Caza de baleas en Galicia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Cee visto dende Corcubión.
En Cee, na enseada de Caneliñas, funcionou durante moitos anos unha factoría baleeira.
Caza de baleas en Holanda.
Gravado do século XVI.
Imaxe da caza de baleas no século XVIII. (Das viaxes de James Cook).

A caza de baleas en Galicia debeu comezar, como nas outras costas atlánticas europeas e do Pacífico, en tempos inmemoriais, na máis remota antigüidade. Os primeiros rexistros desta actividade remóntanse polo menos ao ano 3 000 a.C.[1] Durante moito tempo xa se pensara que esta caza era de orixe prehistórica, aínda que sen ningunha proba real até que recentemente varias pinturas rupestres en Francia e España foron recoñecidas como representando escenas deste tipo de caza.

As primeiras pegadas históricas son documentos que proban que os vascos xa practicaban esta caza no século XI e un poema xaponés, anterior ao século X. Nos dous casos trátase dunha caza de animais que chegan ou viaxan a unha zona de reprodución durante súas migracións anuais. As especies cazadas pertencían ao grupo das baleas francas Eubalaena glacialis (balea franca do Cantábrico, ou de Biscaia, ou balea vasca ou "dos vascos") e Eubalaena japonica (balea do Pacífico Norte).

En Galicia non se conta con documentos históricos relacionados coa caza de cetáceos até o século XIII, pero é razoábel pensar que xa se practicaba varios séculos antes. A dicir de Valdés Hansen, as baleas, especialmente a balea franca, foi unha especie máis de pesca para os mariñeiros galegos. Durante sete séculos, Galicia foi un país de baleeiros, e dos que fan historia. A caza e comercialiación de cetáceos para o seu uso na fabricación de produtos importantes, desde o aceite que alimentaba a iluminación anterior á chegada da electricidade, até as barbas requiridas para pezas de vestir de luxo en Cataluña ou as baleas de paraugas e parasois, ate a comercialización da carne e de produtos usados en farmacia e cosmética, tivo grande incidencia no desenvolvemento urbano de toda Galicia. Non só lle deu proxección exterior e renome mundial, senón que tamén contribuiu ao crecemento económico e poboacional de toda a súa franxa atlántica, e mesmo hai portos galegos que naceron da actividade baeeira, como o de Burela (Lugo) ou o de Suevos (Punta Langosteira).[2]

Inicialmente limitábase á captura de animais na costa, pero co paso dos séculos, a técnica de caza comezou a mellorar, usándose pequenas embarcacións en mar aberto para asustaren aos cetáceos con ruído e levalos á costa. Esta forma de cacería usábase para capturar especies de cetáceos relativamente pequenas, como caldeiróns, belugas, narvais e toniñas.[3]

Idade Media[editar | editar a fonte]

Cabo Prior, onde estaba a granxa da Reparada.

Aínda que pouco se sabe do fidalgo Pedro Fernández de Andrade, II Señor de Pontedeume, Ferrol e Vilalba entre 1397 e 1407, si que é ben coñecida a usurpación que fixo da granxa da Reparada (posteriormente coñecida como de Covas, Ferrol) que era dominio dos monxes de Sobrado. Esta granxa incrementara moito a súa importancia desde que, en 1286, o rei Sancho IV de Castela, O Bravo, lle concedera ao mosteiro de Sobrado o décimo da baleaxe (a pesca da balea) que se matara no porto de Prioiro, que pertencía á granxa.

Dado que o couto da Reparada lindaba con Ferrol, que era señorío dos Andrade, estes sempre trataron de ampliar os seus dominios coas propiedades da granxa. Ante a usurpación de Pedro Fernández de Andrade, o rei Xoán I de Castela obrigouno a que lle devolvera a granxa aos monxes. Porén, os seus descendentes sempre fixeron intentos para apoderarse dela ou, polo menos, da súa mellor parte, o porto e o monte de Prioiro. Os monxes de Sobrado, cansos de loitaren cos Andrade, acabaron cedéndolles o referido porto, que aínda posuían a comezos do século XIX, cando se aboliron os dereitos señoriais.

O porto de Prioiro era un dos máis importantes que había na Idade Media no norte da península Ibérica para a matanza e despezamento de baleas que se capturaban nas costas galegas, aínda que é de supoñer que non fora o único. O seu maior desenvolvemento alcanzouse nos séculos XIII e XIV, e eran, principalmente mariñeiros biscaíños e guipuscoanos os que se encargaban das faenas, xa que eran os máis famosos cazadores de baleas francas do golfo de Biscaia (até o punto que esta especie, Eubalaena glacialis, coñécese tamén en distintas linguas como balea vasca ou balea dos vascos).[2]

Idade Moderna[editar | editar a fonte]

Ao longo da Idade Moderna, durante os séculos XVI e, sobre todo, XVII, Galicia foi o caladoiro de baleas máis importante da península Ibérica. As bases baleeiras máis importantes localizábanse na comarca da Mariña lucense, nos portos de Rinlo, Foz, Nois, Burela, San Cibrao e Bares e, no litoral atlántico, destacaban os de Caión e Malpica, na Costa da Morte.[4]

A caza, daquela aínda artesanal, aproveitaba a migración das mandas de baleas francas que pasaban polo mar Cantábrico desde as súas zonas de alimentación, no Atlántico norte, entre os meses de outubro a marzo, cara ás zonas de reprodución, en augas cálidas meridionais. A frota baleeira, integrada por unha chalupa principal (bote con cuberta e dous paus) e outras auxiliares, tiña o aparello preparado para saír ao mar tan pronto como o atalaieiro lles dera aviso de balea á vista. As chalupas galegas medían entre 6 e 8,5 m de eslora e portaban dous paus, coas súas correspondentes velas; a tripulación compoñíase de 46 ou 47 homes. O animal era suxeitado cun arpón de ferro, lanzado á man e, para esgotalo, acometíano con sangradeiras, semellantes ao arpón, pero coa punta lanceolada, destinadas a desangralo. Ambos os aparellos ían atados a unha estacha (cabo de cánabo). Unha vez morta, a balea era trincada (amarrada) entre varias embarcacións e levada a terra para o seu despezamento. Para tal fin usábanse diversos tipos de coitelos e machadas; a graxa ou saín fundíase xeralmente na mesma praia ou nas súas proximidades, en grandes caldeiros, para despois envasala en toneis para a súa comercialización.[4]

Portada da Descripcion del Reyno de Galizia.

Temos unha descrición contemporánea das faenas dos cazadores de baleas galegos.

Las matan de la siguiente manera: se suben a una atalaya a la punta de una sierra que cae sobre el mar y de allí ven de lejos saltar una gran cantidad de agua para arriba haciendo mucha espuma, y cuando la ballena tiene la mitad del cuerpo fuera del agua, la atalaya da aviso a los marineros, los cuales armando sus barcas y poniendo dentro mucha cantidad de cuerdas y unos cabos atados a unos dardos arponados se van a ellas (...) como se sienten heridas van luego muy bravas mar a dentro llevando metidos aquellos arpones y los pescadores, dándoles siempre cuerda, las siguen hasta que ya desangradas y perdida aquella furia las traen tirando de ellas hasta tierra, donde haciendo grandes fuegos sacan de ellas mucho aceite.

Na primeira metade do século XVII en portos como San Cibrao, Foz ou Burela a industria baleeira deu lugar a un produtivo intercambio comercial co resto da área cantábrica, chegando incluso até Francia.[4] Pero despois, entre finais do século XVII e principios do século XVIII, a caza de baleas en Galicia foi esmorecendo por varias razóns, debido a que levaron á sobreexplotación e á case extinción do único mamífero mariño que se cazaba daquela nas nosas augas, a balea franca.[2] O portos baleeiros aumentaran considerabelmente, aumentou o número de barcos (mesmo viñan barcos franceses), e os barcos aumentaron a súa tonelaxe, até que a caza desapareceu.

Idade Contemporánea[editar | editar a fonte]

Os fomentadores cataláns[editar | editar a fonte]

No Antigo Réxime, as terras cultivadas pola poboación agraria (a maioría da poboación en Galicia) eran propiedade da Igrexa e da nobreza, tendo os campesiños que pagar os foros aos fidalgos.

Pero contra 1750 cambiaron as cousas, coa chegada dunha serie de burgueses cataláns para dedicarse á industria da salgadura de peixes (especialmente sardiña), para o que introduciron novos barcos (traiñeiras) e, sobre todo, artes de pesca, o que produciu numerosos enfrontamentos cos pescadores locais.

As súas factorías instaláronas en soares (aforados á nobreza e ao clero), en primeira liña de praia, en enseadas abrigadas e de fácil acceso para as embarcacións. Para facérense con estas propiedades, os cataláns recorreron a diferentes modalidades de contrato: alugaban, lograban unha cesión ou conseguían que se lles outorgara un foro.

Os fomentadores cataláns non se dedicaban só á industria da salgadura, senón que reproducían os esquemas de comportamento social propios da nobreza galega e chegaron a comprar terras e rendas forais á clase privilexiada, pero empobrecida, do antigo réxime.[5] Co paso do tempo, e a mestura das familias dos fomentadores, inicialmente endógamas, con familias galegas, daría orixe a até entón practicamente inexistente burguesía galega.

Na segunda metade do século XIX comeza en Europa a caza industrial de baleas, coa aparición de dúas innovacións técnicas que reactivaron a actividade: a invención do canón lanza arpóns polo noruegués Sven Foyn, e o seu perfeccionamento, o arpón explosivo, e a mellora dos buques con propulsión a vapor e casco metálico. Até entón, a caza fora artesanal, implicando moitos máis riscos.

A finais do século XIX chegan as industrias conserveiras, que en pouco tempo foron substituíndo ás de salgadura, que se completou nas primeiras décadas do século XX.

A suma desde dous feitos sentou as bases da resurrección da industria baleeira en Galicia.

O século XX[editar | editar a fonte]

A comezos de século XX, concretamente no ano 1924, reimplantouse en Galicia a caza de baleas, desta vez con carácter plenamente industrial. Ese ano establecéronse no noso país dúas compañías baleeiras.

Unha delas foi a Compañía Ballenera Española, creada en 1914 con capital noruegués, aínda que non comezou a súa actividade até a fin da primeira guerra mundial. Os seus inicios foron na zona do estreito de Xibraltar, abrindo a que chegaría a ser famosa factoría de Caneliñas, na parroquia da Ameixenda (Cee) en 1924.

Praia de Barra, ao fondo da enseada do mesmo nome.

O outra foi a Sociedad Anónima Corona, con sede en Vigo e asociada a outra compañía norueguesa, que obtivo autorización para a caza de balea en decembro de 1923 e, o ano seguinte, comezou a súa actividade en Cangas do Morrazo, co buque-factoría Alfonso XIII, que fondeaba na enseada de Barra e na ría de Aldán; este buque era abastecido polas capturas dos barcos Corona I, Corona II, Corona III e Corona IV.

Debido á crise provocada pola guerra civil española e a segunda guerra mundial a industria baleeira galega estivo parada. Pero nos anos 1950 reaparece a caza de cetáceos, sendo Galicia o único lugar de España onde se practicou esta actividade neses tempos. En 1945 a empresa Industrias Balleneras (IBSA) restaura a factoría de Caneliñas, e en 1955 nace a empresa Balea C. B., participada a partes iguais por Massó Hermanos, Barreras e IBSA. A súa factoría, que estivo activa até 1985, foi instalada no lugar de Balea (Cangas), aproveitando material da desmantelada factoría de Benzú (Ceuta).

Estas compañías tiñan tres factorías en terra: Morás (Xove), Caneliñas (Cee) e Balea (Cangas), que eran abastecidas por até cinco barcos baleeiros: Lobeira, Carrumeiro, Ibsa I, Ibsa II (que foron afundidos con explosivos nun atentado no porto de Marín) e Ibsa III.

Os operarios das baleeiras estaban moi ben remunerados. O seu salario fixo podíase incrementar en 8.000 pesetas por cada exemplar cazado, todo un luxo para a época. Das baleas e cachalotes aproveitábase todo, como do porco. Os traballadores incluso vedían as vísceras para exquisiteces gastronómicas, ou o aceite, que a RENFE utilizaba como combustíbel e como engraxante de máquinas ferroviarias.[6] Algúns opinan que a carne de balea era un manxar exquisito, cun sabor que semellaba o da carne de tenreira.[7]

A última factoría baleeira de Galicia (e, por tanto, de España), a de Caneliñas, pechouse en 1985.[6]

A moratoria acordada significa unha vitoria importante para todos os grupos ecoloxistas de España e para cantos no mundo enteiro pensan que o home debe saber compartir o Planeta e explotar racionalmente os seus recursos porque as actividades da especie humana en ningún caso deben significar a extinción de ningunha outra especie viva.
Penas Patiño, X. M. e Piñeiro Seage, A. (1989), Op. cit. na bibliografía.

Entre o esquecemento e a reconciliación[editar | editar a fonte]

Esquecemento[editar | editar a fonte]

Poucos recordos quedan na actualidade no noso país da actividade baleeira, a pesar da importancia que tivo e dos poucos anos transcorridos desde a súa desaparición. Apenas algunhas ruínas das factorías e dos seus peiraos, que pouco a pouco van desaparecendo, e uns poucos obxectos relacionados coa captura e o despezamento daqueles grandes animais.

Dorna portando nasas.

Por exemplo, no Museo Massó, que inclúe unha espléndida colección de libros antigos, cartas mariñas e de navegación, mapas e instrumentos de navegación, decretos de regulación marítima asinados por Filipe II, prezadas réplicas de navíos de guerra dos séculos XVI e XVII, miniaturas de barcos autóctonos do Morrazo construídos polo patriarca Massó Palau, pinturas de Urbano Lugrís, unha colección de modelos de naves históricas e de instrumentos de navegación antigos, e a Cosmographia de Claudio Tolomeo de 1490, ademais da sala dedicada á etnografía de Bueu onde se reúne e expón unha ampla mostra de aparellos de pesca e marisqueo, como liñas, poteiras, nasas e, moi especialmente, todo o relacionado coa dorna de Bueu ou dorna polbeira (dedicada á pesca do polbo), a sección dedicada á carpintaría de ribeira onde se expoñen os diferentes instrumentos e ferramentas que se utilizaban neste case desaparecido oficio, do instrumental empregado nos traballos complementarios á pesca, como redaría, calafataría e cabulería, das máquinas antigas utilizadas para a conserva do peixe, desde a fabricación da lata atá a saída da conserva... da factoría baleeira que os Massó tiñan na veciña vila de Cangas apenas se exhibe unha colección do instrumental para a caza e despezamento dos cetáceos, entre os que destaca un canón de arponeo e diferentes tipos de arpóns.[8]

Non sen razón queixábase Valdés Hansen de que o último barco de IBSA sexa hoxe un museo flotante en Noruega onde, a diferenza de Galicia, «si se preocuparon de salvalo do despezamento para recuperar, rehabilitar e difundir» a singular e rica historia dunha industria de vital importancia económica e social para o litoral atlántico do norte de España. «Aquí pecamos de non valorar e esquecer un oficio tradicional durante séculos», lamenta o historiador, que anhela que, a semellanza doutros lugares do mundo, se recupere o patrimonio industrial das vellas factorías baleeiras da Costa da Morte ou do Morrazo que aínda resisten, a duras penas, o paso do tempo.[2]

Cara á paz social[editar | editar a fonte]

Panorámica do Caniçal, arquipélago de Madeira.

Cando se prohibiu a caza de baleas en Galicia, en 1985, en pleno auxe económico de IBSA e a eclosión das exportacións baleeiras galegas ao Xapón, a diferenza do que ocorrera con outras pescarías, golpeadas polas crises e vítimas de restricións por sobreexplotación, a morte da industria baleeira non foi "pola desaparición" dos cetáceos no Finisterre peninsuar, segundo Valdés Hansen, senón que "foi imposta por unha decisión política". Como o sector naval, os baleeiros galegos (únicas factorías que permanecían abertas en España) "pagaron" a entrada na UE cando, baixo a presión ecoloxista, prohibiuse toda captura, e a reconversión á pesacaría alternativa do peixe espada foi un fracaso total.[2]

Porén, hai que recordar que a presión ecoloxista, e a decisión do goberno, non estaba falta de fundamento, como quedou dito máis arriba. De todos os xeitos non é de estrañar que os antigos traballadores das baleeiras, especialmente os de Cee, en cuxa factoría de Caneliñas se chegaran a despezar 200 cetáceos ao ano, suspiraran por que se volvera a permitir a caza, como naquela época na que o desemprego na comarca era unha anécdota, xa que sería unha boa alternativa fronte ao paro actual.[6]

A balea na cultura de Galicia[editar | editar a fonte]

Escudo da Laracha.

Heráldica[editar | editar a fonte]

Escudo de armas do concello da Laracha[editar | editar a fonte]

De azur, torre de prata mazonada de sable e aclarada de goles sobre terraza de sinople e sostida de ondas de prata e azur; flotante, unha balea de sable. Bordura de sinople con dúas espigas de ouro. Ao timbre, coroa real pechada.[9]

Toponimia[editar | editar a fonte]

Na costa de Galicia, concretamente nas Rías Baixas hai tres lugares con nome de Balea:

Amais, na parroquia de Baredo (Baiona) existen os microtopónimos de Balea e Punta Balea.

As baleas na literatura[editar | editar a fonte]

As baleas no refraneiro[editar | editar a fonte]

  • A balea é un animal de moita chea.
  • Balea!, levanta a pata e mea.
  • Balea no mar, a pescar.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. The history of whaling
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 Vadés Hansen, F. (2010).
  3. Prehistoric Inuit whalers affected Arctic freshwater ecosystems
  4. 4,0 4,1 4,2 Museo Provincial do Mar San Cibrao, Lieiro, Cervo (Lugo).
  5. Sen dúbida a máis ilustre destas vendas foron as que realizaron Josefa Montenegro y Sacro e Dolores Peña Montenegro, a avoa e a nai de Valle-Inclán, ao catalán Manuel Llauger Peña.
  6. 6,0 6,1 6,2 Los últimos cazadores de ballenas. La última factoría ballenera de España, situada en Cee, cesó su actividad tras renunciar a nuevas moratorias para la caza de cetáceos Diario La Voz de Galicia, 24 de marzo de 2012.
  7. Aínda que outros, que a probaron cando se vendía nas prazas de abastos alá polos anos 1960 dicían que si, pero que os filetes parecía que estaban fritos en "aceite de peixe".
  8. Historia do Museo en Museo Msasó.
  9. Boletin de la Real Academia de la Historia. Tomo CLXXVI. Nº III. 1979

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Biliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]