Eira

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Eira do Corral de Piedra, en Cástaras (España), convertida en miradoiro.

Unha eira ou aira é un sitio chan de proporcións variábeis achegado á vivenda, feito de terra firme ou enlousado con pedra, onde se mallan os cereais, se botan a secar os legumes etc. Por extensión chámaselle eira ao terreiro da casa pegado á vivenda.

Etimoloxía[editar | editar a fonte]

A verba galega e portuguesa eira o mesmo que a variante dialectal aira veñen do latín area — área, pedazo de terra).

Funcións[editar | editar a fonte]

Nas eiras os cereais eran mallados e peneirados, despois de collidos, con vista a separar a palla e outros detritos dos grans. [1] A súa orixe está ligada ao advento da agricultura e o consecuente cultivo dos cereais, onde se desenvolveron varias técnicas, ferramentas e instalacións específicas.[2] A eira podía ser privada, dentro da casa, ou nalgúns lugares de Galicia oriental compartida entre os veciños dunha mesma aldea.

A expresión remonta ao 1500 e daba nome ao terreiro ao lado das casas onde eran recollidos os cereais, entre outros produtos agrícolas, para secar, mallar ou limpar. No Brasil aparece rexistrada a palabra eira no xornal colonial "O guía dos curiosos: lingua portuguesa", de Marcelo Duarte, onde se di que a eira era o conxunto de casas das familias ricas de orixe portuguesa, tamén chamadas marquises, construídas na parte superior das casas para protexelas da choiva. As eiras tamén cumprían unha función social, xa que proporcionaban un lugar onde podían decorrer cerimonias ou eventos públicos, tales coma bailes ou misas.

Nalgunhas zonas de Galicia e no norte de Portugal é frecuente atopar hórreos (espigueiros) a rodear as eiras, pois eran nestes celeiros onde os cereais eran almacenados. A importancia da eira na vida das poboacións rurais era de tal forma evidente, que a palabra deu orixe a moitos topónimos en Galicia e Portugal: Eiras, As Eiras, Eiravedra, Eirapedriña, etc.

Termos derivados[editar | editar a fonte]

  • Eirado ou airado, é un terreo de cultivo, polo xeral de pouca extensión e próximo á casa, agro , cortiña , eido , eixido. Tamén se lle chama así á pequena praza entre as casas da aldea, terreiro. Tamén se lle chama eirado ao galiñeiro, e incluso ao espazo chairo ao ar libre, situado na parte alta dunha casa, azotea, terraza.
  • Eirada ou airada é cada unha das camadas de cereal que se estenden na eira para trillala.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Revista História Viva - "Onde estão a eira e a beira?", por Eduardo Martins. Editora Duetto. São Paulo (2004).
  2. Dicionário Enciclopédico Koogan Larousse Selecções, Porto, 3ª edição Julho de 1980.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]