Juan Martínez Buján

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Juan Martínez Buján
Retrato en Vida Gallega, 1920.
Nome Juan Martínez Buján
Nacemento 1897
Lugar Santiago de Compostela
Falecemento 1993
Lugar Santiago de Compostela
Eido Pintor costumista, de paixaxes galegos e retratista.
Influenciado por Mariano Tito Vázquez

Juan Rafael Martínez Buján, nado en Santiago de Compostela a finais de 1897 e finado tamén en Santiago de Compostela o 13 de xullo de 1993, foi un pintor galego, ilustrador, escenógrafo, mestre nacional e profesor de debuxo.

Familia e primeiros anos[editar | editar a fonte]

Juan foi fillo de Ramón Martínez del Río e Ramona Buján Pacheco. Ramón era perito agrimensor a finais do século XIX[nota 1], e a súa familia paterna (probablemente de orixe luguesa[nota 2]) era dona dunha tenda de ultramarinos no número 5 da Rúa Carretas, en Compostela, que anos despois se transformou nun estanco e papelería e, no segundo terzo do século XX, nunha tasca. Pola súa banda, Ramona (que era compostelá) estaba emparentada co profesor do Seminario Conciliar Bernardo Aller e, dos seus irmáns, un foi freire no Colexio de Misioneiros Franciscanos de Santiago e a outra, mestra nacional. Tiveron seis fillos: Jesús, José, Luis, Eliseo, Ramón e Juan.

Juan naceu a finais de 1897[1], pouco antes da morte do seu pai[2]. Ao enviuvar, Ramona toma ao pouco a decisión de vender algunha propiedade e mercar unhas pasaxes para a Arxentina, para probar fortuna[nota 3]. Alí permaneceu pouco tempo, decidindo volver a Galicia, pero os tres fillos maiores non o fixeron, ficando na América Jesús, José e Luis. Ramona acabou por abrir un estanco na Rúa da Senra, á imaxe do que existía na Rúa Carretas da familia do seu home. Unha das tías de Juan, Elisa Martínez, casou co escritor e xornalista Enrique Labarta Pose, que convertería a casa de Carretas na sede da súa primeira revista, Galicia Humorística (1888).

Tendo en conta o carácter loitador de Ramona (quen procurou unha boa formación para todos os seus fillos), que a familia tiña pequenos negocios (por tanto, tiñan unha posición económica algo superior á media) e que varios dos seus membros exercían profesións intelectuais (médico, xornalista, mestra...), non é de estrañar que o ambiente no que Juan creceu fose positivo para desenvolver as súas inquedanzas artísticas. Así pois, entre 1910 e 1915 estivo estudando na Escola de Artes e Oficios de Santiago de Compostela, destacando extraordinariamente nas materias impartidas polo pintor José María Fenollera (Debuxo Artístico), o escultor Francisco Mariño Peñalver (Modelaxe e Vaciado) e o tamén pintor Teodoro Andreu Sentamans (Artes Decorativas), recibindo diversos premios.

Formación pictórica e primeiras exposicións[editar | editar a fonte]

Destacado debuxante, finalmente optou pola pintura como medio de expresión artística. Ao redor de 1916 deu comezo a súa formación no estudio do pintor Mariano Tito Vázquez, do que foi discípulo[3], o que o levou con seguridade a especializarse na pintura costumista e o retrato. Frecuentaba o obradoiro que aquel tiña na Rúa das Rodas, xunto a outros artistas en formación como Lino Villafínez, Roberto González del Blanco, Ernesto Carrero Garazo, Juan Luis e outros[4]. Tamén estivo estudando en Madrid[5].

A partir de 1915 comeza a expor as súas obras en establecementos composteláns e a participar en certames, como o convocado para o 27 de xullo de dito ano pola Liga de Amigos de Santiago[6], "Certamen de Arte, Virtud y Trabajo", onde obtivo un accésit[nota 4] polo óleo "Los gaiteros del Corpus"[nota 5]. En febreiro de 1917 expuxo ao público o óleo premiado[7] e en agosto participou na Segunda Exposición de Arte Galega da Coruña, que se desenvolveu entre o 27 de agosto e o 5 de outubro. Nela presentou dúas obras: "Fiandeira de Xemerás" e "La moza del huerto"[8], vendendo unha delas ao avogado Enrique Pérez Ardá por 100 pesetas[9], cousa que chamou a atención do xornalista Alejandro Barreiro pola súa xuventude[10]. O 17 de febreiro de 1918 foi sorteado para os quintos do Exército, quedando no posto 246[11], debendo incorporarse a filas con data de 1 de novembro de 1919 no Rexemento de Infantaría nº 12 de Zaragoza[12] (o propio de Santiago). Pero, semella que finalmente ou ben quedou fóra da cota ou ben acudiu ao rescate porque a partir deste ano deu comezo aos seus estudos na Escola Normal de Santiago. Tempo despois volveríano chamar da Sección de Quintas do Concello para pechar o asunto[13].

En abril de 1918 convocouse unha grande exposición de arte galega que íase celebrar entre o 1 de xuño e o 31 de agosto de 1919 na cidade arxentina de Buenos Aires[14], certame ao que se inscribiu Martínez Buján. Entrementres, formou parte dunha comisión do Círculo Mercantil de Santiago que tiña intención de por en marcha unha "Exposición de Arte Compostelano" para o ano 1920, xunto a outros notables artistas santiagueses, a semellanza do celebrado dous anos antes na Coruña, aínda que non acadou as adhesións esperadas e non se materializou. A mediados de xuño de 1919, Juan enviou á exposición de Buenos Aires catro cadros[15] (o xa coñecido de "Os Gaiteiros do Corpus", "Carmela"[nota 6], "O Retrato d'o Fillo"[nota 7] e "Rapazas d'a Mahía"[nota 8][nota 9]). Ao remate da exposición, Juan vendeu, cando menos, o cadro "Rapazas d'a Mahía" ao Centro Gallego de Buenos Aires[16][17], pero entre as vendas non estaba a súa primeira obra, "Os gaiteiros do Corpus", porque a atopamos novamente en exposición no escaparate dunha tenda da compostelá Rúa das Orfas á fins de 1921[18].

Ao longo do mes de agosto de 1919 procedeu a decorar o interior do Santuario de Santa María da Franqueira (A Cañiza)[19]. Pouco a pouco, da man de Tito Vázquez, foi comezando a ser recoñecido nos círculos artísticos de Santiago e en abril de 1920 é un dos expertos en arte consultados a propósito do descubrimento de dúas táboas do século XV cos retratos dos Reis Católicos no Hospital Real[20].

En 1922 inscribiuse para o "Segundo Salón Ferrolano de Pintura Gallega"[21], que se inaugurou o 29 de agosto[22], pero non semella que acadara moito éxito porque non se lle menciona nas crónicas xornalísticas, o que leva a especular se verdadeiramente concorreu ao certame ou ben se se retirou del no último momento.

A Escola Normal, formación política e actividade excursionista[editar | editar a fonte]

Escola Normal de Mestres (actual Pazo de San Xerome), en Santiago de Compostela.

No curso 1918-19 ingresou na Escola Normal de Santiago de Compostela, quizais por influencia da súa tía Gertrudis Buján (mestra en Coristanco). Alí trabou amizade con Gonzalo Martín March, militante da ORGA e, posteriormente, de Izquierda Republicana, que acadaría a alcaldía de Marín, co que con seguridade avanzou nas súas conviccións políticas republicanas e galeguistas. Tamén coñeceu nesta época a Ramiro Sabell Mosquera (alcalde de Ponteareas durante a Ditadura de Primo de Rivera) e ao poeta e xornalista Manuel Ortiz Novo, entre outros.

O 1 de febreiro de 1920 fundouse a "Asociación de Maestros y Estudiantes Normalistas de Santiago", no que se integrou coma vogal da Xunta Directiva[23], baixo a presidencia de Leonardo Marras Ferreiro. Martín March acadaría ao pouco a presidencia da asociación[24] e Juan viría a selo vice-presidente no mes de outubro do mesmo ano[25][26], posto que desenvolvería ata o mes de abril do ano seguinte[27]. Dentro desta asociación, que tiña un labor pedagóxico-cultural, organizando conferencias nas que tomaban parte profesores e alumnos da Escola, Martínez Buján participou como poñente nunhas xornadas, no 1 de maio[28], na que, "nun concienciudo traballo de psicoloxía experimental, estudou as diversas manifestacións da Arte nos nenos. Para isto estuda, clasifica e describe, os resultados obtidos con nenos menores de dez anos nuns 'test' de Debuxo. Compara os debuxos exipcios cos que fan os nenos, alí pintábase con sombras e de perfil, igual que o fan os nenos que descoñecen a perspectiva. Con man mestra soubo impresionar no encerado algúns debuxos de nenos, sendo moi aplaudido polo numeroso auditorio"[29]. A xornada rematou con outra conferencia de Martín March, o que revela a proximidade de ámbolos dous amigos neste tempo.

Por outra banda, e como prolongación das súas actividades na Asociación de Mestres, participou en saídas excursionistas con moitos dos seus membros, entre eles Martín March[30]. Con seguridade, estas excursións servíronlle coma fonte de inspiración para compor as súas paisaxes e paisanaxes populares dentro da súa obra, así como para fomentar o orgullo polo pasado e pola arte galegos.

No curso 1920-21 rematou os seus estudos e en xuño de 1922 obtivo o título de Mestre Nacional[31][32]. O seu primeiro destino foille dado en decembro de 1921, como mestre interino na escola de Portas (Chantada)[33][34]. Alí levou a ensinanza de nenos e de adultos[35] ata a fin do semestre. Para o curso 1922-23, foi destinado como mestre interino á escola de Vigo (Boqueixón)[36]. Coa vida profesional xa encamiñada, Juan decidiu comprometerse en xaneiro de 1923 coa moza Ermitas de Arriba Eiriz[37], coa que casou na igrexa de San Fiz de Asma, Chantada, parroquia na que no ano anterior estivo traballando como mestre e deixoulle unha fonda impresión.

Os anos de matrimonio ata a Guerra Civil[editar | editar a fonte]

Neste ano de 1923 vai compaxinar a súa nova vida matrimonial co traballo na ensinanza, a participación nunhas oposicións e o incremento da produción pictórica, participando en dúas exposicións rexionais senlleiras: a Exposición Rexional de Belas Artes de Santiago e a Terceira Exposición de Arte Galega da Coruña. A sociedade do Casino de Santiago organizou unha exposición para os días 15 a 31 de xullo, a referida Exposición Rexional de Belas Artes de Santiago, na que Juan Martínez se inscribiu anunciando que levaría "o último e o mellor da súa produción"[38]. Acudiu con dous óleos[39]: "Retrato de D. José Lois"[nota 10] e "A Fidalga"[nota 11]. O certo é que a crítica foi un tanto contemplativa coas obras ao afirmar que "estes dous [retratos] que presenta na Exposición non son quizais a súa mellor obra, pero son a súa fiel promesa". Non obstante así, tamén se apunta que "Martínez Buján nesta hora é o primeiro artista compostelán que merece as preferencias da nosa Exposición" (Bernal de Bonaval).

Na Coruña presentou catro cadros na "Tercera Exposición de Arte Gallego de La Coruña", inaugurada o 26 de agosto[40] e que se estendeu ata principios de outubro. Deste certame non hai referencias xornalísticas a propósito dos títulos das obras presentadas nin da crítica ás mesmas, e a maior atención concitárona as obras de Fernando Álvarez de Sotomayor, Francisco Lloréns e Francisco Asorey.

Ao final do ano, Juan presentouse ás oposicións á Escolas nacionais, acadando un discreto 94º posto trala primeira proba[41] e mellorando no exame práctico de xaneiro de 1924[42], que valeulle ascender ao 62º posto na cualificación final[43], o que lle permitiu aprobar pero non acadar o posto definitivo inmediatamente. O seu destino provisional foi a escola de Oleiros (Carballedo)[44][45]. Entrementres, tivo o seu primeiro fillo, Fernando, nacido en 1925, e, probablemente, ao ano seguinte a Beatriz. Obtivo o seu destino definitivo en novembro de 1926 na escola de Deiro (Vilanova de Arousa)[nota 12]. Xa nesta localidade naceron Josefa (1927), Juan José (maio de 1928)[46] e Gonzalo.

Ata 1928 non temos noticia doutra participación noutra exposición. Será na "Exposición de Arte Gallego", patrocinada polo Heraldo de Madrid, inaugurada o 7 de xuño[47]. Presenta dúas obras: "Camiño adiante" e "Cativo", que son calorosamente acollidas polo crítico Rafael Marquina que di: "En ambos óleos Galicia está presente co fervoroso tremor da súa emoción; pero, ante todo, en ambos óleos fíxose obra pictórica. Nisto descansa, no meu sentir, o positivo valor dos cadros de Martínez Buján, de rexa e segura traza, de acertado colorido, de vigoroso debuxo"[48].

Ao ano seguinte participou na "Exposición de Arte Gallego Buenos Aires-Montevideo"[49], inaugurada o 2 de agosto en Buenos Aires[50]. Nesta exposición non acadaron repercusión as obras de Martínez Buján[nota 13], dentro do que semella unha visión feroz do certame por parte da crítica. Pero, si que atopamos unha crítica demoledora dunha das súas obras nun xornal bonaerense. Trátase do antedito "Camiño adiante", contra a que o xornalista Sebastián Guerrero (membro da Federación de Sociedades Gallegas Agrarias y Culturales e pioneiro do socialismo galego na Arxentina) arremete, xunto a outras obras de autores galegos coñecidos (todo hai que dicilo), como Amando Suárez Couto ou Emilio de la Iglesia, resumindo que "non se salva nin como obxecto belo en si"[nota 14].

O 21 de maio de 1930 perdeu ao seu fillo maior, Fernando, que con 5 anos morreu a causa das feridas que lle produciu un atropelo dous días antes en Deiro[51]. Non sabemos como puido afectar este suceso á súa carreira, e se o posible fracaso na exposición americana minguou a súa dedicación á pintura, pero o certo é que ata o principio da Guerra Civil Española non hai máis noticias de Juan Martínez salvo aquelas derivadas da súa pertenza á estrutura pública de ensinanza.

O exilio. Derradeiros anos[editar | editar a fonte]

Martínez Buján foi profesor de debuxo no Centro Gallego de La Habana.

Ao momento de producirse a sublevación do 18 de xullo de 1936, Martínez Buján atopábase en Deiro. Galicia caeu case de inmediato dentro da órbita de dominio Nacional e o pintor emprendeu o camiño do exilio á América. En lugar de dirixirse cara á Arxentina, onde lembremos que residiu brevemente na súa infancia e onde tiña residindo aos seus irmáns maiores, decidiu marchar á Cuba. A razón foi que alí vivía outro familiar do seu pai, que xa tiña negocios. Entrementres, a súa muller e fillos ficaron en Galicia.

En febreiro de 1937, se non antes, xa temos a Juan instalado na Habana e colaborando coma ilustrador no número de marzo da revista "Cultura Gallega"[52]. A propia revista trazou dúas descricións do artista nos números de febreiro e maio. Pero, estes anos de guerra e posguerra foron unha penitencia para Martínez Buján, aos que asistiu impotente desde Cuba. En marzo deste ano deu comezo o longo proceso de depuración da súa praza de mestre, dándoselle primeiro un prazo para presentarse perante a Comisión Depuradora do Maxisterio[53]. Logo, un ano e medio despois, ratificándoselle a suspensión de emprego e soldo e propoñéndoselle para a separación do corpo de mestres[54]. Por fin, outro ano e medio despois, en maio de 1940, determinando a Comisión Superior Ditaminadora a separación definitiva do servizo e baixa na escala[55] e liquidando á súa dona os haberes pendentes ao 50%[56], a pesar das xestións de Ermitas por conseguir polo menos o mantemento do seu posto cunha redución da nómina do 50%[57].

Continuaron as desgrazas no eido familiar, comezando polo pasamento do seu fillo Gonzalo, o 21 de outubro de 1938[58], seguido polos falecementos da súa nai Ramona, o 30 de maio de 1940[59], e do seu irmán José, o 8 de decembro de 1942[60]. En Cuba continuou pintando e combinou esta actividade co labor de escenógrafo[61] e mesmo de profesor de debuxo na Academia de Belas Artes do Centro Galego da Habana[62]. Concorreu a diferentes certames, como os Salóns Anuais do Círculo de Bellas Artes, onde obtivo varios premios[5].

Pouco a pouco iríase significando politicamente dun xeito máis evidente, dando publicidade á súa filiación a Izquierda Republicana[nota 15]. Integrouse nas redes republicanas desenvolvidas en Cuba, asinando diferentes chamamentos[63] ou participando en actos antifranquistas[64], e asistiu á transformación do Centro Galego da Habana na nova Sociedade de Amizade Cubano-Española (SACE). Aparentemente, nos primeiros tempos do exilio, avogou por un entendemento internacional que afogara ao réxime franquista a través do illamento. Cando isto resultou imposible polo máis que evidente apoio de Eisenhower a Francisco Franco, foi medrando, desde outubro de 1952, a súa oposición ao pacto hispano-americano[65], cualificado de "venda de España por un puñado de dólares aos imperialistas ianquis" e chamando pola unidade para evitala "vergoña humillante", nas súas propias palabras[66]. Foi o xermolo dun antiimperialismo crecente que puxo o seu foco na nuclearización española e na aparición das novas armas de destrución masiva (bombas atómicas, de hidróxeno e bacteriolóxicas), dentro do contexto da Guerra fría[67]. Finalmente, en 1961 asinou unha carta dunha serie de intelectuais españois en Cuba dirixida ao presidente mexicano para pedirlle a liberación do pintor muralista e comunista mexicano David Alfaro Siqueiros[68]. A principios de 1959 caeu o réxime do xeneral Fulgencio Batista, mudando radicalmente o panorama cubano coa chegada ao poder de Fidel Castro, quen a finais de 1961 declarouse marxista-leninista e integrou a illa no grupo de países do bloque comunista.

Tras 25 anos en Cuba, o 9 de febreiro de 1962, Martínez Buján foi elixido presidente da Sección de Belas Artes da Sociedade de Amizade Cubano-Española[69], pouco antes de que a institución pasase a denominarse no ano 1963 Círculo Julián Grimau[70] e pasara a ser controlado, fundamentalmente, por parte dos exiliados comunistas. Quizais foi chegado a este punto cando Juan, republicano de esquerdas pero non comunista, decidiu abandonar a illa de Cuba e instalarse en Miami, onde abriu unha galería de arte. Nesta cidade seguiu participando en exposicións, como na "Asociación Cubana de Artes Plásticas en el Exilio (ACAPE)", na Galería Bacardí, no Dade Federal Bank e na Cámara de Comecio Latina, no que presentou 13 cadros nunha exposición individual do 14 ao 23 de marzo de 1969[5].

En Miami pasou uns anos, ata que chegados os derradeiros anos do franquismo, volveu a España a principios dos anos 70, reencontrándose coa súa familia, e vindo morrer á súa cidade natal en 1993.

Sete postais: modelos para a súa obra?[editar | editar a fonte]

Postal editada por José, irmán de Juan, nos anos 20.

A finais da década dos anos 20, o seu irmán José, que se fixera cargo do estanco familiar na rúa da Senra, encargou á editorial madrileña Heliotipia Artística Española a edición dunhas postais, tanto en formato solto como en bloques, para a súa venda aos turistas. A meirande parte das imaxes contidas son xerais da cidade de Santiago, e podémolas observar noutras edicións da época. Non obstante, cómpre salientar que, xunto a estas imaxes convencionais, hai sete que son diferentes por reflectir unha temática costumista e de tipos populares, e que non volveron ser empregadas por ningún outro editor, o que nos leva a pensar que tiñan unha especial significación para José ou para a súa familia. As postais son as que seguen:

  • «11. Tipos gallegos: Fiando na roca»
  • «12. Tipos gallegos: Camiño pro tren»
  • «13. Tipos gallegos: Ollando o camiño»
  • «14. Tipos gallegos: Gaiteros da terriña»
  • «28. Tipos gallegos: Fiando na roca»
  • «29. Tipos gallegos: Mozas no traballo»
  • «30. Tipos gallegos: De volta do traballo»

Das sete só unha se afasta do retrato de tipos populares, tan de moda nesta época, que é «Camiño pro tren» (unha xugada de bois atravesando un río). Outra é un retrato de dous gaiteiros mozos. O resto sérvese das mesmas modelos, dúas mulleres (nai e filla?) en diferentes actitudes costumistas (traballando no campo, fiando na roca, levando a xugada...) e vestidas co tradicional traxe galego tocadas con característicos panos na cabeza. As actitudes impostadas lembran enormemente ás obras de Juan Martínez Buján, levando a pensar que ben puideron ser modelos das mesmas. Desde unha análise deltiolóxica, xulgamos que estas imaxes pertenceron ao arquivo persoal de Juan e que o seu irmán, en homenaxe á súa arte ou ben por consideralas de mérito ou ben, simplemente, por non ter que pagar por novas imaxes á casa editorial cando tiña unhas propias, empregounas ata completar a colección de 30 postais.

Crítica coeva[editar | editar a fonte]

Xa desde as súas primeiras obras concitou unha especial atención da crítica, que o cualificou de "lexítima esperanza da Pintura Galega, que é galego de corazón e de orixe, e triunfará"[71].

O xornalista socialista Juan Jesús González (militante coma el de Izquierda Republicana) di del que "é un dos poucos artistas que fan cadros sen marcos, que saben expresar os seus sentimientos bela e galanamente co pincel, sen se preocupar do 'marqueado' rumboso, que vaia matar as faltas do artista"[72]. Dous anos despois, algo menos entusiasta, di que "é un grande afeccionado ao retrato, cultiva o retrato por enriba de todo e dá ao retrato toda a importancia das súas afeccións e neste terreo é Martínez Buján, senón un artista completo, un pintor de grandes acertos"; rematando ao dicir que "é un bo pintor de retratos". Porén, sorprende González cando, a continuación, informa de que "poucas paisaxes vimos no seu estudio as escasas e raras veces que a el tivemos acceso; vimos nel ao cultivador da figura pero non con predilección ao retrato"[73].

De "rexa personalidade", é para outro un dos "pintores galegos, que sen perder nas súas obras a nota de realismo que tan apreciables as fai, sabe saturalas coa poesía e o misterio co que enriqueceu esta terra meiga"[74]. Rafael Guerrero, entusiasmado, di que "revélasenos como un pintor galeguista no sentido máis profundo e racial da palabra. Enténdase que non se trata dun tipismo superficial e externo, senón dunha emoción entrañable e definidora. O pintoresco ten pouco que ver aquí. O localismo enraiza nunha fonda emoción universial, e reintégrase, por tanto, ao seu verdadeiro sentido humano sen perder ningunha das súas características específicas. Martínez Buján é un pintor galego; pero dando a ámbalas palabras, pintor e galego, unha idéntica importancia"[75].

Un crítico, escondido tralo pseudónimo Bernal de Bonaval, cualifícao de "artista postergado" e descríbeo coma unha gran promesa, de obra "en risoña floración; e agardemos confiados que o seu talento e amor ao traballo sexan o pólen sacratísimo, per cursor [sic] de dourado froito baixo un sol de triunfo"[76].

Obra pictórica[editar | editar a fonte]

  • Los gaiteros del Corpus, Os Gaiteiros d'o Corpus ou Os Gaiteiros do Corpus en Compostela (1915), premiada cun accésit no Certamen de Arte, Virtud y Trabajo organizada pola Liga de Amigos de Santiago en 1915
  • Fiandeira de Xemarás (1917)
  • La moza del huerto (1917)
  • Carmela (ca 1919)
  • O retrato d'o fillo (ca 1919)
  • Rapazas d'a Mahía (ca 1919)
  • Retrato de D. José Lois (ca 1923)
  • A Fidalga (ca 1923)
  • Camiño adiante (ca 1928)
  • Cativo (ca 1928)
  • Jesús María Bouzo Bello, presidente del Centro Gallego de La Habana (retrato, no antigo Centro Galego da Habana)
  • Alfonso Daniel Rodríguez Castelao (retrato, no antigo Centro Galego da Habana)
  • El médico Ramón Fernández Mato (retrato, no antigo Centro Galego da Habana)
  • Rumbera (para a Galería García Beltrán, da Sociedade de Amigos do País)
  • Toreo
  • Catedral de Compostela
  • Vendedoras de pescado
  • Rincón del Berbés
  • Rúa compostelana
  • Muñeca
  • Puesta de sol
  • Ciudad de Cuenca
  • S. E. Coleman Carrol - Arzobispo de Miami (retrato)
  • Torero Palomo Linares (retrato)
  • Mirta (retrato)
  • Sra. María Teresa Stetz (retrato)
  • Sra. Eloisa García (retrato)
  • Unha vella de zocos cun paraugas (cadro que estivo moitos anos exposto á entrada do "Hotel La Perla", na compostelá Rúa da Senra)
  • Retrato de Alexandre Bóveda
  • Retrato de Concepción Arenal
  • Retrato do Xeneral Eugenio Sánchez Agramonte (para o Ministerio de Salubridade da Habana)
  • Retratos de outros presidentes do Centro Galego da Habana
  • Retratos das "Hijas de Galicia"

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Ao seu falecemento estaba, ademais, cursando o 3º ano de Dereito.
  2. O seu título foi remitido ao Instituto de Lugo, onde debeu estudar (Gaceta de Galicia, 22-7-1886, p. 2.)
  3. Tivo que ser con posterioridade a 1900 porque neste ano aínda residía na casa familiar do número 1 da Rúa Algalia de Abaixo xunto a tres dos seus fillos (José, Eliseo e Juan). Coidamos que Jesús, Luis e Ramón vivirían con outros familiares da cidade (Censo de Santiago de Compostela. 1900, Arquivo Histórico Universitario de Santiago).
  4. Os cadros cos lemas "Muiñeira" e "Campo de grelos" foron os que obtiveron accésit (Gaceta de Galicia, 28-7-1915, p. 1), aínda que non sabemos cal dos dous é o de Juan e cal o de Teodoro Andreu, o outro premiado (Gaceta de Galicia, 31-7-1915, p. 1).
  5. En El Compostelano (1-12-1921, p. 1), o xornalista Juan Jesús González describe a obra como segue (orixinal en castelán. Tradución de gl.wikipedia.org): "«Os Gaiteiros do Corpus en Compostela» é un fermoso cadro do señor Martínez Buján [...]. Neste cadro do señor Buján aparecen, efectivamente, eses dous "gaiteiros" [gal. no orixinal], que, durante o traxecto que percorre polas rúas compostelás a procesión do Corpus, van coa súa gaita e o seu tamboril dicindo as "queixas" e os "mormoríos", as "morriñas" e as "nostalgias" da terra galaica. Neste lenzo, dun fondo escuro, saliéntanse as figuras dos dous "gaiteiros", sintetizando unha tradición compostelá e polo tanto galega; tradición na que soubo inspirarse o señor Buján para mover maxistralmente os seus pinceis e traer á nosa vista, pouco facultada na percepción destes traballos artísticos, unha obra mestra, que é unha xoia máis para a galería artístico-pictórica de Galicia, se en Galicia chegárase formar un Museo da Arte. Non falemos dos matices, da seguridade das liñas, dos debuxos, das expresións e do colorido, que son partes integrantes desta preciosa produción do señor Buján, xa que a obra di, conxuntamente, todo o seu valor estético e caracterízase por si mesma; pero diremos, si, que no seu fondo, nese fondo que o artista quixo imprimir á súa obra, hai unha idea, un sentimento perennes, que nos din claramente o obxectivo que perseguiu o señor Martínez Buján para chegar á formar unha xoia máis, que ven enriquecela nosa Arte rexional. É o cadro do señor Buján unha síntese dunha tradición galega, desas tradicións tan vastas e tan gloriosas que foron unificando o alma da nosa raza, nun núcleo de glorias e tradicións venerandas. [...] Así que vendo este lenzo do señor Buján vese arte pura e "enxebre", daquela Arte que amamos aqueles que anhelamos o renacemento galego a base dunha boa conciencia e dunha clara intelixencia. Non dubidamos que non haxa acredores a este cadro do Sr. Buján, xa que é unha obra maxistral e habendo, como tampouco dubidamos que haxa, xente en Santiago amante da Arte galega e que se encariña con estas obras dos nosos artistas…".
  6. "O seu cadro «Carmela» representa unha mociña, que sentada ao carón do camiño, descansa das tarefas do campo. A xulgar pola dozura e a melancolía que hai no seu mirar e no seu sorriso, dixérase que ocupa o seu pensamento, a lembranza daquel rapaz que en afastadas terras labra o seu porvir".
  7. "«O Retrato d'o Fillo» contén dúas figuras anciás, que sorprenden polo gran carácter que teñen".
  8. "«Rapazas d'a Mahía» aquí, como en «Carmela», volve o artista a facer un verdadeiro alarde de cor, nos típicos panos con que están tocadas as súas figuras, dun sentimento e carácter extraordinarios, que completan as paisaxes que serven de fondo aos seus asuntos".
  9. "[...] fermoso cadro ao óleo de dúas medias figuras titulado «Rapazas da Mahía»".
  10. "[...] retrato de home, pintura maxistral, polo fresco da cor, a seguridade da liña e a execución ampla e sinxela" (El Compostelano, 28-7-1923, p. 1). Juan Jesús González di desta obra que "é unha obra interesante na que a técnica apenas ten sufrido deterioro algún; hai nela unha palpitante sensación de realidade; a pincelada é vigorosa e o debuxo enerxético" (La Zarpa, 3-8-1923, p. 1). Por outra banda, o crítico baixo o seudónimo de Bernal de Bonaval di que é un retrato "harmónico, seguro de liña e con esa serenidade propia das obras sólidas" (Galicia. Diario de Vigo, 5-8-1923, p. 3).
  11. "[...] é sen dúbida a nota máis pura de sabor e ambiente galego de toda a Exposición. Aquela figura chea de candidez, de mirada inxénita [sic] e picaresca á vez, evoca na nosa memoria ese tipo interesante e suxestivo por ser único, que tantas veces atraeu a nosa mirada percorrendo as agrestes e fértiles montañas de Lugo. Con que amor e con que sinceridade está pintado a enxebre paisaxe que serve de fondo á típica e noble figura da traballadora aldeá!" (El Compostelano, 28-7-1923, p. 1). González neste caso nota "outra exquisitez artística, parece que hai máis depuración nela e máis vitalidade nos trazos; a cor aparece neste retrato máis vivo, sen perder entoación, e a figura, ela mesma en si, parece que adquire máis relevo e máis elegancia" (La Zarpa, 3-8-1923, p. 1). Por fin, Bernal de Bonaval a cualifica de "figura chea de cor e expresión enmarcada nunha bela paisaxe galega que completa dun modo admirable a idea capital do cadro" (Galicia. Diario de Vigo, 5-8-1923, p. 3).
  12. Por Real Orde de 20-11-1926, publicada 6 días despois (El Pueblo Gallego, 30-11-1926, p. 11).
  13. Salientar que no amplo reportaxe que sobre a exposición se publicou na revista Galicia (novembro-decembro 1929) non hai ningunha referencia ao pintor compostelán.
  14. "[...] representa a un viaxeiro, de rostro tranquilo, como se estivese posando ante un fotógrafo, e quen non se atreve a supoñer nun viaxeiro que leva o embornal ao lombo, en vez de tranquilidade, expresión de cansazo, de dor, ou de ansiedade?" (El Despertar Gallego, 18-8-1929, p. 1).
  15. A primeira vez que aparece nun xornal como membro desta formación política é en 1953, cando participa nunha cea de homenaxe a prol de Pedro Cavia, presidente da "Casa de la Cultura de La Habana" (España Popular, 31-7-1953, p. 2).
Referencias
  1. ALONSO GIRGADO, Luis: Introducción: Cultura Gallega (1936-1940), artigo dentro de Cultura Gallega (A Habana, 1936-1940). (Facsímile dos anos 1936-1937), Publicacións do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades / Xunta de Galicia-Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, 1999; p. 51. Esta fonte afirma que naceu en 1898.
  2. Gaceta de Galicia, 12-11-1897, p. 3. A necrolóxica do pai publicada nesta data demostra que o nacemento de Juan non puido producirse en 1898, como sinalan varias fontes, posto que nela xa aparece mencionado.
  3. Diario de Galicia, 10-2-1917, p. 1.
  4. L. M. Villafínez (1892-1970), catálogo dunha exposición. Comisario, Xosé Carlos Valle Pérez. Pontevedra, 1998, pp. 14 e 15.
  5. 5,0 5,1 5,2 La Cámara de Comercio Latina presenta: en su II exposición, obras del profesor Juan Martìnez Buján, folleto procedente dunha exposición en Miami, 1969.
  6. Diario de Galicia, 10-8-1915, p. 3.
  7. Diario de Galicia, 10-2-1917, p. 1.
  8. Segunda Exposición de Arte Gallego. La Coruña, 1917, catálogo da exposición, p. 22.
  9. Diario de Galicia, 11-10-1917, p. 1. Coidamos que o cadro vendido foi o primeiro, logo que o segundo apareceu reproducido uns anos despois en Vida Gallega (25-6-1920, p. 19).
  10. BARREIRO NOYA, Alejandro: Del arte gallego Exposición Regional, 1917. Bocetos de crítica por Alejandro Barreiro. Prólogo de Antonio Villar Ponte. La Coruña, p. 162.
  11. El Correo de Galicia, 18-2-1918, p. 2.
  12. El Eco de Santiago, 18-10-1919, p. 1.
  13. El Compostelano, 17-5-1922, p. 3.
  14. Galicia Pintoresca, 28-4-1918, p. 9.
  15. El Noticiero Gallego, 18-6-1919, p. 2.
  16. El Eco de Santiago, 9-4-1920, p. 1.
  17. El Orzán, 5-5-1920, p. 1. A noticia denomina á institución bonaerense "Casa de Galicia".
  18. El Compostelano, 1-12-1921, p. 1.
  19. El Noticiero Gallego, 29-8-1919, p. 1. "[...] labor que realizou con admirable bo gusto".
  20. El Orzán, 22-4-1920, p. 1.
  21. El Ideal Gallego, 17-8-1922, p. 2.
  22. El Ideal Gallego, 29-8-1922, p. 4.
  23. El Eco de Santiago, 2-2-1920, p. 2.
  24. El Compostelano, 18-4-1920, p. 4.
  25. El Eco de Santiago, 26-10-1920, p. 2.
  26. El Compostelano, 27-10-1920, p. 4.
  27. El Ideal Gallego, 13-4-1921, p. 2.
  28. El Eco de Santiago, 3-5-1920, p. 2.
  29. El Compostelano, 3-5-1920, p. 4.
  30. El Compostelano, 10-5-1920, pp. 1 e 4. A principios de maio de 1920, moitos membros da asociación (ata 40 persoas) viaxaron ás "marxes do Ulla", visitando a Fervenza do Toxa, o mosteiro de Carboeiro e o pobo de Merza, entre outros puntos.
  31. El Ideal Gallego, 23-6-1922, p. 2.
  32. El Eco de Santiago, 1-8-1922, p. 1. En agosto chegou o título á Escola Normal.
  33. El Ideal Gallego, 11-12-1921, p. 4. O seu soldo anual era de 2.000 pesetas. Substituíu ao anterior mestre interino, Constantino Fernández, que foi suspendido de emprego e soldo pola Dirección Xeral de Instrución Pública.
  34. El Eco de Santiago, 12-12-1921, p. 2.
  35. El Ideal Gallego, 12-2-1922, p. 2. Inicialmente non tiña consignada no soldo a educación a maiores, pero unha rectificación do 15 de febreiro gratificoulle tamén por isto (El Ideal Gallego, 17-2-1922, p. 6).
  36. El Ideal Gallego, 29-6-1922, p. 5. Por resultar excedente o mestre titular, José María Fernández Penelas (El Compostelano, 7-6-1922, p. 2).
  37. El Compostelano, 8-1-1923, p. 3. A miúdo emprégase a variante Hermitas no seu nome.
  38. El Compostelano, 15-6-1923, p. 3.
  39. El Compostelano, 16-7-1923, p. 3.
  40. El Orzán, 28-8-1923, p. 1.
  41. El Compostelano, 8-11-1923, p. 1.
  42. El Compostelano, 23-1-1924, p. 6.
  43. El Compostelano, 4-2-1924, pp. 1 e 2.
  44. En El Noticiero Gallego (4-12-1926, p. 3) se di que é Ollero (La Coruña), pero en El Pueblo Gallego (24-12-1926, p. 5) se da o destino correcto.
  45. El Eco de Santiago, 5-5-1925, p. 2.
  46. El Pueblo Gallego, 1-6-1928, p. 12. Ao seu bautizo acudiron numerosos invitados, entre os que se encontraba José Trigo Gómez, secretario do Concello de Vilanova de Arousa.
  47. El Orzán, 6-6-1928, p. 1.
  48. Heraldo de Madrid, 9-7-1928, p. 13. Neste artigo, ademais, reprodúcese nunha imaxe "Camiño adiante", que por erro titulan "Cariño ardiente".
  49. El Orzán, 6-6-1929, p. 2.
  50. Correo de Galicia, de Buenos Aires, 4-8-1929, p. 3.
  51. El Progreso, 20-5-1931, p. 2.
  52. ALONSO GIRGADO, Luis: Introducción: Cultura Gallega (1936-1940), artigo dentro de Cultura Gallega (A Habana, 1936-1940). (Facsímile dos anos 1936-1937), Publicacións do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades / Xunta de Galicia-Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, 1999; p. 66.
  53. El Pueblo Gallego, 12-3-1937, p. 3.
  54. El Noticiero Gallego, 25-9-1938, p. 2.
  55. El Noticiero Gallego, 11-5-1940, p. 2.
  56. El Noticiero Gallego, 4-5-1940, p. 2.
  57. El Pueblo Gallego, 21-5-1940, p. 5.
  58. El Compostelano, 21-10-1938, pp. 2 e 3.
  59. El Compostelano, 31-5-1940, p. 2.
  60. El Compostelano, 9-12-1942, pp. 2 e 3. Semella que nesa inhumación Juan estivo presente, logo que non se informa na necrolóxica da súa ausencia, como era o acostumado.
  61. CABAÑAS BRAVO, Miguel: Lazos y ensanches del arte español a través del exilio de 1939. El caso de Cuba, artigo en Las redes hispanas del arte desde 1900, CSIC, 2014, p.96.
  62. CAGIAO VILA, Pilar e PÉREZ REY, Nancy: “Itinerarios cubanos del exilio gallego”, artigo na revista “ARBOR Ciencia, Pensamiento y Cultura”, nº CLXXXV, de xaneiro-febreiro 2009, p. 137.
  63. Mundo Obrero, 11-8-1949, p. 2. "Os republicáns españois residentes en Cuba piden ao Sr. Martínez Barrio a integración dun Goberno de unidade republicana e obreira".
  64. España y la Paz, 1-7-1952, p. 7. Formou parte da Comisión Patrocinadora da "Conferencia de Españoles por la PAZ en Cuba", que celebrouse entre o 21 e o 27 de xullo de 1952, na que aparece coa profesión de profesor, o que nos leva a crer que daquela xa daba clases na antedita "Academia de Bellas Artes del Centro Gallego de La Habana".
  65. España Popular, 6-11-1953, p. 2.
  66. España Popular, 15-1-1954, p. 2.
  67. España Popular, 21-5-1954, p. 2.
  68. España Republicana, 1-1-1961, p. 4.
  69. España Republicana, 15-2-1962, p. 10.
  70. ROMERO SAMPER, Milagrosa: El exilio republicano: La oposición durante el franquismo / 3. Ediciones Encuentro, Madrid, 2005, p. 190.
  71. El Noticiero Gallego, 18-6-1919, p. 2.
  72. El Compostelano, 1-12-1921, p. 1.
  73. La Zarpa, 3-8-1923, p. 1.
  74. El Compostelano, 28-7-1923, p. 1.
  75. Heraldo de Madrid, 9-7-1928, p. 13.
  76. Galicia. Diario de Vigo, 5-8-1923, p. 3.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Segunda Exposición de Arte Gallego. La Coruña, 1917. Patrocinada por el Excelentísimo Ayuntamiento de La Coruña y subvencionada por el Ministerio de Instrucción Pública y Bellas Artes, catálogo da exposición. A Coruña, 1917. 44 páxinas.
  • Tercera Exposición de Arte Gallego. La Coruña 1923. Instalada en los salones del Palacio Municipal. Patrocinada por el Excelentísimo Ayuntamiento de La Coruña y subvencionada por el Ministerio de Instrucción Pública y Bellas Artes y Diputaciones Gallegas, catálogo da exposición. A Coruña, 1923. 55 páxinas.
  • Exposición de Arte Gallego. Catálogo, catálogo dunha exposición en Santiago de Compostela. Edita o Concello de Santiago, 1926. 53 páxinas.
  • Barreiro Noya, Alejandro: Del arte gallego Exposición Regional, 1917. Bocetos de crítica por Alejandro Barreiro. Prólogo de Antonio Villar Ponte. La Coruña. Edita La Voz de Galicia, A Coruña, 1917. 193 páxinas.
  • Cabañas Bravo, Miguel: Lazos y ensanches del arte español a través del exilio de 1939. El caso de Cuba, artigo en Las redes hispanas del arte desde 1900. CSIC, 2014, pp. 89-106.
  • Calveiro Couto, Adolfo Víctor: Valores artísticos de la Galicia de hoy: Juan Martínez Buján, artigo en Cultura Gallega (ano II, núm. 21-22, febreiro 1937, pp. 6-7).
  • Couselo Bouzas, José: La pintura gallega. Porto y Cia Editores, A Coruña, 1950. 173 páxinas.
  • Domingo Cuadriello, Jorge: El exilio republicano en Cuba. Siglo XXI de Editores, Madrid, 2009. 620 páxinas.
  • Laguna Enrique, Martha Elizabeth: El Museo Nacional de Bellas Artes de La Habana y la colección de retratos de la pintura española del siglo XIX. Ediciones Universidad de Salamanca, colección Vitor, Salamanca, 2013. 1 306 páxinas.
  • Sanjurjo, Ceferino: Una revelación pictórica. Tres retratos de Martínez Buján, artigo en Cultura Gallega (ano II, núm. 27-28, maio 1937, pp. 12–13).