Gusto

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Papila gustativa.

O sentido do gusto atópase na lingua. A lingua é un órgano musculoso situado dentro da boca ou cavidade oral. A sensación que un alimento produce no sentido do gusto chámase sabor.

Os alimentos poden ser doces ou salgados, acedos ou amargos. Detectar eses sabores é a función das papilas gustativas na boca; a súa importancia depende de que permita seleccionar os alimentos e bebidas segundo os desexos da persoa e tamén de acordo ás necesidades nutritivas.

O gusto actúa por contacto das substancias químicas solubles coa lingua. O ser humano é quen de percibir un amplo abano de sabores como resposta á combinación de varios estímulos, entre eles textura, temperatura, cheiro e gusto.

O sentido do gusto depende da estimulación dos chamados "botóns gustativos", os cales se sitúan preferentemente na lingua, aínda que algúns se atopen no padal; a súa sensibilidade é variable. A lingua presenta unhas estruturas, denominadas papilas, que lle confiren o seu aspecto rugoso. Nelas atópanse os botóns gustativos, onde se asentan os quimiorreceptores xunto coas células epiteliais que lles serven de sostén.


Este artigo tan só é un bosquexo
 Este artigo é, polo de agora, só un bosquexo. Traballa nel para axudar a contribuír a que a Galipedia mellore e medre.