Cifras e letras
Cifras e letras | |
---|---|
Producido por | TVG con Centroña P.A. e CTV |
Presentado por | Paco Lodeiro |
Cadea | TVG |
Na rede
| |
http://crtvg.es/programas/?m=1&p=1 | |
Cifras e letras foi un programa-concurso de preguntas e respostas emitido pola Televisión de Galicia. Estaba inspirado no programa francés Des chiffres et des lettres, de mediados da década de 1960. Entre 1991 e 1996 houbo unha versión en español, emitida en La 2 de Televisión Española.
O programa, das produtoras CTV S.A. e Centroña PC, estaba presentado por Paco Lodeiro, coa colaboración técnica da escritora María Canosa (que substituíu a Yolanda Castaño desde o 21 de setembro de 2011)[1] e do físico Jorge Mira, ela como experta en letras e el como experto en cifras. Emitiuse dende o 13 de febreiro de 2006, de luns a venres ás 15:30, ata principios de 2013. Foi substituído polo concurso Verbas van, co mesmo presentador e colaboradores.
Mecánica
[editar | editar a fonte]En cada programa participaban dous concursantes. Tiñan que pasar trece probas, oito de letras, catro de números e unha a medio concurso chamada O duelo. En cada proba sumaban de 1 a 18 puntos e gañaba quen tivese máis ao final do programa, recibía 500 euros e volvía no programa seguinte. Quen perdía levaba para a casa un dicionario de galego de Edicións Xerais, a obra de referencia do concurso para as probas de letras.
En caso de que ao rematar o programa os dous concursantes estean empatados, reciben cada un 250 euros e volven o día seguinte. Cambian de sitio con respecto ao día anterior e, polo tanto, teñen quendas diferentes.
A orde das probas é a seguinte: cifras, letras, letras, cifras, letras, letras, duelo, cifras, letras, letras, cifras, letras, letras. Agás no duelo, os concursantes van alternando as quendas. En caso de empate en cada proba, ten preferencia a persoa que está no uso da súa quenda.
Cifras
[editar | editar a fonte]Un programa informático xera seis cifras aleatorias e dá un número comprendido entre o 101 e o 999. Gaña o concursante que en 45 segundos atope o número exacto ou que máis se achegue. Se acha o exacto, recibirá nove puntos; se non, serán seis.
Para atopar o número exacto, o concursante terá que combinar as seis cifras de que dispón, utilizando as catro regras básicas: sumar, restar, multiplicar ou dividir. Se repite un número ou o que dá non se corresponde co que realmente logrou, perde a quenda, que pasa ao seu rival. Se este incorre nos mesmos erros, ningún dos dous puntúa.
O programa informático utiliza catorce números: do 1 ao 10, o 25, o 50, o 75 e o 100.
Letras
[editar | editar a fonte]Os concursantes haberán de crear unha palabra coas nove letras que xera un programa informático, sen repetir ningunha das proporcionadas (o que non impide que o programa xere dúas ou máis letras iguais). Dispoñen para iso dun tempo de 30 segundos. Ten dereito a dicir a súa combinación o que ache a palabra máis longa; en caso de empate, ten preferencia o que ten a quenda. Se a palabra está no dicionario de galego de Edicións Xerais, gañará tantos puntos como letras combine. Se para a súa combinación utiliza todas as letras dispoñibles, obterá 18 puntos.
No programa dáse por válido todo o que aparece no dicionario. Así, son válidas as formas prenominais do verbo, os sufixos, os prefixos e, como o taboleiro non ten acentos, tamén palabras sen el aínda que o teñan.
Tanto nas cifras como nas letras, existe a posibilidade de "rebote": se un concursante dá mal un número ou unha palabra, ou esta última non está recollida no dicionario de Xerais, a quenda pasa ao seu rival, sempre que este teña combinado algo. É dicir, se o segundo concursante dixo que non tiña nada nos números ou nas letras, non hai puntos para ningún dos dous.
O duelo
[editar | editar a fonte]O duelo é unha proba de letras que se fai no medio do concurso. En cada programa hai un tema monográfico e esta proba versa sobre el. Os concursantes dispoñen de 30 segundos para atopar dúas palabras determinadas entre as nove letras que pon á súa disposición o programa informático. O que primeiro crea que atopou as palabras haberá de pulsar un avisador. Sempre que estas sexan as procuradas, gañará 10 puntos. Se falla ou se pica o pulsador antes de tempo, os 10 puntos pasan ao seu contrincante.
Historia
[editar | editar a fonte]O programa comezouse a emitir en 2006. O 14 de maio de 2010 chegou ás mil emisións. En total emitíronse 1448 programas na canle autonómica. O programa deixou de emitirse a principios do 2013.
O récord da versión galega teno Fernando González Vázquez, Fer, un profesor de autoescola de Cangas que permaneceu 95 programas[2] e sumou 46.750 euros ata o 27 de febreiro de 2009. En segundo lugar sitúase Martín López Nores, enxeñeiro de Telecomunicacións de Marín, que pouco despois chegou a 59 programas[3]. Fer foi o que estivo máis preto do récord absoluto de Cifras e Letras en España, Francisco Segura, de Almería, quen aguantou 117 programas na versión emitida en Canal Sur 2.
O récord de puntuación nunha soa emisión teno Eva, con 96 puntos. O récord absoluto conseguiuno o devandito Martín cando, no especial polo programa número mil, emitido en dúas partes, sumou 126 puntos.
Galardóns e nomeamentos
[editar | editar a fonte]Ano | Categoría | Receptor | Resultado |
---|---|---|---|
2008 | Mellor programa de televisión | Centroña Producións Audiovisuais, CTV | Nomeado |
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ María Canosa substitúe a Yolanda Castaño no concurso «Cifras e letras»
- ↑ "Prefiro as cifras pero destaco nas letras" Arquivado 28 de maio de 2020 en Wayback Machine.. Entrevista con Fer trala súa derrota.
- ↑ Anuncio do último programa de Martín. Nova aparecida no portal Tutele.net.