Uréter

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Os uréteres (4) van desde a pelve renal (3) á vexiga urinaria (5).
Sección do uréter.
Uréteres e outros vasos.

En anatomía humana, os uréteres son os tubos que conducen a urina desde os riles á vexiga urinaria. Teñen moitas fibras de músculo liso, e unha lonxitude no adulto duns 30 cm e ~3-4 mm de diámetro.

Nos humanos os uréteres nacen na pelve renal na zona medial de cada ril e descenden cara á vexiga apoiándose no músculo psoas maior. A primeira porción é abdominal e cando chega preto da bifurcación das arterias ilíacas, que cruza pola parte anterior, pasa á rexión da pelve menor. Os uréteres discorren posteroinferiormente polas paredes laterais da pelve e cúrvanse cara a adiante para entrar moi oblicuamente na vexiga pola súa parte posterior, na unión vesicouretérica, seguindo a parede da vexiga durante uns 2 cm. O fluído retrógrado da urina impídese pola existencia dunhas válvulas chamadas válvulas ureterovesicais. A luz do uréter non é uniforme; é máis estreita preto da pelve renal, na zona onde cruza as arterias ilíacas e na entrada da vexiga, zonas onde se poden aloxar cálculos renais.

Nas mulleres, os uréteres pasan a través do mesometrio (mesenterio do útero formado polo ligamento uterino) e baixo as arterias uterinas no seu camiño á vexiga urinaria.

Os uréteres tamén se encontran noutras especies de animais amniotas, pero nos anfibios e peixes hai outros condutos que desenvolven o mesmo labor. [1]

Histoloxía[editar | editar a fonte]

Teñen un diámetro duns 3 mm e unha luz con forma xeralmente estrelada, xa que a súa mucosa ten moitos pregamentos, pero que se pode agrandar para deixar pasar a urina.

Da luz ao exterior a parede do uréter pode dividirse nas seguintes capas principais:

  • Mucosa constituída por un urotelio (epitelio de transición) con 4 ou 5 capas de células, máis grandes canto máis próximas á luz, cunha lámina basal, densa e elástica, que permite que o uréter sexa impermeable, e un tecido conectivo rico en fibras elásticas.
  • Capa muscular formada por fibras musculares lisas agrupadas en feixes separados e anastomosados circulares e lonxitudinais.
  • Adventicia, que forma unha vaíña fibrosa envolvente con moitos vasos sanguíneos e anastomoses.

Enfermidades[editar | editar a fonte]

O cáncer ureteral é un tumor propio destes condutos.

Os cálculos renais poden desprazarse desde os riles e aloxarse nos uréteres, bloqueando o fluxo de urina, o que causa un forte cólico nefrítico con dor aguda abdominal (nas costas, partes laterais e inferior do abdome). [2] O ril afectado pode despois desenvolver hidronefrose, e inchar debido ao bloqueo do fluxo de urina. [3] Hai tres zonas do uréter onde xeralmente quedan aloxados os cálculos renais:

  • A unión uretérica na pelve renal (onde o uréter se une á pelve renal).
  • A zona onde o uréter pasa sobre as arterias ilíacas para entrar na pelve.
  • A zona onde o uréter se une á vexiga (unión vesicouretérica).

O uréter pode lesionarse ás veces durante unha histerectomía (extracción do útero), preto do ligamento suspensorio do ovario ou na zona onde o uréter pasa por detrás da arteria uterina. [4]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Romer, Alfred Sherwood; Parsons, Thomas S. (1977). The Vertebrate Body. Philadelphia, PA: Holt-Saunders International. p. 378. ISBN 0-03-910284-X. 
  2. "Symptoms of Kidney Stones". MedicalBug. 1 January 2012. http://www.medicalbug.com/symptoms-of-kidney-stones/. Consultado o 11 April 2012. 
  3. Resnick, Martin I; Lam, Mildred; Zipp, Thomas (4 September 2009). "Kidney Stones". NetWellness. http://www.netwellness.org/healthtopics/kidney/kidneystones.cfm. Consultado o 11 April 2012. 
  4. Santucci, Richard A. "Ureteral Trauma". Medscape. http://emedicine.medscape.com/article/440933-overview#showall. Consultado o 11 April 2012. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

  • SUNYAnatomyLabs|40|06|01|11 [1] - "Parede abdominal posterior: Estrutura interna do ril"
  • SUNYAnatomyFigs|43|08|02 [2] - "Relacións entre o uréter e a arteria uterina."
  • SUNYAnatomyFigs|44|02|01 [3] - "Sección saxital da pelve masculina."
  • SUNYAnatomyImage|8|9|23 [4]
  • SUNYAnatomyImage|8|9|45 [5]
  • IowaHistologyInteractive|444 [6]
  • KansasHistology|urinary|renal15 [7] - "Uréter"

Outras imaxes[editar | editar a fonte]