Faustino Santalices

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Faustino Santalices
Faustino santalices.jpg
Nacemento19 de novembro de 1877
Lugar de nacementoA Granxa
Falecemento6 de decembro de 1959
Lugar de falecementoMadrid
NacionalidadeEspaña
Alma máterUniversidade de Santiago de Compostela
Ocupaciónmúsico
Na rede
Musicbrainz: 14e5787d-3a03-482e-8fcb-796555100593 Discogs: 2172079 Editar o valor em Wikidata
editar datos en Wikidata ]

Faustino Santalices Pérez, nado na Granxa (Cadós, Bande) o 16 de novembro de 1877 e finado en Madrid o 6 de decembro de 1960, foi un gaiteiro galego e o investigador máis importante de zanfona na primeira metade do século XX.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Formación[editar | editar a fonte]

Estudou Dereito na Universidade de Santiago de Compostela, onde coñeceu a Ramón Cabanillas. Despois de licenciarse, ingresou no Ministerio da Gobernación e foi destinado a Soria, onde viviu ata 1914 antes de regresar a Ourense. En 1918 casou con Rosa Muñiz, que o acompañou nas súas actuacións e gravacións. En 1924 foi nomeado Secretario do Goberno Civil de Ourense.

Como gaiteiro, el mesmo afirmaba ter sido alumno de Manuel Castro González, O gaiteiro de Penalta, inmortalizado por Curros Enríquez.[1] Faustino escoitoulle tocar a zanfona a un cego cando neno e ficou prendado dela. Mais durante o último terzo do século XIX este instrumento estaba en vías de desaparición mesmo no ámbito popular e apenas podía verse nalgunha romaxe. Faustino colaborou co folclorista Casto Sampedro Folgar, apuntándolle os seus coñecementos. En 1922 comezou a colaborar como gaiteiro na Coral de Ruada e logo con Os Enxebres. No 1927 gravou dúas pezas coa zanfona.

Guerra e posguerra[editar | editar a fonte]

Durante os anos da guerra construíu moitas gaitas, que regalou a soldados galegos. Posteriormente foi trasladado a Barcelona e logo a Madrid en 1944, onde colaborou coa agrupación artística Rosalía de Castro e, en 1949, editou en Madrid un disco completo, intitulado Gravaciones históricas de zanfona. Tamén escribiu o primeiro libro español sobre este instrumento, La zanfona (1956), que está baseado no método francés de Michel Corrette (1738) e mesmo inclúe algunhas das súas ilustracións.

Colaborou tamén en periódicos e revistas como Finisterre, Revista de Galicia, Faro de Vigo etc. Foi importante tamén a conferencia que deu en Santiago en 1952 con motivo da inauguración do Pazo de Xelmírez e no recital-homenaxe a Ramón Menéndez Pidal, en 1954, no que deu a coñecer o Romance de don Gaiferos de Mormaltán.

Co apoio da Deputación de Lugo, fundou nesa cidade un Taller-Escola de Instrumentos Galegos en 1951, grazas ao patrocinio do empresario Antonio Fernández López.[2] Nela contou coa axuda do gaiteiro Paulino Pérez e formou artesáns, como o monfortino Amadeo Goyanes, fundamentais para que a tradición da zanfona non se perdese. Ao ano seguinte gravou catro discos, que posteriormente reeditou e refundiu nun único traballo chamado Faustino Santalices.

Dende principios dos anos 90 ten unha rúa dedicada en Pontevedra. O grupo Milladoiro reinterpretou o "Alalá das Mariñas" no disco O niño do Sol, aparecendo na canción a voz e zanfona de Faustino Santalices.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "O gaiteiro de Penalta". VIGOFOLK. 2010-02-01. Consultado o 2022-06-03. 
  2. García Bilbao, Julio (1996). "Averiguaciones sobre la zanfona de Faustino Santalices" (PDF). Anuario da gaita (11): 64-65. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 26 de agosto de 2021. Consultado o 18 de xuño de 2021. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]