L'Espluga de Francolí
Coordenadas: 41°23′52″N 1°6′12″L / 41.39778, -1.10333
L'Espluga de Francolí | ||
---|---|---|
Localización | ||
País | ![]() | |
Provincia | Tarragona | |
Comarca | Conca de Barberà | |
Xeografía | ||
Altitude | 431 msnm | |
Superficie | 57,04 km² | |
Demografía | ||
Poboación | 3 897 hab. (2013) | |
Densidade | 68,32 hab./km² | |
Xentilicio | Espluguí, espluguina | |
Outros datos | ||
Código postal | 43440 | |
Alcalde | David Rovira Minguella (CiU) | |
Páxina oficial |
L'Espluga de Francolí é un concello e vila catalá que se atopa na provincia de Tarragona, na comarca da Conca de Barberà. O nome da vila provén do latín spelunca 'espenuca', 'cova', denominación pola que xa era coñecida no século XI, en referencia ás numerosas grutas e cavernas dos arredores, entre as cales cómpre sinalar a cova da Font Major, por onde transcorre baixo terra o río Francolí. Esta espenuca foi descoberta por casualidade en 1853, e é actualmente visitábel. Constitúe, co museo adxacente, unha das máximas atraccións turísticas da vila.
L'Espluga de Francolí áchase no extremo suroriental da comarca, situado ente a serra do Tallat, o norte, na estrema das comarcas das Garrigues e do Urgell, e os riscos da fraga de Poblet e maila Pena, dos montes de Prades, ao sur; no medio, o val e o cavorco do Reguer, coas leiras e videiras. Testa ao norte con Fulleda, Senan e Vallbona de les Monges, ao leste con Blancafort e Montblanc (que tamén estrema polo sur) e ao oeste con Vimbodí.
O termo está atravesado polo río Francolí, que abrolla na Font Major de L'Espluga, na confluencia dos ríos Sec e Milans. Pódese acceder pola estrada N-240 e pola autoestrada AP-2, con saída por Montblanc; tamén ten conexión coas vilas veciñas grazas a diversas estradas locais. Ten unha estación do camiño de ferro (liña Lleida-Reus) por onde pasa a liña do AVE.
A maioría da poboación concéntrase na vila de L'Espluga de Francolí. Existe un núcleo urbano no balneario de Les Masies, a dous quilómetros ao sur de L'Espluga, preto do Mosteiro de Poblet, no concello de Vimbodí. Na estrema sur do concello atópase o santuario da Santísima Trindade.
Historia[editar | editar a fonte]
A vila de L'Espluga creouse arredor dun castelo que Ponç de Cervera ergueu no cume do monte no século XI. Máis tarde o castelo pasou a depender de Poblet e da Orde do Temple (templarios) a mediados do século XIII; a parte baixa da vila ficaba baixo a xurisdición dos hospitalarios (Orde de Malta) que estableu a encomenda de L'Espluga de Francolí adquirindo todo o señorío en 1312, ano da extinción da Orde do Temple.
O nome de L'Espluga[editar | editar a fonte]
O nome da vila provén do latín spelunca ('espenuca' ou 'cova'), porén este vocábulo foi tomado polos romanos da lingua grega. En galego, do latín spelunca, obtemos o temo vulgar de cova: espenuca e o prefixo culto espeleo- (elemento de orixe grega que entra na formación de palabras co significado de ‘caverna’).
Con dita verba que xa era coñecida a zona no século XI, en referencia ás numerosas palas e cavidades dos arredores da vila, entre as cales salienta a cova da Font Major (fonte maior), por onde descorre, so terra, o río Francolí, achada, por casualidade, en 1853, e que actualmente pode ser visitada, xunto co museo que se instalou no seu interior. É a máxima atracción de L'Espluga. Pódense realizar tamén actividades de espeleoloxía.
Monumentos e atractivos da vila[editar | editar a fonte]
- Coves de l'Espluga son unhas palas naturais utilizadas polo ser humano dende o paleolítico. Ten un museo que se atopa no seu interior. Visita guiada dunha hora e 15 minutos de duración aproximadamente.
Ademais da xa mencionada Cova Museo da Font Major, cómpre salientar tamén:
- Fassina Balanyà, a antiga fábrica de alcol tornou a abrir as súas portas no ano 2009 coma un dos museos industriais do Sistema do Museo Nacional da Ciencia e a Técnica de Cataluña, que neste caso amosa o funcionamento da fabrica durante os anos da posguerra civil española, para coñecer os procesos produtivos para a obtención de alcol e os seus derivados. Oficina de Turismo.
- O antigo hospital da Orde de San Xoán, fundado polos cabaleiros hospitalarios, malia que o edificio actual, gótico, data do século XIV. Acolle a biblioteca Mosén Ramón Muntanyola e diversas entidades.
- Igrexa de Sant Miquel, do século XIII, moi austera, de transición entre o románico e o gótico. En 1837, baixo as escaleiras da igrexa agocháronse os restos dos reis cataláns cuxas tumbas foran profanadas no mosteiro de Poblet. Incendiada en 1873, durante a Terceira Guerra Carlista, construíuse na mesma praza a igrexa nova, de estilo neoclásico, aproveitando as pedras do antigo castelo.
- O Museo da Vida Rural, instalado no pazo da familia Carulla, do século XVII, e creado en 1988 a instancias de Lluís Carulla, industrial e mecenas, promotor da Fundación Lluís Carulla. O novo Museo da Vida Rural responde á vontade da Fundación Lluís Carulla de modernizar e ampliar as súas instalacións.
- A adega cooperativa modernista, o Celler Cooperatiu, obra de 1913, de Pere Domènech i Roura, que seguiu o proxecto do seu pai Lluís Domènech i Montaner, baseado no gótico catalán. Actualmente acolle o museo do viño (Museu del Vi). O museo está estruturado en tres niveis. Nun primeiro nivel soterrado, habilitado polo antigo lagar, exponse a historia, o cultivo e a elaboración do viño. Un segundo nivel, entre os bocois, explícase a elaboración moderna do viño. Finalmente, nun tereceiro nivel, por riba dos bocois, exponse a arquitectura e un audiovisual.
- O Casal de l'Espluga, aberto en 1965, tamén grazas ao mecenas Lluís Carulla. É o centro dun conxunto de servizos tales como: hotel, parque infantil, pavillón polideportivo, escola de música, cine etc.
Economía[editar | editar a fonte]
A actividade económica do concello depende da agricultura, o comercio, o turismo e a industria. As culturas máis importantes son a vide e os cereais (trigo e orxo), amendoeiras, oliveiras, existindo tamén algunhas granxas de polos e porcos. O reclamo turístico do achegado mosteiro de Poblet converteu a L'Espluga nun importante núcleo de servizos culturais, de hostalaría, restaurantes e lecer, que complementan os atractivos propios do termo. O mercado faise os luns e venres á mañá. A feira da vila (que ten lugar o último domingo de xaneiro) documentada dende 1565, aglutina a oferta comarcal e derivou das súas orixes agrícolas e gandeiras a aspectos máis comerciais e de servizos. Tamén é importante a mostra vitivinícola e de produtos agrarios que se celebra en setembro, durante a Festa de la Verema (festa da vendima). Son sonadas as galletas ("vanos") e carquinyols típicos da vila.
Tradicións[editar | editar a fonte]
Grupo tradicional de diables fundado en 1879, e recuperado en 1990.
Coñecido como "La rua de les 1000 disfresses" é a festa máis populosa da vila. En 2007 cumpriu a súa vixésimo quinta edición.
Comunicación[editar | editar a fonte]
A emisora oficial da vila. Xornais, magazines, fórmulas musicais, e emisión on-line.
Revista mensual na que se publican novas e artigos que están relacionados con L'Espluga.
Galería de imaxes[editar | editar a fonte]
Celler Cooperatiu, adega cooperativa modernista, obra de 1913, de Pere Domènech i Roura.
Notas[editar | editar a fonte]
Véxase tamén[editar | editar a fonte]
![]() |
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: L'Espluga de Francolí ![]() |