Xílgaro

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Xílgaro
Xílgaro
Xílgaro
Estado de conservación
Risco baixo (LC)
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Aves
Orde: Passeriformes
Familia: Fringillidae
Xénero: 'Carduelis'
Especie: ''C. carduelis''
Nome binomial
''Carduelis carduelis''
(Linnaeus, 1758)
Área orixinaria de distribución do xílgaro. Carduelis carduelis carduelis: 1. No verán; 2. Sedentario. Carduelis carduelis caniceps: 3. No verán; 4. Sedentario

Área orixinaria de distribución do xílgaro. Carduelis carduelis carduelis: 1. No verán; 2. Sedentario. Carduelis carduelis caniceps: 3. No verán; 4. Sedentario

O xílgaro (Carduelis carduelis) é un paxaro pequeno da familia dos frinxílidos (Fringillidae).

Descrición[editar | editar a fonte]

É de aspecto delgado, co pescozo curto e pés finos. Miden 12 ou 13 cm de lonxitude, e teñen unha envergadura de alas de entre 21 e 25 cm. O peso vai dos 14 ós 19 gramos. Caracterízanse pola mascara facial de cor vermella, a cabeza branca coa parte superior e a caluga negras. Os laterais do colo son brancos. O lombo é castaño e a cola negra con manchas blancas terminais. A parte inferior é branca co peito e os lados acastañados. As alas son negras cunha faixa amarela. O peteiro é longo e aguzado, de cor branca pura na época de cría é da cor do marfil cunha mancha negra na punta o resto do ano.

Amosan dimorfismo sexual: a máscara facial vermella do macho é máis grande e máis escura cá da femia, acadando ás veces o canto traseiro dos ollos, mentres que a desta non pasa da metade dos mesmos. O bico dos macho é aproximadamente un 9% máis longo có das femias, que teñen a cabeza algo máis arredondada. Os exemplares xoves teñen a cabeza castaña, sen o deseño de cores dos adultos. A súa parte dorsal vai do gris o castaño agrisado, con raias e manchas e unha lista amarela característica nas alas. A cola ten xeito de forca. Os exemplares de Asia central (clasificados como grupo caniceps) non teñen o deseño branco e negro na cabeza das variedades europeas e do oeste de Asia: a máscara vermella destaca nunha cabeza completamente gris.

Poden vivir ata uns 12 anos, cun máximo de 14.


Distribución e hábitat[editar | editar a fonte]

A área de distribución do xílgaro vai do oeste de Europa á Siberia central, o norte de África e o leste e centro de Asia. Non está presente nin en Islandia nin no norte da zona Fenoescandinava. Foi introducido polo home en Brasil, en Uruguai, en Nova Zelandia e Australia a nas illas dos Azores. Ocasionalmente foi observado en Arxentina, o Xapón e Omán. É un migrador parcial: os exemplares das zonas máis frías emigran no inverno cara á areas máis cálidas, mentres que os que habitan zonas de clima temperado son sedentarios.

É unha ave de espazos abertos que dispoñan de boa cantidade de árbores: beiras dos bosques, cultivos de frutais, zonas con sebes e parques. Se non atopa sitios de cría axeitados pode procuralos en zona máis elevadas con zonas forestais máis pechadas, de bidueiros ou piñeiros. No outono e o inverno buscan abrigo en zonas abertas con vexetación, como beiras de estradas e camiños.

Reprodución[editar | editar a fonte]

Maduran sexualmente á fin do primeiro ano de vida. Forman parellas monógamas. Fan habitualmente dúas postas por temporada, a primeira delas en maio.

Cortexo e emparellamento[editar | editar a fonte]

Os machos comezan a cantar, dependendo do clima, en febreiro ou marzo. Despois dalgunhas semanas as femias amósanse atentas ós reclamos do cortexo. Son elas quen conducen en xeral a cerimonia, achegándose ós machos con oscilacións do corpo e acenos do bico e ourizando as plumas para ocultar as listas amarelas das alas. O macho, por contra, axeita as súas alas para amosar as bandas amarelas.

Durante o cortexo o macho canta coas alas caídas e a cola estalicada, sacudindo o corpo dun lado ó outro. Posteriormente alimenta á femia. Esta amosa a súa disposición para a cópula facendo vibrar as alas e erguendo a cola. As cópulas duran ata que a posta está completa.

O niño e a incubación[editar | editar a fonte]

Posta dun xílgaro

Fan a miúdo os niños nas pólas máis altas das árbores. A femia constrúe unha estrutura de paredes grosas con raíces, herbas, follas, brión e liques.

Poñen os ovos pola mañán cedo. Non é raro que o niño non estea acabado de todo cando comezan a poñer. A posta habitual é de cinco ovos, máis raras veces de catro ou seis. Os ovos son abrancazados con pencas finas acastañadas negras e vermellas; en ocasións son completamente brancos. A femia comeza a chocar despois de poñer o terceiro ovo. Durante os 12 a 14 días que permanece incubando é alimentada polo macho.

Polos no niño

Desenvolvemento das crías[editar | editar a fonte]

Os pitos nacen espidos e cegos. En xeral, parte dos polos saen do ovo un día e o resto fano un día despois. Pasan os primeiros días coas cabezas moi xuntas para manterse quentes. Os pais comen parte das cascas e botan o resto fóra do niño. Os primeiros seis días a femia alimenta os polos con alimento achegado polo macho. Os excrementos producidos polas crías ata o sexto día de vida son engulidos pola femia. Os paxariños abren os ollos e comezan a pedir comida ós pais entre os cinco e sete días de vida. Cando teñen entre 12 e 14 días poden xa escapar do niño en caso de perigo. Cando poden empezar os primeiros voos póusanse nunha póla preto do niño e cantan para chama-la atención dos pais e pedirlles alimentos. Nesa época a femia está xa a construír un novo niño para comezar unha nova posta. Entre os 21 e os 25 días os polos son xa capaces de comezar a alimentarse sós e entre os 28 e os 30 son xa independentes.

Conduta[editar | editar a fonte]

Os xílgaros agatuñan con habilidade, pero saltan torpemente. O seu voo é ondeante e lixeiro. Aliméntanse de sementes pequenas, coma as do cardo, de onde lle vén o seu nome latino ("Carduelis"). Na época de cría captura tamén insectos. No inverno forman grupos de ata 40 ou máis exemplares.

O seu canto é un trino moi agradable. O costume de conservalo en gaiolas facilitou que os exemplares fuxidos, xunto cos procedentes de soltas deliberadas, colonizaran Nova Zelandia e o sueste de Australia.

O xílgaro e o home[editar | editar a fonte]

Pintura de Carel Fabritius

Arte, simboloxía e mitoloxía[editar | editar a fonte]

O xílgaro aparece frecuentemente en pinturas da época medieval e inicios da época moderna: acompañando á virxe María, en escenas da paixón de Cristo, en retratos de nenos, etc. A súa plumaxe rechamante e o seu canto fixeron dos xílgaros unha ave de gaiola habitual dende tempos antigos, polo que os pintores tiñan facilidade para observalo ó natural. Por outra parte o costume dos xílgaros de pousarse nunha planta con espiñas como o cardo, dáballe un carácter simbólico relacionado coa coroa de espiñas que levaba Xesucristo e coa Paixón. Así, a súa aparición en pinturas da virxe co Xesús neno representaría o coñecemento premonitorio que ámbolos dous tiñan da crucifixión. Na Sagrada Familia de Federico Barocci, Xoán o Bautista sostén un xílgaro na man fóra do alcance dun gato. En Virxe co menino de Cima da Conegliano un xílgaro axita as alas na man do Cristo neno. Por simbolizar a Paixón, o xílgaro era considerado unha ave salvadora e pode ser representado canda a mosca, símbolo do pecado e a enfermidade das que, segundo as crenzas dos cristiáns, Cristo salvará os homes. Durante a Idade Media o paxaro foi usado tamén por algúns como amuleto contra as pragas.

Segundo unha lenda, as cores do xílgaro explícanse polo feito que, cando Deus deu as cores a tódolas aves, o xílgaro ficou último. Perante a falta de cores Deus aproveitou os restos que lle quedaban en cada bote para pintalo, o que deu como resultado a variada coloración do xílgaro.

O xílgaro en catividade[editar | editar a fonte]

Os machos de xílgaro crúzanse a miúdo con femias de canario para obter exemplares macho cun canto considerado máis melodioso.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Xílgaro

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Einhard Bezzel: BLV Handbuch Vögel. BLV Buchverlag GmbH & Co. KG, München, 2006, ISBN 3-8354-0022-3
  • Horst Bielfeld: Zeisige, Girlitze, Gimpel und Kernbeißer. Herkunft, Pflege, Arten. Ulmer Verlag, 2003, ISBN 3-8001-3675-9
  • Claus-Peter Lieckfeld, Veronika Straaß: Mythos Vogel. BLV Buchverlag GmbH & Co. KG, München, 2002, ISBN 3-405-16108-8
  • D. W. Snow, C. M. Perrins: The Birds of the Western Palearctic concise ed. Oxford University Press, 1998, ISBN 0-19-854099-X

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]