Caso Lasa e Zabala

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Concentración con retratos de Lasa e Zabala en 2008.

O Caso Lasa e Zabala foi o primeiro acto terrorista realizado polos Grupos Antiterroristas de Liberación (GAL). Toma o seu nome dos membros de ETA José Antonio Lasa e José Ignacio Zabala, que foron secuestrados, torturados e asasinados en 1983.

Cronoloxía[editar | editar a fonte]

Segundo a sentenza do caso, no ano 1981 José Antonio Lasa Aróstegui e José Ignacio Zabala Artano, ámbolos dous de 18 anos, pertencían a ETA , formando parte, xunto con Íñigo Alonso Uranga e outra persoa sen identificar, do comando denominado Gorki.

En novembro de 1981 Íñigo Alonso foi detido cando, cos seus compañeiros de comando, acababa de realizar un atraco nunha entidade bancaria, mentres que os demais, tras enfrontarse a tiros cos membros da Policía, lograban darse á fuga. A raíz destes feitos Lasa e Zabala fuxiron de España.

No ano 1983 encontrábanse en Francia, residindo na localidade de Baiona; alí estaban en contacto co chamado Comité de Refuxiados, tiñan formulado peticións de asilo político e, mentres se tramitaban, foron solicitando permisos de residencia, que lles concederon por distintos períodos de tempo.

O 15 de outubro dese ano, Lasa e Zabala foron secuestrados en Baiona (Francia) por membros do GAL.[1] Foron retidos no cuartel da Gardia Civil de Intxaurrondo. Seguindo instrucións do xeneral Galindo, leváronos ó palacio de La Cumbre, en Donostia, onde foron torturados.[2] Á vista do estado no que quedaron, o xeneral Galindo, co coñecemento do gobernador civil Julen Elgorriaga e do tenente-coronel Ángel Vaquero, ordenou a súa desaparición. Os gardas civís Enrique Dorado e Felipe Bayo leváronos ata Bussot (Alacant), cavaron unha fosa, e o primeiro disparoulles tres tiros na testa. Despois enterráronos.[3]

En xaneiro de 1985 foron atopados os seus restos, pero permaneceron sen identificar ata 1995, xa que os corpos foran soterrados en cal viva, o que dificultou a súa identificación.[4][5][6]

No funeral polos dous etarras asasinados, a Policía autonómica vasca cargou contra os familiares dos finados.[7][8]

Sentenza[editar | editar a fonte]

Por este crime foron condenados Enrique Rodríguez Galindo, xeneral da Garda Civil destinado en Intxaurrondo; Ángel Vaquero, tenente coronel do mesmo cuartel; e Julen Elgorriaga, gobernador civil de Guipúscoa. En total asignáronselles 365 anos de cárcere, aínda que, finalmente, e tras cumprir uns anos de cadea (5 no caso do xeneral Galindo) acabaron sendo indultados polo goberno.[9][10]

Literatura e cinema[editar | editar a fonte]

O tema foi abordado polo escritor vasco Harkaitz Cano na novela Twist (onde as figuras de Lasa e Zabala están representadas polo personaxes Soto e Zeberio)[11]. Así mesmo, o asunto foi tratado no cinema, no filme Lasa eta Zabala de Pablo Malo[12].

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "La cal viva no enterró la guerra sucia" Arquivado 21 de xaneiro de 2012 en Wayback Machine. Gara, 15 de outubro de 2008
  2. "Lasa y Zabala estuvieron secuestrados en un palacio del Ministerio del Interior en San Sebastián" El País, 30 de xullo de 1995
  3. "Estrasburgo convalida el fallo del 'caso Lasa-Zabala'" (en castelán). El País. 3 de novembro de 2010. Consultado o 6 de setembro de 2012. 
  4. Los forenses de San Sebastián recaban datos de las familias de Lasa y Zabala El País, 31 de marzo de 1995
  5. Un policía de Alicante, actuando por su cuenta, logró la identificación de los cadáveres de Lasa y Zabala El País, 22 de marzo de 1995
  6. La segunda autopsia no ofrece ninguna duda El País, 22 de marzo de 1995
  7. La Ertzaintza carga contra los familiares de Lasa y Zabala cuando intentaban hacerse cargo de los féretros El País, 22 de junio de 1995
  8. Mini documental sobre el caso de Lasa y Zabala
  9. "Los apellidos de la ley". Gara. 4 de marzo de 2012. Arquivado dende o orixinal o 17 de setembro de 2012. Consultado o 3 de xuño de 2013. 
  10. "¡Vivan Galindo, Vera, Barrionuevo, Amedo...! ¡Vivan!". Gara. 28 de agosto de 2009. Arquivado dende o orixinal o 17 de setembro de 2012. 
  11. Ficha de Twist en Biblioteca Virtual de Literatura. (en castelán)
  12. Ficha de Lasa eta Zabala en Filmaffinity. (en castelán)

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]