Dente
Dente | |
---|---|
Dentes | |
Vista posterior dos dentes desde o interior da boca | |
Dorlands/Elsevier | Tooth |
O dente[1] é un órgano anatómico duro, encravado nos alvéolos dos ósos maxilares a través dun tipo especial de articulación denominada gonfosis e na que interveñen diferentes estruturas, a saber: cemento dentario e óso alveolar, ambos unidos polo ligamento periodontal.
Os dentes interveñen na dixestión ó cortar, moer e tritura-los alimentos sólidos (dixestión mecánica). Ademais participa, xunto con outros elementos da boca, na comunicación oral.
Os dentes poden ser iguais entre si (homodontes) ou diferentes segundo a súa función específica (heterodontes). Neste segundo caso, ordenados dende o centro ata os extremos, son os dentes incisivos que cortan, os caninos que desgarran, os premolares que trituran e os molares que moen.
Partes do dente[editar | editar a fonte]

O periodonto é a unidade composta polos tecidos que rodean o dente, que corresponden ó óso alveolar, ó ligamento periodontal e á enxiva. O dente propiamente dito componse de tres compoñentes mineralizados: o esmalte, a dentina e o cemento, máis unha porción central de tecido conectivo xelatinoso suave, a polpa dentaria.
A dentición e os dentes na cultura popular galega[editar | editar a fonte]
Na Gudiña cren que, cando caen os dentes de leite, deben ser botados ó lume porque se non se fai así e cadra que os come unha galiña non nacerán outros dentes no seu sitio [2].
Refraneiro[editar | editar a fonte]
- Amóstrame os dentes, e direiche o que comeche.
- Antes son os meus dentes que os meus parentes.
- Cando penses meter o dente en seguro, atoparas co duro.
- Cando tiven dentes non tiven pan; e agora que teño pan non teño dentes.
- Máis quero ter pros meus dentes que pros meus parentes.
- Malia ó dente que come a semente.
- O dente do neno que vén temperau, logo trai un novo irmau.
- O dente i o amigo, sofrilo co seu door e co seu vicio.
- Onde teño os dentes alí teño as mentes.
- Quen ten mal dente, ten mal parente
Notas[editar | editar a fonte]
- ↑ Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para dente.
- ↑ Marilena Prieto (1951): "Notas folklóricas de la Sierra Seca (La Gudiña-Orense)", en Douro Litoral, 4ª série, III-IV, 149.