Aínda que a miúdo se usa para referirse unicamente ao rap, o hip hop denota máis correctamente a práctica de toda a subcultura.[14][15] O termo música hip hop úsase ás veces como sinónimo do termo música rap,[10] aínda que o rap non é un compoñente obrigatorio da música hip hop; o xénero tamén pode incorporar outros elementos da cultura hip hop coma os anteriormente mencionados.[16][17]
O hip hop como xénero musical e como cultura formouse durante a década de 1970 cando as block parties (festas na rúa) se fixeron cada vez máis populares na cidade de Nova York, especialmente entre os mozos afroamericanos que residían no Bronx.[18] Nestas festas, os DJs tocaban mesturas das cancións populares usando dous tocadiscos e un mesturador de DJ para poder ir facendo cambios entre dúas copias do mesmo disco, alternando dunha a outra e estendendo o "break".[19] A primeira evolución do hip hop produciuse a medida que os samplers e as caixas de ritmos ían sendo máis accesibles. As técnicas dos turntablists como o scratching e beatmatching desenvolvéronse xunto cos breaks. O rap desenvolveuse como un estilo vocal no que o artista fala ou canta ao ritmo instrumental ou sintetizado desta música.
A música hip hop non se gravou oficialmente para ser reproducida na radio ou na televisión ata 1979, en gran parte debido á pobreza durante o nacemento do xénero e á falta de aceptación fóra dos barrios do gueto.[20] O hip hop da vella escola foi a primeira onda principal do xénero, marcada pola súa influencia disco e as súas letras orientadas á festa. A década de 1980 marca a diversificación do hip hop xa que o xénero comezou a desenvolver estilos máis complexos e estendeuse fóra dos Estados Unidos. O hip hop da nova escola foi a segunda onda do xénero, marcada polo seu son electrónico, e levou ao hip hop da era dourada, un período innovador entre mediados dos 80 e mediados dos 90 que tamén desenvolveu a era do álbum do hip hop. O subxénero gangsta rap, centrado nos estilos de vida violentos e as condicións empobrecidas da mocidade afroamericana do centro da cidade, gañou popularidade neste momento. O hip hop da costa oeste estivo dominado polo G-funk a comezos da década de 1990, mentres que o hip hop da costa leste estivo dominado polo jazz rap, o hip hop alternativo e o hip hop hardcore. O hip hop continuou a diversificarse neste momento e xurdiron outros estilos rexionais, como o rap do sur e o hip hop de Atlanta. O hip hop converteuse nun dos xéneros máis vendidos a mediados da década de 1990 e no xénero musical máis vendido en 1999.
A popularidade da música hip hop continuou ata finais da década de 1990 ata a "era bling" de principios dos 2000, e as influencias do hip hop atopáronse cada vez máis noutros xéneros de música popular, como o neo soul, o nu metal e o R&B. Os Estados Unidos tamén viron o éxito de estilos rexionais como o crunk, un xénero do sur que enfatizaba máis cos ritmos e a música que cas letras, e o hip hop alternativo comezou a conseguir un lugar no mainstream, debido en parte ao éxito cruzado da seus artistas. Durante a "era dos blogs" de finais da década de 2000 e principios da década de 2010, os rapeiros puideron acumular seguidores a través dos métodos de distribución de música en liña, como as redes sociais e os blogs, e o hip hop tradicional tomou unha dirección máis melódica e sensible tras o declive comercial do gangsta rap. Os subxéneros trap e mumble rap convertéronse na forma máis popular de hip hop a finais da década de 2010 e principios da década de 2020. En 2017, a música rock foi usurpada polo hip hop como o xénero máis popular dos Estados Unidos.[21][22][23]