José Couso

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
José Couso
Nome completo José Couso Permuy
Nacemento 5 de outubro de 1965
Lugar Ferrol, Galicia Galiza
Falecemento 8 de abril de 2003
Lugar Bagdad
Causa Asasinato
Nacionalidade Galego
Alma máter Universidade Complutense de Madrid
Ocupación Xornalista
Cónxuxe Lola Jiménez

web: http://josecouso.info/
editar datos en Wikidata ]

José Couso Permuy, nado en Ferrol o 5 de outubro de 1965 e finado en Bagdad o 8 de abril de 2003, foi un cámara e reporteiro gráfico que morreu durante a invasión de Iraq de 2003 cando un carro de combate estadounidense disparou ó hotel no que se atopaba, o Hotel Palestina.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

José Couso naceu nunha familia de tradición militar. Licenciouse en Ciencias da Información e Ciencias da Imaxe na Universidade Complutense de Madrid. Realizou varias tarefas para empresas como EFE ou Canal +, e traballou como cámara para a canle de televisión Telecinco durante oito anos, cubrindo noticias de relevancia como o secuestro do seu compañeiro Jon Sistiaga en Macedonia, os bombardeos de Bagdad de 1998, a guerra de Kosovo en 1999, diversas reportaxes no barco Hespérides na Antártida en 2001 ou reportaxe nas covas Lascaux (Francia), o incidente da illa Perexil e o verquido do Prestige no 2002[1].

Couso trasladouse a Iraq pouco antes do comezo da guerra de 2003, xunto a varios compañeiros dos informativos de Telecinco. De todos eles só quedaron dous en Bagdad: Jon Sistiaga como xornalista e José Couso como operador de cámara. O resto do equipo regresou a España poucos días antes do principio dos bombardeos.

O 8 de abril de 2003 José Couso encontrábase no Hotel Palestine de Bagdad, lugar onde se hospedaban numerosos xornalistas estranxeiros. Nese momento unha compañía da 3ª División de Infantería do Exército estadounidense encontrábase loitando á outra beira do río Tigris, onde recibían fogo de morteiro e granadas propulsadas. Segundo o informe posterior realizado polo Mando Central dos Estados Unidos (CENTCOM), o fogo inimigo era dirixido por un observador que se encontraba na mesma beira do Tigris que o Hotel Palestine. Trala busca do presunto observador, un tanque M1 Abrams disparou o seu canón de 120 mm contra o hotel.[2] O proxectil do tanque impactou no piso 15, onde se aloxaba o equipo da axencia Reuters, resultando morto no acto o xornalista ucraíno Taras Protsyuk. José Couso encontrábase filmando no piso inferior, sendo ferido gravemente. Couso foi trasladado ó Hospital San Rafael de Bagdad, onde faleceu mentres era operado[3].

José Couso estaba casado e tiña dous fillos.

Reaccións trala morte de Couso[editar | editar a fonte]

O Pentágono recoñeceu a autoría do ataque alegando que os soldados que dispararon contra o hotel, ó mando do sarxento Thomas Gibson, estaban respondendo a fogo inimigo.

Á morte do cámara sucedéronse varias manifestacións de repulsa ante as sedes diplomáticas dos Estados Unidos en España, e diferentes accións civís e xudiciais encamiñadas a resolver a culpabilidade dos implicados. A día de hoxe séguense realizando concentracións para pedir xustiza pola súa morte os días 8 de cada mes, fronte á embaixada estadounidense en Madrid.

  • O 19 de outubro de 2005 a Audiencia Nacional abriu dilixencias previas cunha orde internacional de detención contra tres dos militares estadounidenses imputados.
  • A Segunda sala do Penal da Audiencia Nacional, arquivou as dilixencias o 10 de marzo de 2006 alegando que o suceso foi "un acto de guerra", decisión recorrida pola familia do falecido ante o Tribunal Supremo.
  • O 5 de decembro o Tribunal Supremo estimou por unanimidade o recurso interposto pola familia do cámara contra a decisión da Audiencia Nacional de arquivar a investigación.
  • O xuíz da Audiencia Nacional Santiago Pedraz reactivou o 16 de xaneiro de 2007 a orde de 2005 de detención internacional contra os tres estadounidenses imputados na morte de Couso, tras gañar á fiscalía nunha dura batalla legal. Pedraz acusa ós militares de asasinato e dun delito contra a comunidade internacional[4].
  • O xuíz Santiago Pedraz procesa ós tres militares de EEUU polo asasinato de Couso. Tamén os acusa dun delito contra a comunidade internacional por atacar a xornalistas. O maxistrado ditou o procesamento do sarxento Thomas Gibson, o capitán Philip Woldrford e o tenente coronel Philip de Camp por un delito de asasinato (de 15 a 20 anos de prisión) e outro contra a comunidade internacional (de 10 a 15 anos).

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]