Terminologia Anatomica

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Terminologia Anatomica [TA] (Terminoloxía Anatómica ou Terminoloxía Anatómica Internacional) é o corpo oficial de nomenclatura anatómica creado conxuntamente polo Comité Federal sobre Terminoloxía Anatómica (FCAT) e as 56 Asociacións membros das Asociacións Internacionais de Anatomistas (Federación Internacional de Asociacións de Anatomistas, IFAA). Publicouse en 1998 e substitúe o estándar previo, a Nomina Anatomica [NA].[1] Terminologia Anatomica contén a terminoloxía para aproximadamente 7500 estruturas anatómicas macroscópicas humanas. En 2011 publicouse en liña.

Marco previo á creación dunha nomenclatura unificada[editar | editar a fonte]

A finais do século XIX, existían ao redor de 50.000 nomes anatómicos para as 5000 estruturas descritas. Isto facilitaba a confusión e o caos na terminoloxía, o cal ademais dificultaba o intercambio de traballos científicos, especialmente os anatómicos. Por esta razón, anatomistas de diferentes partes do mundo decidiron reunirse co obxecto de unificar os criterios e determinar un idioma universal nas ciencias anatómicas.[2]

Congresos mundiais de anatomía e as súas determinacións[editar | editar a fonte]

  • En 1895, celebrouse unha reunión de anatomistas de todo o mundo en Basilea (Suíza), na que se lle encargou ao anatomista Guillermo Hiss a elaboración do código anatómico, unha lista que constaba de aproximadamente 4500 termos, denominada Nomina Anatomica de Basilea (B:N:A:), e redactada en latín.[2]
  • En 1905, en Xénova (Italia) tivo lugar un Congreso Mundial de Anatomía, presidido polo Dr. Waldeyer, onde se propuxo a creación dunha comisión permanente encargada de estudar todo o relativo ao léxico anatómico.[2]
  • En 1933, en Inglaterra realizouse unha revisión da nomenclatura, a cual recibiu o nome de Revisión Birmingham (B:R:).[2]
  • En 1935, en Jena (Alemaña) celebrouse un Congreso Mundial Extraordinario, coa asistencia de aproximadamente 300 anatomistas do mundo, con 33 representantes, onde se introduciron algunhas modificacións á terminoloxía existente, de maneira que esta revisión se denominou Iena Nomina Anatomica (I:N:A:). Nesta nova terminoloxía eliminábanse os nomes propios, e, a pesar de recomendarse o seu uso e era utilizada na maior parte das universidades, existían algunhas que se opoñían ao seu uso, como a de Francia.[2]
  • En 1950, en Oxford (Inglaterra) realizouse o Quinto Congreso, no cal se estableceu o Comité da Nomenclatura Anatómica Internacional (IANC), para traballar na terminoloxía anatómica regularizada, a cargo dos profesores T. B. Johnston e G. A. G. Mitchell.[2]
  • En 1955, en París (Francia), tivo lugar o Sexto Congreso Mundial de Anatomía. Neste congreso chegouse a un acordo de adoptar unha nomenclatura latina baseada na Basilea Nomina Anatomica (B:N:A:) e concluíuse na formación dun comité de nomenclatura internacional, o Paris Nomina Anatomica (P:N:A:), cuxos principios foron os seguintes:[2]
  1. Salvo excepcións, cada estrutura anatómica deberá ser nomeada cun único nome.
  2. O idioma universal é o latín, traducido ao idioma nativo (do país onde se estude).
  3. Os termos serán sobre todo memorísticos, pero prefírese que teñan valor descritivo ou informativo.
  4. Non deben utilizarse os epónimos.
  1. O idioma anatómico é o latín con tradución ao idioma nativo.
  2. Supresión de epónimos e nomes propios.
  3. Utilización de planos e eixos anatómicos.
  • En 1970, en Leningrado (hoxe Petrogrado, Rusia), realizouse o Noveno Congreso Mundial de Anatomía, e presentáronse tres nóminas: da Anatomía Macroscópica, da Histolóxica ou Microscópica e a do Desenvolvemento ou Embriolóxica, para a súa utilización en todas as escolas de Ciencias da Saúde no mundo.[2]
  • En 1975, en Toquio (Xapón), realizouse o Décimo Congreso Mundial, e efectuáronse emendas ás nóminas, coas seguintes conclusións:[2]
  1. O latín é o idioma universal do estudo das ciencias morfolóxicas (traducido ao idioma vixente onde se estude).
  2. Cada estrutura debe ter un único nome.
  3. Descártanse definitivamente os epónimos e nomes propios.
  4. Os nomes son simples, breves e con valor informativo e descritivo.
  • En 1980, en México, levouse a cabo o Undécimo Congreso Mundial de Anatomía, e nel discutiuse e aceptouse definitivamente a nómina anteriormente citada.[2]
  • En 1985, en Londres, celebrouse o Duodécimo Congreso Mundial. Implementáronse algunhas características á nómina e recomendáronse textos de ensino nas tres materias (Anatomía, Histoloxía e Embrioloxía), as cales deberían basearse na nómina.[2]
  • En 1989, en Río de Janeiro, realizouse o Décimo Terceiro Congreso Mundial. A Federación Internacional de Asociacións de Anatomía (IFAA) creou un novo comité, o Comité Federal sobre a Terminoloxía Anatómica (FCAT). En resposta á insatisfacción internacional co traballo do Comité Internacional de Nomenclatura Anatómica, o comité federal estaría composto de 20 membros de 16 países e de 5 continentes. A terminoloxía anatómica internacional estaba redactada en latín e debía ser usada como base para xerar as listaxes noutros idiomas. Os principios básicos desta terminoloxía eran:[2]
  1. Os nomes das estruturas deben ter un valor informativo.
  2. Suprímense os epónimos debido a que os nomes propios varían entre países.
  3. Suprímense os homónimos para evitar confusións.
  4. As estruturas nas mesmas rexións anatómicas deben ter nomes harmonizados.
  • En setembro de 1997, en Pequín (China), celebrouse o Décimo Cuarto Congreso Internacional de Nomenclatura. Nel aprobáronse a sexta edición da Terminoloxía Anatómica e a terceira na Nómina Histolóxica e Embriolóxica.[2]
  • Do 11 ao 16 de setembro de 1998, tivo lugar en Roma (Italia) o Décimo Quinto Congreso da Federación Internacional de Asociacións de Anatomistas.[2]
  • Do 24 ao 29 de abril de 2006, celebrouse nas instalacións da Facultade de Medicina de Costa Rica a 29ª Reunión do Comité Internacional de Terminoloxía Anatómica (FICAT), coa participación de oito expertos do mundo no campo da terminoloxía anatómica.[2]

Categorías de estruturas anatómicas actuais na TA[editar | editar a fonte]

A TA divide as estruturas anatómicas nas seguintes categorías principais (estándar en latín entre paréntese):

A01.0.00.000: Anatomía xeral (anatomia generalis)

A01.1.00.001: Partes do corpo humano
A01.2.00.000: Planos, liñas e rexións

A02.0.00.000: Ósos: sistema esquelético (ossa)

A02.3.04.002: Cavidade torácica (cavitas thoracis) (ósos) (cf. A07)

A03.0.00.000: Articulacións: sistema articular (juncturae)

A04.0.00.000: Músculos: sistema muscular (musculi)

A05.1.00.000: Sistema dixestivo (systema digestorium)

A06.0.00.000: Sistema respiratorio (systema respiratorium)

A07.1.0x.001: Cavidade torácica (cavitas thoracis) (órganos brandos) (cf. A02.3.04.002)

A08.0.00.000: Sistema urinario (systema urinarium)

A09.0.00.000: Sistemas xenitais (systemata genitalia)

A09.0.00.001: Sistema xenital feminino
A09.0.00.002: Sistema xenital masculino

A10.1.00.000: Cavidade abdominal e da pelve (cavitas abdominis et pelvis)

A11.0.00.000: Glándulas endócrinas (glandulae endocrinae)

A12.0.00.000: Sistema cardiovascular (systema cardiovasculare)

A12.1.00.001: Corazón
A12.2.00.001: Arterias
A12.3.00.001: Veas

A13.0.00.000: Sistema linfático (systema lymphoideum)

A14.0.00.000: Sistema nervioso (systema nervosum)

A14.1.00.001: Sistema nervioso central
A14.2.00.001: Sistema nervioso periférico
A14.3.00.001: División autónoma. Porción autonómica do sistema nervioso periférico

A15.0.00.000: Órganos dos sentidos (organa sensuum)

A16.0.00.001: Integumento común (integumentum commune)

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Terminoloxía Anatómica no Dicionario enciclopédico de Medicina Dorland.
  2. 2,00 2,01 2,02 2,03 2,04 2,05 2,06 2,07 2,08 2,09 2,10 2,11 2,12 2,13 2,14 2,15 2,16 Cadernos Hospital de Clínicas - Evolución histórica conceptual da Terminoloxía Anatómica

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]