Hai debate
Hai debate foi un programa informativo da TVG estreado o 13 de febreiro de 2006, que deixou de emitirse o 22 de xuño de 2009.
Tratouse dun debate semanal emitido na noite dos luns a cargo, nos comezos, de Sonia Vizoso, da que recolleu o relevo en outubro de 2006 a tamén xornalista galega Ana Rodríguez Martí, e finalmente Marga Pazos nas tres últimas entregas.
En cada programa, dunha hora de duración aproximadamente, recibíase a unha serie de invitados, xa foran políticos, analistas, comentaristas ou implicados, que expoñían os seus puntos de vista e defendían as súas posturas respecto a un ou varios temas de actualidade.
O programa, de produción propia, gravábase nos estudos da TVG en Santiago de Compostela en falso directo unhas horas antes da emisión e con público en plató. Adoitaban emitirse varios vídeos que complementaban a información sobre o tema que se estaba a abordar en cada caso.
A dirección corría a cargo de Xoaquín Pedrido, mentres que Gabriel Paz se encargaba da realización e Pilar de la Fuente da produción. Os guionistas deste espazo eran Mónica Ares, Charina Giráldez e Almudena Parrondo.