Lamprea

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Lamprea

Lampreas nun peixe


Estado de conservación
Risco baixo
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Superclase: Agnatha
Clase: Hyperoartia (Petromyzontida)
Orde: Petromyzontiformes
Familia: Petromyzontidae
Xénero: Petromyzon
Linnaeus, 1758
Especie: P. marinus
Nome binomial
Petromyzon marinus
Linnaeus, 1758
Boca de lamprea no Aquarium Finisterrae, A Coruña.

A lamprea ou chupona[1] (Petromyzon marinus) é un peixe ágnato (sen mandíbula), de forma alongada, serpentiforme e cilíndrica. Pertence a un grupo evolutivamente moi primitivo e caracterízase pola forma da súa boca en forma de ventosa. Distínguese tamén polos sete buratos branquiais a ámbolos lados do corpo e pola pel moi viscosa, sen escamas.

O seu esqueleto é cartilaxinoso. É parasito doutros peixes e, por veces, tamén de mamíferos mariños. O seu ciclo vital é anadromo, é dicir: nace nos ríos, medra no mar e regresa ó río para reproducirse, momento no que se captura para o seu consumo.

Gastronomicamente, é un peixe comestible moi apreciado por moitos. Considérase peixe azul (de alto contido graxo).

Existe unha especie similar, a lamprea de río (Lampetra fluviatilis), que tamén madura no mar. Distínguese polo seu menor tamaño corporal e o da ventosa bucal.

Taxonomía[editar | editar a fonte]

Dentro dos peixes, as lampreas clasifícanse dentro da superclase –ou infrafilo- Agnatha (sen mandíbulas), en oposición ós Gnathostomata (mandibulados). Tódalas especies coñecidas pertencen á clase Petromyzontida ou Cephalaspidomorphi, orde Petromyzontiformes e familia Petromyzontidae.

Descrición[editar | editar a fonte]

Debuxo esquemático dunha lamprea: 1.- Narina. 2.- Boca. 3.- Ollo. 4.- Aberturas branquiais. 5.- Tronco, corpo. 6.- Cloaca. 7.- Rabo. 8.- Aleta caudal. 9.- Aleta dorsal posterior. 10.- Aleta dorsal anterior.

A lamprea ten un corpo longo de sección circular, serpentiforme, que lembra a unha anguía. Pode alcanzar unha lonxitude de 100–120 cm aínda que o normal é que sexa de 50–60 cm. O peso non adoita supera-los 2–3 kg. A cor é variable aínda que o habitual é que teña o dorso amarelento a pardo verdoso, con manchas claras e escuras irregularmente repartidas. O ventre é de cor clara pero na época de madurez sexual, nos machos presenta cor morada. Carece de escamas.

Posúe dúas aletas dorsais, longas e separadas. A anterior é maior cá posterior e esta contacta coa aleta caudal que é enteira e non lobulada, como é a habitual nos outros peixes.

A boca é ínfera e en forma de ventosa ou funil. Aberta, mostra un elevado número de pequenos dentes córneos dobrados cara dentro. Sérvelles para fixarse a outros peixes e zugárlle-lo sangue, do que se alimenta.

A ámbolos lados do tronco, tralos ollos, mostra sete orificios branquiais. Posúe uns ollos rudimentarios, que se atopan por debaixo da pel, e que carecen de músculos oculares propios.

Anatomía[editar | editar a fonte]

As lampreas posúen un esqueleto cartilaxinoso, pero con algunhas rexións calcificadas. O crnio, de placas cartilaxinosas, forma unha verdadeira caixa cranial na que se aloxa o cerebro. A columna vertebral está basicamente formada polo notocordio, con pequenos reforzos cartilaxinosos representados polos arcos dorsais.

Na zona frontal, as lampreas posúen unha única narina ou abertura naso-hipofisaria que cumpre as funcións de órgano do olfacto e á que accede un tubo cego que inclúe a hipófise ou glándula pituitaria. No resto dos vertebrados superiores, a narina é sempre dobre.

A ventosa que forma a boca funciona como tal grazas a un complexo mecanismo a modo dunha bomba de succión, que inclúe un pistón, o velum, e unha depresión na cavidade bucal, o hydrosinus. Serve tanto para alimentarse como de elemento de suxeición.

Alimentación[editar | editar a fonte]

Dous exemplares parasitando unha troita de cultivo. Unha delas está fixada no interior das galadas.

Como xa dixemos, as lampreas son parasitas doutros peixes e, esporadicamente, de mamíferos mariños. A súa alimentación é hematófaga, sobre peixes enfermos ou sans, nos que se fixa e fai unha erosión na pel cos seus dentes, para comezar a zugarlle o sangue, outros líquidos biolóxicos e mesmo a carne. Verte sobre a ferida unha substancia anticoagulante que impide que calle o sangue da súa presa. Ocasionalmente tamén se alimenta de prea. O período de alimentación hematófaga pode durar entre un[2] e dous anos[3] e pode iniciarse no río antes da migración ao mar[4][5].

Hábitat e distribución[editar | editar a fonte]

As lampreas, tanto a lamprea de mar como a de río, son peixes anadromos: nacen no río, maduran no mar e volven ó río a reproducirse e morrer.

A desova prodúcese na primavera, nos cursos medios e altos dos ríos, con augas correntes e ben osixenadas, sobre fondos duros e lisos, onde a lamprea escava un gran foxo, deposita os ovos e cóbreos con pedriñas que transporta coa ventosa da boca. Ó cabo de 10-20 días nacen as larvas, que se denominan ammocoetes, e que carecen de ventosa bucal, alimentándose de detritos e pequenas partículas orgánicas en suspensión que aspira cara a cámara branquial e quedan pegados ó mucus da farinxe. Ó cabo dunha fase larval de 4-5 anos (ata sete anos), xa cuns 10–20 cm de lonxitude, sofren unha metamorfose e convértense en adultos.

Os adultos descenden cara o mar ata o momento en que alcanzan a madurez sexual, ó cabo de 1-2 anos. No mar viven a profundidades de 200 a 500 m e medran ata un tamaño de 80–100 cm de lonxitude (con máximos de 120 cm), comezando entón, entre decembro e abril, a viaxe migratoria cara os ríos, para reproducirse e desovar. Para fecundala, o macho fíxase á femia coa ventosa e enlíase ó redor dela, á vez que a femia se suxeita a unha pedra do fondo. Trala reprodución, morren.

As lampreas están presentes en augas temperadas dos dous hemisferios. Habitan ríos da maior parte de Europa (Alemaña, Bélxica, Dinamarca, Francia, Italia, Portugal, Gran Bretaña). En España tamén era frecuente pero só se mantén en certa abundancia en Galicia, e é moi escasa nos ríos do País Vasco e Cantabria, así como no Guadalquivir, Guadiana e no Ebro. En Galicia seguen estando presentes no Miño e no Ulla.

Eladio Rodríguez conta no seu Diccionario enciclopédico gallego-castellano que:

En los ríos Ulla, Miño, Tambre, Lérez, Sar, Umia y otros se pescan excelentes lampreas, algunas de una vara de largo. Llevan la preferencia las de Tuy y Padrón; y su sazón desde principios de año hasta fines de Abril, pero en el río Allóns, que atraviesa la comarca de Bergantiños, se pescan muy buenas en Junio y Julio. Las de Padrón eran ya estimadas por los romanos, lo mismo que las de Ponteceso.

Outras lampreas moi cotizadas son as do río Tea, afluente do Miño, as cales se pescan con artes moi antigas que consisten en montar unha estacada no rio e acudir de noite a elas e cravalas coa chamada filga, sempre coa axuda de luces.

Outras especies[editar | editar a fonte]

Ademais da lamprea de mar común, hai outras 40 especies de lampreas no mundo. Interésanos especialmente a lamprea de río (Lampetra fluviatilis), moi parecida á de mar pero dun tamaño de ata 50 cm. Esta especie, xa non presente en España [1], posúe un mucus tóxico sobre a pel, polo que había que esfolala antes de cociñala.

Tamén existe unha segunda especie de lamprea de río, coñecida como lamprea pequena ou de regato (Lampetra planeri), de menos de 20 cm de lonxitude, e que en España só se atopa no río Olavidea, nos Pireneos navarros [2].

Boca de lamprea

A árbore completa de especies da familia Petromyzontidae é a seguinte:

  • Subfamilia Geotriinae
    • Xénero Geotria
      • Lamprea de bolsa, Geotria australis (Gray,1851)
  • Subfamília Mordaciinae
    • Xénero Mordacia
      • Mordacia lapicida (Gray, 1851)
      • Mordacia mordax (Richardson, 1846)
      • Mordacia praecox (Potter, 1968)
  • Subfamília Petromyzontinae
    • Xénero Caspiomyzon
      • Caspiomyzon wagneri (Kessler, 1870)
    • Xénero Eudontomyzon
      • Eudontomyzon danfordi (Regan, 1911)
      • Eudontomyzon hellenicus (Vladykov, Renaud, Kott e Economidis, 1982)
      • Eudontomyzon mariae (Berg, 1931)
      • Eudontomyzon morii (Berg, 1931)
      • Eudontomyzon stankokaramani (Karaman, 1974)
      • Eudontomyzon vladykovi (Oliva e Zanandrea, 1959)
    • Xénero Ichthyomyzon
      • Ichthyomyzon bdellium (Jordan, 1885)
      • Ichthyomyzon castaneus Girard, 1858
      • Ichthyomyzon fossor (Reighard e Cummins, 1916)
      • Ichthyomyzon gagei (Hubbs e Trautman, 1937)
      • Ichthyomyzon greeleyi (Hubbs e Trautman, 1937)
      • Ichthyomyzon unicuspis (Hubbs e Trautman, 1937)
    • Xénero Lampetra
      • Lampetra aepyptera (Abbott, 1860)
      • Lampetra alaskensis (Vladykov e Kott, 1978)
      • Lampetra appendix (DeKay, 1842)
      • Lampetra ayresii (Günther, 1870)
      • Lampetra fluviatilis (Linnaeus, 1758) - lamprea de río
      • Lampetra hubbsi (Vladykov and Kott, 1976)
      • Lampetra lamottei (Lesueur, 1827)
      • Lampetra lanceolata (Kux e Steiner, 1972)
      • Lampetra lethophaga (Hubbs, 1971)
      • Lampetra macrostoma (Beamish, 1982)
      • Lampetra minima (Bond e Kan, 1973)
      • Lampetra planeri (Bloch, 1784) - lamprea pequena de río
      • Lampetra richardsoni (Vladykov e Follett, 1965)
      • Lampetra similis (Vladykov e Kott, 1979)
      • Lampetra tridentata (Richardson, 1836)
    • Xénero Lethenteron
      • Lethenteron camtschaticum (Tilesius, 1811)
      • Lethenteron japonicum (Martens, 1868)
      • Lethenteron kessleri (Anikin, 1905)
      • Lethenteron matsubarai (Vladykov e Kott, 1978)
      • Lethenteron reissneri (Dybowski, 1869)
      • Lethenteron zanandreai (Vladykov, 1955)
    • Xénero Petromyzon
      • Petromyzon marinus (Linnaeus, 1758) - lamprea de mar
    • Xénero Tetrapleurodon
      • Tetrapleurodon geminis (Alvarez, 1964)
      • Tetrapleurodon spadiceus (Bean, 1887)

A esta relación cómpre engadi-las seguintes especies extinguidas:

  • Mesomyzon mengae
  • Hardistiella montanensis
  • Mayomyzon pieckoensis
  • Priscomyzon riniensis

Pesca[editar | editar a fonte]

Pesca da lamprea na Idade Media (Ilustración do Tacuinum Sanitatis, século XV).

A pesca da lamprea é pesca de río porque é aí onde se captura. Para facelo constrúense as chamadas pesqueiras ou pescos, típicas do río Miño, formadas por uns muros que canalizan a corrente cara un punto estreito onde se colocan as nasas lampreeiras, arte de pesca que tamén se emprega para pescar anguías, sábalos, salmóns e outros peixes de río.

Outros nomes desta nasa lampreeira son: abarga, biturón, boitirón, boitrón, buitrón, lampreeira, litrón, nasoura, pesqueira e varga. Tamén se chama lampreeira e pesqueira ó lugar ou sitial onde abundan as lampreas, normalmente construídas nas proximidades de muíños e aceas.

Estas nasas estaban feitas cunha manga externa, máis ou menos longa, que se mantén aberta mediante varios aros de madeira, e outra manga interna, de forma cónica, pechada. O conxunto fíxase ó fondo do río cuns paus que manteñen en pé a arte. Cébase con miñocas ou pan, e hai quen aconsella poñer tamén cascas de ovos, porque disque atraen mellor os peixes.

A pesca está permitida entre os meses de xaneiro e abril.

Nalgúns países, as larvas ammocoetes utilizáronse como isco para a pesca.

Estado[editar | editar a fonte]

A especie está en claro declive en Galicia, en España e no resto do mundo, porque os factores que comprometen a súa supervivencia (construción de encoros, extracción de áridos, contaminación fluvial e sobrepesca) son comúns.

A nivel nacional, está catalogada como vulnerable; en perigo de extinción en Estremadura, vulnerable en Asturias e de interese especial en Navarra. En Galicia non dispón de ningunha catalogación especial. A nivel europeo, está incluída no anexo II da Directiva 92/43/CE de Hábitats e no anexo III da Convención de Berna 82/72. Consta como non avaliado na Lista Vermella da UICN.

Gastronomía[editar | editar a fonte]

Arroz de lamprea, prato típico de Portugal.

O consumo da lamprea vén de vello e xa se cita na gastronomía da antiga Roma. Moi apreciada en Galicia, cómese normalmente á bordolesa, é dicir, cocida no seu propio sangue (con adición de diversos ingredientes), pero tamén en empanada, salgada ou afumada, con leña de carballo (con esta lamprea afumada pode elaborarse un friame moi cotizado). Tamén é moi apreciada en Portugal, onde a forma típica de comela é cocida con arroz ou asada ó espeto.

A mellor época para comela é entre xaneiro e abril. Chegado este mes xa se reproduciron e están fracas e debilitadas. Como coincide coa chegada do cuco a Galicia, dise neste momento que está cucada.

A lamprea é peixe azul, rico en graxa. A porcentaxe en proteínas é moderada, pero son de alto valor biolóxico. É relativamente rica en vitaminas A e D, como outros peixes graxos, así como en B1 e B2.

É coñecida a lenda de que os romanos, que apreciaban moito este peixe, criaban as lampreas en foxos nos que as alimentaban cos escravos que lles botaban para que lles zugasen o sangue. Cómpre dicir que isto só é un mito gastronómico máis e que sería imposible tal cousa.

Festas gastronómicas[editar | editar a fonte]

A sona da lamprea de Arbo faina merecente de figurar no escudo da vila.
  • A máis coñecida é a festa da Lamprea de Arbo, declarada de Interese Turístico Nacional e que se celebra dende 1961 o último ou antepenúltimo domingo de abril, pero coñecemos outros lugares que tamén celebran festas gastronómicas de exaltación da lamprea, cociñada directamente ou en empanada:
  • Pontecesures: Festa da Lamprea. Celébrase desde 1995, o último domingo de abril.
  • Arbo: Festa da Lamprea Seca. Celébrase desde 1995 o primeiro domingo de xullo.
  • Padrón: Festa da Empanada de Lamprea. Celébrase desde 1993, coincidindo co sábado santo.
  • Pontevea, Teo: Festa de Exaltación da Lamprea do Ulla. Celébrase o 1º domingo de maio.

A lamprea na cultura popular[editar | editar a fonte]

Sinonimia[editar | editar a fonte]

  • En Galicia: chupona, lambepedras, lampreia, peixe dos sete buratos.

Xa dixemos que a lamprea se suxeita ás pedras coa súa ventosa bucal. Este feito explica determinados nomes comúns como os de lambepedras (en Galicia), o de suga-pedras (en Portugal) ou o de stone-sucker (en Inglaterra).

Tamén o nome científico de Petromyzon significa chupador de pedras. Antigamente clasificábase como da orde dos ciclóstomos, pola súa boca redonda.

Corominas propón a etimoloxía do latín tardío naupreda, alterado posteriormente en lampreda, por probable influencia de lambere, lamber.

Refraneiro[editar | editar a fonte]

  • A anguía, en empanada, e a lamprea, escabechada.
  • Non comas lamprea, que non é sana e ten a boca fea.
  • En abril para min, en maio para o lacaio, en san Xoán para o can.

Fraseoloxía[editar | editar a fonte]

  • Ser unha lamprea: ser un larpeiro, quizais por influencia de lamber.

Vocabulario derivado[editar | editar a fonte]

Lamprea é tamén nome que designa unha vara ou verga, así como un atado de palla mesturada con barro co que se facían as paredes de pallabarro. Derivadas da primeira acepción, existen as palabras lampreada, lampreazo e lampriazo, que designan o golpe dado cunha vara ou directamente coa man; en Asturias: llampriazo. Aníbal Otero recolleu en Piquín lampramazo, lamprameazo e lampriazo co significado de corte nunha man ou na cara como consecuencia dunha caída.

Lamprea é tamén un dos nomes que recolleu Sarmiento das cunchas de orella de mar ou peneira (Halliotis tuberculata), por similitude cos buratos lineais que posúe este molusco.

Finalmente, lampreeiro é voz que designa a quen pesca e vende lampreas, como era de esperar, pero tamén se aplica ó tunante, mentireiro (Pintos).

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para lamprea.
  2. Silva, S., Servia, M.J., Vieira-Lanero, R., Barca, S. & Cobo, F. (2013). Life cycle of the sea lamprey Petromyzon marinus: duration of and growth in the marine life stage. Aquatic Biology 18: 59–62. doi: 10.3354/ab00488.
  3. Halliday R. G. (1991) Marine distribution of the sea lamprey (Petromyzon marinus) in the northwest Atlantic. Canadian Journal of Fisheries and Aquatic Sciences 48:832−842.
  4. Silva, S., Servia, M. J., Vieira-Lanero, R. & Cobo, F. (2013). Downstream migration and hematophagous feeding of newly metamorphosed sea lampreys (Petromyzon marinus Linnaeus, 1758). Hydrobiologia 700: 277–286. Doi: 10.1007/s10750-012-1237-3
  5. Silva, S., Servia, M. J., Vieira-Lanero, R., Nachón, D. J. & Cobo, F. (2013). Haematophagous feeding of newly metamorphosed European sea lampreys Petromyzon marinus on strictly freshwater species. Journal of Fish Biology. doi:10.1111/jfb.12100

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Prados Tizón, J. e Rodón Lluís, J. 2009. Biografía de la lamprea. Gijón, Ediciones Trea (en castelán).

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

  • Fish base: A Global Information System on Fishes (en inglés) [3]
  • Fauna europea: Petromyzontiformes (en inglés) [4] Arquivado 01 de outubro de 2007 en Wayback Machine.