Ermida da Nosa Señora da Lanzada

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

Coordenadas: 42°25′47″N 08°52′37″O / 42.42972, -8.87694

Lateral view of A Lanzada Chapel, Sanxenxo, Galicia (Spain).jpg

A ermida da Nosa Señora da Lanzada é unha pequena capela situada na parroquia de Noalla, en Sanxenxo, construída no século XII en estilo románico tardío. Aséntase sobre o extremo máis occidental dunha punta que se introduce no mar, nas inmediacións dos restos dunha fortaleza medieval, coñecida como a torre da Lanzada e á beira do castro da Lanzada.

Orixe[editar | editar a fonte]

O lugar, antes illa e hoxe istmo, estivo habitado dende tempos remotos, testemuño disto son os innumerábeis restos achados tanto no antigo poboado castrexo coma na necrópole que se atopa nas inmediacións con numerosos restos romanos. No lugar atopábase presuntamente un faro fenicio ou quizais romano.

A capela románica construíuse sobre os restos dunha outra igrexa máis antiga ligada á fortaleza construída no século X para defender, xunto as Torres de Oeste en Catoira e as de Cambados, as terras de Santiago de Compostela dos invasores viquingos e normandos.

O lugar foi máis adiante de batallas entre Dona Urraca e o arcebispo Diego Xelmírez até quen o século XIII foi destruída polos árabes. Posteriormente foi reconstruída máis robustamente. Xa no século XV foi seriamente danada polas revoltas Irmandiñas. Por fin no século XVI ficou definitivamente abandonada. Actualmente só se conserva os restos dunha das torres e mais a ermida.

Características arquitectónicas[editar | editar a fonte]

A fachada principal é moi sinxela e os únicos adornos son un pequeno falso arco apuntado ou de descarga no lintel da porta e un rosetón. Na fachada posterior áchase a ábsida, de forma semicircular e con catro columnas embutidas. As fachadas laterais son tamén moi sinxelas, salientando os canzorros do beirado. Nunha delas existe unha segunda entrada cun arco de medio punto. A cumieira remátase con cruces gregas.

A planta é rectangular, cunha soa nave en dous treitos separados por un arco sobre piares. Unha bóveda lixeiramente apuntada forma la cuberta da nave maior. No interior saliente o retablo barroco onde se atopa a imaxe da virxe da Lanzada.

A Lanzada na cultura popular galega[editar | editar a fonte]

Lendas[editar | editar a fonte]

Coma moitos outros castros cristianizados, a capela atópase no lugar onde seguramente un deus pagán fora venerado, moi posibelmente relacionado coa fertilidade. De feito na zona hai tres dolmens. Os ritos son seguramente precristiáns.

Así, a capela relaciónase dende a antigüidade co rito da fecundidade do baño das nove ondas na praia da Lanzada. Na última fin de semana de agosto celébrase a romaría da Virxe da Lanzada. Na noite do sábado acoden centos de mulleres que desexan acabar coa súa infertilidade, para iso deben someterse ao baño das nove ondas á media noite. No amencer teñen que ir á ermida e varrer o chan para desfacer todo tipo de meigallos e males de ollo e, a seguir, realizar a ofrenda á virxe. Trala misa faise a procesión. Tamén é común que o baño sexa na noite de San Xoán e non só para obter fertilidade senón para curar doentes e incluso animais.

Existe outra lenda de fecundidade que consiste en pór ofrendas florais no chamado leito da virxe, unha rocha que se atopa na rompente da ermida. Antigas lendas aseguran a existencia de túneles que comunicaban a costa coas illas Ons.

Os mariñeiros tamén solicitan os favores da virxe para os protexer dos perigos do mar, mostra disto dan os exvotos en xeito de miniaturas de barcos pendurados no interior da capela.

A Virxe da Lanzada na literatura popular[editar | editar a fonte]

  • Indo polo mar abaixo/ o vento rachoume a vela./ Miña Virxe da Lanzada/ dame pano para ela [1].
  • Madre de Dios da Lanzada,/ madre de Dios lanzadeira,/ éntrache o sol pola porta,/ sáleche pola vidreira [2]
  • Miña Virxe da Lanzada/ bota castañas abaixo,/ anque non teño mantelo/ collereinas no refaixo.
  • Nosa Virxe da Lanzada/ que altiña que se foi pór,/ dalle o aire, dalle o vento,/ dalle o mar polo arredor [3].

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Lino Lema Bouzas (compilador): Ditos e cantigas mariñeiras. I Encontro de embarcacións tradicionais, Galicia 1993, 14. No texto: dáme.
  2. Fermín Bouza-Brey: "Cantigas populares da Arousa", en Arquivos do Seminario de Estudos Galegos III, 1929, 153-204 [en facsímile II], 183. No texto: pol-a.
  3. Fermín Bouza-Brey: "Cantigas populares da Arousa", en Arquivos do Seminario de Estudos Galegos III, 1929, 153-204 [en facsímile II], 185. No texto: pôr, pol-a.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]