Bubela

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Bubela
Botbotik.jpg

Estado de conservación
Risco baixo (LC)
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Aves
Orde: Coraciiformes
Familia: Upupidae
Leach, 1820
Xénero: ''Upupa''
Linnaeus, 1758
Especie: ''U. epops''
Nome binomial
''Upupa epops''
Linnaeus, 1758
Distribución aproximada.    cría     residente (todo o ano)     inverno

Distribución aproximada.
    cría     residente (todo o ano)     inverno

A bubela (Upupa epops), único representante da familia Upupidae, é unha ave co corpo do tamaño aproximado do dun merlo. O seu bico longo e fino, a crista na cabeza e unha coloración característica fan dela unha ave de aspecto inconfundible.

Aspecto externo[editar | editar a fonte]

Bubela, Noalla.jpg

Malia ter o tamaño dun tordo parecen meirandes. Miden de media 28 cm entre a punta do bico, longo e curvo, e a da cola. As alas teñen un debuxo característico de bandas brancas e negras. A crista da cabeza, que poden abrir pero adoitan levar recollida, mide uns 6 cm e está formada por plumas coas puntas brancas e negras. A cola é negra, cunha banda branca ancha no último terzo, e un debuxo branco na raíz. O resto do corpo é ocre rosado ferruxento.

Os dous sexos son moi semellantes: as femias son se cadra algo máis pequenas e de cor máis mate.

O seu voo ondulante lembra o dunha bolboreta. A golpes de ala longos seguen outros curtos, o que dá a impresión de inestabilidade e desequilibrio.

Voz[editar | editar a fonte]

O canto típico dos machos, composto en xeral de tres sílabas, é inconfundible e podería describirse coma u pu, pu, pu, repetido a intervalos non máis longos de 5 segundos. Ademais deste e outros sons utilizados como sinal de alarma ou cando están no niño, usan tamén o bico ó xeito dunhas castañolas para producir sons cando están excitados.

Hábitat[editar | editar a fonte]

Atópanse en paisaxes chas ou onduladas en áreas temperadas, secas, con zonas arboradas non moi mestas ou vexetación rara. Aparece a miúdo en terras cultivadas e zonas con plantas ruderais, tamén en bosques moi claros e claros de bosque. Na zona mediterránea é relativamente habitual nos cultivos de oliveiras e sobreiras. Viven tamén en áreas de estepa e en áreas pedregosas con plantas baixas. Evitan os bosque mestos, a selva chuviosa e os desertos.

Malia seren preferentemente habitantes de terras baixas, crían tamén nalgunhas montañas coma o Altai, onde acadan alturas duns 3.000 m sobre o nivel do mar.

laranxa: áreas de cría
azul: cuarteis de inverno
verde: Sedentarias
raias azuis: zona de invernada da subespecie U. e. longirostris e de cría de U. e. ceylonensis
.

Distribución das subespecies[editar | editar a fonte]

  • Upupa epops epops, a subespecie nominativa, vive nas illas Canarias, Madeira, en toda Europa agás as illas Británicas, Países Baixos e Escandinavia, espallándose por Asia ata o río Obi polo leste e polo sueste ata o noroeste da India. Polo sur, esta variedade ocupa boa parte do Magreb e algúns oasis do Sahara central.
  • U. e. saturata, unha raza algo máis escura e cun tono lixeiramente gris pola parte superior do corpo, espállase na área media do río Obi nunha ampla faixa ata á beira do Pacífico, chegando polo norte ata o límite sur da taiga.
  • U. e. longirostris, de cor castaño avermellado aparece en grandes áreas do sueste de Asia, chegando polo sur ata Sumatra.
  • 'U. e. ceylonensis vive dende a India central cara ó sur, chegando a Sri Lanka. É moi difícil de diferenciar da variedade anterior.
  • U. e. major, variedade grande e máis pálida, vive alén do territorio norteafricano da forma nominativa. Diferénciase claramente das outras subespecies polo bico máis forte e algo máis longo. Os seus territorios principais están no val do Nilo ata o norte de Sudán. Son sedentarias nalgúns oasis do leste de Libia e de Exipto.

En África aparecen catro membros máis do xénero Upupa que son clasificados ben como subespecies de Upupa epops ou ben como especies separadas:

  • U. e. senegalensis (ou U. senegalensis), das zonas secas ó sur do Sahara que van do Senegal a Etiopía. De coloración máis clara ca Upupa epops epops.
  • U. e. africana ocupa unha ampla zona o sueste da forma anterior, dende Etiopía e Kenya ata a provincia do Cabo.
  • U. e. waibeli cría nunha faixa estreita na beira norte das selvas chuviosas. É unha raza maior e máis escura que as dúas anteriores, que aparece tamén en claros da selva mesta.
  • U. e. marginata, exclusiva de Madagascar. Tamén relativamente grande. As áreas brancas da plumaxe son máis pequenas que noutras razas.

Alimentación[editar | editar a fonte]

Son aves carnivoras estritas, que prefiren sobre todo insectos grandes, coma grilos, escaravellos e distintos tipos de larvas de bolboreta. Máis ó raro comen arañas, miñocas ou miriápodos. Moi ocasionalmente poden atrapar ras ou lagartos pequenos, ovos ou polos dos niños doutras aves.

A captura das presas faise no chan. É pouco común que atrapen insectos en voo. A localización da presa faise visualmente, pero tamén de xeito táctil e se cadra tamén polo oído.

Reprodución[editar | editar a fonte]

Upupa epops
Bubela coa crista aberta

As bubelas forman parellas estacionais. O período de cortexo está marcado por series longas de chamadas por parte dos machos, emitidas dende un lugar a cuberto, mentres manteñen a crista despregada e as plumas da gorxa ourizadas. Cando atraen unha femia, tentan impresionala ofrecéndolle alimento, operación que é seguida por longos voos de persecución. A miúdo o macho indica á femia con berros altos un furado para face-lo niño. A aceptación deste pola femia marca o establecemento definitivo da parella. As cópulas realízanse polo común no chan. As bubelas fan os niños en furados, sexa nas árbores, entre as raíces destes, nas paredes ou na terra. En ocasións aproveitan caixas artificiais para niños, se son grandes de abondo. Nas árbores utilizan furados de diversos tipos, aproveitando tanto ocos naturais coma os construídos polos petos. Prefiren árbores froiteiras vellas e altas, en especial as maceiras. Adoitan situa-los niños ata alturas duns cinco metros.

En xeral fan unha posta ó ano (aínda que as poboacións máis meridionais fan frecuentemente unha segunda) composta por entre 5 e 7 ovos, en forma de elipse moi alongada, de cor azulada ou verdosa con puntos de cores variadas e cunhas dimensións medias de 26 x 18 mm. Poñen os ovos pola mañán cedo, un por día. A incubación, que fan exclusivamente as femias, comeza en poñendo o primeiro ovo. Os ovos precisan uns 16 días para abrirse, pero poden ser necesarios ata 25 días de incubación para que eclosionen todos, o que causa diferenzas notables de desenvolvemento entre polos da mesma niñada. Os polos tardan ata 30 días en abandona-lo niño. Durante a incubación e os primeiros 10 días da cría dos polos son os machos os que se ocupan en exclusiva da alimentación da femia e as crías. A nai comeza a colaborar cando os polos non teñen xa que seren embicadados. Despois de deixaren o niño, os polos son alimentados aínda algúns días polos pais, antes de abandonaren o territorio de cría para dispersárense, voando a miúdo grandes distancias.

Condutas defensivas[editar | editar a fonte]

As bubelas desenvolven técnicas particulares para facer fronte ós inimigos. Perante a aparición inesperada dunha ave de rapina, que non fai posible fuxir voando para agacharse, adoptan unha posición do corpo que lles permite mimetizarse todo o posible co contorno, aproveitando a súa coloración contrastada. Para isto déitanse no chan coa cabeza, o pescozo e o bico erguidos verticalmente cara arriba. Con esta posición conseguen as máis das veces non ser detectadas. Algúns estudiosos relacionan estan posición non con técnicas de camuflaxe, senón cunha expresión de confort durante os baños de sol.

Os polos ameazados no niño producen sons que imitan os dunha serpe e, cando son algo meirandes, zarriscan cos seus excrementos o exterior do niño, reacción que teñen mesmo cando son atrapados. Teñen ademais unha glándula situada na base da cola que produce unha secreción dun cheiro moi desgradable. Esta glándula, con xeito de bolsa dobre, ten saída á cloaca, e está particularmente desenvolvida nas femias durante a época reprodutora e nos polos. A secreción desta glándula é a causante do fedor que emanan os niños de bubela, e non como se di, a falta de limpeza dos niños.

Conduta migratoria[editar | editar a fonte]

Exemplar fotografado en San Xosé de Ribarteme, As Neves, Pontevedra.

A subespecie Upupa epops epops é migratoria en case toda a súa área de distribución. Os seus cuarteis de inverno máis importantes están no anel de sabanas ó sur do Sahara. No leste de África pasan o inverno en terras con altitudes de ata 3.500 metros. Algunhas poboacións, sobre todo do sur de Europa (sur de España, Baleares e Sicilia), non emigran, situación que se dá ocasionalmente noutras partes do continente. As datas da emigración depende da latitude. En Centroeuropa comeza ya a finais de xullo, e intensifícase a mediados de agosto. Adoitan voar individualmente e pola noite. Atravesan as montañas, o Mediterráneo e ás veces o Sahara sen buscaren os puntos de paso máis estreitos. No Himalaia téñense visto voar a 7.000 metros de altura. Os primeiros exemplares voltos de África aparecen en Europa a mediados de marzo e polo último tercio de abril xa se pode da-lo regreso por completado. As femias son máis fieis ó lugar de cría cos machos, e non é raro que algúns exemplares volvan a zonas alonxadas de onde naceron ou criaron o ano anterior. Non se teñen datos exactos do comportamento migratorio das poboacións de bubelas fora de Europa. As poboacións setentrionais de U. e. longirostris pasan o inverno no sur da India e en Sri Lanka. As variedades africanas son sedentarias, pero fan desprazamentos de radio amplo despois de criaren. Tamén os voos de dispersión das bubelas novas poden acadar grandes distancias, o que as leva en ocasións ata Escocia ou Finlandia.

Situación e evolución das poboacións[editar | editar a fonte]

A bubela era unha ave reprodutora moi común en Europa ata os anos 50 do século XX. Diferentes factores, como os cambios climáticos, a destrución dos biotopos nos que vivía e o uso masivo de pesticidas, provocaron unha forte redución da súa área de cría, facéndoa abandonar o sur de Escandinavia, Centroeuropa, Bélxica e os Países Baixos. Nos últimos anos estase a producir unha forte redución da súa presenza en Turquía e no leste de Grecia. No conxunto do continente europeo o status da especie calcúlase en case un millón de parellas reprodutoras.

No Benelux dáse por extinguida e en Alemaña, Austria e Suíza está na lista das especies máis ameazadas.

A bubela na cultura popular galega[editar | editar a fonte]

En Galicia, a bubela coñécese tamén polos nomes de galo merdeiro, galo merdento e galo merdoso, denominacións derivadas do seu comportamento defensivo, como se explica no apartado correspondente. Tamén corren as variantes abubela, buba, subela e poupa.

Críase que se se miraba con atención esta ave, engordábase, e que se o que se miraba con atención era a barriga do paxaro, conseguíase reconciliar cos inimigos que se tivesen. Igualmente, levar no peto unha cabeza de bubela evitaba ser enganado por ninguén.

  • Ser unha bubela: dise da moza frívola ou atoleirada.
  • Ter cabeza de bubela: ter pouco xuízo, ser un toleirán.

Refraneiro[editar | editar a fonte]

  • Cando canta a bubela, amaña todo prá sega.
  • Cando oias a bubela, deixa os bois e colle a gavela.

Cantigueiro[editar | editar a fonte]

  • Agora que ven o cuco / Tamén ha vir a bubela; / Déixame dormir un sono / Na túa cama de pedra.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Bubela
Wikispecies-logo.svg
Wikispecies posúe unha páxina sobre: Bubela

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Hans-Günther Bauer, Peter Berthold: Die Brutvögel Mitteleuropas. Bestand und Gefährdung. Wiesbaden: Aula-Verlag ²1997, S. 279 f. ISBN 3-89104-613-8
  • Urs N. Glutz von Blotzheim (Hrsg.): Handbuch der Vögel Mitteleuropas. Bearbeitet u. a. von Kurt M. Bauer und Urs N. Glutz von Blotzheim. Wiesbaden: Aula-Verlag. Bd. 9. Columbiformes - Piciformes. Wiesbaden: Aula-Verlag 1994, S. 852-876. ISBN 3-89104-562-X
  • Susanne Oehlschläger, Torsten Ryslavy: Brutbiologie des Wiedehopfes Upupa epops auf den ehemaligen Truppenübungsplätzen bei Jüterbog, Brandenburg. In: Die Vogelwelt. Wiebelsheim: Aula-Verlag, 123.2002, S. 171-188
  • Hans Münch: Der Wiedehopf. Die neue Brehm-Bücherei; Heft 90. Akademische Verlagsgesellschaft Geest & Portig K.-G.; Leipzig 1952
  • Rodríguez González, Eladio: Diccionario enciclopédico gallego-castellano. Galaxia, Vigo 1958-1961.

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]