Senra Sport

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Senra Sport é unha escudaría deportiva galega fundada a finais dos anos 80 por Manuel Senra en Olveira, Dumbría.

É a escudaría máis laureada do Campionato de Galicia de Rally, con nove títulos de equipo.[1] Entre 1990 e 1995 organizou o Rally Mil Vistas, que era puntuable para o Campionato de Galicia de Rally e dende 2019 organiza a Subida a Dumbría, do Campionato de Galicia de Montaña.[2]

Historia[editar | editar a fonte]

A escudaría naceu ligada ao pequeno taller que montou Manolo Senra en 1987 en Olveira, no concello de Dumbría, e que máis tarde foi crecendo ata converterse nun concesionario oficial de Peugeot.[3] En 1989 logrou o primeiro título por equipos do Campionato de Galicia de Rally, superando á Escudería Berberecho de Noia,[4] e revalidou o título os tres seguintes anos.[1] En 1990 Senra Sport fíxose cos dereitos de organización do Rally da Coruña, cedidos pola Escudería Centollo, e organizou ese ano o 18º Rally da Coruña, pero localizado nos concellos de Muros, Carnota, Dumbría, Vimianzo e Mazaricos.[5] Celebráronse outras catro edicións do rally ata 1994, xa co nome de Rally Mil Vistas, referido ás vistas das paisaxes da contorna.

En 1993, o fundador e principal piloto de Senra Sport, Manuel Senra, gañou con esta escudaría o Campionato de Galicia de Rally de Terra, título que volveu gañar ao ano seguinte. En 1997 fixo o mesmo co Campionato de Galicia de Montaña. Tanto en 1999 como en 2000 Senra Sport gañou o título por equipos do Campionato de Galicia de Rally e o subcampionato de pilotos con Manuel Senra. Na tempada 2001 gañou tanto o título de pilotos como o de equipos, dobre éxito que repetiu en 2004 e 2005. Manuel Senra gañou logo tamén os títulos de montaña de 2014, 2015, 2017 e 2019.[6]

En 2019 a escudaría comezou a organizar a Subida a Dumbría, puntuable para o galego de montaña.[2]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 "REGULAMENTOS XERAIS DO CAMPIONATO E COPAS DE GALICIA PARA ESCUDERÍAS" (PDF). FGA. Consultado o 5 de xuño de 2020. 
  2. 2,0 2,1 "Nace a I Subida a Dumbría con Senra Sport como organizador". 6 de xuño de 2019. Consultado o 5 de xuño de 2020. 
  3. "Nosotros". senrasport.com (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 08 de xuño de 2020. Consultado o 8 de xuño de 2020. 
  4. "La Federación Gallega reconoce finalmente al piloto ferrolano Germán Castrillón como subcampeón de rallies". La Voz de Galicia (en castelán). 5 de febreiro de 1990. p. 39. 
  5. Arévalo, Fernando (5 de novembro de 1990). "Senra Sport organizará el Rally de La Coruña, el próximo día 17". La Voz de Galicia (en castelán). p. 43. 
  6. "REGULAMENTO XERAL DO CAMPIONATO DE GALICIA DE MONTAÑA 2020" (PDF). fga.es. Consultado o 8 de xuño de 2020. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]