Arquipélago de Madeira

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Cidade de Funchal.

O arquipélago de Madeira é un territorio portugués dotado de autonomía política e administrativa baixo o nome de Rexión Autónoma de Madeira. Madeira ten dentro da Unión Europea o estatuto de Rexión Ultraperiférica.

Localización xeográfica[editar | editar a fonte]

O arquipélago de Madeira[1] sitúase no Océano Atlántico, a 978 km ao suroeste de Lisboa, e forma parte da rexión de Macaronesia. De orixe volcánica, está formado polas illas de Madeira (736 Km²), Porto Santo (43 Km²), Desertas (14 Km²) e Salvaxes (4 Km²). Só as dúas primeiras illas están habitadas, constituíndo as outras reservas naturais.

Mapa das illas.

Territorio e clima[editar | editar a fonte]

Subdivídese nas dúas illas principais de Madeira e do Porto Santo e dous grupos de illas deshabitadas, as Illas Desertas e as Salvaxes.

A illa de Madeira posúe unha orografía bastante accidentada, sendo os puntos máis altos o Pico Ruivo (1.862 m) e o Pico do Arieiro (1.818 m). O relevo, ben como a exposición aos ventos predominantes, fan que na illa existan diversos microclimas o que, aliado ao exotismo da vexetación, constitúe un importante factor de atracción para o turismo, principal actividade da rexión. Non existen grandes variacións térmicas durante todo o ano, manténdose o clima lene con temperaturas medias que rondan os 22 °C (máxima) e os 16 °C (mínima). A temperatura da auga do mar, debido á influencia da corrente quente do Golfo, mantense nos 22 °C no verán, arrefriando gradualmente ata atinxir os 17 °C no fin do inverno.

A illa do Porto Santo, por outro lado, ten unha constitución xeomorfolóxica completamente oposta á da illa de Madeira. Moi plana e con 9 km de praia de area fina e dourada constitúe un lugar turístico aínda pouco explorado.

Demografía[editar | editar a fonte]

A pesar de posuír unha densidade de poboación superior á media do país e mesmo da UE, 75% da poboación da illa de Madeira habita en apenas 35% do territorio, sobre todo na costa sur, onde se encontra a cidade de Funchal, capital da Rexión Autónoma de Madeira, que concentra 45% da poboación, cunha densidade de poboación de 1.500 h/Km². É tamén nesta zona que se localiza a maior parte das unidades hoteleiras.

Economía[editar | editar a fonte]

Pico do Areeiro

O turismo constitúe unha fonte media de receitas da economía madeirense. No sector agrícola, a produción de banana dirixida fundamentalmente ao consumo rexional, nacional e internacional, as flores e o afamado viño de Madeira (Madeira Wine), constitúen tamén un importante contribución á economía rexional. A industria consiste fundamentalmente en actividades de carácter artesanal: bordados, tapizaría e artigos de vimbio. Contribuíndo de forma moi positiva ao desenvolvemento económico de Madeira, non podemos deixar de referir a actividade desenvolvida pola Zona Franca de Madeira, no Caniçal, a cal integra as actividades financeira, industrial e comercial e é constituída por un conxunto de incentivos fiscais e financeiros de que poden beneficiar todas as empresas que alí se instalen.

Existen dous aeroportos internacionais que garanten o acceso ás illas.

Historia[editar | editar a fonte]

Foron redescubertas en 1419 polos navegantes portugueses João Gonçalves Zarco e Tristão Vaz Teixeira. Para tentar evitar unha situación idéntica á das Canarias, perdidas para Castela, en 1424 iníciase a colonización de Madeira: adoptando un sistema de Capitanías. Inicialmente Madeira exportaba cedro, teixo, sangue de dragón, anil e outros materiais tintureiros; e a partir de 1450 tornouse un centro produtor de cereais.

Coa caída da produción cereal, o infante D. Henrique mandou plantar na illa a cana de azucre - rara en Europa -, promovendo, para iso, a chegada, de Sicilia, da soca da primeira planta e dos técnicos especializados. A cultura da cana e a industria da produción de azucre desenvolveríanse ata o século XVII, seguindo a industria da transformación. A produción de azucre atraeu á illa comerciantes xudeus, xenoveses e portugueses e foi un dinamizador da economía da rexión. A produción creceu de tal forma que xurdiu unha gran necesidade de man de obra. Para satisfacer esta carencia foron levados para a illa escravos orixinarios de Canarias, de Marrocos e, máis tarde, doutras zonas de África. Máis tarde, preto do século XVII, a cultura da cana de azucre ía ser promovida en Brasil, pasando Madeira a investir na produción do viño.

En febreiro de 2010 un forte temporal causou inundacións e corrementos de terra, provocado ducias de mortos e feridos.

División administrativa[editar | editar a fonte]

Divisións administrativas da Rexión Autónoma de Madeira.

Politicamente Madeira é, desde 1976, unha rexión autónoma, dotada dun estatuto político-administrativo e de órganos de goberno propios: a Asemblea Rexional e o Goberno Rexional. O Estado Portugués está representado na rexión por un Ministro da República.

As illas non teñen existencia xurídica no ordenamento territorial da rexión, nin mesmo na lei electoral, como acontece nas Azores. En Madeira son os municipios a base dos distritos electorais, o que tamén ten levantado críticas por distorsionar a proporcionalidade.

Constitúen a subdivisión administrativa principal do arquipélago os seus 11 municipios:

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para madeirense.
Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Arquipélago de Madeira