Hedra

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Hedera helix
Hedra
Hedra
Clasificación científica
Reino: Plantae
División: Magnoliophyta
Clase: Magnoliopsida
Orde: Apiales
Familia: Araliaceae
Xénero: 'Hedera'
Especie: ''H. helix''
Nome binomial
''Hedera helix''
L.

A hedra común (Hedera helix L.) é unha planta agatuñante e rubideira, de follas perennes, da familia das Araliáceas, con frecuencia cultivada como planta ornamental.

O nome común máis estendido en galego é o de hedra, pero nalgunhas comarcas do Sur de Galicia (área tudense) denomínase areira. En italiano é denominada edera, en francés lierre, en inglés ivy e en alemán Efeu.

Descrición[editar | editar a fonte]

É unha liana arborescente (unha das raras lianas que é posíbel atopar en Europa e na Asia Menor, xunto con a clemátide, o lúpulo ou o cabrinfollo), que forma talos leñosos que agatuñan ou ruben, con talla indefinida, pois alcanza con facilidade os 30 metros de longo e os 25 metros de altura).

Follas[editar | editar a fonte]

As follas, alternas, de limbo abondo coriáceo, son de cor verde escura ou lixeiramente esbrancuxada nos contornos do limbo. Presentan dúas forma diferentes, segundo a súa función, podendo falarse de heterofolia:

  • as de talos sen flores, están partidas por 5 lóbulos (ás veces son só 3) máis ou menos profundos,
  • as de talos floridos, son ovais, coa punta aguda.

As follas son persistentes e só caen no transcurso do seu sexto ano.

Talos[editar | editar a fonte]

Os talos agatuñadores levan no medio dos entrenós ganchos as veces difíciles de eliminar coa man. Estes ganchos son raíces transformadas que emiten numerosos pelos a xeito de ventosas que se enganchan sobre un soporte (muro, árbore, arbusto, etc.). Estas raíces transformadas carecen de función absorbente, pois a hedra non é unha planta parasitaria, a diferenz do visgo, por exemplo.

Flores[editar | editar a fonte]

Flores e froitos novos

As flores teñen cinco pétalos e son de cor amarelo verdoso. Están agrupadas en umbela e dispostas a modo de acios terminais. A floración ocorre entre setembro-outubro, efectuándose a fructificación cara o final do inverno ou comezos da primavera. A hedra apresenta así un ciclo fenolóxico invertido respecto das plantas que utiliza como soporte.

Froito[editar | editar a fonte]

Os froitos son pequenas bagas esféricas que se tornan negras na madurez e conteñen de 2 a 4 graos. Estes froitos presentes sobre a planta desde outubro a marzo, chegan á madurez plena no inverno e son un bo recurso alimenticio para os paxaros.

A hedra é considerada como unha planta tóxica, dado que a planta enteira, e sobre todo as bagas, conteñen un glicósido, a hederina, e saponósidos. A inxesta das bagas pode provocar perturbacións dixestivas graves (vómitos e diarreas).

A hedra pode alcanzar unha lonxevidade ben grande: 100 anos, e, segundo algúns autores mesmo varios séculos.

Distribución xeográfica[editar | editar a fonte]

A especie é orixinaria de Europa (Illas británicas, Escandinavia, Francia, Benelux, Europa central, Italia, Península Ibérica, Balcáns) e de Asia occidental (Chipre, Turquía).

É unha planta capaz de adaptarse a entornos moi variados, por ser pouco esixente respecto á natureza do chan. Encóntrase moi correntemente no sotobosco, mais tamén no litoral atlántico onde aguanta as chuvias abundantes e as brétemas mariñas. Porén tamén se adapta en lugares secos dos países mediterráneos e pode prosperar, en montaña, ata os 1.000 m de altura. Mais, por contra, non resiste os fortes fríos.

Ten sido difundida por cultivo, sendo introducida en América e en Australia. Nos Estados Unidos está considerada unha planta invasora.

Variedades[editar | editar a fonte]

Entre as subespecies máis coñecidas están:

  • Hedera helix subsp. canariensis
  • Hedera helix subsp. helix
  • Hedera helix subsp. hibernica
  • Hedera helix subsp. poetarum
  • Hedera helix subsp. rhizomatifera

Utilidades[editar | editar a fonte]

Líquido lavalouzas[editar | editar a fonte]

Ferver 100 g de hedra en 2 litros de auga varios minutos. Premer. O zume obtido é un líquido lavalouzas.

Planta medicinal[editar | editar a fonte]

A hedra é un purgante poderoso, que foi usado antano en zonas rurais. Na actualidade é usado sempre con supervisión médica.

Tradicionalmente utilizáronse as follas para cicatrizar feridas e como bilma.

Beleza[editar | editar a fonte]

A hedra úsase na confección de diversos produtos para tratamento da celulite.

Planta ornamental[editar | editar a fonte]

Emprégase a hedra, a miudo, para cubrir muros e construcións. Os seus ganchos non son daniños para os muros en bon estado, mais hai que velar naqueles casos de muros con terra, onde se poden desenvolver verdadeiras raíces que, en tal caso, poden provocar danos. Debe tamén evitarse que a hedra recubra tellados, polo risco de que levante as tellas ou outros materiais de cuberta. Sobre paredes de edificacións, a utilización da hedra apresenta un duplo interese: protéxeas da intemperie e do sol, e sanea o solo do pé do muro.

Serve tamén como pantalla en lugares que se queren sombríos, como para gornecer pérgolas e glorietas. Tamén se pode usar en topiaria (arte de plasmar formas xeométricas en plantas) para gornecer as formas preparadas de antemán.