Medula ósea

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Ilustración das células da medula ósea.

A medula ósea é un tipo de tecido que se atopa no interior dos grandes ósos, sobre todo dos centrais do corpo como cranio, vértebras, costelas, esterno, cintura escapular e pelve.

Moitas veces confúndese coa medula espiñal. Ambas teñen funcións totalmente distintas. A medula espiñal atópase na columna e transmite os impulsos nerviosos cara a todo o corpo.

Estrutura e funcións biolóxicas[editar | editar a fonte]

Pode ser de 2 tipos:

  • A medula ósea vermella, que ocupa o tecido esponxoso dos ósos planos, como o esterno, as vértebras, a pelve e as costelas; é a que ten a función hematopoética.
  • A medula ósea amarela, que é tecido adiposo e localízase nas canles medulares dos ósos longos.

A medula ósea é o lugar onde se produce o sangue (hematopoese), porque contén as células nai que orixinan os tres tipos de células sanguíneas que son os leucocitos, hemacias e plaquetas.

Enfermidades que involucran a medula ósea[editar | editar a fonte]

A composición da medula ósea pode ser alterada por infeccións como a tuberculose, ocasionando un decaemento na produción de células sanguíneas e plaquetas. Ademais, as distintas variedades de cancro das células precursoras sanguíneas poden aparecer na medula ósea; esta enfermidade é coñecida como leucemia.

Para diagnosticar as enfermidades que involucran a medula ósea, requírese un exame da medula. Este procedemento implica usar unha agulla que permita colleitar unha mostra da medula vermella do óso ilíaco. O procedemento realízase baixo anestesia local.

A exposición á radiación ou a quimioterapia aniquilan moitas das células de rápida división na medula ósea, o cal resultará nun sistema inmunitario diminuído. Moitos dos sintomas da enfermidade por radiación son debidos ao dano que sofren as células da medula ósea.

Doazón de medula[editar | editar a fonte]

Extracción de medula ósea.

A medula ósea pode transplantarse, xa que pode extraerse dun óso de doante vivo, xeralmente do esterno ou da cadeira, mediante unha punción e aspiración e transfundirse ó sistema circulatorio do receptor se existe compatibilidade do sistema HLA (compatibilidade de órganos entre doante e receptor). As células nai transfundidas aniñarán na medula ósea dos ósos do receptor. É o que se chama transplante de medula ósea.

A medula ósea e a cultura popular[editar | editar a fonte]

  • No cine, o tema da medula ósea tratouse en diversas películas, destacando sobre todo, Medidas desesperadas con Andy Garcia e Michael Keaton.
  • Na linguaxe coloquial, chámaselle miolo [1], mais esta denominación refírese máis á medula ósea dos animais de abasto, os que son empregados na gastronomía. Noutros casos, dependendo do corte do óso, despois de que o miolo foi retirado, o óso pode ser empregado no escultismo, para o no da pañoleta.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. E tamén tutano por influencia do castelán tuétano.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]