Saltar ao contido

Aparello dixestivo

Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter
1000 12/16
Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Aparato dixestivo»)

Aparello dixestivo
systema digestorium Editar o valor en Wikidata
Imaxe
 Instancia de
 Parte de
 Uso
Características
 Aspecto de
 Atopado no taxon
 Desenvolvemento
 Contén partes da clase
Localización
 Localización
Fontes e ligazóns
Freebase/m/0_yk4td Editar o valor en Wikidata
MeSHD004064 Editar o valor en Wikidata
Thesaurus do NCIC12378 Editar o valor en Wikidata
WordLiftdata.medicalrecords.com… Editar o valor en Wikidata
TA 98A05.0.00.000
CIE-112108966855 Editar o valor en Wikidata
 Descrito pola fonte
BNE: XX525162
Wikidata C:Commons

O aparello ou aparato dixestivo é o conxunto de órganos dos animais multicelulares que permite a inxestión de alimento, a súa dixestión para obter enerxía e nutrientes, e excretar os refugallos sobrantes non necesarios. Deste xeito, as funcións principais do aparello dixestivo son a inxestión, dixestión, absorción e defecación.

O aparato dixestivo difire substancialmente duns animais a outros. Algúns teñen estómagos con múltiples compartimentos, mentres que os estómagos doutros animais só están constituídos por unha soa cámara. O aparello dixestivo adoita dividirse nunha zona anterior, unha zona media e unha posterior, reflectindo a orixe embriolóxica de cada segmento.[1]

As funcións que realiza son o transporte dos alimentos, a secreción de zumes dixestivos, a absorción de nutrientes e a excreción dos refugallos mediante o proceso da defecación.[2] O proceso da dixestión consiste en transformar os carbohidratos, os lípidos e as proteínas contidos nos alimentos en unidades máis sinxelas, grazas ás enzimas dixestivas, para que poidan ser absorbidos e transportados polo sangue.[3]

Anatomía e fisioloxía

[editar | editar a fonte]

O aparello dixestivo é un tubo longo, con importantes glándulas asociadas. A súa función é a transformación das grandes e complexas moléculas dos alimentos en substancias sinxelas e doadamente utilizables polo organismo. Dende a boca até o ano, o tubo dixestivo mide uns once metros de lonxitude.

Na boca xa comeza propiamente a dixestión. Os dentes trituran de xeito mecánico os alimentos, e as secrecións das glándulas salivares achegan líquidos e substancias que inician a súa descomposición química; a saliva contén enzimas que inician a hidrólise dos alimentos. Despois, o bolo alimenticio atravesa a farinxe, continúa baixando polo esófago e chega até o estómago, que é unha bolsa muscular cun volume dun litro e medio. En condicións normais, a mucosa do estómago segrega un potente zume gástrico, e o alimento convértese nunha pasta viscosa chamada quimo.[4]

Na saída do estómago, o tubo dixestivo alongase no intestino delgado, duns cinco metros de longo, aínda que moi enrolado sobre si mesmo. Na súa primeira porción, o duodeno, recibe as secrecións das glándulas intestinais, a bile e os zumes do páncreas. Todas estas secrecións conteñen unha gran cantidade de enzimas que degradan os alimentos e os converten en substancias sinxelas solubles.

O tubo dixestivo continúa coa parte chamada intestino groso, que mide un pouco máis de metro e medio de lonxitude. A súa porción final é o recto, que remata no ano, por onde se evacúan ó exterior os restos non absorbidos dos alimentos.[4]

Estrutura anatómica

[editar | editar a fonte]
Capas do tubo dixestivo: 1. Mucosa; 2. Lámina propia da mucosa; 3. Muscularis mucosae; 4. Lume; 5. Tecido linfático; 6. Conduto da glándula; 7. Glándula na mucosa; 8. Submucosa; 9. Glándula na submucosa; 10. Plexo submucoso de Meissner; 11. Vea; 12. Músculo circular; 13. Músculo lonxitudinal; 14. Tecido conectivo areolar; 15. Epitelio; 16. Plexo mientérico de Auerbach; 17. Nervio; 18. Arteria; 19. Mesenterio.

O aparello dixestivo está formado polo tubo dixestivo, as glándulas anexas (glándulas salivares, fígado e páncreas) e as vías biliares, incluíndo a vesícula biliar. O tubo dixestivo procede embrioloxicamente do endoderma, ó igual que o aparello respiratorio. Comeza na boca e esténdese até o ano. A súa lonxitude no ser humano é de 10 a 12 metros, unhas seis ou sete veces a lonxitude total do corpo. No seu percorrido ao longo do tronco, discorre por diante da columna vertebral. Comeza na face, descende polo pescozo e atravesa as tres grandes cavidades do corpo: a torácica, a abdominal e a pélvica. No pescozo está en relación co conduto respiratorio; no tórax sitúase no mediastino posterior entre os dous pulmóns e o corazón; no abdome e na pelvis relaciónase cos diferentes órganos do aparello xenitourinario.

Histoloxía

[editar | editar a fonte]
Esquema da parede do tubo dixestivo.

Histoloxicamente, a parede do tubo dixestivo está formada por tecidos dispostos en catro capas concéntricas que son, de dentro cara a fóra:

  1. A capa interna ou mucosa. É o revestimento interior do tubo dixestivo e está en contacto directo cos alimentos. Está composta por unha capa de epitelio, unha capa de tecido conxuntivo que se chama lámina propia e unha capa fina de músculo liso denominada muscularis mucosae. No epitelio poden existir glándulas que secretan diferentes substancias; por exemplo, as glándulas gástricas situadas na mucosa do estómago secretan ácido clorhídrico e pepsinóxeno para facilitar a dixestión.[3]
  2. A capa submucosa. Atópase debaixo da mucosa e está composta de tecido conectivo. Contén vasos sanguíneos, glándulas e nervios que forman o plexo de Meissner, un compoñente do sistema nervioso entérico coa función de controlar a motilidade da mucosa e a función secretora das glándulas.
  3. A capa muscular externa, composta, ó igual que a muscularis mucosae, por unha capa circular interna e outra lonxitudinal externa de músculo liso (agás no esófago, onde hai músculo estriado). Esta capa muscular ten ao seu cargo os movementos peristálticos que desprazan o contido do lume ao longo do tubo dixestivo. Entre as súas dúas capas atópase outro compoñente do sistema nervioso entérico, o plexo mientérico de Auerbach, que regula a actividade desta capa.
  4. A capa serosa ou adventicia, segundo a rexión do tubo dixestivo que reviste: serosa se é intraperitoneal ou adventicia se é retroperitoneal. A adventicia está conformada por un tecido conectivo laxo. A serosa aparece cando o tubo dixestivo ingresa no abdome, e a adventicia pasa a ser substituída polo peritoneo.

O grosor da parede e o aspecto da superficie, que pode ser lisa ou non, cambian dependendo do lugar anatómico. A mucosa pode presentar criptas e velosidades, e a submucosa preguegues permanentes ou preguegues funcionais. Na parede atópanse tamén os plexos submucoso e mientérico, que constitúen o sistema nervioso entérico e se distribúen ao longo de todo o tubo dixestivo, desde o esófago até o ano.

Fisioloxía

[editar | editar a fonte]
O movemento peristáltico impulsa os alimentos a través do tubo dixestivo.
Esquema da parede do intestino. Pódense observar as velosidades e microvelosidades intestinais.

Os alimentos, despois de seren inxeridos e triturados polos dentes coa axuda da saliva producida polas glándulas salivares, forman un bolo alimenticio e pasan polo esófago no seu camiño cara ao estómago grazas ao movemento peristáltico. Unha vez no estómago, iníciase o proceso de dixestión facilitado polo ácido clorhídrico secretado polas células parietais do estómago e polas enzimas dixestivas. Posteriormente pasan ao intestino delgado, onde continúa a degradación química dos alimentos e ten lugar a absorción de auga e nutrientes, que son transportados cara ao sangue e á linfa. Ao acadaren o intestino groso acumúlanse as substancias de refugallo que forman os excrementos, os cales se expulsan ao exterior a través do ano.[3]

O tubo dixestivo é a principal superficie de intercambio entre o medio externo e o interno nos animais vertebrados. Nun adulto medio, a superficie total da mucosa do tubo dixestivo, contando as amplificacións que producen as pregas, as velosidades e as microvelosidades, estimouse tradicionalmente entre 260 e 300 metros cadrados, aínda que medicións morfométricas máis recentes rebaixan esa cifra ata uns 32 metros cadrados.[5] Grazas ao tubo dixestivo o individuo pode realizar o proceso da nutrición mediante a dixestión e absorción dos nutrientes contidos nos alimentos, pero non é menos importante a súa función de defensa, pois dispón de sistemas de recoñecemento e rexeitamento de axentes ou substancias estrañas procedentes do mundo exterior.[6]

O intestino posúe no seu interior unha capa de células que forman unha barreira. A súa misión é, ademais de dixerir substancias, defender o organismo das ameazas exteriores do ambiente (substancias que inxerimos e microorganismos presentes no intestino). Isto conséguese mantendo pechadas as unións estreitas intercelulares, para impedir o acceso descontrolado de substancias, toxinas, microorganismos e macromoléculas, que doutro xeito poderían pasar ao torrente sanguíneo. Existe un sistema regulador que orquesta o estado de ensamblaxe da rede de proteínas das unións estreitas. Así mesmo, xoga un papel moi importante a colonización bacteriana que constitúe a chamada microflora intestinal, formada por bacterias beneficiosas para o organismo.

Enzimas dixestivas

[editar | editar a fonte]

As enzimas dixestivas son substancias capaces de romper as grandes moléculas presentes nos alimentos e convertelas en moléculas máis pequenas que poden ser absorbidas a través do intestino. Algunhas das máis importantes son a lipase producida polo páncreas; as proteases producidas polo estómago e o páncreas, que descompoñen as proteínas en aminoácidos; a amilase; a lactase, secretada polo intestino delgado, que descompón a lactosa presente no leite; e a sacarase, que actúa sobre a sacarosa e a converte en glicosa e frutosa.[7]

Irrigación sanguínea

[editar | editar a fonte]
Vista frontal da arteria mesentérica superior e as súas pólas (en vermello).

A irrigación sanguínea dos órganos que forman o aparello dixestivo procede principalmente de tres pólas da aorta abdominal:

  • O tronco celíaco.
  • A arteria mesentérica superior.
  • A arteria mesentérica inferior.

Descrición anatómica e funcional

[editar | editar a fonte]

Boca e glándulas salivares

[editar | editar a fonte]
Artigos principais: Boca e Glándula salivar.

A boca ou cavidade oral é o lugar por onde os alimentos comezan a súa viaxe a través do aparello dixestivo. Contén diferentes estruturas, entre elas os dentes, que fan posible a masticación, e a lingua. Preto da boca atópanse as glándulas salivares, que producen a saliva, a cal se mestura cos alimentos, facilita a masticación e a deglución e axuda a manter os dentes limpos.[8]

Artigo principal: Farinxe.

A farinxe é unha estrutura con forma de tubo, situada no pescozo e revestida de membrana mucosa, que conecta a cavidade bucal e as fosas nasais co esófago e a larinxe, respectivamente. Por ela pasan tanto o aire como os alimentos, polo que forma parte dos aparellos dixestivo e respiratorio. Ambas as vías quedan separadas pola epiglotis, que actúa como unha válvula. No ser humano a farinxe mide uns trece centímetros de longo e esténdese desde a base externa do cranio até a sexta ou sétima vértebra cervical, por diante da columna vertebral.

Artigo principal: Esófago.

O esófago é un conduto que se estende desde a farinxe até o estómago. Desde os incisivos até o cardias (a porción onde o esófago se continúa co estómago) hai uns 40 cm. O esófago comeza no pescozo, atravesa todo o tórax e pasa ao abdome a través do orificio esofáxico do diafragma. Habitualmente é unha cavidade virtual (as súas paredes atópanse unidas e só se abren cando pasa o bolo alimenticio). O esófago chega a medir 25 cm e ten unha estrutura formada por dúas capas de músculos, que permiten a contracción e relaxación en sentido descendente; estas ondas reciben o nome de movementos peristálticos e son as que provocan o avance do alimento cara ao estómago.

Estómago

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Estómago.
Esquema dun estómago humano.
Relación do fígado e o estómago.

O estómago é un órgano no que se acumula a comida. Varía de forma segundo o estado de recheo (cantidade de contido alimenticio presente na cavidade gástrica) en que se atope; habitualmente ten forma de «J». Consta de varias partes: fundus, corpo, antro e píloro. O seu bordo menos extenso denomínase curvatura menor e o outro, curvatura maior. O cardias é o límite entre o esófago e o estómago e o píloro é o límite entre o estómago e o intestino delgado. Nun individuo de tamaño medio mide aproximadamente 25 cm do cardias ao píloro e o diámetro transverso é de 12 cm.

No seu interior atópanse principalmente dous tipos de células:

A secreción de zume gástrico está regulada tanto polo sistema nervioso como polo sistema endócrino, proceso no que actúan varias substancias: a gastrina, a colecistoquinina, a secretina e o péptido inhibidor gástrico. Cando a comida chega ao estómago, actúa sobre ela o ácido clorhídrico, que degrada as proteínas dos alimentos e activa a pepsina, unha enzima que actúa tamén sobre as proteínas. No estómago secretase tamén unha lipase que intervén na degradación das graxas, pero o seu papel é moi escaso. Os alimentos mesturados cos zumes gástricos e o moco producido polas células secretoras do estómago forman unha substancia semilíquida que se denomina quimo, a cal avanza cara ao intestino delgado para continuar o proceso de dixestión.[9]

Páncreas

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Páncreas.
Anatomía do páncreas. Obsérvase o conduto pancreático polo que o zume pancreático se verte ao duodeno para facilitar a dixestión.

O páncreas é unha glándula intimamente relacionada co duodeno. Produce o zume pancreático, que se verte ao intestino a través do conduto pancreático; as súas secrecións son de gran importancia na dixestión dos alimentos.

O páncreas segrega tamén hormonas como a insulina, que pasan directamente ao sangue e axudan a controlar o metabolismo da glicosa.

Artigo principal: Fígado.

O fígado é a maior víscera do corpo; pesa 1,5 kg. Consta de catro lóbulos —dereito, esquerdo, cadrado e caudado—, os cales á súa vez se dividen en segmentos.

As vías biliares son as vías excretoras do fígado; por elas a bile é conducida ao duodeno. Normalmente, os condutos hepáticos dereito e esquerdo conflúen entre si formando o conduto hepático común. Este recibe un conduto máis fino, o conduto cístico, que procede da vesícula biliar. Da unión dos condutos cístico e hepático común fórmase o colédoco, que desemboca no duodeno xunto co conduto excretor do páncreas.

Vesícula biliar

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Vesícula biliar.
Vesícula biliar.

A vesícula biliar é unha víscera oca pequena situada na cara inferior do fígado. A súa función é almacenar e concentrar a bile segregada polo fígado, até ser requirida polos procesos da dixestión. Cando se contráe, expulsa a bile concentrada cara ao duodeno a través do conduto cístico. Ten forma ovalada ou lixeiramente piriforme e o seu diámetro maior oscila entre 5 e 8 cm.

Intestino delgado

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Intestino delgado.
Lámina anatómica na que se observa o intestino delgado, incluíndo o xexuno e o íleo.

O intestino delgado comeza no duodeno (tras o píloro) e remata na válvula ileocecal, onde se une á primeira parte do intestino groso. Mide entre 6 e 7 m de lonxitude e de 2,5 a 3 cm de diámetro. O seu calibre diminúe progresivamente desde a súa orixe até a válvula ileocecal.

No intestino delgado absórbense os nutrientes dos alimentos xa dixeridos. O tubo está repleto de velosidades que amplían a superficie de absorción. O intestino delgado divídese en dúas partes: a primeira é o duodeno, cunha lonxitude de 30 cm, e a segunda é o xexuno-íleo, que mide 6 metros e medio.

  • O duodeno é a primeira parte do intestino delgado; mide uns 25-30 cm de longo. O duodeno parte do píloro e remata uníndose ao xexuno. No duodeno vértese unha diversidade de secrecións, como a bile procedente da vesícula biliar e o zume pancreático procedente do páncreas.
  • O xexuno-íleo é a parte do intestino delgado formada polo xexuno e o íleo. No seu conxunto mide entre 6 e 7 m, dos cales os 2/5 proximais corresponden ao xexuno e os 3/5 distais ao íleo, sen que exista unha separación clara entre as dúas porcións.[10] Caracterízase por presentar uns extremos relativamente fixos: o primeiro limita co duodeno e o segundo coa válvula ileocecal e a primeira porción do cego. O seu calibre diminúe lenta, pero progresivamente en dirección ao intestino groso. O intestino delgado presenta numerosas velosidades intestinais que aumentan a superficie de absorción dos nutrientes.

Intestino groso

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Intestino groso.
Esquema do intestino groso: 1. Apéndice vermiforme; 2. Cego; 3. Válvula ileocecal; 4. Íleo (sección final do intestino delgado); 5. Colon ascendente; 6. Taenia coli; 7. Ángulo hepático do colon; 8. Colon transverso; 9. Ángulo esplénico do colon; 10. Haustras; 11. Colon descendente; 12. Flexura sigmoidea; 13. Colon sigmoide; 14. Recto; 15. Ano.

O intestino groso iníciase a partir da válvula ileocecal nun fondo de saco denominado cego e remata no recto. Desde o cego ao recto describe unha serie de curvas, formando un marco en cuxo centro están as asas do xexuno e o íleo. A súa lonxitude é variable, entre 120 e 160 cm, e o seu calibre diminúe progresivamente, sendo a porción máis estreita a rexión onde se une ao recto ou unión rectosigmoidea, na que o seu diámetro non adoita superar os 3 cm, mentres que o cego é de 6 ou 7 cm.

O intestino groso divídese en varias porcións que se denominan cego, colon, recto e ano. A maior parte do intestino groso corresponde ao colon, que mide uns 150 cm e se divide, á súa vez, en catro partes: colon ascendente, cunha lonxitude media de 20-25 cm; colon transverso, cunha lonxitude media de 50 cm; colon descendente, cunha lonxitude media de 10-15 cm; e colon sigmoide. O recto é a parte terminal do tubo dixestivo; ten unha lonxitude duns 12 cm.[11]

Artigo principal: Ano (anatomía).

O ano é a abertura final do tubo dixestivo. Consta dun esfínter anal externo e outro interno, que teñen a función de controlar o proceso de expulsión dos excrementos ao exterior. O funcionamento inadecuado dos esfínteres do ano pode provocar incontinencia fecal.[12]

Microbiota intestinal

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Microbiota intestinal.
Microbiota intestinal.

A microbiota intestinal, coñecida tamén como flora intestinal, defínese como o conxunto de microorganismos que están presentes no tubo dixestivo. A maior parte son bacterias non daniñas para a saúde que teñen múltiples funcións beneficiosas; algunhas plenamente coñecidas, como a síntese da vitamina K ou a dixestión dos carbohidratos complexos que se atopan nos vexetais e as froitas. A microbiota contribúe tamén á prevención de enfermidades por parte da inmunidade innata e adaptativa, na sinalización e na comunicación celular.[13] Calcúlase que o intestino dunha persoa adulta aloxa uns 38 billóns de bacterias (3,8 × 1013), un número comparable ao total de células do propio corpo humano.[14]

Tradicionalmente considerouse que o tubo dixestivo do feto era estéril e que a colonización bacteriana comezaba no momento do nacemento. Aínda que algúns estudos suxiren a presenza de microorganismos antes do nacemento,[15] a existencia dunha microbiota fetal estable segue en debate, pois os estudos sobre mostras de biomasa tan baixa son moi sensibles á contaminación.[16] Nos adultos, ao redor do 90 % das bacterias intestinais corresponden aos filos Bacteroidota e Bacillota; o 10 % restante repártese entre Pseudomonadota, Actinomycetota, Fusobacteriota e Verrucomicrobiota. Na flora intestinal están tamén presentes lévedos e virus; entre os virus predominan os bacteriófagos, que se denominan no seu conxunto fageoma.[17]

Desenvolvemento

[editar | editar a fonte]

O aparello dixestivo orixínase a partir do tubo dixestivo primitivo, que se forma da capa embrionaria coñecida como endoderma;[18] a boca, con todo, procede do ectoderma. O primitivo tubo dixestivo divídese en cinco porcións que, partindo da boca, se denominan farinxe, intestino anterior, intestino medio, intestino posterior e cloaca.[19]

  • Do intestino anterior deriva o esófago, o estómago, a primeira e a segunda porción do duodeno, o fígado e o páncreas.
  • Do intestino medio deriva a terceira e a cuarta porción do duodeno, o xexuno, o íleo, o cego, o apéndice vermiforme, o colon ascendente e a porción dereita do colon transverso. Estas porcións reciben sangue a partir da arteria mesentérica superior.
  • Do intestino posterior deriva a porción esquerda do colon transverso, o colon descendente e o colon sigmoide; todas estas porcións reciben sangue a partir da arteria mesentérica inferior.
  • A cloaca divídese a partir da quinta semana en dúas partes polo tabique urorrectal. A porción anterior chámase seño uroxenital; a posterior ou seño anorrectal dá orixe ao recto e ao ano.

O páncreas fórmase a partir de dous esbozos do endoderma que aparecen na 4.ª e 5.ª semana e acaban por unirse. O fígado ten unha orixe embriolóxica complexa, pois as células hepáticas proceden dun esbozo do endoderma, mentres que a cápsula de Glisson e os sinusoides hepáticos proceden do mesoderma.

No estado máis primitivo do seu desenvolvemento, o aparello dixestivo adoita dividirse en tres partes: o intestino proximal, o intestino medio e o intestino distal.[19] O intestino proximal dá lugar ao esófago, o estómago, a metade proximal do duodeno, o fígado e o páncreas. O intestino medio dá lugar á metade distal do duodeno, o xexuno, o íleo, o cego, o apéndice e parte do colon. O endoderma do intestino distal dá lugar ao resto do colon e ao recto ata a liña ano-rectal.

Neste estado embrionario, o tubo dixestivo está envolto polo mesenterio. O mesenterio ventral dexenera durante o desenvolvemento agás no intestino proximal.[20] O mesenterio dorsal está formado por unha capa dupla de mesotelio que suspende o aparato dixestivo. Unha capa de mesotelio alíñase coa cavidade celómica (a futura cavidade peritoneal) formando o peritoneo parietal, que se aliña coa somatopleura e o peritoneo visceral, aliñado coa esplachnopleura (parede do aparello dixestivo composta de mucosa, submucosa e dúas láminas de músculo).

Enfermidades do aparello dixestivo

[editar | editar a fonte]

O aparello dixestivo é un sistema fundamental dentro do corpo humano, xa que con base neste pódese desenvolver, aproveitar, asimilar e procesar todos os alimentos dende a boca ata o ano.

As enfermidades no sistema dixestivo (mesmo o cancro), polo xeral, son produto de factores externos, tales como a alimentación e infeccións, co que se pode deducir que a maioría das veces nas que ocorre unha anomalía é por produto do propio descoido e da pouca rigorosidade coa hixiene e a dieta.

Algúns trastornos do aparello dixestivo son:

  • Enfermidade celíaca (EC): Non é unha enfermidade unicamente dixestiva, senón un proceso de natureza autoinmune que afecta ao intestino e a diversos órganos e sistemas, de difícil diagnóstico. Está producida por unha intolerancia permanente ao glute, en persoas con predisposición xenética. Os síntomas dixestivos adoitan ser leves ou mesmo ausentes, especialmente a partir dos 2 anos de vida, pero poden desenvolverse numeroso síntomas e trastornos non dixestivos, polo que habitualmente non é recoñecida nin diagnosticada, a pesar de tratarse da enfermidade dixestiva crónica máis frecuente.[21][22][23][24]
  • Síndrome do intestino irritable (SII): Non é unha enfermidade propiamente dita,[25] senón un conxunto de trastornos funcionais do intestino que se caracterizan pola presenza de episodios recorrentes de dor abdominal, molestias acompañadas de inchazón abdominal e alteracións na frecuencia ou na consistencia das deposicións.[25][26] Non obstante, actualmente disponse de probas diagnósticas que falan a favor de que non é apropiado seguir considerando o SII como un trastorno puramente funcional.[27][28] Non é unha enfermidade psiquiátrica nin psicolóxica e non se demostrou a existencia de factores psicolóxicos que provoquen o SII ou que inflúan na súa aparición, aínda que estes factores si poden contribuír á deterioración da calidade de vida.[29]
  • Colite: Inflamación do intestino groso (colon), provocada por diversas causas. Os síntomas principais son a diarrea e as dores abdominais.[30]
Úlcera péptica que afecta ao estómago.
  • Úlcera péptica (UP): Trátase dun defecto ou lesión da mucosa gastrointestinal, que se perpetúa como consecuencia da actividade ácido-péptica. As áreas de localización son fundamentalmente o estómago e o bulbo duodenal.[31]
  • Cancro de estómago: Trátase dunha das principais causas de mortalidade por cancro. Máis do 90% de todos os tumores de estómago débense ao adenocarcinoma gástrico (AG), provocado por unha complexa interacción entre a infección por Helicobacter pylori, a alimentación e a predisposición xenética. Os factores ambientais son responsables do 62% dos cancros gástricos e os factores hereditarios do 28%.[32]
  • Esofaxite: consiste na inflamación ou lesión da mucosa do esófago. A causa máis común é o refluxo do contido ácido do estómago cara ao esófago. Pode cursar sen síntomas ou causar dor detrás do esternón.[33]
  • Refluxo gastroesofáxico: prodúcese polo fluxo patolóxico do contido gástrico cara ao esófago. Constitúe unha das afeccións do aparello dixestivo máis frecuentes.[34]
  • Hernia de hiato: prodúcese cando unha porción do estómago se prolapsa ao mediastino no tórax, atravesando o hiato esofáxico do diafragma.[35]
  • Esófago de Barrett: o epitelio escamoso estratificado da porción terminal do esófago é substituído por un epitelio cilíndrico. Existe un risco aumentado de aparición de cancro de esófago, aínda que os enfermos baixo control endoscópico e tratamento adecuado poden minimizar ese risco.[36][37]
  • Pancreatite: proceso inflamatorio que afecta ao páncreas. Pode ser de inicio brusco, e recibe entón o nome de pancreatite aguda, ou de evolución crónica (pancreatite crónica).[38]
  • Colelitíase: consiste na formación de cálculos nas vías biliares ou na vesícula biliar.[39]
  • Cirrose hepática: enfermidade crónica que afecta ao fígado. Altérase a arquitectura interna do órgano por fibrose e formación de nódulos de rexeneración que acaban por dificultar a súa función. Unha das causas máis comúns é o consumo abusivo de bebidas alcohólicas.[40]
Á esquerda un fígado san e á dereita un fígado con cirrose.
  • Gastroenterite aguda: inflamación do intestino provocada por diversas causas; a máis frecuente son os rotavirus. Os síntomas principais son diarrea, vómitos e dor abdominal. Aínda que xeralmente as manifestacións son leves, pode provocar graves consecuencias, entre elas a deshidratación, sobre todo en nenos pequenos.[41]
  • Sensibilidade ao glute non celíaca: a súa prevalencia exacta é incerta, con estimacións nos estudos que van do 0,5 ao 13 % da poboación. Os pacientes presentan síntomas similares aos da enfermidade celíaca, que melloran ou desaparecen por completo tras eliminar o glute da dieta e reaparecen ao volver inxerilo.[42][43][44][45][46]
  • Enfermidade inflamatoria intestinal: este nome emprégase para referirse a unha serie de procesos inflamatorios que afectan predominantemente ao intestino e cursan por brotes. Agrupa varias enfermidades, principalmente a enfermidade de Crohn e a colite ulcerosa.[47]
  • Intolerancia á lactosa: é o conxunto de síntomas que aparecen despois da inxestión de lactosa (o azucre do leite), tales como dor abdominal, distensión, borborigmos e diarrea. Prodúcese naquelas persoas que presentan unha deficiencia de lactase (a enzima que dixere a lactosa).[48]
  • Cancro: diferentes tipos de cancro poden afectar aos órganos do aparello dixestivo. Algúns dos máis frecuentes son:
    • Cancro de esófago: a nivel mundial é a sétima causa de morte por cancro; segundo as estimacións do GLOBOCAN 2024, publicadas en 2026, ese ano houbo uns 494 000 casos novos e 442 000 falecementos. A frecuencia é moi variable dependendo da área xeográfica. Entre os factores que favorecen a súa aparición atópanse o consumo de tabaco e alcol.[49]
    • Cancro colorrectal: é a segunda causa de morte por cancro no mundo; segundo as estimacións do GLOBOCAN 2024, ese ano houbo máis de 2 millóns de casos novos e uns 917 000 falecementos.[50]
    • Cancro de páncreas: é un proceso moi grave debido á súa pronta difusión, a falta de síntomas específicos iniciais e a dificultade para realizar un diagnóstico precoz.
    • Cancro de fígado: o cancro primario de fígado é o sétimo tipo de cancro máis frecuente e o terceiro como causa de mortalidade. Segundo as estimacións do GLOBOCAN 2024, ese ano houbo uns 843 000 casos novos e 732 000 falecementos en todo o mundo. A maior parte dos casos están relacionados coa cirrose hepática provocada pola hepatite B, a hepatite C ou o consumo elevado de alcol.[51]

Aparello dixestivo en zooloxía

[editar | editar a fonte]

En todos os vertebrados o aparello dixestivo é basicamente un tubo oco que discorre ao longo do organismo desde a boca até o ano. Con todo, existen importantes diferenzas dependendo da especie animal, entre outras razóns por estar cada unha delas adaptada a un tipo de alimentación.

Outros mamíferos

[editar | editar a fonte]

Nos ruminantes, por exemplo, o estómago divídese en varias cámaras, en sucesión continua desde o esófago até o duodeno. As catro cavidades son:[52] o rumen ou panza, a redecilla, o omaso ou librillo e o abomaso ou estómago verdadeiro.

O aparello dixestivo das aves conta con algúns órganos específicos, por exemplo o paporuto, unha bolsa de tecido conectada co esófago á altura do pescozo, na que os alimentos inxeridos se almacenan temporalmente antes de pasar ao resto do tubo dixestivo.[53]

Réptiles

[editar | editar a fonte]

Nos réptiles, o intestino delgado desemboca no recto e este na cloaca, que se utiliza como desembocadura común tanto do aparello dixestivo como do urinario e o sistema reprodutor.[53]

  1. ↑ Maton, Anthea; Jean Hopkins, Charles William McLaughlin, Susan Johnson, Maryanna Quon Warner, David LaHart, Jill D. Wright (1993). Prentice Hall, ed. Human Biology and Health (en inglés). Englewood Cliffs, Nova Jersey. ISBN 0-13-981176-1.
  2. ↑ Equipo Editex 2010, p. 44.
  3. 1 2 3 "23.1 Overview of the Digestive System". Anatomy and Physiology 2e (en inglés). OpenStax, Rice University. 2022. Consultado o 31 de outubro de 2026.
  4. 1 2 Equipo Editex 2010, p. 46.
  5. ↑ Helander, Herbert F.; Fändriks, Lars (xuño de 2014). "Surface area of the digestive tract - revisited". Scandinavian Journal of Gastroenterology (en inglés) 49 (6): 681–689. PMID 24694282. doi:10.3109/00365521.2014.898326.
  6. ↑ Fasano, A. (xaneiro de 2011). "Zonulin and its regulation of intestinal barrier function: the biological door to inflammation, autoimmunity, and cancer". Physiological Reviews (en inglés) 91 (1): 151–175. PMID 21248165. doi:10.1152/physrev.00003.2008.
  7. ↑ "23.7 Chemical Digestion and Absorption: A Closer Look". Anatomy and Physiology 2e (en inglés). OpenStax, Rice University. 2022. Consultado o 31 de outubro de 2026.
  8. ↑ "23.3 The Mouth, Pharynx, and Esophagus". Anatomy and Physiology 2e (en inglés). OpenStax, Rice University. 2022. Consultado o 31 de outubro de 2026.
  9. ↑ "23.4 The Stomach". Anatomy and Physiology 2e (en inglés). OpenStax, Rice University. 2022. Consultado o 31 de outubro de 2026.
  10. ↑ "Small bowel". Radiopaedia (en inglés). Consultado o 31 de outubro de 2026.
  11. ↑ "Anatomy of Colon and Rectum". SEER Training, NCI (en inglés). Consultado o 31 de outubro de 2026.
  12. ↑ Anatomy, Abdomen and Pelvis: Anal Canal. StatPearls (en inglés) (Treasure Island (FL): StatPearls Publishing). 2023. Consultado o 31 de outubro de 2026.
  13. ↑ "El microbioma humano. Su papel en la salud y en algunas enfermedades" (en castelán). Consultado o 11 de xuño de 2023.
  14. ↑ Sender, Ron; Fuchs, Shai; Milo, Ron (agosto de 2016). "Revised Estimates for the Number of Human and Bacteria Cells in the Body". PLOS Biology (en inglés) 14 (8): e1002533. PMID 27541692. doi:10.1371/journal.pbio.1002533.
  15. ↑ Nuriel-Ohayon, M.; Neuman, H.; Koren, O. (14 de xullo de 2016). "Microbial Changes during Pregnancy, Birth, and Infancy". Frontiers in Microbiology (en inglés) 7: 1031. PMID 27471494. doi:10.3389/fmicb.2016.01031.
  16. ↑ Kennedy, Katherine M.; de Goffau, Marcus C.; Perez-Muñoz, María Elisa (xaneiro de 2023). "Questioning the fetal microbiome illustrates pitfalls of low-biomass microbial studies". Nature (en inglés) 613 (7945): 639–649. PMID 36697862. doi:10.1038/s41586-022-05546-8.
  17. ↑ Zhang, Yingying; Wang, Ran (5 de xullo de 2023). "The human gut phageome: composition, development, and alterations in disease". Frontiers in Microbiology (en inglés) 14. doi:10.3389/fmicb.2023.1213625.
  18. ↑ Roa, Ignacio; Meruane, Manuel (decembro de 2012). "Desarrollo del Aparato Digestivo". International Journal of Morphology (en castelán) 30 (4): 1285–1294. ISSN 0717-9502. doi:10.4067/S0717-95022012000400006. Consultado o 31 de outubro de 2026.
  19. 1 2 "Primitive Gut Morphogenesis". Arquivado dende o orixinal o 01 de outubro de 2012. Consultado o 21 de maio de 2017.
  20. ↑ A involución do mesenterio ventral do intestino proximal impide a formación do septum transversum
  21. ↑ Ludvigsson, JF; Card, T; Ciclitira, PJ; Swift, GL; Nasr, I; Sanders, DS; Ciacci, C (abril de 2015). "Support for patients with celiac disease: A literature review". United European Gastroenterol J 3 (2): 146-59. PMC 4406900. PMID 25922674. doi:10.1177/2050640614562599.
  22. ↑ Coordinadora del grupo de trabajo: Dra. Isabel Polanco Allué. Sociedad Española de Gastroenterología, Hepatología y Nutrición Pediátrica. (2008). "Diagnóstico precoz de la enfermedad celíaca" (PDF). Ministerio de sanidade e consumo. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 05 de outubro de 2018. Consultado o 21 de maio de 2017.
  23. ↑ Rodrigo, L; Garrote, JA; Vivas, S; et al. (6-9-2008). "Enfermedad Celíaca". Med Clin (Barcelona) 131 (7): 264-70. PMID 18775218. Arquivado dende o orixinal o 29-11-2014. Consultado o 21-05-2017.
  24. ↑ Polanco Allué, I; Ribes Koninckx, C; Rodrigo Sáez, L; Riestra Menéndez, S; Fonseca Capdevila, E; Menchén Viso, L; Lo Iacono, O; Vivas Alegre, S; Ruíz de Morales, JM; Casellas Jordá, F; Esteban Luna, B; Márquez Infante, M; Martínez Álvarez, JR; Villarino Marín, A; Vanni Lorente, D; Vitoria Cormenzana, JC; Castaño González, L; Bilbao Catalá, JR; Arranz, E; Garrote, JA; Morón Flores, B; Megías Guijo, M; Sousa Martín, C; Sanz, Y; Marcos, A; Nova, E (2008). "Libro blanco de la enfermedad celíaca" (PDF). Consejería de Sanidad de la Comunidad de Madrid. ISBN 978-84-936109-4-4. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 31 de maio de 2017. Consultado o 13 de outubro de 2015.
  25. 1 2 Mearin, F; Montoro, MA (2012). "Síndrome de intestino irritable" (PDF). En Montoro Huguet MA y García Pagán JC, editores. Gastroenterología y Hepatología. Problemas comunes en la práctica clínica (Jarpyo Editores, S.A.): 523-68. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 12 de xullo de 2017. Consultado o 21 de maio de 2017.
  26. ↑ Hungin, AP; Molloy-Bland, M; Claes, R; Heidelbaugh, J; Cayley, WE Jr; Muris, J; Seifert, B; et al. (novembro de 2014). "Systematic review: the perceptions, diagnosis and management of irritable bowel syndrome in primary care--a Rome Foundation working team report". Aliment Pharmacol Ther 40 (10): 1133-45. PMID 25230281. doi:10.1111/apt.12957.
  27. ↑ Saha, L (14-6-2014). "Irritable bowel syndrome: pathogenesis, diagnosis, treatment, and evidence-based medicine". World J Gastroenterol 20 (22): 6759-73. PMID 24944467. doi:10.3748/wjg.v20.i22.6759.
  28. ↑ Quigley, EM; Abdel-Hamid, H; Barbara, G; Bhatia, SJ; Boeckxstaens, G; De Giorgio, R; Delvaux, M; et al. (maio-xuño de 2012). "A global perspective on irritable bowel syndrome: a consensus statement of the World Gastroenterology Organisation Summit Task Force on irritable bowel syndrome". J Clin Gastroenterol 46 (5): 356-66. PMID 22499071. doi:10.1097/MCG.0b013e318247157c.
  29. ↑ Quigley, E; Fried, M; Gwee, KA; Olano, C; Guarner, F; Khalif, I; Hungin, P; Lindberg, G; Abbas, Z; Bustos Fernandez, L; Mearin, F; Bhatia, SJ; Hu, PJ; Schmulson, M; Krabshuis, JH; Le Mair, AW; (20 de abril de 2009). "WGO Global Guideline Irritable bowel syndrome: a global perspective" (PDF). World Gastroenterology Organisation Global Guideline.
  30. ↑ MedlinePlus. "Colitis". Consultado o 13 de outubro de 2015.
  31. ↑ Lanas, A.; Fernández, A.; Sáinz, R. "Trastornos_relacionados_con_la_secrecion_gastrica_acida" (PDF). Asociación Española de Gastroenterología (AEGASTRO). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 07 de abril de 2016. Consultado o 13 de outubro de 2015.
  32. ↑ Elizalde, I.; Soriano, A.; Castells, A. "Tumores malignos del estómago" (PDF). Asociación Española de Gastroenterología (AEGASTRO). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 10 de marzo de 2016. Consultado o 13 de outubro de 2015.
  33. ↑ Antunes, Catiele; Sharma, Ashish (2021). Esophagitis (en inglés). StatPearls Publishing. Consultado o 31 de outubro de 2026.
  34. ↑ Gastroesophageal Reflux Disease (GERD). StatPearls (en inglés) (Treasure Island (FL): StatPearls Publishing). 2025. Consultado o 31 de outubro de 2026.
  35. ↑ Hiatal Hernia. StatPearls (en inglés) (Treasure Island (FL): StatPearls Publishing). 2026. Consultado o 31 de outubro de 2026.
  36. ↑ Stein, H. J.; Siewert, J. R. (1993). "Barrett's esophagus: pathogenesis, epidemiology, functional abnormalities, malignant degeneration, and surgical management". Dysphagia (en inglés) 8 (3): 276–288. PMID 8359051.
  37. ↑ Koppert, L. B.; Wijnhoven, B. P. L.; van Dekken, H.; Tilanus, H. W.; Dinjens, W. N. M. (2005). "The molecular biology of esophageal adenocarcinoma". Journal of Surgical Oncology (en inglés) 92 (3): 169–190. PMID 16299787.
  38. ↑ Frossard, J. L.; Steer, M. L.; Pastor, C. M. (2008). "Acute pancreatitis". The Lancet (en inglés) 371: 143–152.
  39. ↑ Gallstones (Cholelithiasis). StatPearls (en inglés) (Treasure Island (FL): StatPearls Publishing). 2025. Consultado o 31 de outubro de 2026.
  40. ↑ Hepatic Cirrhosis. StatPearls (en inglés) (Treasure Island (FL): StatPearls Publishing). 2022. Consultado o 31 de outubro de 2026.
  41. ↑ Gavilán Martín, C.; García Avilés, B.; González Montero, R. "Gastroenteritis aguda" (PDF). Protocolos diagnóstico-terapéuticos de la AEP: Infectología pediátrica (en castelán). Consultado o 31 de outubro de 2026.
  42. ↑ Sapone, A.; Bai, J. C.; Ciacci, C.; et al. (2012). "Spectrum of gluten-related disorders: consensus on new nomenclature and classification". BMC Medicine (en inglés) 10: 13. PMID 22313950.
  43. ↑ Czaja-Bulsa, G. (abril de 2015). "Non coeliac gluten sensitivity: a new disease with gluten intolerance". Clinical Nutrition (en inglés) 34 (2): 189–194. PMID 25245857. doi:10.1016/j.clnu.2014.08.012.
  44. ↑ Molina-Infante, J.; Santolaria, S.; Sanders, D. S.; Fernández-Bañares, F. (maio de 2015). "Systematic review: noncoeliac gluten sensitivity". Alimentary Pharmacology & Therapeutics (en inglés) 41 (9): 807–820. PMID 25753138. doi:10.1111/apt.13155.
  45. ↑ Biesiekierski, J. R.; Newnham, E. D.; Irving, P. M.; Barrett, J. S.; Haines, M.; Doecke, J. D. (marzo de 2011). "Gluten causes gastrointestinal symptoms in subjects without celiac disease: a double-blind randomized placebo-controlled trial". The American Journal of Gastroenterology (en inglés) 106 (3): 508–514.
  46. ↑ Verdu, E. F.; Armstrong, D.; Murray, J. A. (xuño de 2009). "Between celiac disease and irritable bowel syndrome: the "no man's land" of gluten sensitivity". The American Journal of Gastroenterology (en inglés) 104 (6): 1587–1594. PMC 3480312. PMID 19455131. doi:10.1038/ajg.2009.188.
  47. ↑ Baumgart, D. C.; Carding, S. R. (2007). "Inflammatory bowel disease: cause and immunobiology". The Lancet (en inglés) 369 (9573): 1627–1640. PMID 17499605. doi:10.1016/S0140-6736(07)60750-8.
  48. ↑ Deng, Y.; Misselwitz, B.; Dai, N.; Fox, M. (18 de setembro de 2015). "Lactose Intolerance in Adults: Biological Mechanism and Dietary Management". Nutrients (en inglés) 7 (9): 8020–8035. PMID 26393648. doi:10.3390/nu7095380.
  49. ↑ "Oesophagus. Fact sheet (GLOBOCAN 2024)" (PDF). Global Cancer Observatory: Cancer Today, IARC (en inglés). 2026. Consultado o 31 de outubro de 2026.
  50. ↑ "Colorectum. Fact sheet (GLOBOCAN 2024)" (PDF). Global Cancer Observatory: Cancer Today, IARC (en inglés). 2026. Consultado o 31 de outubro de 2026.
  51. ↑ "Liver. Fact sheet (GLOBOCAN 2024)" (PDF). Global Cancer Observatory: Cancer Today, IARC (en inglés). 2026. Consultado o 31 de outubro de 2026.
  52. ↑ Castro Domínguez, Álvaro. Ganadería de la leche (en castelán). p. 94.
  53. 1 2 "34.1 Digestive Systems". Biology 2e (en inglés). OpenStax, Rice University. 2018. Consultado o 31 de outubro de 2026.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]