Sistema sensorial

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter.
O ollo humano é o primeiro elemento do sistema sensorial: neste caso, a visión, para o sistema visual.

O sistema sensorial é parte do sistema nervioso responsábel de procesar a información sensorial. O sistema sensorial está formado por receptores sensoriais e partes do cerebro involucradas na recepción sensorial. Os principais sistemas sensoriais son: a vista, o oído, o tacto, o gusto e o olfacto. O campo receptivo é a parte específica do mundo á que un órgano e unhas determinadas células do receptor responden. Por exemplo, o campo receptivo dun ollo é a parte do mundo que este pode ver.

Existe consenso na comunidade científica que os seres humanos posúen moitos máis dos cinco sentidos. Non hai, con todo, acordo no número[1], pois iso depende da definición non moi sólida do que constitúe un sentido.

Estímulos[editar | editar a fonte]

Cada estímulo ten catro aspectos: tipo (modalidade), intensidade, localización e duración. O tempo de chegada dun pulso de son e as diferenzas de fase utilízanse para localizar unha fonte sonora. Certos receptores son sensibles a certos tipos de estímulos (por exemplo, diversos mecanoreceptores respostan mellor a diversas clases de estímulos táctiles, como obxectos cortantes e contundentes). Os receptores envían impulsos seguindo certos patróns para enviar a información sobre a intensidade dun estímulo (por exemplo, un son ruidoso). A localización do receptor será a que dará a información ao cerebro sobre a localización do estímulo (estimular un mecanoreceptor nun dedo enviará a información ao cerebro sobre ese dedo). A duración do estímulo (canto tempo dura) é transportada ata os receptores. Estes impulsos transmítense ao cerebro a través das neuronas aferentes.

Sistema sensorial[editar | editar a fonte]

Célula receptora[editar | editar a fonte]

Unha célula receptora sensitiva está especializada en transformar a enerxía do estímulo nun sinal nervioso. Pode ser unha neurona ou outra célula que excita unha neurona sensorial por medio dunha comunicación sináptica. Estas células están especializadas en detectar unha única clase de estímulo.

Un estímulo é unha forma de enerxía proveniente do exterior capaz de espertar unha resposta sensitiva. Este tipo de enerxía pode ser de diversos tipos, xa sexa química (quimiorreceptores), mecánica (mecanorreceptores) ou electromagnética (fotorreceptores).

As células receptoras sensitivas forman en organismos pluricelulares distintos tecidos que se organizan en órganos sensitivos. Poden dividirse en dous grandes grupos: os interorreceptores e os exterorreceptores. Os primeiros responden a estímulos no interior do organismo e os segundos responden a estímulos externos e alleos. Existen ademais os chamados propioceptores, que detectan a postura e a posición do corpo.

Órganos sensitivos[editar | editar a fonte]

Son estruturas especializadas na recepción dun tipo de enerxía específica. Conteñen receptores similares e tecido non nervioso. Dise que os órganos dos sentidos posúen "modalidade sensitiva" e "calidade sensitiva". A modalidade fai referencia aos distintos estímulos que somos capaces de detectar (luz, son, olor, gusto etc.) e a calidade, dentro dunha estimulación, de diferenciar patróns (luz: distintas cores; olor: distintos olores etc.).

Información sensitiva[editar | editar a fonte]

A información sensitiva viaxa en forma de potenciais de acción de igual amplitude mais de frecuencia variábel e só son discriminadas no cerebro. O cerebro non determina o tipo de estímulo porque todos chegan como potenciais de acción, senón a través de onde chegou o potencial. Calquera actividade que chegue dos fotorreceptores decodificarase no centro da visión como luz; se, por algún motivo, chegase ao centro do oído, interpretaríase como son.

Para evitar "malas interpretacións", os órganos sensitivos están equipados con sistemas que illan os seus receptores do contacto con outro tipo de enerxía estimulante. Así, cando se recibe un golpe nun ollo, vense estrelas.

Conversión de enerxía nun sinal eléctrico[editar | editar a fonte]

Consta de cinco pasos:

  1. Absorción: Debe absorberse a enerxía estimulante.
  2. Transdución: A enerxía debe converterse nun evento eléctrico.
  3. Amplificación: Un estímulo moi feble pode desencadear un potencial de acción intenso.
  4. Integración e diseminación: O potencial debe propagarse cara ao sitio onde se inicia o impulso. Os potenciais do receptor iniciados en distintos sitios da célula receptora poden sumarse e xerar un maior impulso
  5. Codificación e transmisión: Os receptores converten o estímulo nunha serie de potenciais de acción que achegan información sobre a intensidade e propiedades temporais do estímulo.

Potencial dos receptores[editar | editar a fonte]

Prodúcese ante a despolarización graduada dun receptor en resposta a un estímulo. Propáganse en forma pasiva dende as dendritas, pasando polo soma, ata o segmento inicial do axón. Neste último lugar desencadea, por xerar unha despolarización capaz de acadar o límite, a apertura de canles de sodio dependentes da voltaxe que xerarán un potencial de acción.

Sistema sensorial humano[editar | editar a fonte]

O sistema sensorial humano consiste nos seguintes subsistemas:

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Extra Sensory Perceptions, Jessica Cerretani (2010), Harvard Medicine

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Text Book of Medical Physiology, Guyton & Hall, 11th edition - Elsevier Ltda. 2006