Mosteiro de San Pedro de Rocas

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

Coordenadas: 42°20′32″N 07°42′48″O / 42.34222, -7.71333

San Pedro de Rocas (Esgos, Galiza).jpg

O mosteiro de San Pedro de Rocas foi un convento situado na parroquia de Rocas, no concello de Esgos, a 657 metros de altitude, no monte Barbeirón. Está rodeado dunha densa superficie forestal que agocha vales, camiños empedrados, formacións rochosas diversas e fontes.[1] É o mosteiro máis antigo de Galiza, amais de ser un singular exemplo de igrexa rupestre, escavada na rocha viva [2].Está declarado Ben de Interese Cultural.

Este conxunto está incluído na ruta de sendeirismo PR-G4 Camiño Real de San Pedro de Rocas. A casa prioral alberga o Centro de Interpretación da Ribeira Sacra e da Vida Monástica de San Pedro de Rocas.[1][3]

Historia[editar | editar a fonte]

Lápida fundacional

A súa orixe remóntase ao século VI, do que dá testemuña unha lápida do ano 573 cunha inscrición na que figuran os nomes dalgúns dos monxes fundadores (Hereditas, N... Eufraxi, Eusani, Quinedi, Eeaci, Flavi, Ruve), aos que se refire como "os herdeiros", o que induce a pensar que o mosteiro fora construído con anterioridade. Esta lápida supón, ademais, unha proba da existencia de vida cenobítica en Galiza anterior aos mosteiros mozárabes e aos fundados por san Froitoso[Cómpre referencia].

Este primitivo mosteiro quedou deserto coas invasións musulmás ata que, a finais do século IX, un cabaleiro chamado Gemondus descubriu este lugar durante unha xornada de caza cando perseguía un xabaril e se retirou para facer vida de oración e penitencia. A el uníronselle outros cabaleiros e creouse unha pequena comunidade baixo a súa autoridade como abade deste mosteiro.

San Pedro de Rocas foi moi favorecido por Afonso III o Magno, que dotou este cenobio de grandes doazóns (confirmadas por Afonso V o Nobre e ás que seguiron as doutros reis como Afonso VII, Fernando IV e Henrique III), e instaurou nel a regra beneditina.

Durante séculos, San Pedro de Rocas pasou por diversas dependencias, en ocasións vinculado ao mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil e noutros momentos con priores autónomos, ata que no século XV o priorado de San Pedro de Rocas quedou unido ao mosteiro de Celanova definitivamente. Trala desamortización, o antigo mosteiro converteuse en parroquia.

Sufriu varios incendios, o primeiro no século XI cando era o seu abade Aloito, outro no ano 1641, que destruíu o edificio conventual, dando lugar na súa reconstrución ao actual, e o último, que produciu o seu abandono, a principios do século XX.

O 20 de setembro de 1923 foi declarado Monumento Histórico-Artístico.

Arquitectura[editar | editar a fonte]

O templo actual é un edificio de construción robusta, do século XVII. Entre este e a fachada da igrexa románica hai varios sepulcros antropomorfos escavados no chan, onde se supón que se atopaba o claustro monacal e o camposanto. O que máis chama a atención do exterior e dá nome ao lugar é un campanario, obra de Gonzalo de Penalva no século XV, construído sobre unha pena duns 14 metros de altura e tallada cunha escalinata na parte posterior que permite subir a el. Nesta mesma pena está escavado un arco que dá paso a un espazo rectangular pechado por un muro e empregado ata hai pouco como cemiterio parroquial.

Da igrexa só quedan as paredes, foi construída utilizando como un dos muros o paramento das tres capelas trogloditas, que aparecen abertas na rocha da vertente do monte, como se fosen construídas para refuxio e templo dos eremitas que alí iniciaron a vida de retiro, e comunicadas entre si por arcos decorados por columnas acaroadas e capiteis labrados na mesma rocha. Os arcos de entrada a estas capelas teñen columnas acaroadas con nácelas, bezantes e capiteis labrados tamén na rocha en que están abertas as capelas. As capelas están cubertas con bóvedas de canón, que é a forma dada á rocha na súa parte superior.

A capela central, de maiores dimensións, ten unha abertura circular, como falsa cúpula con lanterna, que chega ata o cumio da montaña, recibindo por ela a luz do día. Aínda se conservan os altares primitivos en forma de mesas. A bóveda desta nave sufriu un reforzamento no século XVI por medio dun arco.

No muro da capela da esquerda, atopamos un oco no que se cre que estaba o sepulcro do cabaleiro Gemodus. Nel atopouse unha pintura mural ao fresco, datada entre 1175 e 1200, que amosa imaxes dos apóstolos e un mapamundi. Na nave da dereita hai dous sepulcros que as lendas asignan a Gondamáriz e Oveco Seixas, mortos en combate contra Bermudo II.

O chan está tallado con sepulcros antropomórficos, incluso algún de reducido tamaño que debeu pertencer a un cativo. No interior do templo soterrábanse os nobres e os abades e no exterior os persoeiros de menor categoría. Son a testemuña arqueolóxica dunha antigüidade impresa nas capelas hipoxeas, reliquia única da vida eremítica existente en Galiza no século VI. A isto cabe unir a orixinalidade da grande rocha empregada como campanario, en medio do amplo val.

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Ao sur da igrexa áchase o edificio do antigo priorato, do século XVII, en cuxa construción posiblemente se empregaron os restos do antigo mosteiro, que foi reconstruído. 
Capela Maior da igrexa, escavada na rocha. 
Parte da fachada da antiga igrexa rupestre co arco románico de entrada á capela da Epístola, e o nicho cos sepulcros de dous cabaleiros xacentes. 
Nave da Epístola. 

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 "Monasterio de San Pedro de Rocas". Ribeira Sacra. Consultado o 28 de xuño de 2019. 
  2. Franco Taboada, José Antonio. (2009). Igrexas dos mosteiros e conventos de Galicia : descrición gráfica das declaradas monumento. Dirección Xeral do Patrimonio Cultural. ISBN 9788445348116. OCLC 688394761. 
  3. "Centro de Interpretación da Ribeira Sacra e da Vida Monástica de San Pedro de Rocas". centrointerpretacionribeirasacra.com (en castelán). Consultado o 28 de xuño de 2019. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]