Catedral de Ourense

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Catedral de Ourense
Catedral de Ourense - Cabeceira.jpg
Cabeceira da catedral de Ourense.
Datos xerais
Tipo Catedral
Advocación Martiño de Tours
Localización Ourense
Coordenadas 42°20′11″N 7°51′46″O / 42.33644444, -7.86286111Coordenadas: 42°20′11″N 7°51′46″O / 42.33644444, -7.86286111
Catalogación Monumento Nacional (1931)
Culto
Culto Igrexa católica
Diocese Ourense
Arquitectura
Construción 1160 - c. 1230 [1]
Estilo Románico e gótico
Catedral de Ourense en Galicia
Catedral de Ourense
Catedral de Ourense
Localización da Catedral no mapa de Galicia

A catedral de Ourense, baixo a advocación de San Martiño, é un templo católico situado na cidade de Ourense, sede da diocese do mesmo nome. É de estilo románico de transición con influencias cistercienses nalgúns aspectos arquitectónicos e mateanos no eido escultural, pero no que se realizaron numerosas modificacións posteriores.

O templo foi construído como unha fortaleza defensiva, como adoitaba facerse nos edificios relixiosos da época. Pódese comprobar esta concepción na estrutura das torres orixinais e nas ameas que coroaban os muros, das que aínda queda algunha mostra se ben a maioría foron eliminadas durante as reformas posteriores.

Foi declarada Monumento Nacional o 3 de xuño de 1931 e recibe os honores de basílica desde 1867, por Breve Pontificio do papa Pío IX asinado o 30 de xuño dese ano [2]. Está rexistrada como Ben de Interese Cultural co código RI-51-0000771.

Orixes[editar | editar a fonte]

Segundo a narración do historiador da igrexa Gregorio de Tours (538-594), a catedral de Ourense ten a súa orixe nun templo que mandara construír a mediados do século VI o monarca suevo Carriarico (rei de Galicia entre os anos 550 e 559). Este rei tiña un fillo enfermo de gravidade [3] e, coñecedor dos milagres que obraba San Martiño, pediulle a curación do fillo entregándolle diversos obxectos de ouro e prata. Como o fillo non sanara, Carriarico mandou levantar unha igrexa en honor ó santo e conseguiu que lle mandaran reliquias do santo desde Tours, e agora si que curou totalmente; simultaneamente, cesou de socato un andazo de cólera que azoutaba o seu reino. Ante tal milagre, o monarca e a súa corte convertéronse ó cristianismo.[4]

A creación da diocese de Ourense pode situarse ó redor do ano 433 [5] O primeiro bispo documentado foi Vitimiro [6], que asiste en calidade de tal ó Segundo Concilio de Braga, no ano 572.[7]

As incursións dos musulmáns a finais do século IX destruíron o templo -e a cidade- pero, ó pouco, o rei Afonso III o Magno costeou a reconstrución dun templo dedicado á Virxe, a San Xoán e a San Martiño, entre os anos 886 e 889, pero Almanzor volveu destruír a cidade no 988, quedando vacante o bispado durante case un século.

Por fin, Sancho II comeza a restauración definitiva da cidade cara o ano 1071. Nomea bispo a Ederonio, quen ordena en 1084 a construción dun novo templo con funcións de catedral sobre as ruínas da antiga igrexa sueva, templo que se erixe onde hoxe se levanta a igrexa de Santa María Nai, preto da Praza Maior [8]. Parece ser que esta igrexa cumpriu nun principio funcións de catedral en tanto se construía a definitiva, aínda que as súas reducidas dimensións non permitía desenvolver o culto satisfactoriamente.[9]

Tempo despois, Tareixa de Portugal renova en 1122 o título de cidade para Ourense e confirma o couto da catedral, ampliado logo por Afonso VII. Este notable incremento dos ingresos no bispado permitiu afrontar a construción dun novo templo, xa en plena época do románico, que será a actual catedral de Ourense. Foron os bispos Diego de Velasco (1100-1132) e Martiño (1132-1156) quen decidiron as obras. Baixo o bispado de Pedro Seguín (1157-1169) levántanse as ábsidas e continúan a construción os seus sucesores Adán (1169-1173) e sobre todo Afonso (1174-1213), que a consagra con reliquias traídas de Tours, en 1188[10]. A consagración realizouna Gadino, arcebispo de Braga, coa presenza dos bispos das dioceses limítrofes (Lugo e Tui); o propio rei Fernando II foi quen conseguiu que se trouxeran as reliquias de San Martiño desde Tours.

Rematouse a obra a mediados do século XIII, co bispo Lourenzo (1218-1248), coa construción do Pórtico do Paraíso.

Construción[editar | editar a fonte]

Vista panorámica da fachada sur.

Poden diferenciarse tres fases:

  • Na primeira fase, Diego de Velasco e Martiño comezan a construción, e Pedro Seguín levanta a ábsida maior (e probablemente as laterais). As ábsidas laterais foron derruídas no século XVII cando se construíu o deambulatorio.
  • Na segunda fase, o bispo Afonso impulsa decididamente as obras e conclúe as ábsidas laterais cerrando así a cabeceira; constrúese tamén o transepto e os pórticos norte e sur, e os dous primeiros tramos da nave principal. Realiza a consagración do altar maior. No eido escultórico, compróbase a presenza nesta fase de escultores procedentes da escola do Mestre Mateo, ós que se deben os pórticos sur e norte.
  • Na terceira e última fase, o bispo Lourenzo conclúe as obras, rematando a nave principal coa construción do Pórtico do Paraíso.

No século XIV comeza a construción do claustro (a Claustra Nova), que nunca se rematou. O ciborio é moi posterior, construíndose nos primeiros anos do século XVI, en estilo gótico.

No século XVI realízanse as reformas máis substanciais. A consecuencia das loitas entre o conde de Benavente, Rodrigo Alonso de Pimentel, e o de Lemos en 1471[11], a catedral resultou seriamente danada, o que motivou que o Cabido afrontase unha restauración en profundidade, xa que a basílica "está muy sentida e desplomada e peligrosa para caer e ansy esta apuntalada e zinbrada e se tiene temor e sospecha que benga presto a se caer e fenecer" [6]. Estas reformas afectaron á fachada occidental, á fachada norte, á nave sur do transepto etc.

O deambulatorio constrúese entre 1620 e 1633, coa consecuencia, como xa se dixo, do derrubamento das ábsidas laterais. A torre das Campás tomou a forma actual entre o XVII e o XVIII. A capela do Cristo construíuse en pleno barroco.

Á marxe destas actuacións principais producíronse constantes reformas e ampliacións ó longo dos séculos, como aconteceu con tódalas catedrais, ata ben entrado o século XX. Así, na catedral mestúranse elementos románicos, góticos, renacentistas, barrocos e neoclásicos.

Descrición[editar | editar a fonte]

A catedral ten unha planta típica de cruz latina con tres naves lonxitudinais, maior e dúas laterais, o cruceiro -dunha soa nave- e a ábsida central, única que se conserva, e parcialmente mutilada. Carece de galería ou triforio.

A disposición é a característica das igrexas de peregrinación, como a catedral de Santiago. De feito, Ourense é cidade de paso da Ruta da Prata, un dos Camiños de Santiago, pola que acceden a Compostela os peregrinos procedentes do sur e sueste da Península Ibérica[12].

Orixinalmente tivo un coro no comezo da nave central, pero foi desmontado en 1937 para ser colocado na capela maior e na capela do Santo Cristo, ademais dalgunhas pezas noutras dependencias da catedral.

O desenvolvemento urbanístico da cidade ó redor da catedral privou a esta de espazos libres ó seu redor de amplitude suficiente para poder apreciar o edificio no seu conxunto. Non hai moitos anos derrubáronse varias edificacións que había acaroadas á cabeceira, co que se despexou a vista desa parte do templo. Tamén as había e houbo que derrubalas, no muro sur da nave maior, cara o pé da igrexa.[13]

Fachadas[editar | editar a fonte]

A catedral de Ourense abre á praza de San Martiño, polo Oeste; á rúa Juan de Austria, polo norte; e á praza do Trigo, polo sur. A cabeceira dá á antiga praciña das Flores (hoxe praza de Los Suaves [14]) e rúa da Unión.

Fachada norte[editar | editar a fonte]

Portada norte.

A actual fachada norte non é a orixinal, xa que sufriu danos cando o conde de Benavente atacou a cidade en 1471. Foi restaurada ó pouco tempo e de aí a presenza de elementos de factura gótica mesturados cos románicos. A portada presenta tres pares de columnas, das que as dúas interiores presentan cadansúa estatua (en moi mal estado); á dereita, a columna exterior presenta estrías helicoidais e, na parte superior da segunda, unha figura humana incompleta. As arquivoltas presentan decoración vexetal e animal, pero as dúas externas foron labradas na restauración do XVI; na interior aparece Cristo mostrando as chagas das mans, na doela central, e seis anxos a cada lado portando os instrumentos da Paixón e filacterias [15]; a cara inferior desta mesma arquivolta presenta outros trece anxos. O arco interior da porta é polilobulado, con varios arquiños en cuxo intradorso se tallaron parellas de figuras humanas, excepto nos arquiños inferiores, nos que aparecen pequenas figuras de feros animais. O correspondente á clave é un anxo decapitado que porta un crecente lunar. As figuras dos anxos astróforos foran introducidas polo Mestre Mateo na cripta da catedral compostelá[16].

Son especialmente interesantes os capiteis, decorados con figuras antropomorfas e seres mitolóxicos (centauros, sereas etc.) [17], así como as mochetas.

No corpo superior desenvólvese un tímpano semicircular no que se representa a Piedade no centro (a Virxe con Cristo morto) e as figuras de san Xoán e a Magdalena ós lados. Á esquerda, a imaxe de San Martiño a cabalo, acompañado do mendigo, e á dereita Santiago e San Pedro. Nos extremos, o escudo dos Reis Católicos -á dereita- e o dos Fonseca -á esquerda-. Nunha fila superior, unha cruz no centro e catro anxos portando cálices, látego e lanza, e outros dous anxos, a un nivel un pouco inferior, portando incensiarios.

Separa as arquivoltas do tímpano unha imposta corrida adornada con pequenas figuras humanas e animais e motivos vexetais. No extremo esquerdo da imposta (entre as arquivoltas e o tímpano) os canteiros labraron tres figuras humanas núas, estando a central de costas ó espectador e mostrando o cu; no extremo dereito, unha parella núa le un libro.

Finalmente, sobre o tímpano, ábrese un gran rosetón.

Fachada sur[editar | editar a fonte]

A portada sur é a mellor conservada. É semellante á da fachada norte aínda que con menor decoración [18]; aínda así, Murguía escribiu o seguinte:[19]

"É dun carácter tan acusado e enérxico que non coñecemos cousa que se lle semelle en Galicia polo belo do conxunto e o franco e acentuado dos detalles"

No primeiro corpo da fachada ábrese a portada. Está formada por tres arquivoltas decoradas con arquiños de ferradura a exterior, motivos vexetais a intermedia e 12 anxos portando filacterias a interior. As seis columnas son lisas, sen decoración ningunha. Sobre a portada, un gran arco de medio punto cego e sobre el un beirado con 10 arquiños e diversa decoración. Máis arriba, no segundo corpo, un rosetón, máis traballado có da portada norte; suponse que foi construído nas reformas do XVI.

A fachada sur complétase á dereita coa torre do reloxo, reconstruída e elevada entre 1515 e 1548 sobre a anterior torre, e á esquerda coa primitiva torre defensiva da Catedral, seguida por unha fila de ameas.

Fachada occidental[editar | editar a fonte]

Fachada occidental.

A fachada occidental lembra a construción da fachada da catedral de Santiago como nártice ou pantalla protectora do Pórtico do Paraíso. Orixinalmente abría a un espazo a modo de balconada sobre a praza de San Martiño e carecía de portas, que non se colocaron ata o século XVI. Esta falta de acceso ó exterior non se solucionou ata 1981, cando rematou a construción das escaleiras polas que se accede á catedral desde a praza a través dun paso elevado sobre a rúa das Tendas [20]. En todo caso, este acceso da portada occidental á rúa só afecta á porta principal -dobre- mentres que as portas laterais seguen abrindo a un balcón pechado por balaustrada.

As reformas realizadas no XVI por Rodrigo Gil trouxeron consigo a redución na altura dos arcos das portas laterais, convertendo nun rosetón os devanditos arcos (véxase a fotografía) e completando a fachada cuns arcos de medio punto, con decoración moi simple. Tamén afectaron ó arco central, que se dividiu en dous colocando un parteluz central, culminado coa estatua do rei David; tamén este arco central foi rebaixado.

Distribúese en tres arcadas apuntadas. Na central, un ventanal acristalado fai as veces de tímpano baixo un arco formado por tres arquivoltas: a interna está formada por arquiños trilobulados que acollen 17 pequenos anxos; a intermedia mostra ornamentación vexetal e a externa unha sucesión de pequenos arcos cegos [21]. Sobre este corpo ábrese un amplo rosetón, máis ben un gran óculo. Sobre as portas laterais ábrense dous pequenos rosetóns en cada rúa, dos que o inferior é, en realidade, resultado de cegar o elevado arco que acollía as portas laterais.

A construción orixinal daba a esta fachada un aspecto simétrico, flanqueada por dúas torres de función defensiva e pouco elevadas. As obras de restauración realizadas nos séculos posteriores romperon esa simetría. Hoxe, á esquerda, érguese a Torre das Campás, que foi reformada por Pedro de Arén no XVII, reforzando o grosor dos muros dos corpos inferiores, románicos, e construíndo outros dous corpos máis, ata alcanzar unha altura de 40 metros; a finais do XIX foi necesario reforzar a base para solucionar unhas gretas que se produciron con ocasión do terremoto de Lisboa de 1755. Á dereita, a torre de San Martiño (así chamada por ter unha pequena figura do santo na esquina), que se comezou a erguer no XVI cando as reformas de Rodrigo Gil, pero nunca chegou a rematarse.

Non é certa a afirmación de Ángel del Castillo de que "A fachada principal é, en gran parte, moderna, conservando da antiga un fermoso rosetón", ou que a portada románica "está embebida na fachada nova". As reformas realizadas conservaron practicamente a fachada orixinal, co engadido dos contrafortes sobre ela.

Os patíns[editar | editar a fonte]

A ámbolos lados da Catedral ábrense dous patíns, ambos pechados. O do sur, que pecha a entrada á fachada sur, é o máis antigo (1673) e construído polo canteiro Amaro Estévez. En 1785 foi pechado mediante un muro con balaústres polo arquitecto Frai Plácido Iglesias, quen tamén planea nese mesmo ano o patín norte pero que constrúe o mestre de obras Baltasar Gamayo. A balaustrada pecha non só o patín senón tamén o espazo entre este e a Torre das Campás.

Naves[editar | editar a fonte]

As naves presentan bóvedas de crucería simple, con baquetóns na nave central e de arestas nas naves laterais.

Na nave maior, de nove tramos, obsérvanse diferenzas construtivas a partir do terceiro tramo, diferenzas máis evidentes nos muros exteriores, tal como se indicou anteriormente. Así, as ventás son menos altas, os contrafortes son máis simples (e perden o arco de medio punto que os unía nos dous primeiros tramos), desaparecen os motivos ornamentais nos muros e, sobre todo, destaca o feito da maior altura da nave a partir dese terceiro tramo. As métopas do lado norte están decoradas con motivos vexetais con tratamentos diversos; tamén no lado sur, pero cara o final son significativamente simples (quizais por seren colocadas durante a restauración do século XVI). No interior, os capiteis que soportan os arcos formeiros dos tres primeiros tramos están decorados con follas lisas pero nos seguintes son follas talladas de diferentes tipos. Outros capiteis, acaroados ó muro, comezan mostrando motivos vexetais para pasar nos tramos centrais a motivos zoomórficos e seres mitolóxicos.

Os piares que separan as naves central e laterais, son cruciformes e os capiteis están decorados con motivos vexetais e de caza, aínda que no cruceiro hai un no que se quere ver unha Epifanía. Os capiteis medievais da nave sur foron substituídos a partir do quinto tramo por Rodrigo Gil de Hontañón a mediados do século XVI na restauración xa mencionada. Os que se colocaron nesa ocasión son moi simples, formados por un tambor con estrías verticais.

Sarcófagos na nave maior da catedral.

No lado sur dos tramos cuarto e quinto construíronse catro sarcófagos para outros tantos bispos. Avanzando desde os pés da igrexa hai tres dotados de cadeanseu arcosolio de medio punto: Ávaro Pérez de Biedma, frai Alonso de Noia e outro que pode ser Francisco Afonso ou Gonzalo de Aza; e un cuarto, máis elaborado e baixo un arco en mitra, que se identifica como o bispo Lourenzo (m. 1248), segundo Chamoso Lamas, ou o bispo Pedro Yáñez de Novoa (m. 1308), segundo Moralejo.

No lado norte ábrense outros dous sartegos, un coñecido como da Infantina, a filla do Infante Filipe de Castela e dona Margarita de la Cerda; e outro do bacharel Afonso González de Padrón [22], cóengo de Compostela e de Ourense, finado en 1460.

As naves do transepto constan de catro tramos a cada lado, con bóvedas de crucería e decoración dos capiteis similar ós dos últimos tramos da nave maior.

Na parede oeste do brazo norte do cruceiro ábrese o sepulcro do bispo Vasco Peres Mariño (1333-1343), do que se conta que foi quen trouxo de Fisterra a imaxe da Capela do Cristo, que se abre fronte ó devandito sarcófago.

A seguir, ábrese unha pequena porta que conduce a unha escaleira de caracol pola que se accede ó ciborio e ás cubertas da catedral (na mesma situación do brazo sur so cruceiro hai outra escaleira similar). Sobre esta porta hai un pequeño tímpano que representa o profeta Daniel no foxo dos leóns e, no muro que se levanta sobre ela, ábrense varios óculos irregularmente dispostos, de distinto tamaño e factura, cuxa función é proporcionar iluminación á escaleira. No lugar correspondente do brazo sur do transepto hai un único óculo, simple.

Sobre a porta do brazo sur do cruceiro está a imaxe ecuestre de San Martiño, e sobre a porta norte outra de Santiago Matamoros, ambas talladas no século XVII en tamaño natural.

Cabeceira[editar | editar a fonte]

Orixinalmente estaba formada por tres ábsidas escalonadas, pero as laterais foron derrubadas ó contruír o deambulatorio que, ademais, oculta practicamente a ábsida central, da que só se ve a cornixa, formada por pequenos arcos sobre ménsulas; quedaron ocultas as columnas e os catro ventanais que posuía.

Desde o interior hai dous tramos rectos, o presbiterio, cuberto con bóveda de crucería, apoiada sobre muros lobulados cara o interior separados por columnas acaroadas. Sobre estas columnas apoian os nervios de reforzo da bóveda. O hemisferio que forma este muro interior quedou oculto tras o retablo gótico da capela.

No segundo tramo ábrense os arcos polos que se accedía ás capelas situadas nas ábsidas laterais. Ante a ábsida maior hai un arco de medio punto sobre o que se abre un pequeno rosetón.

O deambulatorio[editar | editar a fonte]

A decisión de construír o deambulatorio foi adoptada a finais do ano 1607 polo cabido catedralicio e o bispo Miguel Ares Canaval, co obxectivo de aumentar o número de capelas abertas na catedral e, por conseguinte, o número de misas. As obras encárganse xa o ano seguinte a Antonio Martínez Araque, pero axiña comezan as dificultades derivadas dos problemas implícitos no desenvolvemento do proxecto, que implicaba o derrubamento das ábsidas laterais, das capelas e altares de Santa Eufemia e dos Santos Facundo e Primitivo. A dificultade de solucionar estes problemas foi atrasando a aprobación do proxecto e o comezo das obras así como, moi probablemente, as penurias económicas.

Finalmente, o arquitecto Simón de Monasterio presenta un novo proxecto, en 1615, que obtén a aprobación do Cabido, aínda que non se lle adxudica a obra ata o 18 de maio de 1618, obra que non comezará ata 1620.

A maiores, a morte prematura do arquitecto, catro anos despois de comezar, trouxo consigo novos atrasos, non concluíndose a obra ata 1633, da man de Pedro de la Sierra.

A construción do deambulatorio respectou a ábsida central pero modificou o seu muro exterior, cunhas columnas dóricas. Consta de sete tramos, dos que os dous extremos se corresponden cos espazos das antigas ábsidas laterais, onde se respectaron as bóvedas, e cinco centrais de nova construción, que posúen bóveda de canón.

Ábrense sete capelas ó deambulatorio, das que cinco son capelas amplas, pechadas por reixas, e dúas son pequenos nichos, pouco profundos, cun altar. Sobre os arcos de acceso ás capelas, o muro está aberto con pequenas ventás. Os retablos das diferentes capelas son da man dos escultores Mateo de Prado, autor do cadeirado do mosteiro de San Martiño Pinario e do retablo maior do mosteiro de Santa María de Montederramo, entre outras obras, e Bernardo Cabrera, que colaboraba habitualmente con aquel.

Ciborio[editar | editar a fonte]

Bóveda do ciborio da catedral.

Sobre o cruceiro levántase o ciborio, tamén gótico, construído polo arquitecto leonés Rodrigo de Badajoz -acabado de chegar desde León- entre 1499 e 1505. Consta documentada a data de 31 de marzo de 1505 como a data da entrega da obra ó Cabido e do pago deste ó arquitecto dunha gratificación de 50.000 marabedís.[23]

Visto desde o exterior, o ciborio ten planta octogonal e tres corpos de altura. Nas paredes ábrense grandes ventanais apuntados no corpo inferior, ventás semellantes pero de menor tamaño no segundo corpo e dous ventanais simples en cada cara do octógono, no terceiro corpo. Polo interior, quizais inspirado no ciborio da catedral de Burgos, a planta cadrada do cruceiro pasa a ser ochavada mediante trompas; a bóveda é esférica e de crucería estrelada. Ante os citados ventanais dos dous primeiros corpos discorren dúas balconadas, con balaustre de madeira. Das esquinas xorden os piares que darán lugar ós nervios da bóveda, e obsérvase decoración a base de figuras de anxos e os doce apóstolos, completándose con escudos, motivos vexetais, ovas e puntas de diamante.

Blanco Amor descríbeo así:

"Sobre o cruceiro flotaba un ciborio case musical de afiadas cresterías góticas, que gardaba tan pouca consecuencia coa intención e coas mans que erixiran a maior parte do resto da fábrica, que, sen dúbida algunha, parecía caído do ceo para suavizar tanta rudeza
La Catedral y el niño, px. 12

Capelas[editar | editar a fonte]

Capela Maior[editar | editar a fonte]

O retablo maior, gótico, é obra de Cornielles de Holanda, quen o talla en 1520. Consta de cinco panos e catro corpos (que se reducen a tres no pano central polo maior tamaño das imaxes). Neste pano central aparecen as imaxes de San Martiño, como patrón de Ourense e titular do templo, e sobre el a da Asunción, copatroa da catedral. O resto do retablo contén diferentes imaxes da vida de Virxe María e de Xesús (o Nacemento de María, a Anunciación, a Visitación, o Nacemento de Xesús, a Epifanía, a Circuncisión, o Bautismo, a Derradeira Cea, a Oración no horto, a Flaxelación, a Crucifixión, o Desencravo, o Enterro e a Resurrección).

O grupo da Piedade, no pano central do primeiro corpo, é o máis destacado pola súa calidade escultórica (probablemente, da man do propio Cornielles). A Virxe María sostén o corpo de Cristo e ós seus lados san Xoán Evanxelista e María Madalena, esta sostendo un tarro cos perfumes que utilizará no embalsamamento.

Nas columnas que separan os panos do retablo colocáronse 36 estatuas de profetas, apóstolos e diversos santos e santas: Abrahám, David, Isaías, Xoán Bautista, os doce apóstolos, san Roque, san Francisco, san Domingos, santa Eufemia, santa Catarina, santa Lucía ou santa Marta, amén doutras figuras non identificadas. Todas estas imaxes protéxense baixo doseletes e foron pintadas de branco no século XIX.

Completan o retablo, lateralmente, outros dous retablos, barrocos, da man do escultor de orixe leonesa Francisco Castro Canseco [24]. Nestes retablos laterais represéntase o martirio dos santos Facundo e Primitivo, así como o de santa Eufemia.

Baixo estes retablos colocouse en 1937 boa parte do cadeirado do coro que ata entón estaba instalado no centro da nave maior, se ben algunhas pezas foron colocadas noutras dependencias da catedral. Este coro, en madeira de nogueira, foi tallado polos escultores Diego Solís, burgalés, e Juan de Angés o Mozo, leonés, a finais do século XV, e mostra influencias de Juan de Juni.

Relevos no frontal do sepulcro do Bispo descoñecido, na capela maior.

Dentro da capela maior están tamén os sepulcros do cardeal Quevedo (finado en 1818), obra do escultor Antoni Solà, e doutro bispo descoñecido (gótico, do século XIV). Este segundo, no lado da Epístola, está considerado como a mellor obra funeraria da Idade Media.[19]

As reixas da Capela maior representan as virtudes (a reixa do norte) e a crucifixión (a do sur). Son obra de Juan Bautista Celma, que as forxou en 1589 á vez que fixo outras para a mesma catedral (capelas do Rosario, da Virxe das Neves e do Santo Cristo, ademais das do coro). O mesmo escultor tallou os dous púlpitos, datados o mesmo ano de 1589, como encargo do arcebispo Juan de Sanclemente, que quixo facerlle este regalo á súa antiga diocese. Son semellantes ós púlpitos da catedral de Santiago de Compostela pero máis sinxelos e construídos en ferro.

Outras capelas[editar | editar a fonte]

Cristo dos Desamparados.

A maiores da Capela Maior, no deambulatorio hai sete capelas, das que, como se dixo, dúas son altares pouco profundos e cinco capelas máis amplas:

  • Altar da Anunciación dos Boan
  • Capela da Conversión de San Pablo ou da Armada
  • Capela da Concepción ou de Santa Isabel
  • Capela da Concepción ou do deán Sotelo y Novoa
  • Capela da Resurrección ou do médico Prada
  • Capela da Asunción ou dos Argiz
  • Altar de San Antonio ou de Álvaro Salgado

Na capela da Asunción ou dos Argiz pende o Cristo dos Desamparados, que se supón era o Cristo venerado na catedral ata que veu o Santo Cristo de Fisterra no século XIV. Trátase dunha escultura románica, especificamente un Cristo en Maxestade, a tamaño natural, tallada en madeira policromada. Presenta os brazos horizontais e as pernas paralelas, cos xeonllos lixeiramente flexionados, unha coroa de grande envergadura, guechos longos, e a cabeza levemente inclinada sobre bo peito, características todas elas que permiten datar a figura nos últimos anos do século XII.

Ó longo da nave maior ábrense outras capelas (de San Lucas, das Neves, de San Xoán), pero entre todas elas a máis rica e venerada é a do Santo Cristo, cunha imaxe moi respectada na cidade.

Capela do Santo Cristo[editar | editar a fonte]

Considérase "a máis fermosa mostra desa polifonía decorativa que é o barroco galego".[25] Foi construída por Juan de Herrera entre 1565 e 1578, sendo bispo Fernando Tricio Arenzana, sobre o que era a antiga sancristía, e ampliada entre 1674 e 1685 por Diego de Arén [26], para acoller e honrar a imaxe milagreira dun Cristo que trouxera, no século XIV, o bispo Vasco Peres Mariño desde Fisterra. Desde un primeiro momento, esta imaxe foi obxecto da devoción popular (segundo Risco, "de moita veneración en toda galicia e norde de Portugal"; "...acode moita xente do norde de Galiza, de Portugal, e doutros lados") e está rodeada de numerosas lendas.

Orixinalmente, o Cristo estaba situado no Altar da Cruz, á entrada á igrexa pola porta norte, para ser trasladado en 1572 á capela do Santo Cristo, de nova construción.

A decoración barroca da estancia corresponde a Francisco Castro Canseco, que a realizou entre finais do XVII e principios do XVIII e que tamén tallou os retablos. No da dereita exponse unha talla da Virxe Branca, en alabastro, datada en 1697. O altar e baldaquino que protexe o Cristo son obra de Domingo de Andrade, a finais do XVII. Como xa se dixo, nesta capela colocouse boa parte do cadeirado do coro da catedral cando foi retirado da nave central.

A escultura do Santo Cristo é do século XIII ou XIV e de autor descoñecido, aínda que a lenda conta que foi esculpida por Nicodemo, xudeu converso que acompañou á Virxe durante a Crucifixión de Xesús e que axudou despois ó Desencravo e o Enterro, polo que é coñecido como un dos Santos Varóns. Despois de pasar de pais a fillos apareceu misteriosamente flotando nas augas da costa de Fisterra. No ano 1741 houbo que arranxar pés e brazos, e foi novamente restaurado en 1779 e 1808.

Xesús Ferro Couselo e Xaquín Lorenzo Fernández describírono deste xeito:[25]

"[...] o tronco presenta unha dureza semellante á da madeira, aínda que asemella recuberta por unha cortiza que parece labra, porén trátase dun tecido forte de liño cunha espesa capa de pintura. A chaga do costado é profunda e pode verse no seu interior un recheo de materia fibrosa como cánabo ou esparto. No peito ábrense extensas chagas modeladas na pasta que o recobre, e no tronco podemos ver pintados un gran número de verdugóns. A parte inferior da caixa torácica está notablemente sinalada. A superior, plana, apenas ten as costelas deseñadas [...]. Os brazos son un dos elementos máis realistas, o que motivou que esta imaxe fose considerada como momia; ofrecen unha armazón interna que semella a osamenta e que está recuberta por unha materia branda envolvida en tea de liño cunha grosa capa de pintura […] As mans atópanse modeladas con tiras de liño [...] e ó apertar os dedos nótase no seu interior unha armazón que semella exactamente as falanxes [...] As pernas non forman un todo co corpo, senón que están realmente penduradas del; a súa unión co tronco está cuberta cun pano de liño. A partir do xeonllo presenta unha dureza semellante á do tronco. Os pés son postizos [...] A cabeza tallada en madeira é dun realismo impresionante. A boca, fondamente aberta, é o que máis contribúe a dar a sensación de morto ó Cristo; a barba, o bigote e o cabelo son postizos. A imaxe mide dous metros de alto e áchase enclavada nunha cruz pintada de verde. Suxeítana tres longos cravos...".

Risco descríbeo como con parte de madeira e parte de pergameu sobre un recheo de trapos e engade que na chaga do costado tén un anaco da corda con que Noso Señor foi atado (Risco: 385), así como que as xentes de Ourense acreditaban que lle medraba o pelo e que coñecían o nome do barbeiro que llelo ía cortar de cando en vez. Cabe lembrar que pelo e barba son de pelo natural [27]. O Cristo tiña os brazos articulados e era desencravado o Venres Santo, para ser colocado dentro dunha urna de cristal que se trasladaba de igrexa en igrexa no contexto dunha cerimonia litúrxica. Cando se suprimiu esta cerimonia se fixaron definitivamente os brazos, nunha actitude que dá o aspecto de ter os membros desconxuntados.

Como a festa do Santo Cristo se celebraba o 3 de maio, día da Santa Cruz, durante os días anteriores se levaban á capela gaiolas con paxaros, que acompañaban de chíos o culto e a novena. Este costume terminou sendo prohibido.

Hoxe, o Santo Cristo converteuse nun dos símbolos da cidade de Ourense, onde corre a copla popular que di:[19]

Tres cousas hai en Ourense
que non as hai en España:
O Santo Cristo, a Ponte,
e a Burga fervendo a auga.

Sancristía[editar | editar a fonte]

No extremo sur do deambulatorio, onde orixinalmemnte estivo a capela do Santo André, sitúase a Sancristía, construída entre 1558 e 1562 por Pedro Fernández, mestre de obras de Monforte baixo as condicións impostas polo mestre de obras da catedral Juan Ruiz de Pámanes. A esta capela accedíase desde o cruceiro, e aínda se conserva, cegado, o arco de medio punto que servía de acceso. Hoxe a entrada é a través dunha porta baixo arco conopial que ben pode ser influencia da arte portuguesa do momento.

A estancia mide uns 8 por 2 metros, con bóveda estrelada e grandes cunchas de vieira nas esquinas. O mobiliario é dos séculos XVIII e XIX e as paredes están adornadas con varias táboas do coro, amén de diversos cadros.

Pórtico do Paraíso[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Pórtico do Paraíso.
Vista xeral.

Na entrada á catedral pola porta principal -occidental- atópase o Pórtico do Paraíso, datado na primeira metade do século XIII e construído en tempos do bispo Lourenzo (1218-1248), que foi quen rematou as obras da catedral.

Aínda que se descoñece o autor, os especialistas en arte medieval concordan en que os escultores pertenceran ó taller do Mestre Mateo ou, polo menos, estaban influídos por el. A disposición das figuras, a técnica de estatuas-columna e a iconografía reproducen ás do Pórtico da Gloria da catedral compostelá. En calquera caso, e sendo certo que se construíu cunha estrutura similar, se ben máis simple, menos elaborada, tampouco se pode afirmar que sexa unha copia daquel.

No século XVI, Rodrigo Gil de Hontañón realizou diversas obras de reforma e ampliación na Catedral, que tamén afectaron o Pórtico. Este perdeu o tímpano -substituído hoxe por unha estrutura calada- e as columnas laterais, desapareceron as estatuas-columna que había na contraportada e substituíuse a bóveda por outra estrelada. Tamén se retallaron as basas dos piares, que reproducían figuras zoomórficas -como en Santiago- por considerarse infernais.

O Pórtico consta de tres arcos, dous laterais menores e un gran arco central, mantendo unha correspondencia coas naves laterais e maior do templo. Na esquina esquerda do nártice e a ámbolos lados do piar esquierdo dispóñense nove estatuas doutros tantos profetas; na esquina dereita e ós dous lados do piar dereito, outras nove figuras doutros tantos apóstolos. O arco central está dividido por un parteluz ó que se adosou, en 1857, unha figura sedente de Santiago apóstolo do século XIII, e unha Virxe do Consolo tallada por Cornielles de Holanda.

O Pórtico non foi pintado ata o século XVIII. No ano 2013 levouse a cabo unha completa resturación que recuperou a viva policromía orixinal e puxo de manifesto que só posuía unha única capa de pintura. A Contraportada non está policromada.

Museo Catedralicio[editar | editar a fonte]

Lápida de Baños de Molgas (século VI).
Artigo principal: Museo Catedralicio de Ourense.

Nas salas do inacabado claustro gótico da catedral (a Claustra Nova) instalouse en 1944 o Museo Catedralicio de Ourense, que contén unha completa mostra de arte sacra. Naquela data foi cando se decidiu acometer as obras necesarias que permitisen a exhibición das pezas que conservaba a catedral, obras levadas a cabo polos arquitectos Luis Menéndez Pidal e Francisco Pons Sorolla, para ser inaugurado en 1954.

Entre as pezas expostas destaca o chamado tesouro de San Rosendo, composto polo báculo do Santo, unha ara portátil de pórfido e prata, un cáliz, unha mitra e outras pezas, todas do século XII. Tamén un conxunto de placas de esmalte dun frontal dun relicario, de Limoges, do século XII; unha custodia procesional do XVII (de Enrique de Arfe), a lauda cristiá máis antiga de Galicia, do século VI, procedente de Baños de Molgas etc., así como cálices e ornamentos relixiosos, esculturas en pedra ou madeira dos séculos XVI ó XVIII ou algunhas táboas do coro da catedral.

Finalmente, cómpre destacar dentro do arquivo catedralicio o Misal Auriense (o primeiro libro que se imprentou en Galicia, en 1494), o Breviario Auriense e as Constitucións Sinodais.

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Consagrada en 1188.
  2. Datas tomadas da páxina web do Bispado, se ben noutro punto da mesma atrasan esta última data ata 1887 (ten honores de Basílica desde o ano 1887)[1], algo imposible toda vez que o papa Pío IX morreu o 7 de febreiro de 1878.
  3. Algunhas fontes especifican que se trataba da lepra (Arquivoltas.com, Arteguías.com, Turismo.galiciadigital.com, Artehistoria.jcyl.es).
  4. "Patrones y santos", na web da diocese de Ourense (en castelán).
  5. Historia da Diocese de Ourense.
  6. Ou Witimir, Witimer, Witimiro ou Güitimiro.
  7. A Gran Enciclopedia Galega , s.v. "Catedral", noméao Witimer e sitúao no Concilio de Lugo en 569.
  8. Non se conserva nada daquela primitiva edificación, agás catro columnas de mármore e os seus capiteis, que hoxe adornan a fachada barroca desta igrexa.
  9. Catedral de San Martiño de Ourense, ficha en Patrimonio Galego.
  10. "Sendo consagrado o seu altar maior en 1188" [2]; "Está constatado que a data de consagración do altar maior é no ano 1188" [3]. Outras fontes dan como data da consagración o ano 1194 (Gran Enciclopedia Galega, s.v. "Catedral"; Ángel del Castillo, px. 389).
  11. O Conde de Lemos, que daquela era o protector da cidade, refuxiuse na Catedral que, lémbrese, tiña unha estrutura defensiva.
  12. "Camino del Sudeste – Vía de la Plata (por Laza)", reportaxe de Olalla Sánchez Pintos na web Camino de Santiago
  13. Imaxe dunha maqueta da Catedral que intenta suplir as limitacións da vista actual.
  14. Efectivamente, o Concello renomeou en xuño de 2003 esa praza co nome de Los Suaves, "'Poetas do amor, do desencanto e da vida, que dende Ourense compuxeron rock para todo o mundo", segundo reza a placa colocada na praza.
  15. Na iconografía relixiosa, as filacterias son as cintas ou rolos de papel nos que se inscribe un nome, unha lenda ou un símbolo.
  16. "La fachada Norte", reportaxe sobre a Catedral na web da diocese de Ourense (en castelán)
  17. Os capiteis das columnas exteriores son tamén do século XVI.
  18. Blanco Amor chama esta porta, "Porta do Perdón": "Traspuxen o patín deserto e furiosamente asoleado, e entrei no templo pola porta do Perdón" (La catedral y el niño', px. 67). Esta porta sur é aúnica á que se accede a través dun patín, pero o certo é que non existe ningunha referencia documental de tal denominación, polo que debe considerarse unha simple licencia literaria.
  19. 19,0 19,1 19,2 Galiciadigital.com [consultado o 26.11.2014].
  20. Esta rúa chamouse así porque a base do reforzo construído para soportar a fachada e a torre das Campás deixou uns arcos abertos á rúa, arcos que foron ocupados por comercios. Boa parte destes arcos foron pechados en épocas modernas, pero en 2015 aínda quedan algúns con este uso comercial.
  21. Os extremos inferiores desta terceira arquivolta -máis claramente o esquerdo- están parcialmente tapiados polos contrafortes, unha proba máis de que estes elementos de reforzo foron construídos con posterioridade á propia fachada.
  22. Outras fontes dan o nome de Alonso González de Padrón [4].
  23. Diócesis-Catedral-Recorrido, El cimborrio
  24. En 1696 foi contratado polo Cabido catedralicio para a decoración da capela do Santo Cristo e desde entón ata a súa morte reside en Ourense e traballa para a Catedral e distintos templos da cidade.
  25. 25,0 25,1 Diocese-Catedral-Visita virtual, Capela do Santo Cristo
  26. Segundo a web do bispado de Ourense. Outras fontes chámano Pedro de Arén [5].
  27. " ... o pelo de morto caíalle, lacio e lateral, sobre a metade do rostro afundido na clavícula, ata mesturarse coa barba larguísima, tamén de pelo natural" (Blanco Amor, px. 69). Claro que noutro momento da novela chega a afirmar que o Cristo era realmente unha momia: "Mirei máis de cerca e quedei sen alento. O que alí asomaba era un óso, un pómulo. ¡O milagroso Santo Cristo de Auria era unha momia humana!" (px. 367).

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]