba en San Domingos de Bonaval. Logo na Alameda visitou a feira de gando e probou o polbo á feira, e despois foron xantar no Hotel Compostela. Explica entón o paso de Xoán de Gante por Galicia. Despois visitou a Universidade, a capela das Ánimas en Casas, Reais, a colexiata do Sar e a Alameda. Conta que alí, ao pé da escultura de Rosalía de Castro, algún home lle botou algún piropo, que ela rexeitou con palabras de reproche.

Foi en autobús até Carballo e desde alí até Corme (Ponteceso), onde se hospedou dous días e sufriu un arrefriado. Cando se repón, sae pasear polo monte até Balarés, onde cea, e á volta asiste a unha cerimonia de bautismo anticipado. Desde alí vai en camioneta até Laxe, onde colleu o bus até A Ponte do Porto e alí outro até Camariñas. Viu como unhas mulleres facían encaixe de bolillos, e un home levouna en barca até Muxía, onde non puido visitar o Santuario da Virxe da Barca por estar pechado. Desde Camariñas vai no coche de liña a Berdoias, e alí toma o ómnibus até Fisterra. Nesta vila está con Francisco Esmorís Recamán, a quen coñecera en Ourense no congreso de arqueoloxía. En Muros contacta co rexistrador da propiedade Xesús Fabeiro, quen lle ensina a vila, e despois visita Noia.

Mentres agarda polo seu prometido Robert, que chega en barco a Vigo, vai até a illa da Toxa e reserva estancia no hotel. Pasa uns días en Sanxenxo, onde observa unha pastequeira curarlle un aire a un neno. Xa co seu mozo, visitan o mosteiro de Santa María da Armenteira, a península do Grove, A Illa de Arousa e Pontevedra. O 30 de agosto estiveron na romaría da ermida da Nosa Señora da Lanzada, e o 8 de setembro foron á romaría da Franqueira.

A seguir foron en autobús desde Vigo até Lugo, onde coñece a Xosé Fernández López. Foron en coche con Antonio Rosón pola estrada N-VI até Becerreá, onde un tratante de gando lles explica a existencia da rapa das bestas de Sabucedo. Despois Rosón levounos en coche até San Martín, onde os acolleu un seu curmán. Camiñaron até Quindous, onde xantaron, e seguiron até Piornedo, onde se hospedaron nunha palloza. Alí tiveron que pasar varios días, pois no camiño Robert escordara un nocello.

Van por Xantes até A Degarda, onde se supoñe que os vai recoller Antonio Rosón, mais este non aparece. Pasan alí a noite, e ao día seguinte van á Ponte de Doiras, desde onde ven o castelo de Doiras. Alí colleron o autobús a Liber, no que pasaron a noite, e ao día seguinte chegaron á fin a Becerreá. Rosón díxolles entón que os había levar até O Cebreiro, pero de novo non apareceu, se ben conseguiron que un home os levase a visitar da man do cura o Santuario de Santa María a Real do Cebreiro, a última visita antes de regresaren a Lugo e a Vigo para volveren a Inglaterra.

Tradución[editar | editar a fonte]

En 1957 Paco Fernández del Riego remitiulle a Luís Seoane un exemplar do libro en inglés animándoo a que se traducise e publicase na Editorial Citania[3].

Notas[editar | editar a fonte]

  1. S. G. Rial (30/10/2011). "Nina Epton, la escritora inglesa que descubrió la Costa da Morte". La Voz de Galicia (en castelán). 
  2. Ficha do libro na Rede de Bibliotecas de Galicia (consultado o 30 de agosto de 2017).
  3. Carta de F. Fdez del Riego a Luís Seoane, 5 de agosto de 1957.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]