Escudería Compostela

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Escudería Compostela
Nome completo Escudería Compostela
Ámbito Automobilismo
Fundación 1980
Deporte
Número de socios
Presidente Manuel Ramos
Secretario Xeral
Sede Santiago de Compostela
Páxina web oficial

A Escudería Compostela é un escudaría deportiva adicada á organización de eventos automobilísticos, principalmente rallys e sláloms. Ten a súa sede no Estadio de San Lázaro, sito na cidade de Santiago de Compostela, e é coñecida pola organización do Rally Botafumeiro, puntuable para o Campionato de Galicia de Rally.

Un dos piares da escudaría foi e segue a ser a organización do Botafumeiro. Aínda que ao largo dos anos centrouse tamén na celebración de sláloms, como o Slálom Cidade de Santiago e o Slalom Vila de Muros.

Historia[editar | editar a fonte]

Anos 80[editar | editar a fonte]

Naceu no ano 1983, entre un grupo de amigos aficionados ó automobilismo, que decidiron fundar un club con sede en Santiago. No recordo queda o día no que aquel grupo se desprazou ata Ferrol, onde por aquelas tiña sede a Federación Noroeste de Automovilismo, con Eugenio Eiranova ao fronte, a recoller os estatutos para así constituírse legalmente como entidade deportiva, coincidindo a viaxe de regreso con aquela xesta histórica do deporte español, cando a selección española de fútbol vencía por goleada a Malta. Aqueles foron os primeiros pasos para a Escudería e no recordo quedan as primeiras reunións, que adoitaban ser numerosas, quizais pola novidade ou os anos, e que tiñan como sede o bar Zeus, ou o Pub Rallye Team. Moitas daquelas persoas que alí se atopaban xa non forman parte da escudería na actualidade, que polas razóns que fosen foron deixando paso aos que hoxe comparten a afección polo automobilismo. Dende 1983 varios foron os presidentes da escudería, o primeiro deles Andrés Manzano, e posteriormente, Rogelio Canedo, José Angel Raña, Manuel Ramos e Cesar Raña, encabezaron unha entidade composta por un numeroso grupo de persoas que contribuíron en maior ou menor medida co seu esforzo e coa súa colaboración para sacar adiante todos os proxectos que a Escudería Compostela, o longo destes case trinta anos, tivo a ben de facer.[1]

O primeiro gran paso foi a organización da Subida ó Barreiro no ano 1984, proba xa coñecida no automobilismo galego, que organizaba a desaparecida Escudería Santiago. A proba non sería posible se non fose polo do Concello de Santiago, que tivo a ben de incluír nos orzamentos unha partida como subvención para facela Subida. A proba repetiuse ao ano seguinte, pero desistiuse nos anos vindeiros, debido ao cambio de trazada da estrada que a convertía nunha proba moi rápida, e consecuentemente mais perigosa. Da montaña pasouse aos rallys, coa creación do Iº Rally do Botafumeiro, no ano 1985.[1]

A partir da creación do Rally, a escudería iniciouse no karting, sen dúbida a gran escola do automobilismo. Dende 1986 ata 1991 organizouse 6 edicións do Karting do Apostolo, proba que se competiu nas rúas de Santiago de Compostela. Nela destacaron futuras promesas do automobilismo, como Fernando Alonso, Celso Míguez, Cristobal Serantes etc., pero a rápida evolución dos karts, e sobre todo as grandes velocidades que podían alcanzar sobre un trazado urbano, facía que a proba se vise sometida a un gran risco, por ese motivo, no 1991 organizouse a última edición desta carreira en Santiago. Dende ese mesmo ano a organización tentou acadar o soño dun circuíto de karting na cidade compostelán, feito que a día de hoxe aínda non é unha realidade, algo que a Escudería Compostela lamenta profundamete.[1]

O primeiro revés, unha débeda económica, por un lado, e as primeiras baixas, por diversos motivos, por outro. Con todo o Rally Botafumeiro seguía celebrándose, que formaba parte do Campionato Galego de Rallys. No 1989, repetíase a historia e outro revés deixaba tocada a organización, que decidiu non celebrar o Rally Botafumeiro, para tomarse un ano sabático e intentar poñer ó día as contas.[1]

Anos 90[editar | editar a fonte]

No ano 1990, o rally recupérase, e no 91 asínase un acordo coa Consellería de Relacións Institucionais, sendo conselleiro o Sr. Portomeñe, polo cal o Xacobeo 93 foi un dos mais importantes soportes do programa deportivo da escudería. O 1991 supuxo un gran reto para os membros da organización. A escudería levou a cabo: Karting do Apostolo, Rally do Botafumeiro, Rally de Terra, Subida a Portomouro e unha Volta Todo Terreno a Santiago. Un ano verdadeiramente intenso. Tanta proba provoca que outro número de persoas abandonaran o club, e debido a isto e a problemas económicos o 92 foi de novo un ano sabático.[1]

En 1993, os membros da Escudería Compostela decidiron sacar adiante a entidade comezando de cero e dende abaixo, formando un verdadeiro equipo, moi motivado e con experiencia suficiente para sacar adiante todos os proxectos que se propuxera. Faise de novo o Rally Botafumeiro e levase a cabo a organización do Fórmula Rally Compostela 93, que obtivo gran éxito. A proba do 93 realizouse na zona de San Lázaro, arredor do estadio, cunha superficie moi esbaradiza pola choiva e o barro. A ela acudiron grandes pilotos de automobilismo de España e Galicia. O gañador do Formula Rally, foi o canario Fernando Capdevila e segundo Carlos Sainz.[1]

Nos vindeiros anos, continuouse celebrando o rally, que no 96 deixou unha edición pasada por auga, e no 97 a proba fixo un pequeno cambio de nome, pasando a chamarse Rally Botafumeiro, sen o “do”. No 96 admais do rally, contouse cunha proba de terra en conxunto co Concello de Touro.[1]

Programa Buscamos Pilotos[editar | editar a fonte]

No ano 98 fíxose realidade un dos proxectos mais ambiciosos e ansiados pola escudería: conformar un equipo de competición. Tras un acordo co centro comercial Area Central, Otero Caritón, Peumáticos Pernas e Grafitti, a escudería tiña dous vehículos participando no Campionato Galego de Rallys, formado polos pilotos, Pedro Castañón e Luis Penido. Porén de novo a mala fortuna, caeu sobre a organización e no 99 diversos cambios de xestión no centro comercial facían inviable a continuidade do equipo.[1]

Anos 00[editar | editar a fonte]

Dous anos despois un acordo co concesionario Brea Motor, e Otero Caritón, fixeron realidade a continuación do proxecto. Dous equipos formados por dous Seat Marbella, competiron durante os anos 2001, 2002 e 2003. O programa Buscamos pilotos, compúxose de dúas fases de selección, unha primeira de coñecementos e unha segunda mais práctica. De aí saíron dous pilotos que xunto cos primos Quintela a bordo do Seat Arosa, participaron no Trofeo Super 1000-Aycom que organizaba a Federación Galega de Automobilismo. Un dos pilotos que sairon deste programa foron os irmáns Pais, campións de Galicia de grupo N, subcampións de Galicia de rallys en 2011 e campións da Copa Pirelli Top Ten en 2011.[1]

O Rally Botafumeiro continuouse celebrando, salvo no ano 2002, que de novo non puido estar presente no calendario galego, e posteriormente no 2008, esta vez en gran parte, debido en parte á crisis económica que xurdiu en España nese ano.

Víctor Senra e David Vázquez no podio do Rally Botafumeiro, gañadores da edición de 2007.

No 2007 a escudería colabora intensamente na celebración do 1º Slálom Vila de Muros, en memoria do desaparecido Manolo Lojo, campión de Galicia de Slálom e para dar continuidade o slálom, a escudería decide celebrar a súa propia proba e no 2009 organiza o 1º Slalom Cidade de Santiago, que tería continuidade no 2010 e 2011. No ano 2008, aínda co recordo moi presente da perda de Manuel Lojo, a escudería recibe outra mala nova, Xesús Cebeiro, piloto compostelán, moi querido pola afección, perde a vida nun accidente de tráfico. Inmediatamente a Escudería Compostela decidiu no 2010 organizar o Rally Botafumeiro en recordo de Cebeiro, e entre outras homenaxes, o treito de Sarandón recibiu o seu nome.[1]

Entre outras labores levadas a cabo pola Escudería Compostela, ao longo destes case trinta anos, destacan a organización de cursos de copilotos, impartidos e dirixidos por Diego Vallejo, copiloto galego Campión de España de Rallys no 2009 xunto co seu irmán Sergio Vallejo. No 2001 impartíronse tres cursos polos que pasaron sesenta copilotos que recibiron máis de dezaoito horas de formación, para unhas como primeira experiencia e para outros como actualización e reciclaxe. Ademais destas actividades os membros da escudería, tamén exercen como cronometradores noutras probas de Galicia dende fai anos, colaborando en todo aquilo que lles sexa requirida a súa presenza e participando activamente no automobilismo galego en calquera punto de xeografía.[1]

Rally Botafumeiro[editar | editar a fonte]

E un rally que se corre polos concellos próximos a Santiago de Compostela, e que leva celebrándose dende fai máis de vinte anos, aínda que faltou no calendario algún ano como no 2008 e 2002, en xeral por cuestións económicas.

Ultimamente faise no mes de novembro, porén tradicionalmente celebrouse no mes de maio.

Córrese principalmente sobre asfalto e conta case sempre cunha alta cantidade de participantes inscritos, entre os que non faltan os pilotos galegos: Manuel Senra, "Bamarti", Burgo, Penido, Villar, Alberto Meira e Vilariño, entre outros.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,00 1,01 1,02 1,03 1,04 1,05 1,06 1,07 1,08 1,09 1,10 Escudería Compostela. "Historia". Arquivado dende o orixinal o 26-05-2014. Consultado o 27-12-2012. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]