Baredo, Baiona

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Baredo
A parroquia de Baredo, vista dende a fonte do Cabreiro.
ConcelloBaiona[1]
ProvinciaPontevedra
Coordenadas42°06′17″N 8°52′30″O / 42.10470027, -8.87506955Coordenadas: 42°06′17″N 8°52′30″O / 42.10470027, -8.87506955
Poboación1100 hab. (2022)
Entidades de poboación12[1]
editar datos en Wikidata ]
A illa da Carral, en Silleiro.
Costa baredá, dende a volta de Salgueiras.

Santa María de Baredo, ás veces tamén Nosa Señora da Cela de Baredo ou Santa María da Cela de Baredo[2], é unha parroquia do concello de Baiona. Segundo o IGE, no ano 2022, tiña 1.100 habitantes (562 homes e 538 mulleres) [3], o que supón un aumento respecto de 1999 cando tiña 989 habitantes; ou respecto do século XIX cando tiña 86 habitantes.[4] O seu xentilicio é baredán[5]. A parroquia eclesial pertence ó arciprestado de Miñor, na diocese de Tui-Vigo.

Xeografía[editar | editar a fonte]

Igrexa parroquial de Santa María de Baredo, na que se atopa a Virxe da Cela.
Fonte do Lobate, no Cabreiro, desde onde se contempla a parroquia enteira.
Muíño no leito do río de Baredo.

É a parroquia baionesa máis occidental. Limita coas parroquias de Baíña, Mougás e Santa María de Fóra de Baiona. Está atravesada polo río de Baredo. Atópase sobre un val, marcado polo Facho, O Outeiro do Home, Os Pousos, Os Marcos e O Outeiro do Galo.[2] Na súa costa rochosa en Cabo Silleiro hai un conxunto de illotes coma a Carral, as Negras ou a Polbeira, lugares de naufraxios.[6] A zona costeira da parroquia está atravesada pola estrada PO-552. Pola parroquia transcorre o Camiño de Santiago Portugués pola Costa.

Lugares[editar | editar a fonte]

Segundo o Nomenclátor de Galicia, a parroquia está constituída por 12 entidades de poboación: O Agro, A Bouza, As Cadeiras, O Cancelo, O Caneiro, O Carballo, O Lombo, A Ponte, Os Portelos, O Río, Rocamar e A Torre.

Porén, segundo Galicia Nomeada e outros estudos toponímicos sobre o lugar, contabilízanse un total de 30 entidades de poboación: O Agro, O Baleal, A Bouza, O Cabreiro, A Cachada, As Cadeiras, Cancelo, O Caneiro, Carballo, A Cela Vella, A Costa, As Laxes, Lombán, O Lombo, O Montiño, O Outeiro, A Pedra, A Ponte, Os Portelos, O Ramal, A Revolta, O Río, O Río Pequeno, Rocamar, O Sinal, Suastorres, A Torre e As Xestas.[2][7]

Historia[editar | editar a fonte]

Durante a Idade Media, Baredo estivo ligado, como o resto das parroquias limítrofes, ao mosteiro de Oia. O topónimo Baredo adoita aparecer na documentación antiga como Varedo.[2] As primeiras referencias escritas son do século XII, en que Afonso VII doa ao mosteiro de Oia todo o que pertencía ao poder real na terra de Turonio, formado pola ermida de San Cosme cos seus cotos e as vilas de Erizana e Varedo. Tamén no ano 1162, en que Fernando II de León e Galicia doa a Nuno Díaz todo canto hai en Baíña e en Varedo; e no ano 1222, onde Xohán Crispio vende a Oia a herdade de Varedo, a cuarta parte do agro do Emir e a leira de Muar[8]; e no ano 1266, onde Romeu de Varedo e a súa esposa Mariña cambian co mosteiro de Oia parte das súas posesións e vende outra serie deles en 300 sólidos.[9]

Segundo a tradición, no século XVI, apareceu unha imaxe, chamada logo Nosa Señora da Cela.[2] Dende entón, existiu unha ermida no lugar da Cela Vella en que se honraba a devandita virxe.[2] A primeira referencia escrita desta capela data do ano 1551, aínda que se asegura que xa existía a finais do século XV. Deixaría de existir no século XIX, cando Baredo se independiza da parroquia matriz de Baíña no ano 1810.[2]

O 16 de outubro do 1936 foron fusilados no lugar nove veciños miñoráns, no punto coñecido desde entón como A Volta dos Nove.[10]

O 25 de marzo do 2012, celebrouse o bicentenario da súa declaración como parroquia independente de Baíña. Por este feito, o Concello de Baiona outorgoulle a Medalla de Ouro ós veciños de Baredo.[11]

Patrimonio[editar | editar a fonte]

Posúe un núcleo rural moi ben conservado no que se poden ver camiños empedrados e casas típicas de labranza. Do seu patrimonio histórico destaca o sitio calcolítico de Loudrelos[12], o petróglifo da Fonte das Vacas[13][12], os petróglifos do Outeiro das Pereiras[12], o sitio arqueolóxico da Portela[2], o asentamento medieval do Outeiro do Home[12] e o asentamento romano-medieval de Fonte da Anta[12]. Segundo Domingo Cameselle, no lugar de Cresteláns existen tamén evidencias dunha suposta cívitas antiqua e restos da calzada romana da Guarda a Vigo.[2] Ademais, nas encrucilladas dos camiños atópanse varios cruceiros: o de Cancelo, o do Adro, o do Sinal, o da Ponte e o de Arriba.[14] Tamén destaca a cruz de Malta de pedra que se atopa na entrada da casa reitoral, que foi rescatada do poboado medieval de San Cosme.[15]

Das construcións contemporáneas, cómpre sinalar a igrexa parroquial, construída en 1812; o faro de Silleiro; e as ruínas da batería militar de Silleiro, cuxo obxectivo era a protección da ría de Vigo.[2] Tamén cabe salientar a fonte do Lobate, situada no Cabreiro, e o porto de Porrido, en que hai uns alboios e un pequeno peirao. Nel, no mes de xuño, fáiselle unha misa á Virxe do Carme e, deseguido, unha procesión por toda a parroquia.

Destaca tamén a súa costa rochosa, na que se apaña percebe, [2] e mais o monte de Silleiro.

Senda fluvial dos Muíños de Baredo[editar | editar a fonte]

O faro de Silleiro.

O río de Baredo, tamén chamado regato das Tres Regueiras ou río da Fraga nalgúns tramos, nace no monte de Baredo e desemboca en Porrido. Nos seus últimos metros, localízase un paseo de madeira que discorre á beira do río. Coma outros tantos ríos galegos, posuía varios muíños de auga, utilizados para moer o gran. No tramo final do río reconstruíronse tres: O Acugulado de Arriba, O Acugulado do Medio e O Acugulado de Abaixo. Porén, ao longo do paseo encóntranse algúns máis, en pésimas condicións: O da Foupa, O da Torre, O de Penicho, O da Maquía e O dos Barreiros.

A ruta, sinalizada con paneis, discorre por unha paraxe de ámbito natural, aínda que afectada polo urbanismo. Ten un gran valor etnográfico e biolóxico, principalmente aves coma avelaionas, mouchos de orellas, lavandeiras brancas, rabirrubios, gaivotas, corvos mariños...; anfibios coma ras verdes, píntegas comúns, píntega rabilongas..., e flora: xestas, toxos e fento, ademais de especies invasoras, como a cala e o eucalipto. Tamén se completa con pequenos roedores, coma ratos, toupas, ourizos cacho e aguanóns.[16]

A Virxe da Cela[editar | editar a fonte]

Baterías militares no Cabo Silleiro, na costa baredá.

Segundo a tradición, a imaxe da Virxe da Cela chegou por mar no século XVI. Logo de que o rei Henrique VIII de Inglaterra ordenase queimar e destruír todas as estatuas relixiosas no seu país, algunhas foron lanzadas ao mar. A imaxe foi atopada na Arquiña, e despois foi levada ata á Cela, onde se levantou unha pequena ermida. Porén, a imaxe foi trasladada a Baíña, onde estaba a igrexa parroquial, mais segundo a lenda o carro de bois que levaba a Virxe non daba avanzado, e a figura quedou en Baredo. En 1812 rematouse a igrexa actual, na que se segue venerando.

Ademais da Virxe da Cela, na parroquia tamén se venera á Virxe do Carme e a San Roque.

Asociacións[editar | editar a fonte]

  • Asociación de Veciños "A Cela" de Baredo e Centro Cultural, Social e Deportivo "A Cela" de Baredo
  • Veteranos de Baredo
  • Comisión de Festas da Virxe do Carme
  • Comisión de Festas da Virxe da Cela
  • Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Baredo
  • Comunidade de Augas "Fonte Vella" de Baredo
  • Coral "A Cela" de Baredo

Lugares e parroquias[editar | editar a fonte]

Lugares de Baredo[editar | editar a fonte]

Lugares da parroquia de Baredo no concello de Baiona (Pontevedra)

O Agro | Bouza | O Cabreiro | As Cadeiras | O Cancelo | O Caneiro | O Carballo | O Lombo | A Ponte | Os Portelos | O Río | Rocamar | A Torre

Parroquias de Baiona[editar | editar a fonte]

Galicia | Provincia de Pontevedra | Parroquias de Baiona

Baíña (Santa Mariña) | Baredo (Santa María) | Baiona (Santa María de Fóra) | Baiona (Santa María) | Belesar (San Lourenzo) | Santa Cristina da Ramallosa (Santa Cristina)

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 Decreto 219/1998, do 2 de xullo, polo que se aproba o nomenclátor correspondente ás entidades de poboación da provincia de Pontevedra.
  2. 2,00 2,01 2,02 2,03 2,04 2,05 2,06 2,07 2,08 2,09 2,10 Historia de la Parroquia de Baredo, Domingo Cameselle Bastos (1997)
  3. IGE. "Nomenclátor de Galicia". Arquivado dende o orixinal o 24/02/2021. Consultado o 24/2/2016. 
  4. ÁVILA Y LA CUEVA, Francisco (1995). Historia civil y eclesiástica de la Ciudad de Tui y su Obispado. Edición facsímile. II tomo. Consello da Cultura Galega. 
  5. "OS XENTILICIOS DE GALICIA E DOS OUTROS TERRITORIOS DE LINGUA E CULTURA GALEGAS" (PDF). Consultado o 16/04/2020. 
  6. Vilar Pedreira, Xosé Lois (2008). Os nomes do mar de Baiona e Panxón. Instituto de Estudos Miñoranos.
  7. "Toponimia de Baredo". toponimiabaredo.blogspot.com.es. Arquivado dende o orixinal o 08 de decembro de 2015. Consultado o 2015-11-27. 
  8. "CLERO-SECULAR_REGULAR,Car.1797,N.12 - Juan Crispio y sus hermanos venden al monasterio de Santa María de Oia unas heredades en Baredo.". PARES. Consultado o 2023-12-08. 
  9. "CLERO-SECULAR_REGULAR,Car.1802,N.24 - El monasterio de Santa María de Oia establece el plazo para el cumplimiento del trueque entre éste y don Romeo de Baredo y su mujer doña Martina.". PARES. Consultado o 2023-12-08. 
  10. O Portal do Val Miñor (valminor.info). "Homenaxe aos "nove" de Baredo". Consultado o 07/11/2014. 
  11. Neli Pillado. "Un dorado bicentenario para Baredo.". Faro de Vigo. Consultado o 05/10/2014. 
  12. 12,0 12,1 12,2 12,3 12,4 "PXOM Baiona" (PDF). Siotuga. Consultado o 24/10/2023. 
  13. "Petróglifo da Fonte das Vacas". Patrimonio Galego. Consultado o 2023-10-24. 
  14. Soliño Troncoso, Antonio; Pérez González, María Xosé (2020). Arquitectura de intermediación no Val de Miñor. Cruceiros e petos de ánimas. Instituto de Estudos Miñoráns. 
  15. "Eremitas na historia de Baíña". Faro de Vigo. Consultado o 04/11/2014. 
  16. Galicia Máxica. "Muíños de Baredo". Arquivado dende o orixinal o 05/11/2014. Consultado o 5/11/2014. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Cameselle Bastos, Domingo (1997). Historia da Parroquia de Baredo.

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]