Sobreexplotación

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Os stocks de bacallau do Atlántico foron gravemente sobreexplotaods nas décadas de 1970 e 1980, o que causou o sue abrupto colapso en 1992.[1]

A sobreexplotación é a extracción de recursos renovables en tan gran cantidade que se chega a un punto que imposibilita a súa recuperación. A sobreexplotación continuada pode levar á destrución de recursos. O termo aplícase a recursos naturais como: plantas mecdicinais silvestres, herbas de pasto, animais de caza, stocks de peixes, bosques e acuíferos.

En ecoloxía, a sobreexplotación é unha das cinco principais actividades que ameazan a biodiversidade global.[2] Os ecoloxistas usan o termo para describir poboacións que son explotadas a un ritmo que é insustentable, dadas as súas taxas naturais de mortalidade e capacidades de reprodución. Isto pode ter como resultado a extinción de poboacións e mesmo de especies completas. Na bioloxía de conservación o termo utilízase xeralmente no contexto da actividade económica humana que implica a extracción de recursos biolóxicos ou organismos, en maiores cantidades que as que as súas poboacións poden soportar.[3] O termo é utilizado tamén e definido de forma algo diferente nas pesquerías, en hidroloxía e na xestión de recursos naturais.

A sobreexplotación pode orixinar a destrución de recursos, incluíndo as extincións. Porén, é tamén posible que a sobreexplotación sexa sustentable, como se discute máis abaixo na sección de pesquerías. No contexto da pesca, o termo sobrepesca pode utilizarse en lugar de sobreexplotación, como tamén se usa sobrepastoreo na xestión do gando, ou sobrecorta na xestión forestal, exceso de descarga na xestión de acuíferos, e especie en perigo na monitorización e conservación de especies. A sobreexplotación non é unha actividade limitada aos humanos. Os predadores introducidos e herbívoros, por exemplo, poden sobreexplotar a flora e fauna nativa.

Aínda que a sobreexplotación non sempre conduza á extinción, a diminución da cantidade de recursos pode cambiar a súa calidade. Por exemplo, a palma Livistona rotundifolia é unha árbore silvestre do sueste de Asia cuxas follas se utilizan para cubrir os tellados e envolver a comida, e o exceso da súa recolección tivo como resultado que as súas follas se fixesen máis pequenas.

Historia[editar | editar a fonte]

Cando as aves xigantes non voadoras chamadas moa foron sobreexplotadas pola caza humana ata o punto de extinción,[4] a aguia de Haast xigante, que era o seu depredador, tamén se extinguiu.[5]

A preocupación pola sobreexplotación é relativamente recente, aínda que a sobreexplotación en si mesma non é un fenómeno novo, senón que vén observándose durante milenios. Por exemplo, as túnicas cerimoniais que usaban os reis de Hawai estaban feitas de plumas de paxaros mamo; unha soa destas túnicas requiría as plumas de 70 000 aves desta especie agora extinta. O dodo, unha ave non voadora da illa de Mauricio é outro exemplo ben coñecido de sobreexplotación. Igual que con moitas especies nativas de illas, non tiña medo e era inxenua ante os depredadores, permitía que os humanos e as especies introducidas por este se aproximasen e as matasen doadamente ou comesen os seus ovos.[6]

Desde os tempos máis antigos, a caza foi unha importante actividade humana utilizada como medio de subsistencia. Hai toda unha historia de sobreexplotacións por exceso de caza. A hipótese do exceso de matanza (eventos de extinción do Cuaternario) explica por que as extincións de megafauna ocorrían en períodos relativamente curtos de tempo. Isto pode ser rastreado paralelamente á migración humana. A proba máis convincente desta teoría é que o 80% das especies de grandes mamíferos de Norteamérica desapareceron nos 1 000 anos seguintes da chegada dos humanos aos continentes do hemisferio occidental.[7] A extinción máis rápida nunca rexistrada de megafauna ocorreu en Nova Zelandia, onde arredor do ano 1500 d.C., xusto 200 anos despois do establecemento humano dos maorís na illa, as dez especies de moas xigantes foron cazadas ata a extinción.[4] Unha segunda ondada de extincións ocorreu nese país despois da colonización europea.

En tempos máis recentes, a sobreexplotación tivo como resultado da aparición gradual de conceptos como sustentabilidade e desenvolvemento sustentable, aos que se engadiron outros conceptos como rendemento sustentable,[8] ecodesenvolvemento[9][10] e ecoloxía profunda.[11][12]

A traxedia dos comúns[editar | editar a fonte]

Vacas en Selsley Common. A traxedia dos comúns é unha útil parábola para comprender como pode ocorrer a sobreexplotación.

A traxedia dos comúns refírese ao dilema descrito nun artigo con ese título escrito por Garrett Hardin e publicado na revista Science en 1968 sobre o uso de recursos de uso común, é dicir, comunal (os comúns).[13]

O punto central do ensaio de Hardin ilústrase cun exemplo que é unha útil parábola para comprender como pode acontecer a sobreexplotación. Este exemplo foi esbozado primeiro nun panfleto de 1833 de William Forster Lloyd, como unha situación simplificada hipotética baseada nos terratenentes medievais en Europa, na que varios pastores compartían unha terra común na cal todos tiñan dereito a poder levar as súas vacas a pastar. No exemplo de Hardin, o interese de cada pastor é poñer todas as vacas que adquira a pastar na terra, incluso se se excede a capacidade de carga da terra común e como resultado queda temporal ou permanentemente danada para todos. O pastor recibe todos os beneficios de ter unha vaca máis, mentres que o dano aos comúns é compartido por todo o grupo. Se todos os pastores fan esta decisión económica racional individualmente, a terra común será sobreexplotada ou mesmo destruída en detrimento de todos. Porén, como todos os pastores chegan á mesma conclusión racional, prodúcese unha sobreexplotación en forma de sobrepastoreo, con perdas inmediatas, e o pasto pode ser degradado ata o punto no que dá moi pouco rendemento.

"Velaquí a traxedia. Cada home está pechado nun sistema que o impulsa a incrementar o seu rabaño sen límite nun mundo que está limitado. A ruína é o destino cara ao que corren todos os homes, cada un perseguindo o seu propio interese nunha sociedade que cre na liberdade dos comúns." (Hardin, 1968)[13]

No seu ensaio, Hardin desenvolve o tema, presentando moitos exemplos de comúns dos últimos tempos, como os parques nacionais, a atmosfera, os océanos, os ríos e os stocks de peixes. O exemplo dos stocks de peixes fixo que algúns o denominasen a "traxedia dos pescadores".[14] Un tema principal que percorre o ensaio é o crecemento das poboacións humanas, sendo os recursos finitos da Terra un común xeral.

Os antecedentes intelectuais da traxedia dos comúns poden remontarse a Aristóteles, que sinalou que "ao que é común para o maior número se lle prestan os menores coidados",[15] e tamén a Hobbes e o seu Leviathan.[16] A situación oposta a unha traxedia dos comúns denomínase traxedia dos anticomúns: unha situación na cal os individuos racionais, actuan separadamente, desperdiciando de forma colectiva un recurso dado ao subutilizalo.

A traxedia dos comúns pode evitarse se a súa explotación está apropiadamente regulada. O uso de Hardin do termo "comúns" foi frecuentemente mal entendida, o que levou a Hardin a salientar máis tarde que el debería ter titulado o seu traballo "A traxedia dos comúns non regulados".[17]

Pesquerías[editar | editar a fonte]

O atún Thunnus thynnus do Atlántico está a ser actualmente gravemente sobreexplotado. Os científicos dicen que a pesca de 7 500 toneladas ao ano é o límite sustentable, aínda que a industria pesqueira continúa extraendo 60 000 toneladas.

Nas pesquerías silvestres, a sobreexplotación ou sobrepesca ocorren cando un stock de peixes foi pescado por "debaixo do tamaño que, como media, soportaría o rendemento sustentable máximo a longo prazo da pesquería".[18] Porén, a sobreexplotación pode ser sustentable en certas condicións.

Cando unha pesquería empeza a extraer peixe dun stock antes inexplotado, a biomasa do stock de peixes diminúe, xa que a pesca significa que os peixes están sendo retirados. Para a súa sustentabilidade, a velocidade á que os peixes volven a encher a biomasa por medio da súa reprodución debe equilibrar a velocidade á que se extrae o peixe. Se a velocidade de extracción se incrementa, entón a biomasa do stock diminuirá máis. Chegado a certo punto, alcánzase o rendemento de extracción máximo que pode ser sustentable, e posteriores intentos de incrementar a velocidade de extracción resultarán no colapso da pesquería. Este punto denomínase rendemento sustentable máximo, e na práctica, xeralmente ocorre cando se pescou no caladoiro ata quedar só o 30% da biomasa que tiña antes de que empezase a pesca.[19]

É posible pescar este stock aínda máis, ata, digamos o 15% da biomase previa á explotación, e despois axustar a taxa de pesca para que a biomasa permaneza a ese nivel. Nese caso, a pesquería é sustentable, pero agora está sobreexplotada, porque o stock caeu ata o punto no que o rendemento sustentable é menor que o que podería ser.

Os stocks de peixes dise que "se colapsan" se as súas biomasas declinan en máis do 95 % da súa biomasa máxima histórica. Os stocks de bacallau do Atlántico foron gravemente explotados nas décadas de 1970 e 1980, o que levou ao seu abrupto colapso en 1992.[1] Aínda que cesou a pesca, os stocks de bacallau non conseguiron recuperarse.[1] A ausencia de bacallau como superdepredador en moitas áreas orixinou fervenzas tróficas.[1]

Un 25% das pesquerías do mundo están agora sobreexplotadas ata o punto de que as súas biomasas actuais son menores que o nivel que maximiza os seus rendementos sustentables.[20] Estas pesquerían minguadas poden a miúdo recuperarse se a presión de pesca se reduce ata que a biomasa do stock volva a unha base óptima. Nese punto, pode reiniciarse a pesca preto do rendemento sustentable máximo.[21]

A traxedia dos comúns pode evitarse nas pesquerías se o esforzo e prácticas pesqueiros están debidamente regulados por unha boa xestión de pesquerías. Un enfoque efectivo pode ser asignar algunhas medidas de dereito a extraer parte dos recursos en forma de cotas transferibles individuais para os pescadores. En 2008, un estudo a grande escala de pesquerías que utilizan estas cotas transferibles, e as que non as utilizan, proporcionou fortes probas de que estas cotas axudan a impedir os colapsos e a restablecer as pesquerías que parecen estar en declive.[22][23]

Recursos hídricos[editar | editar a fonte]

A sobreexplotación da auga suberránea dun acuífero pode orixinar unha curva de pico da auga na que a produción desta chega a un máximo e despois declina rapidamente.[24]

Os recursos hídricos, como lagos e acuíferos, son xeralmente fontes renovables que se recargan de forma natural (o termo auga fósil utilízase ás veces para describir os acuíferos que non se recargan). A sobreexplotación ocorre se dun recurso hídrico, como por exemplo o acuífero Ogallala, se extrae auga a unha velocidade que excede a velocidade de recarga, é dicir, a unha velocidade que excede o rendemento constante práctico. A recarga xeralmente procede dos regatos, ríos e lagos da área. Os bosques potencian a recarga de acuíferos nalgúns lugares ao reteren unha maior cantidade de auga da chuvia (que non se perde como augas salvaxes e se infliltra), aínda que en certos climas xeralmente os bosques son a fonte principal de depleción de acuíferos.[25][26] Os acuíferos minguados poden ser contaminados con nitratos, ou danados permanentemente por subsidencia ou por intrusión salina do océano.

Isto converte gran parte das augas subterráneas e lagos do mundo en recursos finitos cun uso pico similar ao dun pozo de petróleo (pico do petróleo).[27][28] Esta problemática está normalmente centrada no uso da auga na agricultura e zonas suburbanas, pero a xeración de electricidade ae a minería do carbón e areas bituminosas tamén consome intensos recursos hídricos.[29] As curvas de Hubbert modificadas aplícanse a calquera recurso que pode ser extraído máis rápido do que pode ser substituído.[24] Aínda que a análise orixinal de Hubbert non se aplica aos recursos renovables, a súa sobreexplotación pode resultar nun pico similar ao de Hubbert. Isto orixinou o concepto de pico da auga.

Recursos forestais[editar | editar a fonte]

Corta de bosques vellos en Canadá.

Os bosques son sobreexplotados cando se cortan a unha velocidade maior que a da reforestación. A reforestación compite con outros usos da terra como a produción de alimentos, pastos para o gando, e espazo libre para o crecemento económico. Historicamente a utilización dos produtos forestais, incluíndo a madeira para a construción ou como combustible, foron fundamentais nas sociedades humanas, e comparable ao papel da auga e terras de cultivo. Hoxe, os países en desenvolvemento continúan utilizando a madeira para a construción de casas e obxectos, e a polpa de madeira para a fabricación de papel. Nos países en desenvolvemento case tres mil millóns de persoas dependen dos bosques para quentarse e cociñar.[30] As ganancias económicas a curto prazo conseguidas pola conversión de bosques á actividade agrícola, ou a sobreexplotación de produtos da madeira, normalmente levan a unha perda de ingresos e de produtividade biolóxica a longo prazo. No África occidental, Madagascar, sueste asiático e moitas outras rexións experimentouse unha diminución de rendas debido á sobreexplotación e a consecuente diminución da produción de madeira.[31]

Biodiversidade[editar | editar a fonte]

A gran diversidade de vida mariña que habita nos arrecifes de coral atrae bioprospectores. Moitos arrecifes de coral están sobreexplotados; as ameazas sobre eles inclúen a minería, pesca con cianuro e con explosivos e sobrepesca en xeral.

A sobreexplotación é unha das principais ameazas para a biodiversidade global.[2] Outras ameazas son a polución, especies introducidas e invasoras, fragmentación do hábitat, destrución do hábitat,[2] hibridación incontrolada,[32] quecemento global,[33] acidificación dos océanos,[34] e o impulso que está detrás de moitos deles, a superpoboación humana.[35]

Un dos asuntos relacionados coa saúde máis importantes asociados coa biodiversidade é o descubrimentro de novos fármacos e a dispoñibilidade de recursos medicinais.[36] Unha proporción significativa dos medicamentos son produtos naturais derivados, directa ou indirectamente dos recursos biolóxicos. Os ecosistemas mariños son de particular interese neste aspecto.[37] Porén, a bioprospección non regulada e inapropiada podería potencialmente causar sobreexplotación, degradación dos ecosistemas e perda de biodiversidade.[38][39][40]

Especies en perigo[editar | editar a fonte]

Non son só os humanos os que sobreexplotan os seus recursos. O sobrepastoreo pode ocorrer de forma natural, causado pola fauna nativa, como se mostra na parte superior dereita.

A sobreexplotación ameaza un terzo dos vertebrados en perigo de extinción, e a outros grupos. Excluíndo os peixes comestibles, o comercio de vida silvestre ilegal está valorado en 10 mil millóns de dólares o ano. As industrias responsables disto son o comercio de carne de caza, o comercio de produtos da medicina chinesa e o de peles.[41] A CITES (Convention for International Trade in Endangered Species of Wild Fauna and Flora, Convención para o Comercio Internacional de Especies en Perigo de Fauna e Flora Silvestres) creouse para controlar e regular o comercio de animais en perigo. Actualmente protexe, en diversos graos, unhas 33 000 especies de animais e plantas. Por exemplo, a causa de que estean en perigo unha cuarta parte dos vertebrados e a metade dos mamíferos nos Estados Unidos de América atribúese á sobreexplotación.[2][42]

Todos os organismos vivos necesitan recursos para sobrevivir. A sobreexplotación destes recursos durante períodos prolongados pode facer minguar os stocks naturais ata o punto no que son incapaces de recuperarse nun curto período de tempo. Os humanos sempre obtiveron da natureza os alimentos e outros recursos que precisaban para sobrevivir. A poboación humana foi historicamente pequena e os métodos de captura e recolección estaban limitados a pequenas cantidades. Pero o incremento exponencial da poboación humana dos últimos séculos, a expansión de mercados e demanda crecente, combinados con melloras no acceso e nas técnicas de captura, está causando a explotación de moitas especies máis alá dos niveis sustentables.[43] En termos prácticos, se isto continúa, redúcense moios recursos valiosos ata niveis nos que a súa explotación xa non é sustentable e iso pode levar á extinción de moitas especies, ademais de ter efectos severos e imprevistos no ecosistema.[44] A sobreexplotación a miúdo ocorre rapidamente a medida que se abre un mercado, utilizándose recursos que previamente non se tocaran, ou especies usadas localmente.

O periquito Conuropsis carolinensis foi cazado ata a extinción.

Hoxe, a sobreexplotación e o mal uso de recursos naturais é unha ameaza sempre presente para a riqueza de especies. Isto é máis frecuente na ecoloxía das illas e nas especies que as habitan, xa que as illas poden considerarse como un mundo en miniatura. As poboacións e especies endémicas das illas son máis proclives á extinción por sobreexplotación, xa que a miúdo existen en baixas densidades e teñen taxas reprodutoras reducidas.[45] Un bo exemplo disto son os caracois das illas, como o Achatinella hawaiano e o Partula da Polinesia francesa. Os caracois Achatinellinae teñen 15 especies na lista de especies extinguidas e 24 na de en perigo crítico,[46] mentres que 60 especies de Partulidae considéranse extintas e 14 en perigocrítico.[47] O WCMC atribuíu á sobrerecoleccción e moi baixo período de fecundidade a extrema vulnerabilidade mostrada nestas especies.[48]

Outro exemplo é a introdución do ourizo cacho Erinaceus europaeus na illa escocesa de Uist, onde a poboación deste animal se expandiu enormemente e empezou a consumir e sobreexplotar os ovos das aves costeiras, con drásticas consecuencias para o seu éxito reprodutor. Foron afectadas doce especies de avifauna, e a cantidade dalgunhs especies foi reducida un 39%.[49]

Onde hai unha migración humana substancial, conflito civil ou guerra, os controis sobre a fauna deixan de existir. Por mor do conflito civil armado que tivo lugar na República Democrática do Congo e Ruanda, por exemplo, as armas de fogo fixéronse cada vez máis comúns e o afundimento das redes de distribución de alimentos neses países fixo os recursos do medio natural máis vulnerables.[50] Os animais son ás veces matados incluso como dianas para prácticas de tiro, ou simplemente para prexudicar o goberno. As poboacións de grandes primates, como os gorilas e chimpancés, ungulados e outros mamíferos, foron reducidas nun 80% ou máis pola caza e nesas situacións certas especies poden ser exterminadas.[51] Este declive foi denominado a crise da carne de caza de animais silvestres.

En conxunto, estímase que 50 das especies de aves que se extinguiron desde 1500 (aproximadamente o 40% do total) fixérono debido á sobreexplotación,[52] entre elas dous exemplos son:

  • O arao xigante. A ave similar a un pingüín do polo norte, que foi cazado polas súas plumas, carne, graxa e aceite.
  • O periquito da Carolina. A única especie de papagaio nativa do leste de Estados Unidos, que foi cazada para protexer as colleitas agrícolas e polas súas plumas.

Outras causas da sobreexplotación e exemplos de especies afectadas son:

Efectos en fervenza[editar | editar a fonte]

A sobreexplotación de londras mariñas tivo como resultado un efecto en fervenza que destruíu os ecosistemas dos bosques de kelp.

A sobreexplotación de especies pode orixinar efectos colaterais ou efectos en fervenza. Isto pode aplicarse especialmente se, por medio da sobreexplotación, un hábitat perde o seu superdepredador. Debido á perda deste pode producirse un drástico incremento das súas presas. Á súa vez, as presas sen control poden sobreexplotar os seus propios recursos alimenticios ata que a poboación mingua, posiblemente ata o punto de extinguirse.

Un exemplo clásico de efectos en fervenza ocorreron coas londras mariñas. A explotación deste animal empezou no século XVII e non se acabou ata 1911, as londras mariñas foron cazadas pola súa pelame excepcionalmente cálida e valiosa, que podía valer 2 500 dólares americanos. Isto causou efectos en fervenza nos ecosistemas do bosque de kelp ao longo da costa do Pacífico norteamericana.[54]

Unha das fontes de alimento principal das londras mariñas era o ourizo de mar. Cando os cazadores causaron un declive das poboacións de londra mariña, tivo lugar unha liberación ecolóxica dos ourizos de mar ao desaparecer o factor que limitaba o seu crecemento. Seguidamente, os ourizos de mar sobreexplotaron a súa principal fonte de alimento, as algas kelp, creando "ermos de ourizos", áreas do leito mariño desprovistos de kelp, pero alfombradas de ourizos de mar. Como xa non tiñan comida para alimentarse, o ourizo de mar quedou extinguido localmente tamén. Ademais, como os ecosistemas de bosque de kelp son o hábitat de moitas outras especies, a perda do kelp causou outra fervenza de extincións secundarias.[55]

En 1911, cando só quedaba un pequeno grupo de 32 londras mariñas nunha cova remota, asinouse un tratado internacional para impedir que continuase a explotación das londras mariñas. Baixo unha forte protección, as londras multiplicáronse e repoboaron as áreas degradadas, que lentamente foron frecuperándose. Máis ecentemente, co declive da cantidade de stocks de peixes, de novo debido á sobreexplotación, as candorcas sufriron unha escaseza de alimentos e empezaron a alimentarse de londras mariñas, reducindo de novo a súa cantidade.[56]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 Kenneth T. Frank; Brian Petrie; Jae S. Choi; William C. Leggett (2005). "Trophic Cascades in a Formerly Cod-Dominated Ecosystem". Science 308 (5728): 1621–1623. PMID 15947186. doi:10.1126/science.1113075. 
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 Wilcove, D. S.; Rothstein, D.; Dubow, J.; Phillips, A.; Losos, E. (1998). "Quantifying threats to imperiled species" (PDF). BioScience 48: 607–615. doi:10.2307/1313420. 
  3. Oxford. (1996). Oxford Dictionary of Biology. Oxford University Press.
  4. 4,0 4,1 Holdaway, R. N.; Jacomb, C. (2000). "Rapid Extinction of the Moas (Aves: Dinornithiformes): Model, Test, and Implications" (PDF). Science 287 (5461): 2250–2254. PMID 10731144. doi:10.1126/science.287.5461.2250. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 2013-05-27. 
  5. Tennyson, A.; Martinson, P. (2006). Extinct Birds of New Zealand. Wellington, New Zealand: Te Papa Press. ISBN 978-0-909010-21-8. 
  6. Fryer, Jonathan (2002-09-14). "Bringing the dodo back to life". BBC News. Consultado o 2006-09-07. 
  7. Paul S. Martin
  8. Larkin, P. A. (1977). "An epitaph for the concept of maximum sustained yield". Transactions of the American Fisheries Society 106 (1): 1–11. doi:10.1577/1548-8659(1977)106<1:AEFTCO>2.0.CO;2. 
  9. Lubchenco, J. (1991). "The Sustainable Biosphere Initiative: An ecological research agenda". Ecology 72: 371–412. doi:10.2307/2937183. 
  10. Lee, K. N. (2001). "Sustainability, concept and practice of". En Levin, S. A. Encyclopedia of Biodiversity 5. San Diego, CA: Academic Press. pp. 553–568. ISBN 0-12-226864-4. 
  11. Naess, A. (1986). "Intrinsic value: Will the defenders of nature please rise?". En Soulé, M. E. Conservation Biology: The Science of Scarcity and Diversity. Sunderland, MA: Sinauer Associates. pp. 153–181. ISBN 0-87893-794-3. 
  12. Sessions, G., ed. (1995). Deep Ecology for the 21st Century: Readings on the Philosophy and Practice of the New Environmentalism. Boston: Shambala Books. ISBN 1-57062-049-0. 
  13. 13,0 13,1 Hardin, Garrett (1968). "The Tragedy of the Commons". Science 162 (3859): 1243–1248. PMID 5699198. doi:10.1126/science.162.3859.1243.  Tamén dispoñible en here.
  14. Bowles, Samuel (2004). Microeconomics: Behavior, Institutions, and Evolution. Princeton University Press. pp. 27–29. ISBN 0-691-09163-3. 
  15. Ostrom, E. (1992). "The rudiments of a theory of the origins, survival, and performance of common-property institutions". En Bromley, D. W. Making the Commons Work: Theory, Practice and Policy. San Francisco: ICS Press. 
  16. Feeny, D.; et al. (1990). "The Tragedy of the Commons: Twenty-two years later". Human Ecology 18 (1): 1–19. doi:10.1007/BF00889070. 
  17. "Will commons sense dawn again in time?". The Japan Times Online. 
  18. NOAA: FishWatch glossary Consultado o 2 de febreiro de 2010.
  19. Bolden, E.G., Robinson, W.L. (1999), Wildlife ecology and management 4th ed. Prentice-Hall, Inc. Upper Saddle River, NJ. ISBN 0-13-840422-4
  20. Grafton, RQ; Kompas, T; Hilborn, RW (2007). "Economics of Overexploitation Revisited". Science 318 (5856): 1601. Bibcode:2007Sci...318.1601G. PMID 18063793. doi:10.1126/science.1146017. 
  21. Rosenberg, AA (2003). "Managing to the margins: the overexploitation of fisheries". Frontiers in Ecology and the Environment 1 (2): 102–106. doi:10.1890/1540-9295(2003)001[0102:MTTMTO]2.0.CO;2. 
  22. New Scientist: Guaranteed fish quotas halt commercial free-for-all
  23. A Rising Tide: Scientists find proof that privatising fishing stocks can avert a disaster The Economist, 18th Sept, 2008.
  24. 24,0 24,1 Meena Palaniappan & Peter H. Gleick (2008). "The World's Water 2008-2009, Ch 1." (PDF). Pacific Institute. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 2009-03-20. Consultado o 2009-01-31. 
  25. "Underlying Causes of Deforestation: UN Report". Arquivado dende o orixinal o 2001-04-11. 
  26. http://www.azstarnet.com/sn/byauthor/244797
  27. "World's largest aquifer going dry". U.S. Water News Online. February 2006. Arquivado dende o orixinal o 2006-09-13. Consultado o 2010-12-30. 
  28. Larsen, J. (2005-04-07). "Disappearing Lakes, Shrinking Seas: Selected Examples". Earth Policy Institute. Arquivado dende o orixinal o 2006-09-03. Consultado o 2009-01-26. 
  29. http://www.epa.gov/cleanrgy/water_resource.htm[Ligazón morta]
  30. http://atlas.aaas.org/pdf/63-66.pdf Forest Products
  31. "Destruction of Renewable Resources". 
  32. Rhymer, Judith M.; Simberloff, Daniel (1996). "Extinction by Hybridization and Introgression". Annual Review of Ecology and Systematics 27: 83–109. JSTOR 2097230. doi:10.1146/annurev.ecolsys.27.1.83. 
  33. Kannan, R.; James, D. A. (2009). "Effects of climate change on global biodiversity: a review of key literature" (PDF). Tropical Ecology 50 (1): 31–39. ISSN 0564-3295. Consultado o 2014-05-21. 
  34. Mora, C.; et al. (2013). "Biotic and Human Vulnerability to Projected Changes in Ocean Biogeochemistry over the 21st Century". PLoS Biology 11: e1001682. PMC 3797030. PMID 24143135. doi:10.1371/journal.pbio.1001682. 
  35. Dumont, E. (2012). "Estimated impact of global population growth on future wilderness extent." (PDF). Earth System Dynamics Discussions 3: 433–452. Bibcode:2012ESDD....3..433D. doi:10.5194/esdd-3-433-2012. 
  36. (2006) "Molecular Pharming" GMO Compass Retrieved November 5, 2009, From http://www.gmocompass.org/eng/search/
  37. Roopesh, J.; et al. (2008). "Marine organisms: Potential Source for Drug Discovery" (PDF). Current Science 94 (3): 292. 
  38. Dhillion, S. S.; Svarstad, H.; Amundsen, C.; Bugge, H. C. (September 2002). "Bioprospecting: Effects on Environment and Development". AMBIO 31 (6): 491–493. JSTOR 4315292. PMID 12436849. doi:10.1639/0044-7447(2002)031[0491:beoead]2.0.co;2. 
  39. Cole, Andrew (2005). "Looking for new compounds in sea is endangering ecosystem". BMJ 330 (7504): 1350. PMC 558324. PMID 15947392. doi:10.1136/bmj.330.7504.1350-d. 
  40. "COHAB Initiative - on Natural Products and Medicinal Resources". Cohabnet.org. Consultado o 2009-06-21. 
  41. Hemley 1994.
  42. Primack, R. B. (2002). Essentials of Conservation Biology (3rd ed.). Sunderland: Sinauer Associates. ISBN 0-87893-719-6. 
  43. Redford 1992, Fitzgibon et al. 1995, Cuarón 2001.
  44. Frankham, R.; Ballou, J. D.; Briscoe, D. A. (2002). Introduction to Conservation Genetics. New York: Cambridge University Press. ISBN 0-521-63014-2. 
  45. Dowding, J. E.; Murphy, E. C. (2001). "The Impact of Predation be Introduced Mammals on Endemic Shorebirds in New Zealand: A Conservation Perspective". Biological Conservation 99 (1): 47–64. doi:10.1016/S0006-3207(00)00187-7. 
  46. "IUCN Red List". 2003b. 
  47. "IUCN Red List". 2003c. Consultado o 9 December 2003. 
  48. WCMC. (1992). McComb, J., Groombridge, B., Byford, E., Allan, C., Howland, J., Magin, C., Smith, H., Greenwood, V. and Simpson, L. (1992). World Conservation Monitoring Centre. Chapman and Hall.
  49. Jackson, D. B.; Fuller, R. J.; Campbell, S. T. (2004). "Long-term Population Changes Among Breeding Shorebirds in the Outer Hebrides, Scotland, In Relation to Introduced Hedgehogs (Erinaceus europaeus)". Biological Conservation 117 (2): 151–166. doi:10.1016/S0006-3207(03)00289-1. 
  50. Jones, R. F. (1990). "Farewell to Africa". Audubon 92: 1547–1551. 
  51. Wilkie, D. S.; Carpenter, J. F. (1999). "Bushmeat hunting in the Congo Basin: An assessment of impacts and options for migration". Biodiversity and Conservation 8 (7): 927–955. doi:10.1023/A:1008877309871. 
  52. The LUCN Red List of Threatened Species (2009).
  53. Collins, Nick. "Chinese medicines contain traces of endangered animals". Telegraph. 
  54. Estes, J. A.; Duggins, D. O.; Rathbun, G. B. (1989). "The ecology of extinctions in kelp forest communities". Conservation Biology 3 (3): 251–264. doi:10.1111/j.1523-1739.1989.tb00085.x. 
  55. Dayton, P. K.; Tegner, M. J.; Edwards, P. B.; Riser, K. L. (1998). "Sliding baselines, ghosts, and reduced expectations in kelp forest communities". Ecol. Appl. 8 (2): 309–322. doi:10.1890/1051-0761(1998)008[0309:SBGARE]2.0.CO;2. 
  56. Krebs, C. J. (2001). Ecology (5th ed.). San Francisco: Benjamin Cummings. ISBN 0-321-04289-1. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]