Minas Morgul
Minas Ithil (‘torre da Lúa’ en sindarin) é unha cidade-fortaleza ficticia creada polo escritor británico J. R. R. Tolkien para o seu legendarium. Tras caer baixo o influxo de Sauron, comezou a ser coñecida como Minas Morgul (‘torre da feiticería’).
Historia
[editar | editar a fonte]Como Minas Ithil
[editar | editar a fonte]No ano 3320 da S. E., Isildur, fillo de Elendil, fundou a cidade de Minas Ithil na rexión de Ithilien, sobre un contraforte das Montañas da Sombra, na fronteira con Mordor, co obxectivo de controlar esa entrada a Mordor. A cidade converteuse na capital da rexión, e foi gobernada polo mesmo Isildur.
No ano 3429 S. E. Sauron realiza un ataque definitivo á cidade, no cal logrou capturala. Isildur escapou, reuníndose co seu pai en Eriador. Trala Guerra da Última Alianza na que Sauron foi derrotado a mans de Isildur, os numenoréanos volven a ocupar Minas Ithil por moitos séculos máis.
Porén, no ano 1636 da T. E. a peste deixou a cidade practicamente despoboada.
Como Minas Morgul
[editar | editar a fonte]Aproveitándose da circunstancia anterior, no ano 2000 T. E., o Señor dos Nazgûl liderou un exército que atacou a cidade, que é finalmente capturada e rebautizada como Minas Morgul (que significa ‘torre da feiticería’). Dende entón, Sauron pasou a controlar a Palantír que alí se conservaba.[T 1]
A partir desa data, Minas Morgul convértese na fortaleza do Rei Bruxo e un lugar de horror. Dende alí, décadas despois, atacou repetidamente a capital de Gondor, Osgiliath, á que foi debilitando pouco a pouco, o que obrigou a Gondor a cambiar de capital, nomeando a Minas Anor como capital do reino e rebautizándoa como Minas Tirith. Dende entón, ambas cidades, antes irmás, estiveron enfrontándose permanentemente. Cara a alí cabalgou Eärnur, derradeiro rei de Gondor, a contestar o desafío do Rei Bruxo, e nunca se lle volveu ver.
Séculos máis tarde, Frodo Bulseiro describiría Minas Morgul como unha cidade fantasmal, que causaba terror só con ollar para ela, iluminada cun resplandor espectral.
É durante a Guerra do Anel, no ano 3019 T. E., cando dende Minas Morgul se inicia o ataque contra a cidade de Minas Tirith. Frodo ve a saída do exército de orcos, liderado polo mesmo Señor dos Nazgûl, pero el e o seu exército caen derrotados na Batalla dos Campos de Pelennor.
Trala derrota de Sauron, Minas Morgul foi completamente destruída por orde do rei Elessar.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Tolkien, J. R. R. (abril de 1993). «La torre de Cirith Ungol». El Señor de los Anillos. il. Alan Lee, trad. Luis Domènech e Matilde Horne. Barcelona: Minotauro. ISBN 978-84-450-7179-3.
- ↑ The Return of the King, Appendix B, "The Tale of Years", entries in "The Third Age"
A Galipedia ten un portal sobre: Terra Media |