Moucho común

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Moucho común
Athene noctua (portrait).jpg
Estado de conservación
Status iucn3.1 LC gl.svg
Pouco preocupante
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Aves
Orde: Estrixiformes
Familia: Strigidae
Xénero: Athene
Nome científico
Athene noctua
Wikispecies-logo.svg Coñeza toda a Bioloxía en Wikispecies, o directorio dos seres vivos

O moucho común (Athene noctua) é unha ave rapaz nocturna da familia das Estrixiformes, de pequeno tamaño propia de zonas de clima temperado de Eurasia e o norte de África. Forma parte da familia dos "mouchos típicos" (Strigidae), diferenciada da familia Tytonidae, da que forman parte aves coma a Curuxa común.

Descrición[editar | editar a fonte]

É un bufo pequeno de uns 23-27,5 cm de lonxitude. As alas abertas miden uns 50 cm. Aínda sendo da orde das aves de rapina nocturnas, é activo tamén de día. Cando voa pode recoñecerse pola súa cola curta. Pousado fai, en momentos de excitación, movementos moi característicos.

Os adultos da subespecie máis característica Athene noctua noctua son castaños con pencas brancas na parte superior, e castaños con raias brancas na zona ventral. A cabeza é relativamente grande e os ollos son de cor amarela brillante, con cellas brancas. As patas son longas. Os exemplares novos son de cores máis apagada e menos pencados.

A subespecie Athene nocturna lilith, da zona do Oriente medio é de cor castaña agrisada pálida. Outras subespecies son A.n. desertae do norte de África, tamén máis pálida cá forma típica, A. n. indigena do sueste de Europa e Asia Menor, e A. n. bactriana de Asia Central.

Distribución xeográfica e hábitat[editar | editar a fonte]

Vive en Europa ata o límite da zona de bosque de folla perenne. En Gran Bretaña foi aclimatado no século XIX. Está presente tamén nas zonas temperadas de Asia, onde chega ata a península de Corea. En África habita o norte e o nordeste. Non se considera en perigo de extinción, aínda que é unha das aves protexidas en España onde é sedentario e común (30.000 parellas). En Galiza é común en todo o territorio aínda que sufriu unha notable diminución nos derradeiras 20 anos.

O moucho común prefire vivir en zonas abertas con algunhas zonas arboradas, incluíndo xardíns con árbores vellas e zonas hortas de árbores froiteiras. Precisa territorios con presas abundantes, ocos para agacharse de día puntos para espreitar.

En Asia central e do leste vive principalmente no chan e fai os niños en moreas de pedras ou tobos de marmotas, aínda que pode utilizar tamén árbores.

Distribución do moucho común.

Comportamento e alimentación[editar | editar a fonte]

É unha ave sedentaria que é moi fiel ao territorio e mesmo á súa parella. Utilizan repetidamente o mesmo niño. Mesmo en épocas de fortes nevadas ou moi frías non abandona o seu territorio. Pode almacenar unha boa cantidade de graxa no seu corpo, mais, aínda así , se as condicións climáticas son de frío extremo, as súas posibilidades de sobrevivir son pequenas, sobre todo pola falta de presas.

O seu voo diurno e ondeante, con subidas e baixadas continuas. É doado escoitalo cara á noite, cando fai unha serie de chamadas aguadas e fortes.

Caza, preferentemente á noitiña ou de noite, invertebrados grandes (como escaravellos, miñocas e grilos), ratos, paxariños e lagartos e cobras pequenos.

Reprodución[editar | editar a fonte]

Reprodúcese desde abril a xuño en furados, naturais ou feitos polos petos, de árbores e tamén en ocos nas rochas ou mesmo en construcións humanas. A falla de ocos naturais fai que aproveiten caixas de facer niños. Como xa se comentou, en Asia adoitan facer o niño no chan. Poñen, en xeral, de 3 a 5 ovos, que choca exclusivamente a femia, ocupándose o macho da súa alimentación.

Curiosidades[editar | editar a fonte]

Na Grecia antiga era a ave consagrada á deusa Atenea, da que recibe o nome científico, e a ave símbolo da cidade de Atenas, polo que a súa imaxe aparecía nas moedas.

A Sociedad Española de Ornitología (SEO-BirdLife) declarouno Ave do Ano 2011 [1].

Ligazóns[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Moucho común