Egin
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde xullo de 2017.) |
Egin | |
---|---|
Tipo | Prensa xeralista |
Fundación | 29 de setembro de 1977 |
Remata | 15 de xullo de 1998 |
Editor | Orain S. A. |
Lingua | lingua castelá e lingua éuscara |
Ámbito | País Vasco, Navarra e País Vasco Francés |
[ editar datos en Wikidata ] |
Egin ("facer" en éuscaro), foi un xornal vasco de información xeral, cunha liña editorial próxima á esquerda abertzale. Incluía artigos en éuscaro e castelán.[1] Era editado en Hernani por Orain S.A. —empresa que tamén dirixía a emisora de radio Egin Irratia— e distribuído principalmente en Euskadi, Navarra e Iparralde.
Durante anos, diversos partidos políticos acusárono de estar ao servizo da organización terrorista ETA e foi marxinado economicamente polas institucións oficiais. Segundo algunhas fontes, o diario estaba controlado por Herri Batasuna, que expulsou da redacción aos xornalistas afíns a Euskadiko Ezkerra durante a chamada Transición española.[2]
Foi clausurado en 1998 polo xuíz Baltasar Garzón. En 2009 os tribunais resolveron que a súa actividade era lícita, contrariamente á anterior sentenza. Porén, debido ao tempo transcorrido, non foi posible reabrir nin o xornal nin a radio. O medio que pasaría a ocupar o espectro de Egin foi o diario Gara.
Historia
[editar | editar a fonte]Egin publicou o seu primeiro número o 29 de setembro de 1977. Segundo un dos seus fundadores, José Luís Elkoro, «dez acodes xuntámonos para pór 100.000 pesetas cada un: había un vendedor de coches, un carniceiro, un churreiro...»; ademais dos fundadores, houbo 24.000 cuentapartícipes, «que puxeron o seu gran de area, grande ou pequeno». Na súa primeira portada expresaba o seu agradecemento: «A todos os que esperastes este xornal. Ao grupo de fundadores que arriscou primeiro. Aos vintetantos mil conta-partícipes, sen esixir a cambio. A todos os que pensan neste xornal como instrumento para construír unha Euskal Herria -composta por sete provincias- que abra camiños para unha sociedade nova...».
A suposta vinculación entre Egin, ETA e a esquerda abertzale levou a varias institucións públicas, na época dos pactos entre partidos para illar á esquerda abertzale, a marxinar economicamente a Egin e negarse a incluír publicidade institucional no diario, a diferenza do que facían con outros medios. Segundo Elkoro, Egin pasou momentos moi difíciles: «A partir de aí sempre andabamos pedindo», e segundo el, «deixouse de pagar á Seguridade Social, só a cota empresarial, non a laboral» e «non deixamos de pagar porque non quixésemos, senón porque non podiamos, pero sempre tivemos intención de facelo».
Liña editorial
[editar | editar a fonte]A última liña editorial de Egin expresaba un forte rexeitamento cara á violencia policial, as torturas a detidos ou o terrorismo de Estado, mentres se solidarizaba cos acusados de kale borroka ou de pertenza a ETA.
Á parte da afinidade ideolóxica de gran parte dos seus contidos coa esquerda abertzale, Egin adoitaba ser o primeiro medio de información en recibir os comunicados de ETA. Durante a etapa de Pepe Rei como redactor xefe, o seu equipo investigou certos casos de corrupción política, económica e policial ─como o «caso GAL», que saíu á luz pública tras as investigacións do xornalista Pedro J. Ramírez para o Diario 16─, así como a actividade de certos grupos de extrema dereita.
Egin foi tamén un dos impulsores, nas súas páxinas de cultura, do chamado Rock Radical Vasco (RRV) nos anos 1980.
O proceso xudicial de peche
[editar | editar a fonte]A policía española investigou durante anos as relacións entre Egin e ETA, incluíndo a procedencia de anuncios publicados en Egin que supostamente se utilizaban para enviar saúdos e mensaxes a presos acusados ou condenados por terrorismo. Segundo as investigacións da Garda Civil, Egin realizaba labores de «difusión ideolóxica», e de comunicación interna dos seus militantes. Nun informe deste corpo, mesmo se consideraba que ETA podía elixir en 1992 a un novos director e subdirectora de Egin. Con todo, ao ser citado a xuízo como perito un axente autor do informe recoñeceu que non podía afirmalo.
En 1994 a Ertzaintza (policía autonómica vasca) rexistrou a sede de Egin. Ese mesmo ano acháronse coincidencias entre os ficheiros das investigacións do equipo de Pepe Rei e a información sobre obxectivos incautada a ETA. En agosto, Pepe Rei foi detido por orde do xuíz Carlos Bueren, pero resultou absolto en 1997.
Na madrugada do 15 de xullo de 1998, o xuíz Baltasar Garzón ordenou o peche cautelar do xornal e a emisora de radio, así como o arresto de varios responsables de Orain S.A., aos que acusou de integración en banda armada. Todos os detidos foron postos en réxime de incomunicación en virtude da lexislación antiterrorista. Na súa instrución, o xuíz consideraba que a empresa estaba supeditada a ETA.
Reaccións á clausura
[editar | editar a fonte]O día do peche de Egin, o entón presidente do goberno español Jose María Aznar atopábase de visita oficial en Turquía e, cando nunha rolda de prensa un xornalista preguntoulle sobre o ocorrido, respondeu: «Crían vostedes que non nos iamos atrever?». O que foi criticado polo estamento xudicial pola súa falta de respecto á separación de poderes.
En febreiro de 1999, o xuíz Garzón prorrogou seis meses máis a clausura e, concluído ese novo prazo, no mes de agosto de 1999, autorizou a reapertura do xornal e da emisora de radio clausurados, por considerar «practicamente desaparecida» a actividade de ETA. Pero o 18 de outubro, o administrador xudicial ratificou que o grupo editor de Egin era inviable economicamente e non podía facer fronte ás súas débedas. No momento do peche decretado por Garzón, Egin vendía 52.311 exemplares diarios, segundo OJD, contaba con 210 traballadores e dispuña dunha sede central en Hernani e delegacións en Vitoria, Pamplona e Bilbao.
O peche de Egin provocou diversas protestas, especialmente entre a esquerda abertzale, como a plataforma Hitz egin ('Fala')[3], título á súa vez dunha canción do grupo de rock vasco Negu Gorriak. A mañá seguinte ao peche do xornal saíu á venda na súa substitución o diario Euskadi Información, que deixou de editarse á vez que comezou a súa andaina Gara.
Sentenzas xudiciais
[editar | editar a fonte]Despois de máis dun ano, acabada a instrución do caso, a Audiencia Nacional rebaixou a acusación ao delito de colaboración con banda armada, o que facía inxustificado o peche. Para entón, Orain S.A. xa entrara en bancarrota, e o nicho de mercado de Egin fora cuberto polo novo diario Gara, polo que nin o diario Egin nin o seu radio volveron porse en marcha.
Pepe Rei continuou o seu traballo na revista Ardi Beltza, pero foi detido de novo en 1999 e en 2001[4], e a revista foi pechada por orde xudicial.
Finalmente, o 22 de maio de 2009, o Tribunal Supremo deixou sen efecto «o pronunciamiento relativo á declaración de ilicitud das súas actividades e disolución das entidades Orain SA, Ardatza SA, Hernani Inprimategia, Publicidade Lema 2000, Erigane SL, MC Uralde SL, Untzorri Bidaiak Ganeko, Grupo Ugao SL (Cuba) e Gadusmar SL, así como o comiso e liquidación do seu patrimonio»
O exdirector de Egin, Xabier Salutregi, foi condenado a doce anos de prisión por integración en organización terrorista en calidade de dirixente; a subdirectora, Teresa Toda, foi condenada a dez anos de prisión.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Caminos Marcet, Jose María. La prensa diaria en el País Vasco. ISBN 84-89077-54-1.
- ↑ Fernández Soldevilla, Gaizka (2010). "El compañero ausente y los aprendices de brujo: orígenes de Herri Batasuna (1974-1980)". Revista de estudios políticos 148: 71–103. ISSN 0048-7694.
- ↑ Gastaminza, Genoveva. "Una plataforma impulsa la publicación de un periódico que sustituya a "Egin"" (en castelán). Consultado o 10 de xullo de 2017.
- ↑ EFE (3 de xullo de 2001). "La Audiencia confirma el procesamiento de Pepe Rei por colaboración con ETA". El País.