Pyynikintori (en galegoPraza de Pyynikki), chamada familiarmente Plassi, coñecida entre 1897 e 1927Aleksanterintori en honor ao emperador rusoAlexandre II,[1] e antes de 1897Pyynikentori,[2] é unha antiga praza de mercado situada no barrio de Pyynikinrinne, na cidade de Tampere (Finlandia). Pyynikintori limita ao norte con Pirkankatu, ao sur coa rúa F. E. Sillanpää, e ao leste e oeste cunha rúa do mesmo nome que a praza. Na actualidade a praza funciona como estación de autobuses e aparcadoiro de coches. Rodeando Pyynikintori encóntranse o Tampereen lyseon lukio, o Tampereen konservatorio e o campo deportivo de Pyynikki. Pyynikintori está ao carón doutra praza máis pequena chamada Heinätori.
Na esquina de Pyynikintori con Pirkankatu encontrábase entre 1929 e 1938 a estación de autobuses de longa distancia occidental de Tampere, obra do arqiutecto Bertel Strömmer. A estación era o final das liñas que se dirixían a Tampere dende o oeste, Turku, Pori e Vaasa. En 1938 as liñas que operaban na estación foron transferidas a unha nova estación construída en Ratina e que entrou en funcionamento ese mesmo ano, mais posteriormente algunhas das liñas, principalmente locais, volveron a Pyynikintori. Existiu tamén unha gasoliñeira na praza que estivo en funcionamento ata a década de 1990. O edificio, que mudou a súa aparencia en numerosas ocasións, foi finalmente demolido a finais do ano 2000.[3][4]