Paporroibo
| Paporroibo | |||||||||||||||
|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Erithacus rubecula melophilus |
|||||||||||||||
| Estado de conservación | |||||||||||||||
| Clasificación científica | |||||||||||||||
|
|||||||||||||||
| Nome binomial | |||||||||||||||
| Erithacus rubecula Linnaeus, 1758 |
|||||||||||||||
|
Distribución Erithacus rubecula
|
|||||||||||||||
O paporroibo, paporrubio ou pisco (Erithacus rubecula) é un paxaro da familia Muscicapidae, que antes se clasificou dentro de familia do merlo (Turdidae). É unha ave de aspecto característico, espallada por boa parte de Eurasia.
Índice |
Descrición [editar]
É un paxaro de aspecto arredondado e case tan grande coma un pardal: de entre 12,5 e 14 cm de lonxitude, e entre 10 e 21 gramos de peso. Ten a fronte, a gorxa e o peito de cor avermellada (ou máis ben laranxa intensa), o que lle valeu o seu nome en moitas linguas do mundo. As plumas da parte superior do corpo son de cor castaña olivácea, ten unha banda agrisada nos lados da gorxa e o ventre branco. Os seus ollos son negros e a cor do bico, curto, vai do castaño escuro ó negro. Os dous sexos amosan unha coloración semellante. Os exemplares novos teñen a plumaxe acastañada con manchas e fáltalles a mancha vermella característica dos adultos, o que dificulta a súa identificación.
Distribución e hábitat [editar]
Vive por toda Europa ata Siberia occidental. Polo sur chega ata Alxeria e no Atlántico ata as illas Azores e Madeira. Polo sueste chega ata ó Cáucaso e Asia menor.
Son migradores parciais: as poboacións das áreas máis frías fan viaxes de media e curta distancia no inverno, cara a áreas de clima morno.
Viven en bosques e zonas arboradas ou arbustivas, sebes e, sobre todo no inverno, parques, dende ó nivel do mar ata o límite superior dos bosques, sempre preto da auga.
Sistemática [editar]
O paporrubio pertence a un grupo de paxaros maioritariamente insectívoros que foron clasificados dentro da familia Turdidae. Na actualidade o xénero Erithacus asígnase a un grupo dentro de familia Muscipapidae que inclúe tamén ó reiseñor. As outras dúas especies do xénero Erithacus estan confinados a zonas de illas.
Malia as variacións ó longo da súa zona de distribución xeográfica, en Eurasia, as diferencias entre as razas son mínimas.
Si que se distingen razas específicas en poboacións residentes nalgunhas illas e áreas montañosas.
A variedade das illas Británicas (Erithacus rubecula melophilus) ten o peito de cor máis intensa cá continental (E. r. rubecula). Esta raza "británica", aparece tamén en zonas de Francia próximas. As poboacións do Noroeste de África, Córsega e Sardeña clasifícanse como E. r. witherbyi; as do extremo nordeste, meirandes e de cor máis esvaida, como E. r. tataricus; as da península de Crimea, como E. r. valens; as do Cáucaso e Transcaucasia como E. r. caucasicus; e, finalmente, as situadas ó sueste da anterior coma E. r. hyrcanus.
Os paporroibos das Azores teñen sido clasificadas como E. r. microrhynchos, ainda que son morfoloxicamente semellantes á forma continental. A raza máis diferenciada é a de Tenerife e Gran Canaria (E. (r.) superbus), que poderia ser, de feito, unha especie distinta (Erithacus superbus). Ten o anel ocular branco, o peito de cor intensa e unha liña gris que separa á area vermella alaranxada do peito da plumaxe acastañada. Os paxaros das illas Canarias occidentais (El Hierro, La Palma e La Gomera) non se diferencian da forma europea E. r. rubecula.
Alimentación [editar]
Comen vermes, insectos, sementes e froitos, que apañan no chan. Para caza-los insectos póusanse nunha pola situada a unha altura de ata seis metros. Cando descobren un insecto captúrano e volven pousarse na póla coa presa. Buscan tamén alimento directamente no chan, choutando e virando as follas caidas. Adoitan amosarse confiados perante a presenza humana e nalgúns casos mesmo pode verse como buscan alimento nun xardín que está a ser labrado nese momento.
No inverno a alimentación ten unha compoñente predominantemente vexetal pero na época reprodutora é zoófaga. Algunhas observacións testemuñarían que en ocasións poden atrapar peixiños.
Conduta [editar]
O canto [editar]
Canto ó amencer (axuda · info)
O seu repertorio é moi variado, con motivos que van cambiando constantemente. Cantan sobre todo os machos, especialmente entre marzo e maio. Adoitan comezar unha hora antes de saír o sol e seguen a miúdo ó serán e nas primeiras horas da noite. Durante o inverno, cando machos e femias marcan territorios separados, os dous sexos cantan unha versión modificada do canto de cortexo do macho. Os diferentes tipo de canto inclúen un canto territorial (máis esporádico e baixo co da época reprodutora e que utilizan tamén as femias), un canto de defensa do territorio, cantos de cortexo e outros axeitados para situacións diversas, coma seren molestados, coller medo, ofrecer alimento ás femias, sinais de contacto e mesmo cantos ós que non se lles coñece un obxectivo especial.
Cortexo [editar]
O cortexo inclúe a alimentación da femia polo macho. Durante a construción do niño e a posta, a femia atrae o macho coas súas chamadas e batendo as alas para provocar as cópulas, que se repiten durante uns dez días. O macho continúa a traerlle comida á femia mentres esta choca os ovos. Póusase preto do niño e pia para que ela veña recolle-lo alimento.
A reprodución [editar]
Maduran sexualmente ó ano de vida. A epoca da posta pode comezar xa a primeiros de marzo. Na Europa central faino polo xeral en abril. Fan dúas ou, excepcionalmente, tres postas por ano polo que a época de cría pode durar ata agosto.
O niño, que ten forma de prato, é construído case exclusivamente polas femias preto do chan ou directamente neste entre as raices das árbores, o monte baixo ou nun burato na pedra. Observáronse tamén en ocasións postas feitas en furados de árbores ou en niños artificiais situados ata a oito metros de altura. Arman, de cotío sobre dunha base de follas secas, un niño de anacos de plantas diversas, brión, lique e raices finas, cuberto con pelos de animais e plumas. No caso das segundas postas non adoitan empregar o mesmo niño.
Poñen entre tres e nove ovos brancos con puntos acastañados, que chocan exclusivamente as femias. Os polos tardan entre 12 e 15 días en romperen a casca e son capaces de voar entre 12 e 15 días despois. Os niños do paporroibo son a miúdo escollidos polos cucos para poñer os seus ovos e son tamén vitimas do roubo de ovos por córvidos coma as pegas, por ratos, esquíos, gatos, mustélidos e mesmo algunhas aves de rapina.
Coidado das crías [editar]
Cando os paporroibos novos comezan a voar é en xeral o pai o que se ocupa da súa alimentación, sobre todo se a femia esta a construír un segundo ou terceiro niño. Noutros casos os dous proxenitores colaboran no coidado dos fillos.
Conduta territorial [editar]
No inverno, as femias de paporroibo móvense a un territorio a pouca distancia da área de cría, máis axeitado para alimentarse no inverno. Os machos adoitan utilizar todo o ano o mesmo territorio.
Defenden o seu territorio cantando. A insistencia do intruso pode provoca demostracións agresivas polo posuidor do territorio que consisten en abrir as ás, erguer a cola e ourizar as plumas. Son paxaros arroutados e as loitas entre machos, os cales caracterízanse polo seu comportamento agresivo na defensa do territorio, poden ter consecuencias serias para os contendentes, mesmo a morte dun deles. As intrusións causadas pola búsqueda de alimento son relativamente toleradas, porén, os machos atacarán ós machos que ousen asentarse nos seus territorios, asemade, observouse o ataque deste paxaro a outras aves sen ningún tipo de provocación. En moitos casos, este comportamento agresivo leva ao paporroibo á morte, chegando a causar ó 10% das mortes deste paxaro nalgúns lugares.[1]
Situación e esperanza de vida [editar]
De acordo coa poboación global da especie a IUCN non a considera unha ave ameazada.
Por mor da súa alta mortalidade no primeiro ano de vida, moitos paporroibos non chegan ó ano de idade, polo que a idade media da especie é baixa.[2] Os que pasan do primeiro ano, poden vivir ata tres ou catro anos e coñécense casos de paxaros de 10 e 12 anos.[3]
O paporroibo na cultura popular [editar]
Quen fora reichiño ruibo
pra cantar na túa figueira,
pra non saír do teu horto
e aniñar na túa silveira!
Galería de imaxes [editar]
- Véxase o artigo principal na Galería de imaxes de paporrubios de Galicia
Notas [editar]
- ↑ "The RSPB-Robin:Territory". http://www.rspb.org.uk/wildlife/birdguide/name/r/robin/territory.asp. Consultado o 16/02/10.
- ↑ "British garden birds - lifespan". http://www.garden-birds.co.uk/information/lifespan.htm. Consultado o 16/02/10.
- ↑ "The RSPB-Robin:Threats". http://www.rspb.org.uk/wildlife/birdguide/name/r/robin/threats.asp. Consultado o 16/02/10.
Véxase tamén [editar]
Bibliografía [editar]
- Hans-Günther Bauer u. Peter Berthold: Die Brutvögel Mitteleuropas. Bestand und Gefährdung. Wiesbaden: Aula-Verlag 1996, S. 328f. (Rotkehlchen)
- Einhard Bezzel: Das Rotkehlchen, beobachtet von Einhard Bezzel. Augsburg: Naturbuch Verlag 1992
- Bodo Grajetzky: Das Rotkehlchen. Zeit- und Energiekonflikte – ein Kleinvogel findet Lösungen. Aula, Wiebelsheim 2000, ISBN 3-89104-584-0
- Alexandra Röhl: Duette mit ihm. Verlag Freies Geistesleben, Stuttgart 1968, ISBN 3-7725-0564-3
Ligazóns externas [editar]
- Science and Nature: The Robin, Britain's national bird. Fotos e canto, gravado 0 30 do 11 de 2006 (en inglés).
- Canto do paporroibo.
- paporroibo cantando en www.vogelstimmen-wehr.de (en alemán)
- Paporroibo, canto e foto (en alemán)