Merlo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Merlo
Macho adulto en Dorset, Inglaterra
Macho adulto en Dorset, Inglaterra
Estado de conservación
Risco baixo (LC)
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Aves
Orde: Passeriformes
Familia: Turdidae
Xénero: 'Turdus'
Especie: ''T. merula''
Nome binomial
''Turdus merula''
Linnaeus, 1758

O merlo, melro ou merliño (do latín merulu) é a designación común da especie Turdus merula de aves passeriformes pertencentes á familia Turdidae.

Os merlos presentan forte dimorfismo sexual, sendo o macho negro, con peteiro brillante amarelo-alaranxado e un círculo arredor dos ollos. A femia e os poliños teñen dorso negro, ventre pardo-escuro con manchas pardo-claras, e a garganta e a parte superior do peito pardas con manchas abrancazadas. Os poliños teñen o ventre punteado. Esta ave europea paseriforme é omnívora e mide aproximadamente entre 23 e 29 cm.

Localización e características[editar | editar a fonte]

Habitan en bosques, sebes, monte baixo e xardíns. Atópanse en Europa, excepto no norte da Península Escandinava e en Asia central até a China. Son aves residentes, pero migradoras parciais cara o sul até o norte de África no inverno. Non forman bandadas, ainda que varios deles poden vivir asociados nun hábitat apropiado. Porén, as fémeas compiten polo territorio especialmente na primavera, momento en que poden loitar entre si. Os machos tamén son competitivos, pero os enfrentamentos son breves.

Poñen entre catro e cinco ovos de cor azul pálida con manchas vermellas, que colocan nun niño feito con herba e lama en forma de cunca que sitúan na bifurcación das árbores ou en edificios. Como o resto das aves da súa familia, "escoita" os vermes e logo se lanza sobre eles. Comen tamén bagas e froitos.

Desde o fin do inverno até comezos do verán, os machos cantan cancións variegadas e melodiosas desde as árbores, tellados e outros poleiros, preferentemente coa alborada e o solpor. O seu canto considérase un dos máis lindos de Europa e a riqueza do seu repertorio, as variacións melócidas e a capacidade de improvisación poñen o merlo á parte dos demais paxaros.

A esperanza de vida dun merlo sitúase entre os tres e os catro anos, mesmo se se teñen rexistrado casos de até quince. Entre os seus depredadores cóntanse os mouchos. Outros paxaros, como as pegas e os corvos, asi como as lontras, os armiños e os gatos, costuman saquear os niños dos merlos.

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Merlo