Fermin Muguruza

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.


Infotaula de personaFermin Muguruza

Editar o valor em Wikidata
Biografía
Nacemento20 de abril de 1963 Editar o valor em Wikidata (61 anos)
Irún, España Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidadeEspaña Editar o valor em Wikidata
Actividade
Ocupacióncantante , compositor de cancións , director de cinema , guitarrista , compositor , guionista de cinema Editar o valor em Wikidata
Período de actividade1983 Editar o valor em Wikidata -
Membro de
Xénero artísticoPunk rock, rap, Reggae, dub, música rock, ska e música electrónica Editar o valor em Wikidata
Influencias
LinguaLingua éuscara e lingua castelá Editar o valor em Wikidata
InstrumentoGuitarra e voz Editar o valor em Wikidata
Participou en
21 de xullo de 2023Q120782169 Traducir
9 de febreiro de 2021Construïm el nou cicle (en) Traducir
Tabakalera Editar o valor em Wikidata
Familia
IrmánsJabier Muguruza e Iñigo Muguruza Ugarte Editar o valor em Wikidata
Premios

Páxina webmuguruzafm.eus Editar o valor em Wikidata
IMDB: nm1474346 Allocine: 410205
Facebook: 62222231248 Twitter: muguruzafm Youtube: UCa50rNIpB0-9swlqHAu_RdA Badok: fermin-muguruza Spotify: 3fJaSjkcJrLV5JYot02ckk Last fm: Fermin Musicbrainz: 6b37c90e-5077-4097-988f-d64f2eb42f63 Songkick: 133507 Discogs: 169849 Allmusic: mn0000795606 Musikasten: fermin-muguruza Genius: Fermin-muguruza Editar o valor em Wikidata


Fermin José Muguruza Ugarte, nado en Irún (Guipúscoa) o 20 de abril de 1963, é un cantante, instrumentista e produtor musical vasco, tamén coñecido como Comandante Muguruza ou DJ Laia. Irmán dos tamén músicos Iñigo e Jabier Muguruza, é unha das figuras máis influentes e carismáticas do panorama musical vasco. Ademais de cantar, toca a guitarra e o acordeón e manexa as programacións.

Comezou a súa carreira musical fundando xunto co seu irmán Iñigo o grupo Kortatu, un dos máis importantes do denominado rock radical vasco e pioneiro en introducir o ska e o dub no panorama musical vasco e español. No grupo Fermin era o cantante principal e tocaba a guitarra. Os máis dos temas do grupo foron compostos polos dous irmáns.

Tras disolverse Kortatu en 1988 formou, de novo xunto a Iñigo e Kaki Arkarazo, o grupo de rock de fusión Negu Gorriak, cualificado como un dos máis importantes dos anos 90. Fermin deixou de lado a guitarra para exercer como carismático frontman e voz principal. Cos seus compañeiros de grupo fundou a discográfica Esan Ozenki Records, sempre dentro do marco da autoxestión.

Despois da disolución de Negu Gorriak en 1996 comezou a súa carreira en solitario. Practicou un estilo de fusión con elementos de ritmos latinos, rock, funk, soul e drum and bass, pivotando arredor do reggae.

Colaborou con múltiples artistas de talle internacional como Manu Chao, Banda Bassotti, Amparanoia, Tijuana in Blue, Albert Pla, Todos tus Muertos, Desorden Público ou Reincidentes. Fóra dos escenarios exerceu como columnista nos xornais Argia e Egin, e levou un programa de radio en Egin Irratia.

Politicamente Muguruza posiciónase na esquerda abertzale e no internacionalismo. Colaborou ou simpatizou con numerosas organizacións sociais e políticas vascas, como as Xestoras Pro Amnistía ou Herri Batasuna. En 1999 foi candidato independente pola lista de Euskal Herritarrok nas eleccións ó Parlamento Europeo. Aínda que a súa nacionalidade oficial é española, el considérase «vasco». Nun encontro con Danielle Mitterrand, ó preguntarlle esta se os membros de Negu Gorriak eran vasco-españois ou vasco-franceses Fermin respondeu que eran «vascos».[1]

Está divorciado e é pai dun neno e unha nena.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Desde pequeno aprendeu solfexo e a tocar o acordeón e a guitarra. Compartiu o mesmo interese pola música que os seus dous irmáns: Iñigo (máis novo ca el) e Jabier (máis vello ca el). Entre os tres reuniron unha colección de máis de 2 000 discos que tiveron que repartir ó marchar Jabier da casa. Fermin estudou pedagoxía na Universidade de Salamanca, onde comezou a dar mostras de querer montar un grupo. Tras ver un concerto de The Clash en Donostia decidiuse finalmente a montar un conxunto musical.

A música de Fermin Muguruza parte principalmente do reggae fusionado con elementos do soul, a música electrónica, o drum and bass, o folclore vasco, o jazz e o hip hop, entre outros.

Kortatu: os anos 80[editar | editar a fonte]

Fermín Muguruza durante un concerto de Kortatu no gaztetxe de Egia

En 1984 fundou co seu irmán Iñigo e con Treku Armendariz o grupo Kortatu. Fermin cantaba e tocaba a guitarra, mentres Iñigo collía o baixo e Treku a batería. Foron encadrados no movemento do rock radical vasco e pioneiros en introducir o ska no Estado español.

O grupo deuse a coñecer no compilatorio El disco de los cuatro (Soñua, 1985), xunto a Cicatriz, Jotakie e Kontuz-Hi!. Posteriormente gravaron tres álbums de estudio: Kortatu (1985), El Estado De Las Cosas (1986) e Kolpez Kolpe (1988). Tamén publicaron un disco en directo, Azken Guda Dantza (1988), un compilatorio para Europa, A Frontline Compilation (1988) e un maxi-sinxelo, A La Calle (1986).

Kolpez Kolpe foi un disco fundamental na súa carreira, por ser o primeiro integramente en éuscaro, idioma que viñan de aprender. Ademais, o produtor foi Kaki Arkarazo (daquela guitarrista de M-ak), quen se incorporou á banda como segundo guitarrista. Despois da gravación de Azken Guda Dantza o grupo separouse. Durante os catro anos de actividade deron un total de 280 concertos por toda a xeografía española e por numerosos países europeos.

Negu Gorriak: os 90[editar | editar a fonte]

Despois de dous anos de inactividade, Fermin (voz), Iñigo (guitarra) e Kaki (guitarra) formaron unha nova banda, Negu Gorriak, coa que exploraban a fusión con xéneros coma o rap, o hardcore punk e ritmos latinos. En 1990 apareceu o seu primeiro disco: Negu Gorriak, pero decidiron que aínda non sairían de xira. O seu primeiro gran concerto dérono na marcha anual dos familiares de presos vascos á prisión de Herrera de la Mancha, concerto que aparecería no vídeo Herrera de la Mancha. 90-12-09. Nese concerto uníuselles como baixista Mikel «Anestesia».

En 1991 o trío inicial configurouse definitivamente como quinteto coa incorporación de Mikel «BAP!!» á batería. Ademais sacaron adiante a súa propia discográfica, Esan Ozenki Records. Coa nova compañía editaron Gure Jarrera, louvado de xeito unánime pola crítica musical, entre outros medios, Radio 3 ou El País. A revista musical Rockdelux elixiuno como disco nacional do ano. Esta vez o grupo iniciou a xira Gora Herria/Power to the People Tour 91, que os levou por países como Francia, España, Italia, Reino Unido ou Cuba. Como testemuño editaron o maxi sinxelo Gora Herria, con cortes gravados en directo durante a xira.

Fermin Muguruza durante un concerto de Negu Gorriak en Pamplona (1992)

En 1993 apareceu o dobre vinilo Borreroak Baditu Milaka Aurpegi. Mesmo xornais conservadores como ABC ou El Correo Español mostraron eloxios respecto ó novo álbum de Negu Gorriak. Rockdelux volveu premialos como mellor disco estatal e co posto 30 na lista de «Los 100 mejores discos españoles del siglo XX». O grupo embárcase en Itxurakeriari Stop!! Hypocrisy Tour 93, a xira máis longa da súa historia, que os levou pola República Checa, Italia ou Alemaña e terminou o 30 de outubro en Bilbao ante 9 000 persoas. O concerto gravouse e editouse en LP e CD baixo o título Hipokrisiari Stop! Bilbo 93-X-30.

En maio dese ano o Tenente Coronel da Garda Civil Enrique Rodríguez Galindo demandou a Negu Gorriak por un delito de «danos ó honor e difamación do bo nome». O motivo foi a canción Ustelkeria (do disco Gure Jarrera), na que Negu Gorriak, con base nun informe do fiscal donostiarra Luis Navajas, acusou o coronel de narcotráfico. Galindo exixiu un pago de 15 millóns de pesetas (90.000 euros), ademais de non poder tocar a canción en directo nin incluíla en futuras reedicións de Gure Jarrera.

Durante 1994 realizaron as súas primeiras xiras por América Latina: unha xira solidaria co FMLN no Salvador e o Hegoamerikan Tour 94, por Chile, a Arxentina ou o Uruguai. A modo de resumo do ano editaron o vídeo Negu Gorriak Telebista.

Durante a xira por Arxentina, Fermin fixo amizade con Fidel Nadal, vocalista de Todos tus Muertos e grande admirador de Negu Gorriak. Fermin produciulles o CD Dale Aborigen (1995), no que o grupo arxentino realizaba unha versión do tema de Negu Lehenbiziko bala). Ademais compúxolles o tema Alerta guerrillas e puxo a voz en varios cortes do álbum.

En 1995 apareceu o cuarto traballo de estudio, Ideia Zabaldu. Dá un xiro no son cara a ritmos latinos como resultado das súas xiras por América Latina, polo que o disco é moito máis positivo que o escuro e denso Borreroak.

Aínda que a demanda de Galindo foi desestimada no Xulgado de Primeira Instancia, a Audiencia Provincial de Guipúscoa fallou a favor deste, o que fixo perigar o futuro do grupo e a discográfica, xa que non dispuña dos máis de 60.000 euros que lles pedía o militar ascendido a xeneral. O grupo recorreu ante o Tribunal Supremo e a sentenza queda á espera da resolución por este tribunal. En xuño volveron ós escenarios e iniciaron tamén unha campaña de solidariedade e a favor da liberdade de expresión, que culminou coa edición dun compilatorio solidario co grupo en Italia: Parla! Libertà d'espressione (Radio Tandem, Esan Ozenki-Gora Herriak, 1996). Negu Gorriak contribúe co tema "Ume Hilak". Durante este ano, Fermin exerce como produtor das suízas Wemean. O resultado é o álbum Wemean (Esan Ozenki-Gora Herriak, 1996), no que ademais pon voz no tema Stop al Pánico.

En 1996 Negu Gorriak edita o disco Ustelkeria (Esan Ozenki). Ten como obxectivo recadar fondos para afrontar o proceso xudicial aberto e contén rarezas, caras B dos sinxelos e temas inéditos. Realízase unha tirada limitada (1 500 copias) que se venden a 5 000 pesetas (uns 30 euros). O disco non se distribúe por tendas, só por correo, acompañado dun libreto con información sobre o xuízo. Ese ano Negu Gorriak disolveuse e deu o seu último concerto nas xornadas organizadas polas asociacións xuvenís Jarrai e Gazteriak. Compartiron cartel con Zebda, Dut e Body Count. Coa noticia da disolución editaron o seu último disco de estudio, Salam Agur (Esan Ozenki), composto por completo de versións de grupos que influíron ó grupo, como The Clash, Minor Threat, Bob Marley, Redskins, The Who ou Otis Redding. O grupo promete volver se gañan o xuízo.

Abrir as portas: o disco con Dut[editar | editar a fonte]

Un ano despois da disolución de Negu Gorriak, Fermin únese ó grupo Dut para publicar un só disco, Ireki Ateak (Esan Ozenki, 1997), asinado co nome de Fermin Muguruza eta Dut. Tras esta colaboración inicia a súa carreira en solitario, destacada pola fusión de diversos estilos.

Brigadistak Sound System e Dub Manifest[editar | editar a fonte]

En 1999 apareceu o seu primeiro disco en solitario, Brigadistak Sound System. Nel mestúranse reggae, ska, rock e jungle, con algúns elementos de raggamuffin ou salsa, e participando multitude de artistas internacionais. O disco iniciouse cunha colaboración entre Fermin e os venezolanos Desorden Público. Así, cada canción está gravada nun punto diferente do planeta, desde Roma ata Caracas, pasando polos Ánxeles, París, A Habana ou Barcelona. Neste disco Fermin non contou cunha banda fixa (o que será habitual nos discos posteriores), senón que cada canción estaba gravada con diferentes bandas e músicos, como Banda Bassotti, Hechos Contra el Decoro, Manu Chao, Amparo Sánchez (de Amparanoia), Angelo Moore (de Fishbone), o grupo cubano Los Van Van ou os arxentinos Todos Tus Muertos. O propio nome fai referencia ás diferentes persoas que se involucraron, ó modo duns «Brigadistas Internacionais do Son». As mesturas finais realizáronse nos Estudios Katarain (Azkarate, Navarra) de man de Kaki Arkarazo.

A temática do disco é bastante heteroxénea. Desde unha perpectiva abertzale («Harria») pero sen perder o internacionalismo («Brigadistak»), Fermin toma a palabra («Hitza Har Dezagun») e convértese nunha «nación andante» («Nazio Ibiltaria Naiz»), reclamando os dereitos dos pobos oprimidos («Newroz», «Maputxe») e arremetendo contra os poderosos, as súas institucións e o seu «mirar para outro lado» («Puzka» ou «Urrun»). Non faltan versións, como 54-46, That's my number dos seus admirados Toots and The Maytals («54-46») ou do poema do escritor vasco Joseba Sarrionandia («Eguraldi Lainotsua Hiriburuan»). Tamén, á parte do éuscaro, apareceron no disco multitude de linguas, desde o castelán ó francés, pasando polo aragonés, catalán, mapuche, kurdo, ou inglés entre outros.

O disco obtivo boas críticas. Rockdelux situouno no posto 55 entre os 100 mellores discos españois do século XX. Fermin foi premiado na IV Edición dos Premios da Música que concede anualmente a SGAE na categoría de «Mellor canción en éuscaro» por «Urrun». Fermin negouse a aparecer na gala e rexeitou o premio:

«Facer un premio á parte para a música en éuscaro ou en catalán, aínda que sexa para darlles unha relevancia que doutro modo non terían, non me parece ben. Se se fai un padroado ou academia para dar os premios, que non faga un apartado especial á nosa lingua porque entón, no canto de apoiar, discrimínase. Unha canción en éuscaro nunca poderá ser a mellor do ano porque sempre estará apartada. De todos os xeitos, eu, nisto dos premios, son máis como Woody Allen: só asisto se creo que podo achegar algo. Unha vez recollín un que Radio 3 lle deu a Negu Gorriak. Era unha festa nun clube e era outra historia: o movemento pola insubmisión estaba superforte e aproveitei para dedicarlles o premio aos insubmisos.»

Ese mesmo ano apareceu ErREMIXak, un disco con sete remesturas doutras tantas cancións de Brigadistak Sound System. Apareceu primeiro como CD exclusivo da revista Entzun!!, pero máis tarde editouse para a súa venda en tendas.

Para presentar o disco en directo, Fermin formou a Fermin Muguruza Dub Manifest, banda de apoio formada por músicos de diferentes países, a maioría dos cales xa colaboraran na gravación de Brigadistak Sound System: Sorkun (coros, ex-vocalista do grupo de punk-rock vasco Kashbad), Mikel Abrego (batería de BAP!!, Nación Reixa ou Negu Gorriak), Oskar Benas (guitarra), Hugues Schecroun (teclados, membro da banda francesa Spartak Dub International), Brice Toutoukpo (baixo, tamén de Spartak Dub International), Stefano Cecchi (trompeta do grupo italiano de reggae Ramiccia), e Francesco "Sandokan" Antonozzi (trombón, tamén de Ramiccia). Con eles iniciou unha xira que os levou por diferentes lugares do estado, así como a Italia, Francia ou Os Ánxeles.

Con esta mesma banda gravou o seu segundo traballo en solitario: FM99.00 Dub Manifest (2000). O disco adentrouse nos terreos da música electrónica e o drum and bass sen perder o reggae e o ska como bandeira. As colaboracións son tamén destacadas, como as de Magyd Cherfi e Mustapha Amokrane (do grupo Franco-alxeriano Zebda) en «Bere-Bar», Selektah Kolektiboa (grupo pioneiro en facer hip hop en éuscaro) en «Diru espainol zikina» ou Nacho Murgui (ex-vocalista de Hechos Contra el Decoro) en «Radical chic».

A banda iniciou unha nova xira europea, e chegou a tocar por primeira vez no Xapón (no Festival Fuji-Rock) e en Quebec (no Fortuna Reggae Festival). Ó terminar a xira de 2001, desintegrouse a Dub Manifest e Fermin comezou a preparar novos proxectos, incluída unha reunión de Negu Gorriak.

Durante estes dous anos colaborou en diferentes gravacións de varios grupos: cos asturianos Dixebra, poñendo voz ó tema «Wilma Loulé», incluído no disco Glaya un país (2000), con Reincidentes no tema «Un pueblo» do disco Y ahora Qué (2000) e con Desorden Público en «Cyber-revolucionario» do disco Diablo (2000).

Ademais Fermin compuxo dúas cancións («Furtibo putakumiak» e «Basurdea») para a banda sonora da curtametraxe de Ane Muñoz Basurdea. «Furtibo putakumiak» editouse no recompilatorio 21 inéditos y exclusivos (2002), con motivo da edición do número 200 da revista Rockdelux.

Negu Gorriak: a vitoria é nosa[editar | editar a fonte]

O 7 de xuño de 2000 o Tribunal Supremo absolveu a Negu Gorriak de tódolos cargos ó considerar que a querela de Galindo estaba mal formulada. Os avogados deste non recorreron, e Negu Gorriak anunciou en xaneiro de 2001 a vitoria sobre o garda civil e a celebración de dous concertos como despedida final e agradecemento a todo o apoio recibido durante o proceso. Os concertos tiveron lugar en febreiro en Baiona ante 4 000 persoas e no velódromo de Anoeta en Donostia con 13 000 siareiros. Debido á venda masiva de entradas (esgotáronse en menos dun mes) e á expectación creada, o grupo anunciou que realizaría dous concertos en Anoeta. Ademais, reeditouse Ustelkeria para a súa venda en tendas. Arredor de 30 000 persoas foron testemuñas dos tres últimos concertos de Negu Gorriak.

A reagrupación de Negu Gorriak fixo que os italianos Banda Bassotti, disoltos en 1994, se reagrupasen tamén para tocar como abreconcertos. Con estes concertos a Banda Bassotti comezou a publicar novos discos. O primeiro deles, Un Altro Giorno D'Amore (Gridalo Forte, 2001) é un dobre CD gravado en directo no concerto no Centro Social Okupado Villaggio Globale de Roma. Neste concerto apareceu Fermin e interpretou con eles os temas de Kortatu «La línea del frente» e «Zu Atrapatu Arte».

Esan Ozenki, discográfica sempre unida a Negu Gorriak, disolveuse co grupo, pero reapareceu como un novo proxecto: Metak (e Gora Herriak transformouse en Alter-Metak). Así, Fermin abandonou a xestión do selo, centrándose na súa música. Ó inicio de 2006 Metak anunciou a súa desaparición ante as malas vendas de discos.

O Xeneral Galindo, dentro dos procesos abertos en 1996 contra a «trama dos GAL» (Grupos Antiterroristas de Liberación), foi condenado en 2000 a 75 anos de prisión por secuestro, tortura e asasinato de Joxi Lasa e Josean Zabala. En 2002 foi inhabilitado, retirándoselle o seu rango de Xeneral por parte do Ministerio de Defensa. En marzo de 2004 aplicóuselle o terceiro grao penitenciario. Cumpriu cinco anos de cárcere.

Comunicación-Incomunicación[editar | editar a fonte]

Durante 2002 Muguruza empezou a dar forma a un novo traballo de estudio. Deixar o seu traballo en Esan Ozenki permitiulle concentrarse no que ía ser o seu proxecto máis ambicioso. Para iso púxose en contacto con diferentes músicos para darlle ó disco un ar máis repousado e menos bailable que os anteriores. Elixiu a Mikel Abrego (batería) e a Alfonso Arias «Papuchi» (ex-guitarrista de Alcohol Jazz e os xa extintos Hechos Contra el Decoro) como xermolo da nova banda. Este último puxo a Fermin en contacto con Eva Reina (coros) e Andrés Belmonte (baixo), membros tamén de HCD. Máis tarde incorporáronse Begoña Bang Matu (coros, ex-cantante de Malarians), Eric Herrera (trombón de Dr. Calypso e Amousic Skazz Band), Gorka Benítez (saxo), Raynald Colom (trompeta), Mikel Azpiroz (piano e teclados), Joseba Tapia (trikitixa) e DZ (DJ de Selektah Kolektiboa) ós pratos e scratchs, que aparece como un instrumento máis. Os ventos, guitarras e o piano dábanlle ó disco un ar jazz, mentres que os coros acercábano ó soul. A base reggae conseguiuse con baixo-batería, mentres que o toque electrónico proporcionárono os scratchs e as programacións. Fermin abandonou a espontaneidade, adentrándose na busca de detalles e instrumentacións máis traballadas. A mestura de ritmos é exactamente o que estaba buscando Muguruza, que ten reiterado que este era o seu traballo máis coidado e traballado.

A gravación realizouse nos Estudios Garate, con Kaki Arkarazo como produtor. Tras tres semanas iniciouse a masterización nos Estudios Translab de París, controlada por Pompon Filkenstein. O disco, chamado In-komunikazioa, apareceu en outubro da man dun novo subselo de Metak: Kontrakalea Ekoizpenak, que de aquí en adiante publicaría tódolos traballos de Fermin e de músicos baixo a súa tutela (os discos en solitario de Sorkun e Áfrika, a banda de rap do País Vasco francés MAK, ...).

O disco partía das bases de FM99.00 Dub Manifest, pero introducíndose en terreos máis reggae («Zubizuria», «Beti izango dugu Bilbao», «Bidartean») e soul («Azperena», «Armagideon tenoreko aztarnak»), o que, xunto coas súas letras, lle deu un toque máis intimista e sosegado. Aínda así, tamén conta cun drum'n'bass («Leonard Peltier free») e con temas máis bailables como «Hiri debekatura bidai txartela» con elementos do funk. Como é habitual, aparecen varias colaboracións, como a rapeira Ari, Rude ou Áfrika.

O disco foi moi ben recibido pola crítica (obtivo o posto número 12 na lista de «Mellores Discos Nacionais de 2002» de Rockdelux) e Fermin gañou de novo o premio á «Mellor Canción en éuscaro» na VII Edición dos Premios da Música con «In-komunikazioa». Esta vez, Fermin si que acudiu a recoller o premio cunha idea na cabeza: dedicárllelo ós traballadores do periódico Euskaldunon Egunkaria pechado pola súa presunta relación con ETA, solidarizándose así con eles. A dedicatoria non sentou ben a un sector do público asistente á gala, que empezou a asubiar e apupar o músico. Na rolda de prensa posterior sufriu tamén o ataque de varios xornalistas, pero tampouco faltaron as mostras de solidariedade dalgúns dos asistentes ó acto:

«Todos eses xornalistas ían ao ataque... é esa política do acoso e derrubo. Ían por min, non como artista, que non podían, porque me entregaran un premio, pero si como persoa que di o que pensa. O único que facían era atacar, berrar. Entón imaxina, para manter neses momentos a calma e poder contestar de maneira razoable… fíxeno da maneira que puiden, pero foi unha vergoña e deixaron ben claro que tipo de xornalistas son.
[...] por outro lado recibín o apoio de centos de xornalistas e músicos do Estado español que se estiveron a solidarizar comigo e, de feito, tamén co que dixen, que foi denunciar o peche do periódico Egunkaria polas armas, pois así foi. Alí mesmo tamén houbo xente que aplaudiu, Ojos de Brujo ou Diego Manrique. E agora estou recibindo cartas de Andrés Calamaro ou doutra morea de músicos que me están a escribir e a dicirme "que vergoña o panorama dos músicos que estiveron o outro día presentes na sala e que se puxeron a abouxar"».

Debido ó embarazo de Eva Reina, Fermin pospuxo a presentación do disco en directo. Non habería xira polo momento, aínda que si algúns concertos illados. O primeiro tivo lugar o día que recolleu o premio da SGAE. Presentouse no centro Social Okupado El Laboratorio de Madrid xunto a «Papuchi» e Begoña Bang Matu e improvisaron un concerto. A nova banda de Fermin (Fermin Muguruza kontrabanda) estaba formada por Mikel Abrego (batería), «Papuchi» (guitarra), Eva Reina (coros e teclados), Andrés Belmonte (baixo), Begoña Bang Matu (coros), Sorkun (coros), Jon Elizalde (trombón), Igor Ruiz (saxo), Aritz Lonbide (trompeta), Kristina Solano (trikitixa) e DZ (pratos e scratchs). Os primeiros concertos da banda foron no festival Bizi Gara («Estamos Vivos») xunto a Sorkun, Kuraia, Gailu e Bad Sound System. Os concertos tiveron lugar a finais de novembro de 2002 en Hazparne (País Vasco francés) e Donostia. O 23 de novembro, aproveitando uns ensaios en Madrid, a Kontrabanda realizou un concerto sorpresa na Sala Caracol con motivo do «Aguascalientes Zapatista» que se estaba celebrando na cidade. Ó día seguinte, Fermin participou na presentación da revista zapatista Rebelión xunto a Manu Chao, director da mesma, e Fernando León de Aranoa. O 5 de decembro volveron a actuar no Festival Transmusicais de Rennes, na Bretaña. Foi o último concerto, polo momento, da Kontrabanda.

Co disco terminado foi invitado por Raúl Fernández (do grupo Refree) a interpretar un tema xunto coa orquestra The Rockdelux Experience nun concerto que se ía ofrecer o 30 de outubro para celebrar a edición do número 200 da revista Rockdelux. O concerto consistiu nunha selección de 19 cancións interpretadas por The Rockdelux Experience e cantadas por diferentes músicos como Nacho Vegas, Fernando Alfaro (de Chucho), J (de Los Planetas) ou Miguelito «Superstar» e Paquito «Sex Machine» (da Fundación Tony Manero). Pola súa parte, Fermin interpretou o tema «Neskak Zero Katea Ikusten Du», versión en éuscaro de «She Watch the Channel Zero?!» de Public Enemy, que xa fixera Negu Gorriak no disco Salam Agur. O concerto editouse nun CD que acompañou ó número 209 da revista: The Rockdelux Experience. 30.10.2002 (Sinedín-Rockdelux, 2003).

En 2003 saíu á rúa Irun Meets Bristol. Komunikazioa, un disco de remesturas de In-komunikazioa. O disco é froito da colaboración entre Muguruza e diferentes músicos de Bristol (Reino Unido). Fermin amosou así as dúas caras da moeda: a incomunicación, o pesimismo e os ritmos sosegados de In-komunikazioa transformáronse na comunicación, o positivismo e os salvaxes ritmos drum'n'bass de Komunikazioa. Os días 12 e 13 de abril apareceron os primeiros números do xornal Egunero, sucesor de Egunkaria. A modo de campaña de apoio ó novo periódico, o disco puido conseguirse xunto con este, e parte dos cartos recadados foron doados ó xornal. O 14 de abril púxose á venda nas tendas de discos. Tamén existe unha edición cos dous discos xuntos: In-komunikazioa/Komunikazioa Kutxa (Kontrakalea-Metak).

Jai-Alai Katumbi Express[editar | editar a fonte]

Debido a este parón, en 2003 embarcouse xunto a Manu Chao e a súa banda Radio Bemba Sound System nunha xira chamada Jai-Alai Katumbi Express. O proxecto naceu no «Aguascalientes» de Madrid, onde se encontraron Manu e Fermin. Nun primeiro momento os músicos deron concertos en salas de pequena capacidade de público. Os temas que interpretaron eran mesturas de cancións de Manu Chao-Mano Negra e de Fermin-Negu Gorriak. Deste xeito, temas como «Merry Blues» mesturáronse con «Maputxe», ou «Peligro» con «Eguraldi lainotsua hiriburuan». Durante tres meses (de febreiro a abril) percorreron boa parte da xeografía española, para seguir máis tarde cunha mini-xira europea por Francia, Países Baixos e Bélxica. Nesta xira decidiron abandonar o formato de salas de pouca capacidade de público e fan concertos multitudinarios, ó igual que na terceira fase da xira. Durante a súa estancia en Francia tocaron por sorpresa o 31 de maio en Annemasse, dentro dos actos organizados contra a reunión do G8 que se estaba realizando nese momento en Evian.

En agosto comezou no País Vasco francés a terceira fase da xira, que continuou por Italia, Suíza e Alemaña. Os últimos concertos estaban programados para diferentes cidades de España: tres días en Pamplona, o 26 en Vigo, o 28 e 29 en Madrid, o 30 en Tenerife, o 2 de setembro en Málaga, o 4 en Murcia e o 6 en Rubí (Barcelona). Antes do concerto de Málaga, a Asociación de Vítimas do Terrorismo (AVT) pediu que non se cedese o polideportivo municipal «José María Martín Carpena» (concelleiro malagueño do Partido Popular asasinado por ETA en xullo de 2000), xa que consideraban un insulto que actuase alí Fermin Muguruza, acusándoo de ter militado en Batasuna e de facer apoloxía de ETA. A AVT pediu a outros concellos que non cedesen as instalacións municipais se Fermin Muguruza actuaba. Manu Chao negouse a actuar sen Fermin. Como consecuencia das presións suspéndense os concertos de Málaga e Murcia. Durante estes días multiplicáronse na prensa española as críticas a Muguruza. De igual modo numerosos músicos, colectivos políticos e particulares asinaron un comunicado de apoio ós dous músicos.[Cómpre referencia]

A AVT esgrimiu como proba a canción «Sarri, Sarri», un dos grandes éxitos de Kortatu (de 1985). A súa letra celebraba a fuxida do cárcere de Martutene de Joseba Sarrionandia e de Iñaki Pikabea, condenados pola súa pertenza a ETA. Finalmente, Fermin Muguruza foi denunciado pola AVT e a plataforma Convivencia Cívica Catalá ante a Fiscalía do Tribunal Superior de Xustiza de Cataluña por apoloxía do terrorismo. Máis tarde, Manu Chao ironizaría con respecto á denuncia:

[...] A citada canción é do primer disco de Kortatu, composta hai 18 anos, sen que ata o día de hoxe teñamos constancia que se interpuxese denuncia por islo. Malia o ton das declaracións de Fermin y Manu, parece que a AVT ou a plataforma Convivencia "Cívica" Catalana presentáronse no concerto de Rubí e só poden "agarrarse" para manter as súas "teses" a que Fermin cantou "Sarri Sarri", por outra parte, coreado na sala sen que tampouco denunciasen aos asistentes do concierto por co-autores ou colaboradores necesarios

Desde entón Fermin Muguruza sufriu un boicot, xunto con outros grupos vascos como Soziedad Alkoholika ou Su Ta Gar, debido ás presións da AVT, malia as súas reiteradas declaracións de non estaren de acordo coa loita armada de ETA:

«Particularmente, creo que no momento en que ETA deje de actuar, que é o que desexamos todos, debe haber un traballo político para o que necesitaremos todas as ferramentas que poidamos ter nas nosas mans, mesmo a desobediencia civil, pero, despois do que fixo o goberno español, hai que ter en conta que calquera colectivo que moleste a ese estado pode desaparecer. Ten coidado: se cadra agora a túa revista tamén se converte en terrorista por publicar entrevistas coma esta».
«Levo anos afirmando que estou en contra da violencia de ETA, pero parece que non se me fai caso, que non se me quere crer. Si, son independentista e de esquerdas, pero iso non significa que estea a favor da violencia. Por iso creo que todo isto non é máis ca unha persecución ideolóxica que pretende evitar que todas as vías políticas sexan consideradas para buscar solucións a un panorama político que parece interesar que se altere cada día máis.»
«Eu non apoio a loita armada, aínda que si son militante de Batasuna. Oxalá ETA iniciase unha nova tregua. Igual que os EUA, que deberían declarar unha tregua aos demais países do mundo.»

Komunikazioa Tour[editar | editar a fonte]

Unha vez terminada a xira Jai-ALai Katumbi Express e recuperada Eva Reina do seu parto, a Fermin Muguruza Kontrabanda puxo en marcha o Komunikazioa Tour. A trikitilari Kristina foi substituída por Xabi Solano. Os primeiros concertos son o 28 de setembro en Artozki e o 22 de novembro nos campamentos de refuxiados saharauis de Tinduf (Alxeria), no marco do Sahara Festival.

O 27 comezou unha accidentada xira por España. A AVT continuou coa súa política de presión ós diferentes concellos e salas de concertos que programaban a Muguruza, conseguindo que se suspendesen os concertos de Logroño, Asturias, Murcia, Valencia, Castelló, Huesca, Zaragoza e Madrid. En moitos casos a banda puido actuar co apoio dos propios concellos, como en Córdoba e Mérida. Nos casos de Madrid e Valencia, foron suspendidos debido ás ameazas de grupos de ultradereita contra os propietarios das salas Repúblika (Valencia) e Caracol (Madrid). As ameazas de grupos de extrema dereita non eran novas, en 2001, detivérase un grupo de persoas ás que lles explotou accidentalmente un artefacto explosivo de fabricación caseira que pensaban detonar durante un concerto de Fermin Muguruza. En 2005 os acusados foron condenados a seis anos de prisión pola Audiencia de Barcelona. A primeira parte da xira termina con dobrete en Barcelona. Testemuño da xira é o disco en directo Sala Apolo, Barcelona 21/01/04 (Kontrakalea-Metak, 2004).

Fermin Muguruza no concerto do 16 de maio de 2004 en Montevideo.

A segunda parte da xira levou a Kontrabanda por todo o mundo. Arrancou o 24 de febreiro en Toulouse, e levounos por Europa, Uruguai, Arxentina, Chile, Estados Unidos, Xapón e Canadá, así como por diferentes localidades españolas. A entrada a EE.UU. resultou difícil, ó non obteren os visados ata dúas semanas antes das súas actuacións no Sierra Nevada World Music Festival (en Angel's Camp, California) e no Fillmore de San Francisco. No Xapón actuaron de novo no Fuji Rock e no Radical Music Network Festival. Tamén acudiron a Roskilde (Dinamarca), onde participaron no prestixioso Festival de Roskilde.

O 22 de maio conseguiron tocar en Madrid, no concello de Rivas Vaciamadrid, mercé ó apoio do concello. O concerto, ó igual que os que xa dera en 2002, enmarcouse nunha campaña para festexar o vixésimo aniversario do levantamento do EZLN. A Kontrabanda tocou en compañía de dúas bandas locais: as hiphopeiras BKC e Desechos (banda que xurdiu das cinzas de Hechos Contra el Decoro). 24 horas antes do concerto e con 2 000 entradas vendidas, o Goberno da Comunidade Autónoma de Madrid, a través da Dirección Xeral de Relacións coa Administración de Xustiza e de Política Interior, decretou a prohibición do concerto argumentando que «o concerto vulnera os valores e normas de convivencia propugnados na nosa Constitución». Malia todo, o concerto acabouse realizando, o que lle valeu ó Concello de Rivas unha multa de 30 000 euros. A asociación cultural Ladinamo (organizadora do concerto) lanzou un comunicado buscando apoio fronte á ameaza de multa que se cernía sobre ela. Meses máis tarde, a Comunidade de Madrid notificou á asociación a apertura dun expediente de sanción que podería comportar unha multa de entre 30 000 e 300 000 euros, o peche do seu local entre seis meses e dous anos, e a prohibición de realizar actividades de calquera tipo.

Durante a xira Fermin declarou sentirse canso da dinámica «disco-xira», e anunciou o seu último concerto para o 16 de agosto dentro da Semana Grande de Bilbao. Ó concerto acudiron máis de 20 000 persoas.

Novos proxectos[editar | editar a fonte]

Debido ás súas declaracións sobre que o Komunikazioa Tour ía ser a súa última xira, os rumores sobre a retirada de Fermin do mundo da música multiplicáronse. Fermin desmentiu os rumores rapidamente, anunciando varios proxectos musicais.

Encárgase de novo da banda sonora dunha curtametraxe de Ane Muñoz (El Salto de Beamon). Así, grava «Beamon Jauzia», «Amesten» e «Beamon». Ademais traballa en cancións para a obra de teatro infantil Xomorroak (Bizitza Lorontzian)/Bichitos (La Vida en el Tiesto) dirixida por Anartz Zuazua e Klaus Groten. Como a obra se representa en éuscaro e en castelán, a banda sonora consta de 14 cancións nas dúas linguas. A obra trata sobre as aventuras dun conxunto de insectos que viven nun pequeno testo chamado Euskal Herria. As cancións, nunha linguaxe infantil, teñen unha gran carga irónica (un aceno ós maiores que se acercan a vela) e van cargadas de mensaxes para os máis pequenos: en «Euliak eta Armiarmak/Moscas y Arañas» censúrase a crueldade cara ós bichos; en «Charlie Legala Da/Charlie Es Legal» critícase a manipulación dos medios de comunicación; en «La Guardia Insectil" critícase a persecución a inmigrantes por medio dos Corpos de Seguridade á vez que se fala de tender a man á inmigración (legal ou ilegal). En canto á música, Fermin céntrase en ritmos electrónicos, jungle, drumm'n'bass e Trip-Hop, sen deixar de lado o rock, o raggamuffin ou ritmos latinos en forma de tangos. Fermin conta coa colaboración de Oskar «Benas» (guitarra e baixo), Xabi Solano (trikitixa), Matxinsalto Pottoloa (trompeta), Ehunzango Mehea (saxos) e Marisorgin Tsunamia (trombón). Para as voces, canta o propio Fermin, Sorkun, Fernando Sapo (cantante de Kuraia), Libe García e os propios actores da obra: Aitor Gabilondo, Itziar Urretabizkaia, Asier Sota, Aitziber Garmendia, Carlos Salaberri e a directora Anartz Zuazua, así como máis persoas que aparecen nos coros dalgúns temas. O disco gravouse nos estudios Kontrakalea House (Irún) con Karlos Osinaga como técnico de son. A masterización tivo lugar nos estudios Katarain. O disco resultante Xomorroak (Bizitza Lorontzian)/Bichitos (La Vida en el Tiesto) (Kontrakalea-Metak, 2004) aparece en outubro e só se vendía por correo ou nas representacións da obra, ata finais de abril de 2005, que aparece nas tendas. O disco, ademais dos 28 cortes, inclúe o «Xomorrokaraokea»: 8 cancións sen voces para cantar a modo de karaoke.

Edita un recompilatorio da súa carreira en solitario: Fermin Muguruza 99-04 (Kontrakalea-Metak, 2004). A escolma está formado por un DVD que recolle concertos das xiras con Fermin Muguruza Dub Manifest e da Fermin Muguruza Kontrabanda, así como os seus vídeos de «Urrun», «Big Beñat» e «In-komunikazioa» e diferentes reportaxes das xiras e eventos nos que se involucrou Fermin nestes anos. O DVD está acompañado dun CD recompilatorio de rarezas e remesturas. No CD recóllense varios temas que Fermin gravara para compilacións («Bideak», «Dues Nations», «Guayaquil City», ...), as súas contribucións ás bandas sonoras de Basurdea e El Salto de Beamon, diferentes remesturas e colaboracións (con Sorkun, Áfrika ou Overbass).

Fermin aparece de novo polos escenarios con diferentes alcumes, como Kontrakantxa Sound Anti-System ou DJ Laia. Aparece tocando ou pinchando en diferentes eventos, como o «Gazte Eguna» do barrio de Intxaurrondo (Donostia) ou a festa «Bizi Gara» que se realiza en Ámsterdan. Entre outubro de 2004 e maio de 2005 aparece por cidades como Berlín, Madrid, Barcelona, Nova York, Amman ou Damasco (estas últimas en Xordania). En Madrid, actuando como DJ Laia nunha sesión en LaDinamo e en febreiro actúa xunto a «Papuchi» nun concerto dedicado a recadar fondos para a viaxe que os familiares de José Couso (cámara ferrolán asasinado por un tanque do exército estadounidense en Iraq) pretenden realizar por EEUU. Interpreta tres cancións en formato acústico, incluída «La Línea del Frente» de Kortatu.

O 22 de outubro aparece como Fermin Muguruza Trio Akustikoa xunto a Xabi Solano (trikitixa) e Jon Elizalde (trombón) nun concerto homenaxe ó recentemente falecido Laurel Aitken en Boloña (Italia).

A finais de 2005 aparece un novo proxecto, Basque Fire Department, co que dá tres concertos. O primeiro é na festa do sexto aniversario de Bonberenea (casa okupada de Tolosa), o segundo co gallo do décimo aniversario do Kafe Antzokia de Bilbao, e o terceiro na sala Arkupe de Aoiz, unha vila ameazada polo Pantano de Itoiz. Forman parte do novo proxecto Xabi Solano (trikitixa), Jon Elizalde (trombón), Sorkun (voz), Mikel Abrego (batería), DZ (pratos e scratchs) e Iñigo Muguruza (guitarra).

Por fin en Xamaica: Euskal Herria Jamaika Clash[editar | editar a fonte]

Durante 2005 Fermin compón novos temas para un novo disco que pretende gravar en Xamaica. Para iso, Muguruza entra en contacto con Clive Hunt, histórico da música xamaicana, mercé á mediación do produtor francés Pierre Paparemborde (que actuará como produtor executivo). Clive Hunt prepara o terreo para a gravación e en xaneiro de 2006, Muguruza viaxa a Xamaica xunto a Xabi Solano (trikitixa), Jon Elizalde (trombón) e Xabi Peri (programación, guitarra) para gravar un novo álbum. Hunt pon en contacto os músicos vascos coa comunidade xamaicana, encargándose de levalos ó estudio, a concertos e de presentarlles ós músicos de sesión cos que realizarán a gravación. Estes serán Uzziah «Sticky» Thompson (percusións), Daniel «Axe Man» Thompson (baixo), Wayne «C#» Clarke (batería), Frankin «Bubler» Thompson (teclados), Wayne Armond (guitarra), Dean Fraser (saxo) e David Madden (trompeta). Todos son reputados músicos de sesión, que traballaron con Skatalites, Rita Marley, Jimmy Cliff, Shaggy ou Steel Pulse. O disco grávase nos estudios Tuff Gong International e mestúrase nos estudios Big Yard. Como vén sendo habitual nos seus discos, aparecen un montón de colaboradores de primeira orde da música xamaicana: as I-Threes (Rita Marley, Marcia Griffiths e Judy Mowatt), Luciano, U-Roy ou Toots Hibbert.

Unha vez gravado o material, Fermin repite nos estudios Translab con Pompon Filkenstein, para a masterización final. En maio aparece Euskal Herria Jamaika Clash. Debido a que a discográfica independente Metak, coa que Muguruza viña editando tódolos seus discos, pechou por problemas económicos, Fermin crea unha nova plataforma autoxestionada para editar o seu novo disco: Talka Records.

Militancia política[editar | editar a fonte]

A carreira artística de Fermin sempre estivo unida á política. Un dos primeiros aspectos que condicionaron a súa carreira musical foi a elección do éuscaro como lingua de expresión.

Fermin non puido aprendelo no colexio ao estar prohibido polo franquismo, polo que o aprendeu á vez que Kortatu daba os seus primeiros pasos. De feito, coa excepción de «Zu atrapatu arte», as cancións en éuscaro que aparecen nos dous primeiros discos de Kortatu («Sarri, Sarri» en Kortatu e «Aizkolari», «9 zulo» e «Jaungoikoa eta lege zarra» en El Estado De Las Cosas) estaban escritas por outras persoas. En Kolpez Kolpe, co éuscaro acabado de aprender, aparecen as primeiras composicións de Fermin en lingua vasca.

Fermin defende a autoxestión e a filosofía do faino ti mesmo. Baseándose en músicos como Jello Biafra ou Ian MacKaye, Fermin fundou xunto cos seus compañeiros de Negu Gorriak a discográfica independente Esan Ozenki Records.

Discografía[editar | editar a fonte]

Kortatu[editar | editar a fonte]

  • Sin título (Soñua, 1985), junto a Cicatriz, Jotakie e Kontuz-Hi!. Reeditado en CD por Oihuka en 2000.
  • Kortatu (Soñua, 1985). Na reedición en CD (Oihuka, 1998) incluíronse dous temas extra: «Mierda de ciudad» e «El último ska».
  • A La Calle (Soñua, 1986). Maxi-sinxelo con 3 cancións.
  • El Estado De Las Cosas (Soñua, 1986). Na reedición en CD (Oihuka, 1998), incluíronse as cancións do maxi-sinxelo A la calle.
  • A Frontline Compilation (Red Rhino-Organik, 1988). Recompilatorio, reeditado en CD por Oihuka en 1998.
  • Kolpez Kolpe (Oihuka, 1988). Reeditado en CD por Esan-Ozenki en 1998.
  • Azken Guda Dantza (Nola!, 1988). Dobre LP en directo. Na reedición en CD (Esan-Ozenki, 1992) desaparecen os pitidos censores que se escoitaban no tema «Aizkolari». Nesta edición tamén se descobre que o personaxe oculto que aparecía no encarte de El estado de las cosas era Xoán Carlos I.

Negu Gorriak[editar | editar a fonte]

Fermin Muguruza eta Dut[editar | editar a fonte]

Fermin Muguruza[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]