Sebe

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
As sebes forman parte da paisaxe rural galega. Na imaxe, parroquia de Zanfoga, Pedrafita do Cebreiro
Valado recén construído

Unha sebe (do latín saepe; valado), sebeiros[1] ou barda é unha asociación de zonas de matogueira e árbores situadas entre os campos de cultivo ou leiras das casas co fin de marcar os lindeiros das terras. As sebes constitúen auténticas "illas" de biodiversidade.

Nalgúns casos constitúen redutos da vexetación autóctona que se mantiveron como valados naturais, porén tamén poden ser creados de xeito artificial (sebe morta), coma os bardados, valados feitos con paus e recubertos con bardas (silveiras, hedras ou outras plantas coma os toxos e mailas xestas).

Na paisaxe rural das campiñas, composto de praderías rodeadas de sebes, estas garanten unha función de fronteira e de retención das augas de escorrentía. Nas rexións onde a vexetación é máis escasa ou naquelas suxeitas aos climas oceánicos onde a vexetación ten dificultades para desenvolverse as sebes substitúense por muros de pedra. Así, na zona do Salnés chámaselle sebe aos muros que delimitan as leiras.[2]

Ás leiras pechadas con valados chámaselles zarra, chousa, chouso ou chouselo.

Flora[editar | editar a fonte]

Valados con carballos e silvas en Ramil, Triacastela (esq) e paisaxe de sebes en Labrada, Abadín (dereita)

Nas sebes adoitan aparecer exemplares de carballos (Quercus robur), cerquiños (Quercus pyrenaica), freixos (Fraxinus angustifolia), bidueiros (Betula celtiberica), castiñeiros (Castanea sativa), loureiros (Laurus nobilis), amieiros (Alnus glutinosa) e salgueiros (Salix atrocinerea), en moitos casos destacando polo seu porte e antigüídade. Outras árbores de menor interese que se adoitan empregar como delimitación son o eucalipto azul (Eucalyptus globulus) e o piñeiro do país (pinus pinaster). Normalmente as árbores adoitan aparecer soas ou misturadas con masas de xestas, toxos, silveiras ou incluso acivros (Ilex aquifolium). As sebes supoñen unha importante reserva natural de flora autóctona, o que se traduce nun alto valor medioambiental como elemento de conservación da diversidade de especies vexetais. Ademais, son moitas as especies de aves, micromamíferos, réptiles e insectos que empregan estas "illas" para alimentarse, criar e agocharse gracias á súa cuvertura densa, protección e doado acceso. Asemade, os froitos e follas que caen das pólas ao chán convértense en fonte de alimento e protección para un gran abano de invertebrados, fungos e bacterias ademais dos animais anteriormente nomeados.

As redes de sebes vivas forman corredoiras ecolóxicas que permiten conectar lugares enselvados ou touzais ou sistemas de lindes con claros necesarios para o desenvolvemento dos ciclos biolóxicos da fauna: lugares de cría, descanso, hibernación, de reprodución, etc ademais, as sebes favorecen as especies locais e xeneticamente diversificadas participando na conservación da diversidade xenética local.

Fauna[editar | editar a fonte]

O liñaceiro, como moitas aves, emprega as sebes pra facer os seus niños

Aves[editar | editar a fonte]

Multitude de aves empregan as sebes como lugar de aniñamento, alimentación e protección. Así segundo os hábitos de cada ave pódense agrupar segundo os seus lugares de preferencia.

Orixe[editar | editar a fonte]

Home podando a súa sebe

As sebes apareceron en Europa a partir da Idade media. Permitiron aos campesiños apropiarse de novo das zonas enselvadas, mentres que os señores feudais confiscaran o acceso aos bosques. As sebes achegaban a madeira de calefacción, indispensable para a cociña, así como un complemento apreciable de alimentación grazas aos froitos e aos pequenos animais que albergaban.

Comezaron a ser máis abondosas a partir do século XVI. Utilizábanse entón para pechar un terreo e delimitar a propiedade mais tamén para impedir aos outros campesiños alimentar aos seus gandos nos pastos veciños.

A partir do século XVIII, coa vontade do desenvolvemento dos pobos, a instauración de sebes intensificouse progresivamente para dar a tradición do valado con silvas ou soamente de pólas entrelazadas co que se traballou a paisaxe rural até a revolución industrial.

Vantaxes[editar | editar a fonte]

Regulación climática[editar | editar a fonte]

Sebe de protección nunha casa

A sebe desempeña un papel de regulador microclimático: no verán, ofrece a sombra, e a súa evapotranspiración aumenta a sensación de frescura e a formación máis duradeira do orballo. A noitiña e no inverno, ofrece unha protección contra os ventos fríos. A eira, o xardín ou a casa atópanse protexidos dos golpes dos ventos violentos . A moderación microclimática pode ser de +/- 5 °C ao refuxio dunha sebe viva e suficientemente densa mais non pechada ao vento. Detrás dunha "parede vexetal" composta por exemplo de coníferas exóticas en valo denso (coma o ciprés), o vento bate co obstáculo e a impresión de frío pode aumentar debido ás turbulencias que orixinan. Estas sebes son por outra banda máis sensibles ás treboadas. Da primavera ao outono, en clima moderado, a sebe natural ten un efecto tampón, recolle a calor para devolvela progresivamente.

Galería de imaxes de sebes[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Sebe

Notas[editar | editar a fonte]

  1. No dicionario Ir Indo o termo sebeiro fai referencia a un valado composto principalmente por toxos e silvas
  2. Eugenio Reguera y Pardiñas (1840-1858): Traducción de algunas voces, frases y locuciones gallegas, especialmente de agricultura, al castellano, ed. de J. L. Pensado (Cadernos de Lingua, RAG, 1995) (en castelán)

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]