Ofensiva de Cataluña
A ofensiva de Cataluña, tamén chamada batalla, campaña ou defensa de Cataluña, foi o conxunto de operacións militares que se desenvolveron en Cataluña entre decembro de 1938 e febreiro de 1939 dentro do marco da Guerra civil española, e que rematou coa vitoria das tropas franquistas. O obxectivo das tropas sublevadas era a toma de Barcelona e do reduto republicano de Cataluña, ao tratarse dunha área que permanecera leal á República desde o comezo do conflito.
Estratexia franquista
[editar | editar a fonte]Para facerse con Cataluña, o bando sublevado decidiu primeiro dividir a zona republicana en dúas. Deixaba ao sur as provincias de Valencia, Alacant, Murcia e algunhas de Castela a Nova; e ao norte un pequeno territorio que acollía parte da provincia de Tarragona e as provincias de Barcelona e Xirona, tal como se logrou en abril de 1938 coa ruptura da fronte de Aragón. Cataluña ficou illada dende entón e con poucas expectativas de recibir axuda de reforzos, malia que entón a cidade de Barcelona era a sede do lexítimo Goberno republicano.
Tras a batalla do Ebro (25 de xullo-16 de novembro de 1938), as tropas franquistas desgastaran gravemente os exércitos republicanos acantonados en Cataluña. Estes viron reducida a súa capacidade operativa pola perda de material de guerra e polas baixas en combate de soldados veteranos. Aínda que o Estado Maior do Exército Popular Republicano conservaba o «Grupo de Exércitos da Rexión Oriental», con 300 000 efectivos ao mando dos xenerais Juan Hernández Saravia e Vicente Rojo Lluch, a maior parte destas tropas eran recrutas inexpertos e carentes de armamento abondo para estaren equipados por completo. A aviación republicana tampouco se atopaba en boas condicións, con case un terzo dos seus aparellos en mal estado e incapaces de operar en combate.
A retirada das Brigadas Internacionais en outubro de 1938 privara a República dun continxente de tropas que, malia resultaren moi pequenas en número, eran experimentadas na loita. A este factor uníase a mala situación estratéxica de Cataluña, rodeada polo Mediterráneo e pola zona baixo control franquista. Con todo, conservaba a fronteira con Francia no extremo norte, susceptíbel de ser atacada polos flancos sur e oeste e tan só cos ríos Ebro e Segre como «defensas naturais».
Desenvolvemento das operacións
[editar | editar a fonte]Ataque franquista polo Segre
[editar | editar a fonte]Tras adiar o ataque por mal tempo, o 23 de decembro de 1938 as tropas franquistas comezaron o seu ataque ao longo do río Segre (límite entre os contendentes) e romperon a fronte republicana ese mesmo día. Para evitar a penetración masiva de atacantes, o Goberno da República enviou o V Corpo de Exército, baixo o mando do tenente coronel Enrique Líster. O V Corpo contivo a ofensiva durante 12 días á custa de serias baixas e evitou que as tropas sublevadas penetrasen masivamente polo vértice dos ríos Ebro e Segre.
A crecida do caudal do Ebro como resultado das choivas de inverno impediu que as tropas do xeneral Juan Yagüe atravesasen o río e atacasen o sector sur das defensas republicanas. Así, a ofensiva sublevada tomou como base a beira oeste do Segre.
O ataque das tropas sublevadas estancouse. Debido ao clima nubrado e chuvioso, a aviación franquista non logrou facer valer o seu maior poderío, mentres as tropas republicanas lograron defenderse ben parapetadas en desfiladeiros e bosques. Porén, o 3 de xaneiro de 1939 un ataque de carros de combate forzou unha retirada republicana. Ese mesmo día as unidades franquistas de Yagüe lograron cruzar o Ebro e atacaron as tropas republicanas polo flanco sur cun gran cerco. Ademais, a mellora no clima permitiulle á aviación sublevada operar con maior liberdade. Así, cortou as fráxiles liñas de abastecemento republicanas e dificultou os movementos das súas tropas.
O día seguinte o bando sublevado atacou a poboación de Les Borges Blanques, co que rompeu de novo a fronte e causou unha retirada transformada en fuga. O 5 de xaneiro caeron Les Borges Blanques e Artesa de Segre en poder das tropas franquistas e a retirada republicana deixou exposto un gran sector da fronte, desprovisto de defensas.
As tropas republicanas que aínda defendían este vértice entre o Ebro e o Segre (principalmente veteranos da batalla do Ebro o verán anterior) fuxiron rapidamente ante a ameaza de quedaren cercadas polo norte e o sur. Namentres, as forzas franquistas lograron cruzar o Ebro e fixaron unha cabeza de ponte na localidade de Ascó para lanzaren ataques desde alí, grazas á súa maior forza loxística.
O mando republicano en Cataluña, dirixido polo xeneral Vicente Rojo, formou entón sucesivas liñas de defensa coas tropas aínda en condicións de loitar (chamadas L-1, L-2, L-3, e L-4). Porén, estas estaban pouco gornecidas e foron cercadas ou pasadas polas tropas franquistas en poucos días. De feito, á inferioridade numérica do bando republicano sumáraselle a inferioridade material. Tras a sangría da batalla do Ebro, a URSS parecía convencida da derrota final da República e non repuxera o armamento perdido, mentres que o bando sublevado continuaba a recibir dotacións de Alemaña e Italia.
A resistencia republicana afúndese
[editar | editar a fonte]O 9 de xaneiro o Goberno da República mobilizou os recrutas de substitución de 1922 e 1924 para superar a aguda escaseza de tropas na fronte. Porén, esta medida extrema era difícil de implementar pola falta de tempo, amais de que a grave falta de armamento facía inútil a acumulación na zona republicana de recrutas sen vituallas, fusís nin uniformes. Con todo, o 8 de xaneiro as tropas franquistas renovaron o seu ataque e tomaron Montblanc o día 12. O día 14 Valls caeu en poder do bando rebelde, co que este xa puido concentrar o máximo das forzas sobre Tarragona. Eses días as «liñas de defensa» republicanas formadas por orde de Rojo axiña foron batidas, mentres que derredor de Barcelona nin sequera había posicións defensivas en condicións de operar.
O xeneral franquista Juan Yagüe dirixiu as súas divisións do Corpo de Exército Marroquí pola costa mediterránea sen achar gran resistencia, xa que a maior parte das tropas republicanas estaban absortas na defensa do flanco occidental. O ataque franquista desde o sur non puido ser detido polos poucos batallóns republicanos adscritos a Tarragona, co que as tropas de Yagüe acabaron entrando en Tarragona e Reus o 15 de xaneiro. Presionaron así polo sur á propia Barcelona, que sufría xa frecuentes bombardeos da aviación rebelde do mesmo xeito que Madrid en 1936.
O día 16 o Goberno da República ordenou a «mobilización xeral» de cidadáns de ambos sexos entre 17 e 55 anos de idade, así como a militarización de todas as industrias, pero a medida chegaba demasiado tarde para ser implementada de xeito eficaz. O Goberno republicano enfrontábase ademais a unha crise de abastecemento causada por miles de refuxiados republicanos que se dirixían en masa a Barcelona, agravada polos bombardeos que desde o 17 de xaneiro executaba a diario a aviación rebelde sobre a capital catalá.
Ante a crítica situación, o 18 de xaneiro Negrín e o Consello de Ministros acordaron declarar o «estado de guerra» e asignar ao Exército Popular da República a autoridade civil en retagarda, así como a subordinación das autoridades políticas ás militares. Con todo, a medida carecía de utilidade práctica. A liña da fronte xa estaba a 25 km do centro de Barcelona e os xefes militares estaban máis preocupados de evitar unha maior desmoralización das tropas que de asumir a autoridade civil. Tampouco axudaba que o Goberno da República ordenase o «estado de guerra» (e a suxeición das autoridades civís ás militares) tras trinta meses de combates, determinación que o bando sublevado tomara case dende o inicio da guerra.[Cómpre referencia]
Militarmente, o bando republicano carecía de dotacións e munición en cantidade e calidade necesarias para defender unha cidade tan extensa e poboada como Barcelona. Amais, a desmoralización das tropas xa era extremadamente grave de acordo á información entregada polo xeneral Vicente Rojo ao xefe de Goberno, Juan Negrín. A maioría dos recrutas da República (case todos da rexión catalá) case non crían no triunfo gobernamental e a poboación civil daba a guerra por perdida.[Cómpre referencia]
A caída de Barcelona
[editar | editar a fonte]Ao espallarse a nova da caída de Tarragona, ficou exposta de novo a fronte republicana. A retirada converteuse nunha fuxida caótica de refuxiados republicanos de toda clase: autoridades políticas, funcionarios, poboación civil común e mesmo soldados, que marcharon ás presas cara á fronteira francesa, ás veces mesmo sen pasaren por Barcelona.
Ante a ameaza de chegaren aos Pireneos miles de refuxiados republicanos, Francia decidiu abrir os pasos fronteirizos o 20 de xaneiro para deixar entrar en España o material de guerra destinado á República. Con todo, esta medida non serviu para organizar defensa algunha. A maior parte das tropas republicanas estaban xa desmoralizadas polas sucesivas derrotas e polo desalento que transmitía a enorme masa de refuxiados. As tropas estaban formadas en gran parte por mozos do servizo obrigatorio (a chamada «Quinta do Biberón») ou por soldados moi maiores e mostraban escasos desexos de combater malia as exhortacións dos seus oficiais e a insistencia da propaganda gobernamental. Así, tras dous anos e medio de guerra, preferían a rendición rápida no canto de arriscaren a vida ante o que parecía un triunfo inminente das tropas rebeldes.
A mañá do domingo 22 de xaneiro, o xeneral Rojo informou ao presidente Negrín e ao Consello de Ministros de que a fronte de combate novamente rompera entre Manresa e Sitges, a apenas 20 km de Barcelona. As tropas do Exército Popular da República abandonaran as súas posicións de campaña para salvarse dentro da capital catalá. Tras dita exposición, Negrín ordenou a evacuación de todas as entidades gobernativas cara a Xirona e Figueres, moito máis preto da fronteira francesa. Pediu aos departamentos gobernamentais o máximo sixilo na evacuación e dispuxo unha requisa masiva de vehículos civís para o 23 de xaneiro. Con todo, tal sixilo era imposíbel de manter ao implicar a evacuación de centos de funcionarios e de case todos os organismos gobernamentais, co cal o propio Goberno da República consideraba Barcelona como «indefendíbel» na práctica.
A noticia da saída do Goberno Republicano foi coñecida a mesma noite do 22 de xaneiro polos civís e refuxiados que aínda ficaban en Barcelona. A noticia da evacuación do Goberno, similar ao vivido en Madrid en outubro de 1936, foi o sinal para unha nova fuxida caótica de civís republicanos, agora desde Barcelona cara á fronteira francesa.
A partir do 23 de xaneiro miles de simpatizantes republicanos de toda clase fuxiron de Barcelona. Levaron consigo as súas familias e pertenzas e asaltaron os almacéns de alimentos para teren con que sobreviviren durante a marcha cara a Francia. Abandonaron desordenadamente a cidade en automóbiles, camións, bicicletas ou a pé, e axiña obstruíron a estrada cara ao norte. Algúns organismos gobernamentais evacuaron precariamente, pois a maioría de vehículos xa foran postos a disposición do Exército e facíase cada vez máis difícil dispor de medios de transporte para fuxir da cidade.
Os funcionarios da República evacuaron aceleradamente as oficinas desde o luns 23 de xaneiro e recolleron arquivos. Mentres tanto, ese mesmo día militantes dos diversos partidos políticos da zona republicana incendiaron documentación, arquivos e cartóns de identidade nas rúas. Os presos do bando sublevado aínda recluídos en Barcelona foron sacados das súas celas na tarde do 25 de xaneiro para seren tamén trasladados na masiva retirada republicana. Ese día o exército franquista atacaba Badalona e Sabadell (tomadas o 27) e Terrasa (ocupada o 26), ao tempo que cruzaban o río Llobregat.
O 24 de xaneiro o xeneral José Brandaris de la Cuesta foi nomeado comandante militar de Barcelona, coa misión de organizar a defensa militar da cidade condal.[1] Este, con todo, rexeitou asumir esa responsabilidade, dado que durante toda a contenda permaneceu virtualmente desconectado da situación militar real na península ao ser designado xefe militar de Menorca. Finalmente, o coronel Jesús Velasco Echave asumiu o cargo de comandante militar.[1]
A tarde do 24 de xaneiro, perdida Manresa, o Goberno republicano fuxiu a Xirona. Deixou tras de si unha cidade dominada pola desorde da fuxida, con milleiros de civís xuntando as súas pertenzas e buscando medios para saír da cidade. Para esas datas as tropas de defensa do xeneral Hernández Sarabia non pasaban de 6000 combatentes, desmoralizados ademais cando, tras a marcha do gabinete Negrín, os gardas de asalto da República deben retirarse da cidade seguindo o xefe de Goberno. O día anterior, o presidente Azaña tamén saíra do seu domicilio en Pedralbes cara ao norte.
Malia a desmoralización xeral de civís e soldados, algúns militantes comunistas como Joan Comorera, líder do PSUC, tentaron defender a cidade sen concesións. Ordenaron o cesamento de toda actividade non relacionada coa guerra a partir do día 23 e decretaron unha «mobilización xeral» coa cal dispor dos traballadores barceloneses para integralos nas tropas de defensa ou en batallóns de fortificación. Porén, a orde de Comorera apenas logrou que os traballadores quedasen nas súas casas sen unírense á resistencia e nun clima de derrotismo xeralizado ante a evacuación das autoridades. Ese último esforzo de Comorera con militantes do PSUC e o PCE apenas logrou lanzar polas rúas proclamas impresas á poboación civil, mentres se reunían improvisados «batallóns de fortificación» nas principais avenidas para cortar o paso ás tropas sublevadas os días 24 e 25. O propio xeneral Vicente Rojo explicaríao despois:
Barcelona, 48 horas antes da entrada do inimigo, era unha cidade morta. Matárana a desmoralización dos que fuxían a Francia e a dos que quedaban escondidos, sen valor sequera para saír á rúa (...) Barcelona perdeuse simplemente porque non houbo vontade de resistencia, nin na poboación civil, nin nalgunhas tropas contaminadas polo ambiente. A moral estaba no chan.
Tales esforzos chocaron contra o desánimo maioritario dos civís e o incesante fluxo de refuxiados rurais cara ao norte, que non albergaban maiores esperanzas. A este sumárase a fuga caótica de miles de civís republicanos de Barcelona cara á fronteira francesa en autos, camións ou a pé, levando consigo pertenzas de todo tipo e causando atascos na estrada ao norte. Un testemuño desas horas deixouno o maxistrado Josep Andreu, presidente do Tribunal de Casación de Cataluña, tras cear co líder catalanista Lluís Companys en Barcelona a noite do 25 de xaneiro:
Foi unha noite que nunca esquecerei. O silencio era total, un silencio terríbel, como só se advirte no punto culminante dunha traxedia. Fomos á praza de Sant Jaume e despedímonos da Generalitat e da cidade. Eran as dúas da madrugada. A vangarda do exército nacionalista xa estaba no Tibidabo e preto de Montjuic. Non críamos que volvésemos xamais.
Ao longo do 25 de xaneiro, as forzas sublevadas da 105ª División do coronel Natalio López Bravo ocuparon o aeródromo do Prat.[2]
Ao amencer do 26 de xaneiro as tropas franquistas alcanzaban os cumes do Tibidabo e de Montjuic. A mediodía entraron no centro de Barcelona e ocuparon toda a urbe semideserta, sen achar resistencia.[3] En paralelo, a «quinta columna» franquista fixo a súa aparición nas rúas barcelonesas tras dous anos e medio de ocultarse. Aclamou a chegada dos nacionais sen atopar oposición armada das tropas republicanas, que marchaban ao norte xunto con milleiros de refuxiados.
A moza comunista Teresa Pàmies lembrou así a saída de Barcelona dos últimos refuxiados que fuxían dos «nacionais»:
Da fuxida de Barcelona o 26 de xaneiro de 1939 non esquecerei nunca unha cousa: os feridos que saían do hospital de Vallcarca e, mutilados, vendados, case nus malia o frío, baixaban ás estradas pedindo a berros que non os deixásemos a mercé dos vencedores. Todos os demais detalles de aquel día memorábel borráronse ou atenuáronse pola visión de aqueles combatentes indefensos... A certeza de que os republicanos saímos de Barcelona deixando a aqueles homes avergoñaranos sempre. Os que perderan unha perna arrastrábanse polo chan; os mancos alzaban o seu único puño; choraban de medo os máis novos, toleaban de rabia os máis vellos; aferrabánse aos camións cargados de mobles, de gaiolas, de colchóns, de mulleres de boca pechada, de vellos indiferentes, de nenos aterrorizados; berraban, ouveaban, renegaban, maldicían aos que fuxíamos e os abandonábamos.
A carreira cara á fronteira francesa
[editar | editar a fonte]Tras a caída de Barcelona, os refuxiados seguiron a súa marcha cara á fronteira francesa a pé ou en todo medio de transporte dispoñible. Namentres, as tropas republicanas opuñan escasa resistencia ao avance inimigo, desertaban, capitulaban sen combater ou simplemente se unían ás columnas de refuxiados. As estradas costeiras catalás aparecían ateigadas de autobuses, camións, automóbiles e mesmo simples carromatos cheos de colchóns, maletas, pertenzas, baúis e de refuxiados civís, a quen se unían convois de soldados cara ao norte. O frío do inverno dificultaba o estado sanitario dos evacuados. Amais, a aparición de avións sublevados ametrallando columnas de refuxiados xeraba escenas de pánico que desembocaban en desbandadas mortíferas.
O día 25 o Goberno francés pedira formar unha «zona neutral» en territorio español onde puidesen estabelecerse os refuxiados republicanos baixo supervisión internacional. Buscaba así evitar abrir os pasos fronteirizos a varios miles de civís españois, pero Francisco Franco rexeitou a proposta. Ante iso, Francia abriu a fronteira aos refuxiados españois a noite do 27 de xaneiro. O día seguinte 15 000 persoas pasaron a chan francés e os días seguintes o número aumentou.
Inicialmente o Goberno francés evitara dar acollida a todos os refuxiados españois que chegaban á fronteira. Co paso das horas fíxose evidente que resultaba inútil conter pola forza a varios miles de civís dispostos a esperar a súa entrada en Francia a campo aberto antes que volver á zona dominada polas tropas franquistas. De todos os xeitos, tras o 28 de xaneiro o Goberno francés opúxose a deixar pasar aos soldados republicanos ou a persoas en idade militar. Esperaban que as autoridades republicanas usasen o material de guerra que acababa de chegar a España para opor algunha resistencia.
Os refuxiados chegaban esgotados e famentos, tras unha longa marcha ao longo de Cataluña que incluíu cruzar parte dos Pireneos en xaneiro, en pleno inverno. Case de inmediato foron estabelecidos polas autoridades francesas en improvisados campamentos á beira do Mediterráneo. Estes lugares estaban cercados con arame de púas e vixiados pola xendarmería francesa, desprovistos de suficiente alimento e auga, expostos ao vento e a choiva ao careceren de barracas ou carpas, en malas condicións sanitarias. Francia explicou tales carencias polo feito de que non se esperaba un fluxo de varios miles de civís españois en tan poucos días. Pediu así axuda internacional para remediar en parte as graves carencias dos refuxiados. Empezaba así para moitos republicanos españois un longo e difícil exilio.
O avance do bando sublevado seguía o seu ritmo case sen achar resistencia. As avanzadas do xeneral Yagüe (incluíndo italianos, marroquís e requetés navarros) tomaron Xirona o 4 de febreiro e forzaron ao Goberno republicano a fuxir a Figueres. No castelo da vila o presidente de Goberno Juan Negrín celebrou o 1 de febreiro unha reunión final do gabinete republicano e das Cortes republicanas na que pediu que non houbese represalias políticas tras o fin da guerra. Acudiron apenas 64 parlamentarios dos case 300 existentes tres anos antes.
O 3 de febreiro as tropas franquistas, que tomaran días de descanso tras ocuparen Barcelona, atopábanse a 50 km da fronteira francesa, para entón xa a cruzaran preto de 200 000 españois. Era cuestión de días que as forzas de Franco ocupasen toda Cataluña, e así o 5 de febreiro o goberno francés decidiu abrir a fronteira española de modo indiscriminado para que a cruzase calquera refuxiado republicano. Isto permitía a entrada en Francia dos restos do Exército Popular da República, co requisito de que os soldados republicanos entregasen as armas á xendarmería francesa para cruzar a fronteira. Ese día cruzaban a fronteira o presidente da República, Manuel Azaña, xunto co presidente da Generalitat Lluís Companys e o antigo lehendakari José Antonio Aguirre.
O 8 de febreiro caeu Figueras e o Goberno da República, incluído o presidente Negrín, cruzaba a fronteira. O 10 de febreiro as tropas franquistas xa alcanzaran todos os pasos fronteirizos e chegaban aos Pireneos. Para esa data preto de 400 000 refuxiados civís e militares pasaran a Francia. O 11 de febreiro fixéronse co control de Llívia, unha pequena vila xironesa rodeada por completo por territorio francés. Nese momento deuse por ocupada toda Cataluña.
Os bombardeos durante a ofensiva de Cataluña
[editar | editar a fonte]Nas tres primeiras semanas de decembro, antes de comezar a ofensiva sobre Cataluña, foron bombardeados Barcelona e o seu porto (o 5 e o 12), Valencia (o 2 e o 14, con danos en dous mercantes e dous petroleiros), Sagunt, Alacant, Les Borges Blanques, Cervera, Palamós, Mataró, Reus, Coma-ruga e El Vendrell. Tarragona foi bombardeada os días 2 e 20. Este último ataque foi efectuado por vinte Heinkel He 111 escoltados por 8 cazas Messerschmitt Bf 109 que ocasionaron gran destrución mais ningunha vítima, porque a parte baixa da cidade fora abandonada. El Perelló foi bombardeado os días 15, 16 e 17 de decembro, deixando a vila transformada nunha chea de ruínas. Morreron polo menos 20 persoas e non foron máis porque a maioría da poboación había tempo que vivía nas numerosas covas dos barrancos que rodeaban a localidade.[4]
Durante a campaña de Cataluña foron bombardeadas practicamente todas as localidades catalás importantes que aínda non foran ocupadas polas tropas franquistas e especialmente os portos e as poboacións costeiras. O día de Nadal foi bombardeada Ponts (vinte mortos), Les Borges Blanques e Castellans, mentres os hidros bombardeaban e ametrallaban as estacións de ferrocarril de Tarragona, Sant Vicenç de Calders e Torredembarra. O 26 de decembro foi bombardeada Reus (oito mulleres morreron) e o 27 foi bombardeada Barcelona e o seu porto, Cervera, Tárrega, Mollerussa e Cubells así como, de novo, a estación de Sant Vicenç de Calders. O 28 foron bombardeadas Coma-ruga, Sant Vicenç de Calders, L'Hospitalet de l'Infant, Reus e o porto de Barcelona (onde actuaron os cazas republicanos). O 29 foron bombardeadas e metralladas Vila-seca, Altafulla, Sant Vicenç de Calders, El Milà, Cubelles, Villalonga e Vallmoll. O 31 de decembro de 1938 foi bombardeado o centro de Barcelona, ataque que causou máis de 50 mortos e uns 100 feridos.[5]
A medida que o exército franquista se ía achegando, Tarragona era bombardeada cada vez con maior intensidade. O 4 de xaneiro foi atacada dúas veces (un Heinkel He 111 foi derrubado por un caza republicano). Os bombardeos volveron os días 6 (afundiron o patrulleiro V-11 fondeado no porto) e 9 (cinco mortos). O máis violento foi o do 14 de xaneiro, véspera da entrada das tropas franquistas na cidade. Participaron no ataque 96 avións da Lexión Cóndor, entre bombardeos e cazas, e mesmo o propio día 15 foi bombardeado o porto por naves Junkers Ju 87 que afundiron o mercante Cabo Cullera. O mesmo sucedeu antes da súa ocupación con Reus (bombardeada os días 4, 5, 6, 12 e 14 de xaneiro), Valls (bombardeada os días 6 e 14 de xaneiro) ou L'Espluga de Francolí (atacada o 1 de xaneiro co resultado de sete persoas mortas).[6]Tamén Barcelona foi bombardeada durante xaneiro de 1939 antes de que as tropas rebeldes ocupasen a cidade o día 26. Así a cidade sufriu ataques aéreos os días 4, 8, 9 e 16 (día en que os cazas "Mosca" republicanos alcanzaron varios bombardeos Savoia-Marchetti S.M.79 italianos). Entre o 21 e o 25 de febreiro sufriu case 40 bombardeos, a intensidade máis elevada de toda a guerra. Estes últimos bombardeos tiveron un efecto devastador no ánimo da poboación, un dos motivos polos que cando entraron na cidade as tropas sublevadas o día 26 non atoparon ningunha resistencia. Así o confirma unha testemuña:[7]
Os repetidos ataques aéreos teñen abatidos os ánimos. Moitísimos cidadáns, que acaso dubidarían en rendirse a causa da súas conviccións ideolóxicas, rendiríanse dilixentes para terminar dunha vez para sempre co perigo mortal das bombas. A parte de Barcelona máis inmediata ao porto, e en xeral todo o casco antigo da urbe, pola súa completa falta de animación presenta o aspecto dun cemiterio. A maior parte dos estabelecementos comerciais pecharon as portas. Os inquilinos destas vías abandonan os pisos, trasladándose a casas de amigos e coñecidos. Ninguén habita a Barceloneta. Barcelona case termina na Plaça de Catalunya. Polo Paralelo non circula nin unha alma vivinte...
Entre as caídas de Tarragona e Barcelona foron bombardeadas case todas as localidades situadas entre elas. Entre os días 18 e 21 de xaneiro Sitges, Vilanova i la Geltrú e Vilafranca del Penedès foron bombardeadas; o 19 de xaneiro foi atacada Manresa e o día seguinte, Vic e Manlleu, con numerosas vítimas; o 23, Martorell (houbo oito mortos) e o 25, Monistrol de Montserrat, que quedou practicamente en ruínas. Os días 24, 25 e 26 foi bombardeada Granollers, con máis de 30 vítimas mortais, «pero os danos non foron tan considerables como os do salvaxe bombardeo do 31 de maio de 1938». O 25 foi bombardeada Arenys de Mar e o 26, o mesmo día en que as tropas franquistas entraban en Barcelona, eran bombardeadas Malgrat, El Masnou e Premià de Mar. Os días 28 e 29 de febreiro producíronse os bombardeos de La Garriga, nos que resultaron mortas 14 persoas. No rexistro civil especificouse que o motivo da morte destas fora o «bombardeo que sufriu [a localidade] con ocasión da súa liberación polo glorioso exército nacional».[8]
Tras a toma de Barcelona os bombardeos centráronse na provincia de Xirona, que era xa o último reduto republicano en Cataluña. Porén, estes bombardeos, segundo Solé i Sabaté e Villarroya, foron «totalmente inadmisíbeis» porque «entre a Cidade Condal e a fronteira non había ningunha unidade militar republicana organizada... e o que si había entre Barcelona e a fronteira eran decenas de miles de persoas que fuxían a Francia. Os camiños e as estradas estaban cheos de xente aterrorizada e famélica». En cambio «a aviación franquista continuou bombardeando e ametrallando cidades e vilas da provincia de Xirona, buscando supostos obxectivos militares, cuxa destrución en nada cambiaría xa o curso da guerra, e causando unha gran mortaldade entre a poboación civil que fuxía».[9]
A cidade de Xirona, que non sufrira ningún bombardeo importante desde a primavera de 1938, foi atacada practicamente a diario desde o 27 de xaneiro até a súa caída o 5 de febreiro. O balance foi de 30 mortos, mais o número debeu de ser moi superior debido a que había moitas persoas de paso na cidade que non foron rexistradas. Outras localidades xironesas tamén foron bombardeadas eses días: Ribes de Freser, San Quirze de Besora, Campdevànol (houbo 35 mortos), Sils, Maçanet de la Selva, Sant Hilari Sacalm, La Bisbal d'Empordà (atacada o 3 de febreiro, con máis de 20 mortos e unha gran destrución; o pánico apoderouse da xente e o centro urbano quedou deserto), Palamós (dúas veces), Roses, El Port de la Selva (dúas veces), Ripoll (catro veces, cun ataque especialmente duro o 5 de febreiro, que causou máis de 20 mortos, entre eles tres mulleres e dous nenos, ademais unha ducia de soldados en retirada).[10] O aeródromo de Vilajuïga foi un dos obxectivos máis atacados pola aviación franquista, xa que nos momentos finais da campaña de Cataluña era o máis importante e practicamente o único que quedaba en mans da aviación republicana.[11]
Durante a última semana da campaña de Cataluña (entre a toma de Xirona o 5 de febreiro e o día 10 en que as forzas sublevadas pecharon a fronteira francesa) continuaron os bombardeos, especialmente sobre Figueres, que xa sufrira durísimos bombardeos os días 26, 27 e 30 de xaneiro e os días 3 (morreron 83 persoas, delas 49 descoñecidos que estaban de paso e 25 nenos) e 4 de febreiro. Os días 6 e 7 de febreiro Figueres, a última poboación importante entre Xirona e a fronteira e paso obrigado para quen fuxían a Francia, volveu ser bombardeada. Descoñécese o número total de vítimas destes bombardeos sobre unha poboación ateigada de xente pola que pasaban a diario unhas 50.000 persoas. A cifra de 200 vítimas mortais achegada por algunhas fontes seguramente queda curta. Un habitante da localidade que entrou na mesma coas tropas franquistas realzou que o aspecto de Figueras «era desolador. As rúas cheas de ruínas e cascallos, moitas casas derruídas. Algunhas casas ían ardendo...».
Os historiadores Solé i Sabaté e Villarroya non atopan xustificación a estes bombardeos que cualifican de «gratuítos e terroristas... que soamente contribuíron a aumentar a angustia e a mortaldade entre a poboación civil figuerense e as riadas de fuxitivos».[12] Os bombardeos finalizaron cando, segundo o parte de guerra do bando sublevado do 10 de febreiro de 1939, «as nosas forzas alcanzaron vitoriosamente, no día de hoxe, todos os pasos da fronteira francesa desde Puigcerdà até Portbou. A guerra en Cataluña terminou».
Durante o mes e medio da ofensiva de Cataluña tamén foron bombardeados as cidades e os portos de Valencia e de Murcia. Valencia e o seu porto foron atacados o 28 e o 30 de decembro, os días 3, 8, 14, 19, 22 e 25 de xaneiro e o 2, 8, 9, e 10 de febreiro. Alacant e o seu porto o 26 de decembro, o 25 e o 26 de xaneiro e o 4 e o 6 de febreiro; Gandia (o 21 e o 27 de decembro e o 27 de xaneiro) e Dénia (o 21 de decembro e o 14, o 21 e o 27 de xaneiro). Cartaxena foi bombardeada o 27 de decembro e o 1 de xaneiro.[13]
Consecuencias
[editar | editar a fonte]A ofensiva provocou o éxodo masivo de 400 000 persoas que cruzaron a fronteira cara territorio francés, baixo a condición de entregar as armas ao goberno galo. Esta masa de refuxiados incluía uns 220 000 soldados do exército republicano, 60 000 homes adultos non combatentes, 10 000 feridos e 17 000 mulleres e nenos.
A ofensiva de Cataluña terminou deixando en poder do bando sublevado un importante reduto republicano, xa que Cataluña posuía valiosos recursos industriais e a segunda cidade máis importante de España. Deixou toda a fronteira francesa baixo control franquista, e a zona republicana ficou reducida ás rexións do centro e suroeste da península. O balance militar e estratéxico resultaba agora totalmente contrario á Segunda República Española e convenceu a varios dirixentes republicanos que a guerra estaba perdida, o cal xerou forte desmoralización. Isto motivou a inicios de marzo un golpe de estado contra Negrín dirixido polo coronel Segismundo Casado, que deu lugar ao efémero Consello Nacional de Defensa.
Aínda que o presidente do Goberno, Juan Negrín, volveu á zona republicana o 10 de febreiro, o presidente Manuel Azaña renunciou ao seu cargo e rexeitou volver a España, do mesmo xeito que numerosos líderes políticos e militares, incluído o xeneral Vicente Rojo. Azaña declarara carecer dos elementos básicos «dentro ou fóra de España» para seguir sostendo na práctica a posición de Presidente da República, a cal asumiu Diego Martínez Barrio dende París. Tanto Azaña como outros líderes republicanos exiliados (incluído o xeneral Rojo) consideraban perdida a guerra.
Namentres, a vitoria franquista implicou unha severa represión contra os republicanos que non puideron fuxir a Francia, xunto coa supresión da autonomía de Cataluña e a prohibición de usar a lingua catalán no ámbito público. Tales medidas, impostas xa en Lleida en abril de 1938 cando as tropas franquistas tomaron a devandita provincia, agora eran aplicadas a toda Cataluña.
Fóra de España, o resultado inmediato foi o recoñecemento diplomático feito por Gran Bretaña e Francia ao goberno de Franco o 26 de febreiro e a depreciación case total da peseta republicana nos mercados mundiais, ao parecer evidente que, tras a caída de Cataluña e a renuncia de Manuel Azaña, o triunfo de Franco era inminente, malia que Madrid seguise resistindo.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 Martínez Bande 1979, p. 157.
- ↑ Ferret 1999, p. 86.
- ↑ "El ejército franquista entra en Barcelona". La Vanguardia (en castelán). 25 de xaneiro de 2019. Consultado o 19 de xullo de 2024.
- ↑ Solé i Sabaté, Josep María; Villarroya, Joan (2003). España en llamas. La Guerra Civil desde el aire. Temas de Hoy. pp. 228–230. ISBN 9788484603023.
Los habitantes de este pueblo todavía hoy, y con todo el derecho, hablan de otra Guernica al referirse a los bombardeos que sufrió, olvidados en la publicaciones de historia de la guerra civil
- ↑ Solé i Sabaté, Josep María; Villarroya, Joan (2003). España en llamas. La Guerra Civil desde el aire. Temas de Hoy. pp. 233–234. ISBN 9788484603023.
- ↑ Solé i Sabaté, Josep María; Villarroya, Joan (2003). España en llamas. La Guerra Civil desde el aire. Temas de Hoy. pp. 236–238. ISBN 9788484603023.
- ↑ Solé i Sabaté, Josep María; Villarroya, Joan (2003). España en llamas. La Guerra Civil desde el aire. pp. 235–236.
- ↑ Solé i Sabaté, Josep María; Villarroya, Joan (2003). España en llamas. La Guerra Civil desde el aire. Temas de Hoy. pp. 238–239. ISBN 9788484603023.
- ↑ Solé i Sabaté, Josep María; Villarroya, Joan (2003). España en llamas. La Guerra Civil desde el aire. Temas de Hoy. pp. 239–240. ISBN 9788484603023.
- ↑ Solé i Sabaté, Josep María; Villarroya, Joan (2003). España en llamas. La Guerra Civil desde el aire. Temas de Hoy. pp. 240–242. ISBN 9788484603023.
- ↑ Solé i Sabaté, Josep María; Villarroya, Joan (2003). España en llamas. La Guerra Civil desde el aire. Temas de Hoy. p. 243. ISBN 9788484603023.
- ↑ Solé i Sabaté, Josep María; Villarroya, Joan (2003). España en llamas. La Guerra Civil desde el aire. Temas de Hoy. pp. 242–245. ISBN 9788484603023.
- ↑ Solé i Sabaté, Josep María; Villarroya, Joan (2003). España en llamas. La Guerra Civil desde el aire. Temas de Hoy. pp. 246–248. ISBN 9788484603023.
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Beevor, Antony (2005). La Guerra Civil Española. Barcelona: Crítica. ISBN 8484326653
|isbn=
incorrecto: checksum (Axuda). - Ferret, Joan Lluís (1999). L'Aviació i El Prat de Llobregat. 1936-1959 (en catalán). Joan Lluís Ferret. ISBN 9788461367696.
- Martínez Bande, José Manuel (1979). La Campaña de Cataluña. Madrid: San Martín. ISBN 9788471401779.
- Martínez Reverte, Jorge (2006). La caída de Cataluña. Barcelona: Crítica. ISBN 9788498673272.
- Preston, Paul (2011). El holocausto español. Odio y exterminio en la Guerra Civil y después [The Spanish Holocaust]. Barcelona: Debate. ISBN 9788483068526.
- Rojo, Vicente; Lluch (1974). ¡Alerta los pueblos! Estudio político-militar del periodo final de la guerra española. Barcelona: Ariel. ISBN 9788434424715.
- Solé i Sabaté, Josep María; Villarroya, Joan (2003). España en llamas. La guerra civil desde el aire. Madrid: Temas de Hoy. ISBN 8484603024.
- Thomas, Hugh (1976). Historia de la Guerra Civil Española. Barcelona: Círculo de Lectores. ISBN 9788497598323.