Amador Vidal

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Amador Vidal
Formula Rally do Cocido 2014 (Amador Vidal) (2).jpg
Nacemento22 de maio de 1972
 Vimianzo
NacionalidadeEspaña
Ocupaciónpiloto de rally
PaiRicardo Vidal Rodríguez
editar datos en Wikidata ]

Amador Vidal Cernadas, nado en Pasarela (Calo, Vimianzo) o 22 de maio de 1972 é un piloto de rally e preparador de vehículos galego. Gañou dúas veces o Campionato de España de Rallys de Terra, en 2014 e 2015. É o xefe do equipo de competición AR Vidal, fundado nos anos 70 por seu pai, o expiloto e preparador Ricardo Vidal.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Inicios[editar | editar a fonte]

Comezou nos rallys a principios dos anos 90, por influencia de seu pai Ricardo Vidal, piloto e preparador de coches de Vimianzo e cofundador do equipo de competición AR Vidal. En 1990 disputou varias probas do Campionato de Galicia de Rally, dentro da Copa Mabor, categoría na que conseguiu algunha vitoria como a do 18º Rally da Coruña.[1]

Mitsubishi Lancer Evo VII de Amador Vidal e Francis Lema no Rally de Cabanas de 2008, onde lograron a vitoria.

Desafío Peugeot (1996-2004)[editar | editar a fonte]

Despois estivo uns anos sen competir ata que en 1996 disputou cun Peugeot 106 Rallye o Campionato de España de Rallys, dentro do Desafío Peugeot, do que rematou en quinto lugar.[2] Mellorou un posto no ano seguinte, quedando cuarto, e gañando ademais o Desafío Peugeot Júnior.[3] Continuou no Desafío Peugeot durante os seguintes anos, quedando 6º en 1998[4] e subcampión en 1999,[5] 2000,[6] 2001,[7] 2002[8] e 2003,[9] correndo dende o 2001 cun Peugeot 206 XS. Co mesmo vehículo e con seu curmán Francis Lema de copiloto (co que corría dende facía uns anos), proclamouse finalmente campión do Desafío Peugeot en 2004.[10]

Campionato de España de Rallys de Terra (2005-2015)[editar | editar a fonte]

Ao ano seguinte pasou a competir no Campionato de España de Rallys de Terra, onde logrou no seu primeiro ano varios podios e a súa primeira vitoria absoluta, no Rally da Gudiña-Ourense. Rematou o campionato como gañador do grupo N e terceiro na clasificación absoluta.[11] Na seguinte tempada logrou a vitoria no Rally de Terra de Granada e quedou segundo no Rally de Guijuelo pero unha serie de abandonos fixeron que só puidera acabar o campionato na sétima posición final.[12] Durante os seguintes anos e ata 2011 seguiu competindo con asiduidade no nacional de terra, pero os numerosos problemas mecánicos e abandonos afastárono dos primeiros postos da xeral, a pesar de subir ao podio nalgúns dos rallys, como no Rally de Terra de Cabanas de 2008, onde foi o vencedor. En 2012 e 2013 só disputou tres carreiras sen conseguir chegar á meta en ningunha das tres.

Amador Vidal xunto a Iván Ares no Fórmula Rali do Cocido de 2014.

Tras ese período de case inexistente actividade deportiva volveu á competición en 2014. A finais de marzo disputou o Rallysprint de Fafe en Portugal, xunto a pilotos como Sébastien Ogier, Ott Tänak ou Dani Sordo, pero non conseguiu acabar a proba. Uns días despois correu cun Volkswagen Polo N1 o 30º Rally de Noia, quedando en segunda posición, só por detrás de Iván Ares e superando a Ricardo Costa e Víctor Senra. A finais de abril competiu no Rally Concello de Curtis, segunda proba do Campionato de España de Terra, e logrou a vitoria con máis de dous minutos de vantaxe sobre Nil Solans. A vitoria animouno a disputar o resto do campionato, cousa que fixo co mesmo coche, quedando quinto na seguinte proba en Andalucía, vencendo no Bierzo e quedando sétimo en Cervera. Con estes resultados chegou como líder á última proba, o Rally de Terra de Riolobos, pero con só dous puntos de vantaxe sobre o segundo, Jorge del Cid, e cun total de sete pilotos con opcións de gañar o título.[13] Comezou o rally marcando o segundo tempo nos dous primeiros treitos, por detrás de del Cid, e foi o máis rápido nos dous seguintes, colocándose líder. Perdeu a posición de cabeza no quinto treito, pero no seguinte Jorge del Cid saíuse da estrada e perdeu unha roda, polo que tivo que abandonar. A partir de entón Amador Vidal baixou o ritmo para non arriscar e chegar á meta, facéndoo finalmente en segunda posición ao ser superado por Nil Solans no último treito. Con esta segunda posición proclamouse por primeira vez campión de España de Rallys de Terra.[14] Foi o segundo galego en lograr o título, 29 anos despois de que o fixera Guillermo Barreras, e o primeiro piloto en gañar cun Volkswagen, rompendo ademais a hexemonía de Mitsubishi, que gañara o campionato os 9 anos anteriores.[14]

En 2015 correu de novo o campionato nacional co mesmo vehículo, comezando no Rally Terras Altas de Lorca, onde só puido ser 16º, despois de que o seu coche se quedase parado no segundo treito.[15] A segunda cita do calendario foi o Rally de Terra Circuito de Navarra, onde subiu ao podio en terceira posición, por detrás de Nani Roma e Alexander Villanueva.[16] En abril disputou a terceira proba, o Rally de Terra Concello de Curtis, onde quedou segundo, só por detrás de Karl Kruuda.[17] Con todo, o estoniano non disputaba o campionato polo que a máxima puntuación foi para Vidal. A continuación venceu nas tres seguintes probas, o Rally de Terra do Bierzo, o Rally de Terra de Cervera e o Rally de Terra Norte de Extremadura, proclamándose na última delas, en Plasencia, campión de España por segunda vez, de novo co seu curmán Francis como copiloto e a falta aínda dunha proba.[18]

Competicións esporádicas (2016-actualidade)[editar | editar a fonte]

Amador Vidal co seu Volkswagen Polo N1 no Rally Terra da Auga de 2017.

Dende 2016 deixou de competir de xeito habitual para centrarse no seu traballo como preparador en AR Vidal.[19] Con todo, correu algún rally máis nos seguintes anos: en 2016 quedou cuarto no Rally do Bierzo; en 2017 subiu ao podio no Rally Terra da Auga, en terceira posición; en 2018 fixo a súa primeira incursión en neve, no Rally de Suecia, do Campionato do Mundo, a bordo dun Mitsubishi Lancer Evo X, tendo que abandonar por avaría;[20] e en 2019 correu cun Suzuki Swift Sport o 35º Rally de Noia, tamén con resultado de abandono.[21]

Familia[editar | editar a fonte]

É fillo do tamén expiloto e preparador de vehículos Ricardo Vidal, irmán do tamén piloto Ricardo Vidal e curmán dos copilotos Nicolás Cernadas e Francis Lema, sendo este último o copiloto co que competiu case toda a súa carreira deportiva.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Arévalo, Fernando (19 de novembro de 1990). "Castrillón aún no se ve campeón gallego de rallies". La Voz de Galicia (en castelán). p. 44. 
  2. "Clasificacións nacionais de 1996" (PDF). RFEDA. Consultado o 15 de xuño de 2020. 
  3. "Amador Vidal: “El Suzuki Swift R+ nos exige mucho pero es nuestro producto estrella”" (en castelán). Consultado o 15 de xuño de 2020. 
  4. "Clasificacións nacionais de 1998" (PDF). RFEDA (en castelán). Consultado o 15 de xuño de 2020. 
  5. "Clasificacións nacionais de 1999" (PDF). RFEDA (en castelán). Consultado o 15 de xuño de 2020. 
  6. "Clasificacións nacionais de 2000" (PDF). RFEDA (en castelán). Consultado o 15 de xuño de 2020. 
  7. "Clasificacións nacionais de 2001" (PDF). RFEDA (en castelán). Consultado o 15 de xuño de 2020. 
  8. "Clasificacións nacionais de 2002" (PDF). RFEDA (en castelán). Consultado o 15 de xuño de 2020. 
  9. "Clasificacións nacionais de 2003" (PDF). RFEDA (en castelán). Consultado o 15 de xuño de 2020. 
  10. "Clasificacións nacionais de 2004" (PDF). RFEDA (en castelán). Consultado o 15 de xuño de 2020. 
  11. "Clasificacións nacionais de 2005" (PDF). RFEDA (en castelán). Consultado o 15 de xuño de 2020. 
  12. "Clasificacións nacionais de 2006" (PDF). RFEDA (en castelán). Consultado o 16 de xuño de 2020. 
  13. "Tres pilotos de RMC optan al título absoluto en la última prueba del nacional de tierra" (en castelán). 13 de novembro de 2014. Consultado o 16 de xuño de 2020. 
  14. 14,0 14,1 "Amador Vidal se corona Campeón de España de Tierra" (en castelán). 15 de novembro de 2014. Consultado o 16 de xuño de 2020. 
  15. "Nani Roma acaba segundo en el Rally Tierras Altas de Lorca" (en castelán). 1 de marzo de 2015. Consultado o 16 de xuño de 2020. 
  16. "CERT: Rally de Navarra 2015. Nani Roma logra la victoria" (en castelán). 30 de marzo de 2015. Consultado o 16 de xuño de 2020. 
  17. "El estonio Karl Kruuda no encuentra rival en Curtis" (en castelán). 26 de abril de 2015. Consultado o 16 de xuño de 2020. 
  18. "Amador Vidal, campeón de España de Rallyes de Tierra" (en castelán). 4 de outubro de 2015. Consultado o 16 de xuño de 2020. 
  19. "Amador Vidal atornilla su regreso al asfalto". La Voz de Galicia (en castelán). 6 de abril de 2019. Consultado o 16 de xuño de 2020. 
  20. "Prematuro abandono de Amador Vidal en el Rally de Suecia" (en castelán). 17 de febreiro de 2018. Consultado o 16 de xuño de 2020. 
  21. "Víctor Senra gana un duro XXXV Rali de Noia" (en castelán). 6 de abril de 2019. Consultado o 4 de febreiro de 2020. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]