Massó Hermanos

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirixido desde "Massó")
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Museo Massó.
Salvador Massó Ferrer, retrato en Vida Gallega, 1932.
Chimenea da fábrica de Massó de Bueu no seu novo emprazamento.
Escultura da fonte na planta de Massó en Cangas
Planta de Massó en Cangas. Vista exterior

Massó Hermanos foi unha empresa conserveira galega, con base na península do Morrazo.

Historia[editar | editar a fonte]

En 1816 o catalán Salvador Massó Palau trouxo a Bueu sete franceses expertos para pór en marcha unha industria de salgadura. Un deles era Pascual Dargenton Lafont, co que creou La Perfección, a primeira fábrica de conservas, disolta en 1898. Os fillos do fundador, Gaspar e Salvador Massó Ferrer, crearon Massó Hermanos S. A., dedicada á produción de conservas, salgadura de pescado, compra e venda de fariña, redes e fabricación de artefactos de pesca. Construíron unha segunda fábrica en 1926 en Bueu.

Gaspar, José María e Antonio Massó García, a terceira xeración da saga, propiciaron o gran pulo da empresa, coa colaboración dos irmáns lucenses Fernández López (os fillos de Antón de Marcos, entre eles Antonio e Xosé), que comercializaron carne en lata a través dos matadoiros do Porriño e Mérida durante a guerra civil española, aproveitando a tecnoloxía das súas fábricas de conservas.

En 1941 inaugurouse a complexo de Cangas, deseñada polo arquitecto Tomás Bolívar sobre 20 hectáreas de terreo, con dúas dársenas, un quilómetro de litoral, varadoiros, obradoiro de reparación, sección de envases metálicos, unha central eléctrica de emerxencia, unha factoría baleeira, unha fábrica de xeo e outra de fariñas de peixe. Nesa mesma época construíronse factorías en Barbate (Cádiz) e Avilés, e dúas factorías baleeiras en Caneliñas (Cee) e Muras.

Debido a súa importancia comercial, non obstante foi a primeira conserveira de Europa, tiña incluso un hotel para os directivos e os viaxantes e un complexo de casas para os traballadores. Debido o volume de traballadores que empregaba contaba con servizos de gardería, economato, comedor social, así como médico e asistente social.[1]

A empresa comercializaba os seus produtos baixo varias marcas, como Massó, Kairel, El Porrón, Gaviota ou Massó Grand. A causa do éxito empresarial a familia investiu noutros negocios, como os Tranvías Eléctricos de Vigo e de Pontevedra, Molinera Gallega, o Banco de Vigo e a Compañía General de Carbones de Barcelona[2].

Gaspar Massó García (1892-1991) foi pioneiro en moitos ámbitos, como o feito de rotular en lingua galega nas fábricas. Xerou abundantes patentes de maquinaria para tratar o peixe das conservas. O seu irmán José María (1899-1981) foi un grande afeccionado á fotografía. As súas imaxes de África e Europa amosan interesantes aspectos da sociedade dos anos vinte.

Declive[editar | editar a fonte]

Na década de 1960 a cuarta xeración da saga asumiu a xestión da conserveira. O envelenamento do aceite de colza precipitou a crise, e ao cabo de 180 anos de actividade Massó Hermanos acabou sumida nunha grande débeda de máis de 900 millóns de pesetas. Porén, o patrimonio familiar estímase multimillonario[3].

Tras un intento errado da Xunta de Galicia por reflotar a empresa, deseñouse un plan de viabilidade, cun crédito sindicado de 350 millóns e a compra do museo da empresa en Bueu.

Museo Massó[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Museo Massó.

O museo Massó inclúe unha espléndida colección de libros antigos, cartas mariñas e de navegación, mapas e instrumentos de navegación, decretos de regulación marítima firmados por Filipe II, prezadas réplicas de navíos de guerra dos séculos XVI e XVII, miniaturas de barcos autóctonos do Morrazo construídos polo patriarca Massó Palau, pinturas de Urbano Lugrís, unha colección de modelos de naves históricas e de instrumentos de navegación antigos, e a Cosmographia de Claudio Tolomeo de 1490.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Llera, Luis Carlos (17 de febreiro de 2016). "La carne de ballena de Massó se vendía mucho para pinchos morunos". La Voz de Galicia. Consultado o 25 de decembro de 2016. 
  2. "El inicio de la industria en lata (I)"[Ligazón morta], artigo en Faro de Vigo (en castelán).
  3. "La decadencia de Massó", artigo de Primitivo Carbajo en El País, 9 de maio de 1995 (en castelán).

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]